- ANTECEDENTES
O día 9 de xullo de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais, que achega o proxecto de orde pola que se reaxusta a dotación orzamentaria por anualidades e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga), e se procede á súa convocatoria plurianual (2020 a 2022). Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos deste proxecto, “No DOG do 24 de xaneiro de 2020 publicouse a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga), e se procede á súa convocatoria plurianual (2020 a 2022), co fin de promover a posta en marcha de iniciativas innovadoras coas que romper o círculo de exclusión e preparar as persoas para a súa efectiva incorporación ao mercado laboral actual”.
“Debido á suspensión de prazos administrativos derivada da pandemia provocada pola crise do COVID-19 e o consecuente retraso na concesión das axudas respecto do inicialmente previsto (...) polo que se considera axeitado ampliar o prazo de execución de accións ata o 16 de novembro de 2022, e o prazo de xustificación desta anualidade ata o 15 decembro de 2022 e consecuentemente redistribuír o crédito das anualidades 2020 e 2022, de xeito que se minore en 600.000€ a primeira e se incremente na mesma contía a última”.
“A Renda de inclusión social de Galicia e o Ingreso Mínimo Vital son incompatibles entre si. Tendo en conta que a poboación destinataria de ambas prestacións é en gran parte coincidente (...) considérase necesario asimilar a condición de perceptora do Ingreso mínimo vital ao de perceptora da Risga aos efectos desta orde”.
Deste proxecto normativo destacan os seguintes aspectos:
O artigo 1 equipara a condición de persoa perceptora do Ingreso Mínimo Vital coa de preceptora da Risga.
O artigo 2 introduce algunhas modificacións relativas aos prazos: así, amplíase o período de execución ata o 16 de novembro de 2022 e o período para a xustificación correspondente á anualidade de 2022.
Tamén neste artigo se introduce un reaxuste no orzamento, sen afectar á contía total asignada para as 3 anualidades.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se reaxusta a dotación orzamentaria por anualidades e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga), e se procede á súa convocatoria plurianual (2020 a 2022)” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición final.
O día 15 de xullo de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración unánime xeral manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como Anexo, unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais.
|
DITAME 13/2020
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se reaxusta a dotación orzamentaria por anualidades e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga), e se procede á súa convocatoria plurianual (2020 a 2022), con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de xullo de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de xullo de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
As organizacións que conforman o Consello Galego de RR.LL valoran positivamente a ampliación dos prazos e, en particular, a posibilidade de aproveitar ao máximo cada anualidade para a execución das axudas (neste caso ata o mes de Nadal) e trasladar ao ano seguinte a súa xustificación, cuestión que se considera axeitada para trasladar a outras liñas de axuda da Consellería, xunto coa programación plurianual das liñas de axuda, facilitando así a axeitada planificación e execución das accións a desenvolver polos beneficiarios.
ANEXO
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:
As organizacións sindicais que conforman o Consello Galego de RR.LL., sen cuestionar o contido da norma suxeita a ditame, queren manifestar a súa sorpresa porque o primeiro ámbito da Xunta de Galicia onde se equipara a RISGA ao Ingreso Mínimo Vital sexa na Consellería de Emprego, cando a propia Lei da RISGA establece a incompatibilidade entre ambas prestacións.
Por este motivo, entenden que a Xunta debería primeiro convocar aos axentes sociais para modificar a RISGA e adaptala á nova realidade, así como definir o destino dos orzamentos que non se van a utilizar, e logo modificar as restantes normas que podan verse influídas por estes cambios.