- ANTECEDENTES
O día 9 de outubro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Promoción Laboral da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2020 e 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A exposición de motivos recorda que “a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas”.
Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego financiada pola dita consellería, coa excepción da formación incluída en programas integrados de emprego e obradoiros de emprego.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 13 de decembro de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 27 de maio de 2019 (Ditame 18/2019), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
En primeiro lugar, cómpre destacar que o artigo 4 engade dous apartados destinados a regular a concesión de axudas a aquelas persoas que participen en accións formativas impartidas total ou parcialmente na modalidade de teleformación.
Tamén se observa a modificación dos órganos que o artigo 21 considera competentes para ordenar e tramitar o procedemento de concesión.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2020 e 2021” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e dúas finais.
O día 14 de outubro de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
| DITAME 20/2020 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2020 e 2021, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de outubro de 2020, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de outubro de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Tendo en conta a natureza das axudas e a situación das persoas beneficiarias, este Comité considera que o momento de percepción das axudas é fundamental para atender ao seu obxectivo, que entendemos que é posibilitar a participación das persoas desempregadas nas accións de formación e polo tanto mellorar a súa empregabilidade. En consecuencia, este Comité considera que a resolución e pago das axudas ás persoas beneficiarias debe facerse coa máxima celeridade.
Segunda.
No texto do proxecto de orde sometido a ditame figura no artigo 14 o establecemento dunha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.
Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 14 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3.
Terceira.
Este Comité insiste en que se facilite a folla de datos estatísticos da execución provisional correspondente ao exercicio 2019, que debe acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente
Cuarta.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha.
Proponse o mesmo respecto das disposicións derradeiras (sic).
Ademais, as Disposicións derradeiras (sic) deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 8. Axudas á conciliación.
No apartado 1 deste artigo establécese que as persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación terán dereito a unha contía igual ao 75% do IPREM diario, por día de asistencia.
Este Comité considera que a contía debería ser do 100% do IPREM diario, por día de asistencia.
Segunda.- Artigo 10. Cálculo das rendas.
En relación co disposto no apartado 1, no relativo ao cálculo das rendas, ao dispoñer que “Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias”, este Comité considera necesario clarificar o alcance da expresión “os ingresos brutos do mes anterior”.
Terceira.- Artigo 10. Cálculo das rendas.
No último parágrafo do apartado 2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.
Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á súa perda.
Cuarta.- Artigo 14. Obriga de colaboración.
Este Comité propón que, de acordo coa consideración xeral segunda, se suprima o apartado 3 da redacción desta orde.
Quinta.- Artigo 17. Prazo de presentación das solicitudes.
En relación co suposto de presentación da solicitude fora de prazo, previsto no apartado 2 deste artigo, este Comité considera que non debería comportar a súa inadmisión, senón soamente que se lle reduzan os días transcorridos fóra do prazo.
Sexta.- Artigo 19. Documentación complementaria probatoria.
As letras a) e c) do apartado 1 recollen a documentación específica a presentar por quen solicite unha bolsa de asistencia e inclúe unha copia do libro de familia ou calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.
Este Comité considera que debería regularse o suposto das parellas de feito e determinar que documentación acreditativa ten que presentar quen se atope nesa situación.
Sétima.- Artigo 18. Declaración responsable.
Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 4. e) deste proxecto normativo.
Oitava.- Artigo 19. Documentación complementaria probatoria.
En canto ao recollido no apartado 1, letras a) e c) deste artigo, sobre que a renda familiar sexa inferior ao 75% do IPREM, este Comité considera que se debería especificar que se trata da renda familiar rateada individualmente, nos termos do artigo 10.3.
Novena.- Artigo 21. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 3 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses.
Este Comité considera excesivo fixar un prazo de seis meses, xa que non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.
Décima.- Artigo 21. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 3 deste artigo disponse que unha vez transcorrido o antedito prazo (de seis meses) sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.
Este Comité considera que, para evitar inseguridade xurídica, a expresión “poderá entenderse” debería substituírse por “entenderase”.
Décima primeira.- Artigo 23. Pagamento das bolsas e axudas.
Este Comité considera que debería que o primeiro pagamento teña lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión, en atención á especial natureza destas axudas.