- ANTECEDENTES
O día 25 de xuño de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais, que achega o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Vistos o borrador agora remitido, o texto do decreto do exercicio anterior, publicado no DOG o día 12 de xullo de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 24 de maio de 2019 (Ditame 15/2019), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Segundo este proxecto de decreto óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, como Día Nacional de Galicia, e por coincidir en domingo substitúense o día 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, polo 19 de marzo, Día de San Xosé, e o día 15 de agosto, Asunción da Virxe, polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e dúas disposicións finais.
O día 9 de xullo de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha única consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: dúas consideracións xerais e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CC.OO. (Anexo I), dúas consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais CIG e SN de CC.OO. (Anexo II) e unha consideración xeral manifestada pola CEG (Anexo III).
|
DITAME 11/2020
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia no calendario laboral para o ano 2021, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de xuño de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de xullo de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.
Única.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Así mesmo obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enuncialas.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.
Consideracións xerais:
Primeira.
En relación con certas festas laborais referenciadas ao santoral católico, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería procurarse o uso de denominacións de índole laica, non confesionais.
Segunda.
As organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, co respecto, de ser o caso, dos compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.
De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.
Consideración específica:
Artigo 1. Festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019.
Neste artigo figura como festa laboral propia da Comunidade Autónoma de Galicia o “19 de marzo, Día de San Xosé”.
No informe que se acompaña xunto co proxecto de decreto obxecto de ditame, xustifícase a elección dese día por considerar que é o “segundo día de tradición en Galicia”.
Respecto disto, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería establecerse que ese segundo día de tradición en Galicia é o 24 de xuño, en lugar do 19 de marzo, por ser unha data de máis arraigamento na cultura popular galega.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E CIG.
Primeira.
De acordo coa liña argumental de anos precedentes e xa que existe unha resolución do Parlamento Galego aprobada o día 9 de marzo de 2006, que establece “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.
Segunda.
Proponse o cambio legal da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1 deste proxecto normativo como “Día Nacional de Galicia”, para que pase a designarse como “Día da Patria Galega”.
ANEXO III
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería facerse uso da facultade regulamentada no artigo 37 do Estatuto dos Traballadores, respecto á posibilidade de trasladar aos luns as festas que teñan lugar entre semana, excluíndo as que o propio artigo 37 establece como non trasladables.
A finalidade desta substitución é evitar a perda de horas laborais que se produce cada ano nas empresas como consecuencia das denominadas “pontes”.