Pasar al contenido principal

Ditame 12/19

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de Formación para o Emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios de 2019 e 2020.
  1. ANTECEDENTES

O día 26 de marzo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a  concesión de subvencións no marco do Plan de Formación para o Emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios de 2019 e 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, a formación profesional para o emprego conforma un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como medida de mellora da empregabilidade das persoas desempregadas dentro da Estratexia europea de emprego  e de acordo co Plan nacional de acción para o emprego. E neste marco, a oferta formativa para persoas traballadoras ocupadas ten por obxecto ofrecerlles unha formación que atenda aos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas, ás necesidades de adaptación aos cambios no sistema produtivo e ás posibilidades de promoción profesional e desenvolvemento persoal.

 

A oferta formativa que recolle este proxecto de orde atende ás necesidades non cubertas pola formación programada polas empresas, mediante programas de formación que responden a necesidades de carácter tanto sectorial como transversal. Ademais, na oferta tamén poderán participar persoas desempregadas.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicada no DOG o día 31 de agosto de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 12 de xullo de 2017 (Ditame 24/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

Do novo proxecto normativo pódense destacar os seguintes aspectos:

 

Suprímense varios programas de formación que a orde anterior recollía como subvencionables (artigo 3), entre outros, os programas de formación transversais  dirixidos a persoas traballadoras autónomas.

Obsérvase unha minoración na contía dos créditos asignados para o financiamento destas axudas no artigo 4, xa que se pasa dun total de 22.500.000 euros a 8.727.000 euros.

 

En canto aos criterios de avaliación (artigo 34), engádense algúns novos como a inclusión de especialidades formativas con maior demanda polas persoas traballadoras.

Así mesmo, suprímense outros criterios que eran avaliables na orde anterior como o compromiso de participación de persoas pertencentes a colectivos considerados prioritarios.

Tamén se modifica a puntuación outorgada a determinados criterios; por exemplo, a eficiencia económica do programa de formación valórase con ata 2 puntos e non ata 10, como acontecía na orde anterior.

 

O artigo 46 regula a posibilidade (que na orde anterior era una obriga) de que persoas traballadoras desempregadas participen nestes programas de formación cun límite máximo do 20% do total das persoas participantes en cada programa. No exercicio anterior debían participar un mínimo do 20% e un máximo do 30%.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

  1. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a  concesión de subvencións no marco do Plan de Formación para o Emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios de 2019 e 2020” consta de: Exposición de motivos, oitenta artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 8 de abril de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e trinta e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime seguintes: unha específica manifestada polas Organizacións Sindicais (anexo I), catro específicas manifestadas pola CEG (anexo II) e tres específicas manifestadas pola CIG (Anexo III).

DITAME 12/2019

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a  concesión de subvencións no marco do Plan de Formación para o Emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios de 2019 e 2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de marzo de 2019, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de abril de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.

Este Comité considera que a formación para o emprego é un eixo vertebrador no desenvolvemento da vida económica, industrial e social e un instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida, a mellora da empregabilidade das persoas desempregadas, a necesaria adaptación dos traballadores e traballadoras e das empresas á unha sociedade baseada no coñecemento e o mantemento da capacidade profesional das persoas traballadoras, especialmente nos supostos de cambios e mutacións dos procesos produtivos.

 

Son as empresas, as persoas traballadoras e as súas respectivas organizacións representativas, as que mellor coñecen a evolución do tecido produtivo e das propias necesidades deste.

Cómpre destacar o papel que o mercado laboral desenvolve como demandante de competencias, especialidades e aptitudes profesionais, sendo as necesidades presentes e futuras do tecido produtivo o elemento dinamizador e orientador dunha correcta política formativa no eido profesional.

 

Este Comité postula a necesidade de cambiar o actual modelo de formación para o emprego e a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación baseándose nas liñas programáticas seguintes:

 

  • Incrementar a cualificación da poboación activa, xestionar as transicións
  • Ofrecer novas oportunidades a persoas sen emprego así como actualizar e desenvolver as competencias das persoas traballadoras ocupadas, co fin de evitar a obsolescencia das súas competencias e preparalas para os cambios no mercado de traballo e a utilización das novas tecnoloxías e, deste modo, favorecer a mellora da competitividade das empresas e o mantemento e o crecemento do emprego e da súa calidade.
  • Mellorar a calidade da formación para o emprego sobre a base da determinación das prioridades de formación e en función das necesidades detectadas, así como o establecemento de fórmulas de avaliación do sistema.
  • Apostar por unha formación para o emprego que apoie ás PEMES e ás persoas traballadoras con mais dificultades de acceso ó emprego.
  • Garantir o carácter finalista dos fondos de formación; é dicir, que a formación para o emprego conte cun financiamento suficiente, con incorporación dos remanentes e reanualización dos fondos non realizados.
  • A continua redución de fondos dedicados á formación continua (que estivo ausente tres anos entre 2015 e 2017), que se financia con fondos finalistas das achegas sociais das persoas traballadoras e empresas non é xustificable e segue sen coñecerse o seu destino. Neste novo proxecto, coa nova retallada de fondos e a limitación a plans de formación transversais e certificados de profesionalidade, obsérvase como novamente se están a retirar fondos da formación das persoas traballadoras sen xustificación algunha.
  • Garantir que non existan períodos temporais sen convocatorias de plans de formación.
  • Regular a participación dos axentes sociais na gobernanza do sistema: na detección de necesidades, na planificación e no seguimento e avaliación da formación para o emprego.

 

Este Comité considera que o actual modelo de formación para o emprego non garante a calidade da formación nin a súa viabilidade e continuidade para satisfacer as demandas do tecido produtivo, a mellora da competitividade e de cualificación ao longo da vida das persoas traballadoras.

 

Na actualidade non existe un sistema  que facilite a participación dos axentes sociais no xerme da formación, no establecemento dos obxectivos de cualificación das persoas e, aínda menos, na distribución dos recursos que se xeran coa aportación de empresas e persoas traballadoras, ao que se debe engadir o descoñecemento na execución e aplicación de fondos e, no seu caso, o remanente da última convocatoria.

 

Segunda.

Un dos obxectivos que este proxecto recolle tanto na exposición de motivos como no seu artigo 2 é o de ofrecer unha formación que atenda aos requirimentos de produtividade e competitividade  das empresas e capacitar para o desempeño do emprego cualificado.

 

Este Comité non entende como se pode atender ao dito obxectivo sen incluír especificamente na oferta a formación sectorial e considera, en consecuencia, que debería habilitarse unha liña específica de programación sectorial tal e como existe na orde estatal para o ano 2019 para o desenvolvemento de competencias técnico profesionais sectoriais e específicas. Do contrario, estaríase a quitar un dereito de formación para o cal as empresas, ao igual que as persoas traballadoras,  contribúen a través do pago das súas correspondentes cotas.

 

 

 

Terceira.

Obsérvanse algúns erros ao longo do proxecto normativo:

 

En primeiro lugar hai dous artigos numerados como 23 e outros dos numerados como 24, mentres que non aparece un artigo 25.

 

No artigo 58 hai dous apartados numerados como apartado 3.

 

Ademais, no título dos artigos 23, 24, 70 e 71 empréganse as letras j e k, que son impropias do alfabeto galego e deberías substituírses polas seguintes letras que correspondan.

 

Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.-Artigo 3. Programas de formación.

Este Comité considera que a elaboración da oferta formativa debería ser competencia das organizacións sindicais e empresarial, xa que son fieis coñecedoras das necesidades reais de cualificación, e non circunscribirse ao catálogo do SEPE nin, aínda menos, ter cabida unha formación exclusivamente certificable.

 

En consecuencia, este Comité propón que se engada un punto específico que recolla as accións formativas que se axusten ás necesidades identificadas realmente polas ditas organizacións, tanto máis cando se inclúen nun anexo específico e son obxecto de baremación.

 

Segunda.- Artigo 4. Financiamento.

A dotación orzamentaria é claramente deficiente e, ademais, moi inferior á prevista na convocatoria anterior (xa que se pasa dun orzamento de 22.500.000 euros a un de 8 millóns).

 

Este Comité considera que se debería incluír a totalidade dos fondos finalistas recaudados para este fin.

 

Terceira.- Artigo 12. Determinación do importe da subvención.

Este Comité considera que os módulos económicos aplicables son escasos e insuficientes.

 

Entendemos que debería prevalecer a calidade das accións formativas sobre a súa execución ao menor custo posible e que os ditos módulos deberían revisarse, como mínimo, en función do recollido na Orde TMS/368/2019 do 28 de marzo pola que se desenvolve o Real Decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de septiembre, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiemanto, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvenciones públicas destinadas ao seu financiamento.

 

Cuarta.- Artigo 13. Custos subvencionables.

Este Comité considera que os custos subvencionables deberían adaptarse aos prezos reais de mercado para non prexudicar a calidade da formación nin desincentivar a inversión dos centros e entidades de formación.

 

Quinta. – Artigo 13. Custos subvencionables.

O apartado 3.I deste artigo inclúe, entre os custos de docencia, os de preparación.

 

Este Comité propón que se elimine esa inclusión, xa que a preparación é unha labor do persoal de apoio, non de docencia.

 

Sexta.-Artigo 13. Custos subvencionables.

No apartado 3.II deste artigo inclúense, como custos asociados á actividade formativa, os custos de persoal de apoio.

 

Este Comité entende que os custos de persoal deben ser, en todo caso, custos directos dada a natureza das actividades que desempeña este persoal (entre outras, a selección do alumnado) imprescindibles para o desenvolvemento das accións e directamente relacionadas con elas.

 

Sétima.- Artigo 13. Custos subvencionables.

Segundo o apartado 3.II, a suma do custos indirectos non poderá superar o 10% do custo total da actividade formativa subvencionable realizada e xustificada.

 

Este Comité considera este límite absolutamente insuficiente e aleatorio, así como lonxe da realidade de mercado.

 

O mesmo se observa no apartado 2 do artigo 18 respecto da imputación de alugueiros.

 

Oitava.- Artigo 15. Actividades vinculadas á docencia: subconceptos de imputación.

Respecto ao apartado 5, este Comité considera que o control da actividade docente debería ser tido en conta, recoñecido e considerado dentro dos custos directos da acción formativa e dentro das actividades vinculadas á docencia. Ademais, debería ser realizado polo persoal de apoio e coordinación, non polo persoal docente.

 

Novena.– Artigo 18. Custos directos de aluguer e arrendamento financeiro.

Segundo o apartado 2 deste artigo, a imputación de alugueiros entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 10% da subvención concedida para a impartición da acción formativa.

 

Este Comité propón que se incremento o dito límite do 10 xa que, en moitos casos, resulta insuficiente para cubrir todos os custos directos que xera unha acción formativa por este concepto onde se deben imputar, entre outros conceptos, as aulas ou os sistemas de control biométrico.

 

Décima.- Artigo 23. Custos de persoal de apoio asociados á actividade formativa.

Respecto do previsto no apartado 3 deste precepto, este Comité considera que se debería eliminar o requisito de que a entidade beneficiaria debe crear un sistema de valor probatorio baseado en partes diarios de traballos para o persoal de apoio.

 

A propia natureza dos gastos indica que son gastos indirectos, non directamente imputables a accións formativas concretas ou que poden corresponderse con varias delas ou coa totalidade do plan.

Ou ben se recolle un apartado nos custos directos que teña en conta as tarefas efectivamente realizadas e imputables a unha acción formativa (a listaxe de traballos é longa) ou ben non se esixe unha delimitación tan precisa dunhas tarefas que serían indirectas.

 

En calquera caso, o labor burocrático de realizar partes diarios de traballo alonga ese mesmo traballo innecesariamente e xera problemas engadidos na execución.

 

Décima primeira.- Artigo 27. Solicitudes.

Este Comité urxe solucionar os problemas que presentan as aplicacións SIFO que, na práctica, paralizan a xestión da programación das accións reguladas nesta convocatoria.

 

Décima segunda.- Artigo 29. Documentación xeral.

Este artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude e inclúe, no seu apartado c), a documentación que acredite que a entidade solicitante está acreditada e/ou inscrita pola administración pública competente, para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral en Galicia nas especialidades formativas obxecto da formación.

 

Este Comité considera que debería aclararse a que tipo de documento se está a referir o devandito apartado xa que o único trámite establecido no Real Decreto-Lei 4/2015 é o de solicitar a inscrición no rexistro para organizar e impartir formación distinta das especialidades previstas no Catálogo de especialidades formativas.

 

Décima terceira.- Artigo 29. Documentación xeral.

Segundo o apartado 1.e) deste precepto o programa de formación conterá, entre outros aspectos, “o ámbito territorial de aplicación do programa e ámbito sectorial, de ser o caso”.

 

Este Comité propón suprimir a parte en cursiva xa que os plans transversais van dirixidos a todos os sectores en xeral e, agora que xa non se convocan plans sectoriais, carece de sentido a dita especificación.

 

Décima cuarta.- Artigo 34. Criterios de avaliación.

Este Comité considera que, con carácter xeral, os criterios de avaliación deben circunscribirse á idoneidade da programación solicitada en atención ao público e ao territorio a que vai dirixida, á capacidade e experiencia da entidade que a vai executar e á calidade das accións, de xeito que os demais criterios non procederían.

 

Así, respecto do apartado 1, ítems b) e c), obsérvase que a elaboración dos anexos non foi consultada en tempo e forma e descoñécense as especialidades máis demandadas. A isto hai que engadir o feito de que pode haber especialidades non programadas na convocatoria anterior e que teñan demanda na actual.

 

En canto ao apartado 1.e), este Comité considera que o alcance territorial non é sinónimo de territorialidade e que debería valorarse  a idoneidade fronte á amplitude territorial, xa que o obxecto deste convocatoria é formar a persoas prioritariamente ocupadas a través de accións específicas e estas están ligadas ao tecido empresarial de cada zona de xeito que debería primarse a súa adaptación ao territorio e non a súa extensión en quilómetros cadrados.

 

Sobre o establecido no apartado 1.h) respecto ás persoas formadoras, este Comité considera que non debería puntuarse especificamente o feito de que aquelas formen parte do cadro persoal xa que non son, necesariamente, persoal estable senón que depende de cada especialidade e da calendarización da programación que impartan.

 

Tampouco debería ser un criterio a valorar a eficiencia económica atendendo á minoración do custo/hora/alumno, tal como recolle o apartado 1.i), xa que estaría a primar o aforro económico fronte á calidade.

 

Décima quinta.- Artigo 34. Criterios de avaliación.

O apartado 1.i) valora con ata 2 puntos a eficiencia económica do plan en función do custo-hora participante previsto.

 

Este Comité, en relación co expresado na consideración específica quinta, propón que se elimine este criterio e que se primen outros aspectos vencellados á calidade da formación.

 

Décima sexta.- Artigo 34. Criterios de avaliación.

Na orde para o exercicio 2014 figuraba, entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das accións formativas”, puntuándose con 5 puntos.

 

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

 

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2012, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Décima sétima.- Artigo 42. Obrigas en relación coa execución da actividade formativa.

O apartado 8 impón ás entidades a obriga de informar ás persoas participantes en situación de desemprego das axudas e bolsas que poidan solicitar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e facilitaralles os modelos de solicitude normalizada así como, se adquiriu o compromiso de remisión telemática,  remitirá á citada Dirección Xeral nos dez primeiros días de cada mes a correspondente documentación de solicitude xunto coa xustificación de asistencia á formación.

 

Na mesma liña manifestada na consideración específica décimo novena, este Comité considera que esta imposición obriga ao centro a facerse cargo dunha tarefa que non é competencia súa e

que, ademais, non é compensada, xa que se mantén o límite do 10% de gastos asociados independentemente de que asuman esta tarefa. Así mesmo, non é posible coñecer o volume de alumnos que debe ser xestionado nin as tarefas que iso implicará.

 

Décima oitava.- Artigo 42. Obrigas en relación coa execución da actividade formativa.

Segundo o apartado 12, a entidade beneficiaria debe aboar mensualmente ao persoal docente a súa remuneración a través de transferencia bancaria, sen que exima desta obriga o feito de que a entidade non percibise os anticipos previstos na orde.

 

Este Comité considera que sería conveniente que a Administración fixera fronte ás súas obrigas de pago ás entidades beneficiarias coa mesma dilixencia que lles esixe a estas.

 

Décima novena.- Artigo 42. Obrigas en relación coa execución da actividade formativa.

O apartado 13 obriga ás entidades beneficiarias a dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

 

Este sistema é unha orixe continua de erros e problemas, polo que este Comité pide que sexa substituído por outro máis eficiente ou, de ser o caso, sexa eliminado por ser pouco operativo.

 

Vixésima.- Artigo 53. Subcontratación.

O inciso final do apartado 3 establece que no caso de que se trate dun arrendamento con carácter permanente, non se considerará subcontratación.

 

Este Comité propón que se elimine o inciso “con carácter permanente”, xa que o arrendamento debería atender ás necesidades reais da actividade e non á antigüidade do contrato.

 

Vixésima primeira.- Artigo 54. Xustificación do valor de mercado.

O primeiro apartado deste precepto establece que se considerará como unha única contratación a entrega de bens ou prestación de servizos realizada por distintos provedores, cando resulte posible a súa contratación conxunta cun único provedor.

 

Este Comité propón que se elimine esa regulación, xa que é contraria á eficiencia económica e á optimización dos custos que parece querer perseguir este proxecto normativo.

 

Vixésima segunda.- Artigo 54. Xustificación do valor de mercado.

Segundo o apartado 3 deste artigo, as beneficiarias deberán achegar as tres ofertas, xunto cunha declaración responsable da beneficiaria da subvención de non estar vinculada con entidades ou persoas provedoras.

 

Isto entra en contradición co regulado no artigo 55 (contratación con empresas vinculadas) polo que se propón que se aclare este punto.

 

Vixésima terceira.- Artigo 58. Pagamento e liquidación das subvencións.

Segundo o apartado 2 deste precepto, poderase pagar un anticipo de ata o 25% do total.

 

Este Comité considera que debería substituírse a parte en cursiva por “pagarase”.

 

O mesmo se observa respecto do apartado 3 deste artigo, xa que non recolle unha opción para as entidades senón unha obriga para a Administración.

 

Vixésima cuarta.- Artigo 58. Pagamento e liquidación das subvencións.

Os pagos regulados neste artigo, tanto os anticipos (apartados 2 e 3) como o resto do importe (apartado 6), deberían ser obxecto de concreción e calendarización por parte da Administración xa que, de xeito habitual, se veñen dilatando no tempo co consecuente prexuízo para as entidades executoras.

 

Este Comité propón os seguintes prazos máximos para facer efectivos os pagos:

– O primeiro anticipo debería facerse efectivo no prazo dos tres meses seguintes á emisión da resolución de concesión.

– O segundo anticipo debería facerse efectivo no prazo dos tres meses seguintes á acreditación do inicio da actividade formativa.

– O último pago debería facerse efectivo no prazo dos seis meses seguintes á finalización e xustificación da actividade formativa.

 

Vixésima quinta.- Artigo 60. Documentación xustificativa.

Segundo o apartado 5, unha vez revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Xestión Administrativa da Promoción laboral da Dirección Xeral de Orientación e Promoción laboral, emitirá certificación para poder facer efectiva a correspondente liquidación da subvención concedida.

 

Este Comité propón que se fixe un prazo máximo para a emisión desa certificación  pola Dirección Xeral.

 

Vixésima sexta.- Artigo 61. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.

Este Comité considera que debería haber coherencia entre o previsto nos prazos de xustificación que recolle o artigo 59.1 e o artigo 61.2.

 

 

 

Vixésima sétima.- Artigo 69. Xustificación dos custos directos de publicidade.

Este Comité considera que, no apartado 3 deste precepto, debería facerse referencia exclusivamente ao financiamento da Consellería, polo que propón que se elimine a publicidade do Ministerio competente en materia de emprego.

 

Vixésima oitava.- Artigo 70. Xustificación dos custos indirectos.

O segundo apartado obriga ás entidades a remitir un certificado asinado polo representante legal da  beneficiaria no que conste, por cada persoa traballadora imputada: o cargo que ocupa, a actividade desenvolvida para o plan de formación, as datas de dedicación a este e o número de horas empregadas, cunha descrición da actividade concreta realizada ou criterios de imputación de custos.

O devandito certificado acompañarase dunha declaración asinada por cada unha das persoas traballadoras incluídas nel, que especifique os días de dedicación, identifique as horas empregadas e describa as tarefas realizadas en cada unha delas.

 

Este Comité  propón que se elimine da certificación o detalle das tarefas por consideralo excesivo, ineficiente e desproporcionado, ao igual que a esixencia do artigo 14.4 de asinar partes diarios.

 

Moitas das tarefas son reiterativas polo que esta obriga incide nunha maior carga burocrática que non aporta ningunha evidencia.

 

Vixésima novena.- Artigo 77. Rateos por diminución de alumnado.

Este Comité propón que se flexibilicen os rateos contidos neste artigo en función da realidade do desenvolvemento das accións e que se teñan en conta, en todo caso, os gastos xa ocasionados polos alumnos cesantes.

 

Trixésima.- Artigo 78. Incumprimentos e reintegro.

Este Comité considera que se debería aclarar, respecto do apartado 2, a fórmula concreta do 25% dos obxectivos, xa que ter en conta o alumnado finalizado para penalizar ás entidades beneficiarias non parece moi axeitado ao penalizarse unha situación totalmente allea a elas.

 

Trixésima primeira.- Disposicións adicionais.

Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

 

Trixésima segunda.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.<

Número ditame
12