Pasar al contenido principal

Ditame 43/23

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2024.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 31 de outubro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Orientación Laboral da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “a finalidade do programa que recolle este proxecto é a mellora da empregabilidade e a cualificación das persoas desempregadas mediante a información, o diagnóstico individual, o asesoramento, a motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023, publicado no DOG o día 10 de febreiro de 2023 e o ditame emitido polo Consello con data 14 de decembro de 2022 (Ditame 46/2022), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.

 

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

En canto ao financiamento das axudas (artigo 1), obsérvase un incremento de 165.383 euros no importe total dos créditos asignados.

 

Polo que respecta ás entidades beneficiarias (artigo 2), obsérvanse modificacións no apartado 1.c, relativo ás entidades sen ánimo de lucro que poden ser beneficiarias das axudas.

Primeiramente, tanto as entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade como en atención a un colectivo específico en determinadas situacións de risco de exclusión social deben recoller nos seus estatutos esa especialización.

Non se prevé, na nova orde, a obriga para estas entidades de xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas no caso de non teren recibido subvencións neste procedemento en convocatorias anteriores.

Porén, cando se trate dunha entidade sen ánimo de lucro (non incluída nos dous supostos anteditos), si deberá acreditar que ten entre as súas finalidades estatutarias ou fundacionais a atención ao colectivo de persoas en risco de exclusión social ou situación de vulnerabilidade, así como experiencia en accións de orientación laboral desenvoltas.

Tamén se modifica o apartado 3 do artigo 3, ao relacionar os colectivos que se entenden prioritarios, por tomar como referencia o previsto na Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de Emprego e non xa o Real Decreto Lexislativo 3/2015, do 23 de outubro.

 

Increméntase a contía máxima da subvención prevista no artigo 4, tanto no caso xeral (pasando de 27.000 a 28.000€) como no caso de que a beneficiaria sexa unha entidade sen ánimo de lucro que cumpra os requisitos sinalados no dito artigo (pasando de 30.000 a 31.000€).

 

En canto aos criterios de valoración relacionados no artigo 12, cómpre salientar o seguinte:

Respecto da experiencia acreditada, no apartado 3.A.b.2, recóllense as medidas que se terán en conta para a baremación do desenvolvemento doutras medidas complementarias de mellora da empregabilidade, se ben permite aportar documentación doutras posibles medidas para valorar a súa adecuación.

 

O apartado 3.A.c minora a puntuación máxima prevista para a redución no financiamento de accións por achegas económicas da entidade (de 18 a 15 puntos como máximo).

 

En canto ao apartado 3.B, obsérvase a redución da puntuación prevista para os proxectos presentados por concellos fusionados ou entidades locais resultantes dun proceso de fusión municipal (de 33 a 30 puntos).

 

No tocante ao pagamento da subvención, o artigo 14 introduce a posibilidade de pagamentos parciais de ata o 80% do total da subvención concedida.

 

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2024” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O 20 de novembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia.

 

 

 

DITAME 43/2023

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2024, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de outubro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de novembro de 2023 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.

Entende este comité que debera recuperarse a actividade de prospección de emprego e, en consecuencia, adaptar o articulado deste texto para darlle cabida.

Hai que ter en conta, ademais, que o artigo 1 deste proxecto establece como un dos seus obxectivos a asistencia para o autoemprego.

 

Na Exposición de motivos establécese que “os elementos que caracterizan ao Programa de orientación laboral que prestarán as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde concordan cos definidos no Real Decreto 7/2015, de 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego”.

 

Segundo o artigo 7 do dito Real Decreto, son servizos incluídos na Carteira Común:

a)Servizo de orientación profesional.

b)Servizo de colocación e de asesoramento a empresas.

c)Servizo de colocación e cualificación para o emprego.

d)Servizo de asesoramento para o autoemprego e o emprendemento.

 

O artigo 9 da mesma norma establece que a xestión de ofertas e demandas de emprego comprenderá, en particular, a prospección e identificación de ofertas de emprego potenciais e de necesidades de persoal por parte dos empregadores.

 

Dacordo con esta previsión legal, debería considerarse a recuperación da actividade de prospección de emprego na Orde para o exercicio de 2024.

 

As dúas actividades (orientación e prospección) deberían ir paralelas para facer efectiva a reinserción laboral.

 

Segunda.

Este Comité considera que se debería financiar a contratación do persoal de apoio que colabore nas funcións de orientación.

 

Terceira.

Considérase que as catro disposicións deberían encaixarse baixo o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Tamén se observa que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira. – Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.

Entre os colectivos prioritarios relacionados no apartado 3, faise referencia ás personas inmigrantes, cando a referencia correcta sería ás persoas migrantes, segundo o recollido na Lei 3/2023 de Emprego.

 

Segunda. – Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.

Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado que estableza como subvencionable ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde.

 

Terceira. – Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo.

No segundo parágrafo do apartado 1, menciónanse as persoas interesadas que presentan a solicitude presencialmente, cando a referencia debería facerse ás entidades interesadas.

 

Na resposta a este ditame indícase que na denominación “persoas interesadas” caben tanto as persoas físicas como xurídicas e, ao respecto, este Comité recorda que unicamente as persoas xurídicas poden ser beneficiarias das axudas reguladas neste proxecto.

 

Cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Este artigo, no seu apartado 3.A.c), inclúe como criterio de valoración a redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas da entidade.

 

Na exposición de motivos alúdese ao ámbito de colaboración co Servizo Público de Emprego. Así, na medida en que as entidades beneficiarias son colaboradoras do SPE e, ademais, estamos ante políticas públicas de emprego, non semella procedente establecer como criterio avaliable o cofinanciamento, polo que este Comité propón suprimilo.

 

 

Quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

 

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

 

Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

 

Sexta.- Artigo 13. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.

Este Comité considera que deberían valorarse especificamente os coñecementos e experiencia das persoas que presten o servizo en xestión de redes sociais, acceso e xestión de páxinas web e a súa información, formación no ámbito das TIC (antes valorado con ata 2 puntos), máis tendo en consideración a importancia que polas circunstancias actuais cobra a capacidade para asesorar ás persoas usuarias sobre acceso a plataformas web para formación ou busca de emprego e xestións de trámites de xeito telemático (citas, solicitude de prestacións…) entre outras. Ademais, debería recuperarse a puntuación prevista para os coñecementos ofimáticos, que se viu reducida de 1 punto a 0,75 con este novo proxecto.

 

Sétima.- Artigo 14. Pagamento da subvención

No apartado 1.d), ítem 1º, establécese que deben presentarse os contratos de traballo do persoal subvencionado e comunicación dos mesmos a través de Contrat@.

 

Este Comité considera que se debería especificar que esta obriga non procede no caso dos contratos obren xa en poder da Administración e propón que, cando se trate de persoas con contrato indefinido que xa viñeron prestando eses mesmos servizos, soamente se esixa indicar o expediente en que obra xa esa información.

 

Oitava.- Artigo 17. Perda do dereito ao cobro e reintegro.

Segundo o apartado 1.h) deste artigo, o retraso no inicio das tarefas de orientación por causas non imputables á administración comportará o reintegro ou desconto da parte proporcional dos gasto subvencionado.

 

Hai que ter en conta que o devandito retraso pode deberse, ademais, a causas que non sexan imputables á entidade beneficiaria, polo que este Comité considera que debería articularse a posibilidade de solicitar unha autorización para ampliar os prazos das obrigas que poden xerar atraso cando este se debe a causas de forza maior para que non dean lugar a reintegro.

 

 

 

 

 

ANEXO

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG , UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

En relación coa consideración específica unánime quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

Número ditame
43