Pasar al contenido principal

Ditame 12/20

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:08
Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa piloto de formación en formato non presencial de recualificación profesional dixital, dirixido persoas desempregadas Paradas de Longa Duración (PLD’s) maiores de 45 anos: PROGRAMA PILOTO SENIOR DIXITAL
  1. ANTECEDENTES

O día 2 de xullo de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa piloto de formación en formato non presencial de recualificación profesional dixital, dirixido persoas desempregadas Paradas de Longa Duración (PLD’s) maiores de 45 anos: PROGRAMA PILOTO SENIOR DIXITAL. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos deste proxecto, “a iniciativa obxecto desta orde é un programa piloto innovador a través da cal preparar as persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos para a súa efectiva incorporación ao mercado laboral actual, nunha verdadeira posta a punto para o emprego, do que forma parte inescusable o adestramento en competencias dixitais avanzadas”

Prevese que “o programa sexa executado por empresas con experiencia no ámbito da formación que presenten un proxecto innovador de formación orientado a persoas desempregadas Paradas de Longa Duración (PLD’s) maiores de 45 anos, a fin de mellorar a súa empregabilidade a través da capacitación dos mesmos tanto en competencias dixitais orientadas o novo mercado laboral como en competencias brandas, incidindo especialmente na motivación das persoas participantes”.

 

Este proxecto normativo sométese a ditame por primeira vez. Do seu contido destacan os seguintes aspectos:

 

Segundo o artigo 1, este programa piloto consistirá por tanto na impartición de programas de formación, a través dunha plataforma de aprendizaxe interactiva, de 70 horas distribuídas ao longo de 3 semanas de formación sobre diversas competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral  sobre competencias brandas como motivación ou traballo en equipo, entre outras.

 

Polo que respecta ao orzamento, o artigo 4 asigna un crédito total de 500.000€.

 

Poderán ser entidades beneficiarias, segundo o artigo 6, as empresas cuxo obxecto social estea orientado á impartición de formación e teñan experiencia demostrable no ámbito da formación, e que na data de publicación desta convocatoria cumpran unha serie de condicións que se relacionan neste mesmo artigo.

 

O artigo 19 recolle as fases que deberá contemplar este programa de recualificación.

Esixe, tamén, que as solicitudes de proxecto estean deseñadas para un mínimo de 35 persoas e un máximo de 50. A selección das persoas participantes realizaraa a entidade solicitante a través do Portal de Emprego de Galicia e/ou a sondaxe nas oficinas do Servizo Público de Emprego.

 

A contía do módulo subvencionable ascende a 12€ por alumno e hora efectivamente impartida (artigo 20).

 

No artigo 24 da orde relaciónanse os criterios de valoración que se terán en conta para avaliar as solicitudes presentadas. Distínguese entre criterios referidos ás entidades solicitantes (que se valorarán con ata 30 puntos, esixíndose un mínimo de 15 puntos) e criterios referidos ao programa (valorables con ata 70 puntos e esixindo acadar un mínimo de 35).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa piloto de formación en formato non presencial de recualificación profesional dixital, dirixido persoas desempregadas Paradas de Longa Duración (PLD’s) maiores de 45 anos: PROGRAMA PILOTO SENIOR DIXITAL” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 9 de xullo de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén ningunha consideración de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: dúas consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CC.OO e a CEG (Anexo I) e dúas consideracións xerais manifestadas pola organización sindical CIG (Anexo II).

 

 

DITAME 12/2020

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa piloto de formación en formato non presencial de recualificación profesional dixital, dirixido persoas desempregadas Paradas de Longa Duración (PLD’s) maiores de 45 anos: PROGRAMA PILOTO SENIOR DIXITAL, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de xullo de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de xullo de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

 

 Primeira.

Segundo o artigo 1 o obxecto deste proxecto normativo sometido a ditame consistirá na impartición de programas de formación de 70 horas distribuídas ao longo de 3 semanas.

 

Tendo en conta o perfil ao que se dirixen estas axudas, isto é, persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos, proponse que se permita ampliar ese período previsto de 3 semanas para impartir a formación.

 

Segunda.

Sen deixar de ter en conta a situación actual derivada da emerxencia sanitaria pero atendendo tamén ao feito de que o Servizo Público de Emprego recuperou xa a presencialidade nas súas accións formativas, proponse que se recolla no texto da orde a posibilidade de acudir á formación presencial respecto da formación sobre competencias brandas.

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG.

 

Primeira.

O proxecto segue na liña de outros anteriores que dan cobertura a unha serie de medidas no marco do chamado diálogo social e que, con anterioridade, manifestamos a nosa crítica ao considerar que supuxo un trato discriminatorio e unha represalia a unha decisión lexítima e soberana da nosa organización sindical.

 

Segunda.

No proxecto que nos ocupa , destinado en exclusiva a empresas privadas, non se comprende o motivo de deixar fóra a entidades do ámbito social, con acreditada experiencia no ámbito de formación. Nos propios orzamentos da Xunta existe outro programa que abriría a participación de entidades que realizan formación para o emprego, polo que se entendería mais acaído asignar o financiamento previsto para o proxecto ao "Programa 323A Formación Profesional Desempregados", no que se orzamentan cantidades destinadas tanto á empresa privada como ás institución sen ánimo de lucro, e coa finalidade de Formación e Inserción Profesional.

 

Número ditame
12