- ANTECEDENTES
O día 25 de setembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, que achega o proxecto de Orde pola que se modifica parcialmente a ORDE do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Unidades Formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019 2021, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014 2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019 2020 (código de procedemento TR310A), como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID 19. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “durante a execución das accións formativas financiadas con cargo á convocatoria 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo de 2020). Asemade, o Goberno de España ditou o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020) e o Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo de 2020)”.
A exposición de motivos tamén recorda que xa se publicaron varias de ordes que flexibilizaron determinados aspectos e ampliaron prazos do procedemento TR310A.
Finalmente, establece que “á vista da situación excepcional creada pola epidemia do COVID-19, e tendo en conta as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, na liña das modificacións e flexibilizacións xa efectuadas, cómpre modificar determinados artigos das bases reguladoras e da convocatoria do procedemento TR310A, introducindo criterios de flexibilidade na execución tanto das accións formativas interrompidas temporalmente por mor do COVID-19 como das non iniciadas nesa data”.
Do seu contido destacan os seguintes aspectos:
O artigo 1 deste proxecto modifica o artigo 1.2 da orde publicada, ampliando o prazo de execución das accións formativas que poden ser obxecto de subvención ata o 17 de febreiro de 2021 (na orde publicada prevíase o 31 de outubro de 2020).
Engade que no caso das accións formativas financiadas ao abeiro da primeira convocatoria e que continúen ou comecen despois do 13 de marzo de 2020, amplíanse o prazo de execución por 3 meses con respecto á data de finalización sinalada no anterior parágrafo, de maneira que poderán desenvolverse ata o 18 de maio de 2021.
En calquera caso a data límite para o remate das accións formativas non poderá superar a data do 31 de outubro do 2021.
O artigo 2 modifica o artigo 5 da orde publicada e dá cabida a que as persoas autónomas e as empresas de economía social poidan ser beneficiarias destas subvencións cando cumpran certos requisitos, aínda que seguen a excluírse as entidades sen ánimo de lucro e entidades do sector público.
O artigo 4 modifica o artigo 7 da orde publicada, relativo á obriga de estabilidade ao engadir que a obriga Para estes efectos, a obriga de manter o emprego non se considerará incumprida, de ser o caso, polo período en que as persoas participantes na actividade formativa, no caso de persoas traballadoras por conta allea, estivesen afectadas polos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) como medida urxente extraordinaria para afrontar o impacto económico e social do COVID 19.
O artigo 6 engade un novo apartado no artigo 9 da orde publicada, segundo o cal 3 nas convocatorias posteriores ao 13 de marzo de 2020, poderán considerarse como sectores estratéxicos, ademais dos considerados como tal pola Axenda da competitividade de Galicia Industria 4.0, todos aqueles que sufriran un impacto negativo como consecuencia do COVID 19 (consonte a documentación acreditativa que presente a empresa solicitante).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se modifica parcialmente a ORDE do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Unidades Formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019 2021, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014 2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019 2020 (código de procedemento TR310A), como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID 19” consta de: Exposición de motivos, 15 artigos e unha disposición final.
O día 8 de outubro de 2020 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
| DITAME 18/2020 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se modifica parcialmente a ORDE do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Unidades Formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019 2021, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014 2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019 2020 (código de procedemento TR310A), como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID 19, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de setembro de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de outubro de 2020 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Ao longo do texto sometido a ditame obsérvase a referencia ás disposicións da Orde do 16 de setembro de 2019, é dicir, a orde cítase a si mesma, debendo buscarse unha fórmula máis axeitada de referencia. Formúlase isto respecto dos artigos 5, 11 ou 13.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira. – Artigo 5. Modificación do artigo 8. Actividades subvencionables.
No apartado 1 transcríbese o artigo 8 da orde orixinal, pero omítese o seguinte parágrafo:
A falta de participación neste módulos non impedirá a expedición dos diplomas, certificados e documentos acreditativos de aptitude no resto da formación recibida, nos supostos en que se cumpran os debidos requisitos.
Este Comité considera que pode tratarse dunha omisión involuntaria, polo que solicita que se aclare se estamos ante un erro ou non.
Segunda. – Artigo 6. Modificación do artigo 9. Sectores estratéxicos.
Este Comité considera que o método recollido neste artigo resulta pouco obxectivo e non aporta claridade ás potenciais solicitantes das axudas.
Terceira. – Artigo 10. Modificación do artigo 28. Obrigas xerais en relación coa execución da actividade formativa.
O apartado 2 deste artigo establece que, na modalidade de impartición presencial, poderase seguir empregando o control biométrico de asistencia para persoal docente e alumnado mediante pegada dixital sempre que se garanta a seguridade e a hixiene suficiente a través do uso de xeles ou composicións hidroalcohólicas.
Este Comité considera que, ademais, se debería prever a limpeza dos dispositivos de control de asistencia conforme á normativa ao respecto.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 2. Modificación do artigo 5. Entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que, xa que se amplía o abanico de entidades que poden beneficiarse destas axudas, deberían incorporarse tamén as entidades sen ánimo de lucro nas mesmas condicións e cos mesmos requisitos que os resto de entidades.
Segunda. – Artigo 4. Modificación do artigo 7. Obriga de estabilidade.
As organizacións sindicais que integran o Consello non comparten a modificación prevista neste artigo.
Consecuentemente co disposto da disposición adicional do RD 8/2020, así como nos reais decretos posteriores que desenvolven esa disposición adicional, consideran que ese período mínimo dun ano debe contarse desde que as empresas que teñan persoal en situación de ERE por causas de forza maior reanuden a súa actividade.
Terceira.- Artigo 10. Modificación do artigo 28. Obrigas xerais en relación coa execución da actividade formativa.
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que se debería recuperar a literalidade do artigo 28.8, onde se establecía expresamente a responsabilidade da entidade beneficiaria respecto do pagamento do salario do persoal docente de xeito que resultaba unha previsión moito máis garantista que a prevista no artigo modificado por este proxecto de orde.
Cuarta.- Artigo 14. Pago e liquidación de subvencións.
As organizacións sindicais consideran que non procede a eliminación do apartado 7 do artigo 42 da orde orixinal, que establecía a obriga por parte das entidades de presentar os contratos laborais.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 2. Modificación do artigo 5. Entidades beneficiarias.
A CEG entende que tanto as persoas traballadoras autónomas como as empresas de economía social xa estaban incluídas como entidades potencialmente beneficiarias. En todo caso, de non ser así, propoñen que se amplíe, en correspondencia, as dotación orzamentarias.
Segunda.- Artigo 2. Modificación do artigo 5. Entidades beneficiarias.
A CEG propón que permita ser beneficiarias das axudas aquí reguladas a empresas que estean vinculadas, as cales, coa actual regulación, non teñen cabida ao non poder formar parte de agrupacións e non poder, así, presentar plans agrupados de formación.