Pasar al contenido principal

Ditame 21/20

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:08
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Rescate das persoas traballadoras autónomas financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 5 de novembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Rescate das persoas traballadoras autónomas financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos “a situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou as autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade, e estas medidas trouxeron consigo a maior crise económica coñecida. Moitas persoas traballadoras autónomas tiveron que acollerse ao cese de actividade e nalgúns casos víronse obrigados a pechar os seus negocios a causa da pandemia”.

 

Engade que “o obxecto das axudas reguladas nesta orde é contribuír ao mantemento das persoas traballadoras autónomas e os seus negocios como parte esencial do tecido produtivo e da economía de Galicia, contribuíndo desde xeito a reconstrución da nosa sociedade na era postcovid”.

 

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

 

Segundo o artigo 2, a finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica as persoas traballadoras autónomas, para facer fronte a situación económica motivada pola pandemia da COVID-19 que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego.

O artigo 6  especifica que poderán beneficiarse destas axudas todas as persoas traballadoras autónomas que teñan recoñecido o cese ordinario ou extraordinario de actividade, regulado no Real Decreto Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego. Para as persoas que cumpran eses requisitos a axuda será de 1.200€ (segundo o artigo 7.1).

Para as persoas que, ademais do anterior, se encadren nos sectores cuxa actividade estivera especialmente paralizada, a axuda será de 2.000€ (segundo o artigo 7.2).

O orzamento para financiar esta subvención ascende a 30.000.000€ (artigo 8).

O artigo 10 fixa un prazo dun mes desde a publicación desta orde no DOG para presentar as correspondentes solicitudes.

O procedemento de concesión é non competitivo e a concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde ata o esgotamento do crédito (artigo 15).

Segundo o disposto no artigo 19, o abono das subvencións realizarase polo cen por cen do importe da axuda concedida, xa que os requisitos acredítanse mediante declaración responsable emitida ao efecto pola persoa beneficiaria que a presta, baixo a súa responsabilidade, na solicitude.

Este artigo tamén prevé que se acumulen a fases de concesión e pago da axuda dada a situación de emerxencia económica motivada pola COVID-19.

Finalmente, cómpre destacar que as axudas previstas nesta orde serán compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas (artigo 23).

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Rescate das persoas traballadoras autónomas financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e catro artigos, dúas disposicións  adicionais e dúas finais.

 

O día 9 de novembro de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén, así mesmo, unha consideración específica manifestada pola CEG (Anexo).

 

 

DITAME 21/2020

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Rescate das persoas traballadoras autónomas financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de novembro de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.

A orde ten por obxecto axudar ás persoas traballadoras autónomas, para facer fronte á situación económica motivada pola pandemia do COVID-19, que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego. Para atender a tal fin, poderán solicitar a axuda aquelas persoas autónomas que se encontren en cese ordinario ou extraordinario de actividade e contarán, para elo, cun mes desde l publicación da orde.

 

Este Comité considera que será necesario contar cun instrumento dotado da suficiente estabilidade que cubra non soamente as necesidades das empresas que agora se atopan en cese de actividade, senón das que durante as próximas semanas ou meses pasen a tal situación.

 

Segunda.

No texto obsérvase o emprego do masculino xenérico ( por exemplo: “beneficiario” nos artigos 4 ou 18) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

 

Obsérvase, tamén, que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

Finalmente, obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposición derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección. Tamén deberían figurar baixo o epígrafe “Disposicións finais”.

  

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira. Artigo 6. Persoas beneficiarias.

Este artigo esixe ás persoas traballadoras autónomas, para poderen ser beneficiarias destas axudas, que teñan recoñecida o cese ordinario ou extraordinario de actividade regulado no Real Decreto Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego (BOE Núm. 259, de 30 de setembro).

 

Este Comité considera que se debería esixir que teñan solicitado o dito cese aínda que o recoñecemento se encontre pendente. O prazo para solicitar a axuda é dun mes, polo que é probable que finalice sen que moitas persoas autónomas recibiran aínda o recoñecemento do ceso, xa que no sector da hostalaría os peches están a acontecer esta semana.

 

Segunda. Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias.

Segundo o disposto no apartado 1.a) deste artigo, as entidades solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención o que acreditarase coa declaración responsable.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG:

 

Artigo 4. Subvencións baixo a condición de minimis.

As axudas que poidan recibir as persoas traballadoras autónomas en virtude desta orde, quedarán suxeitas ao réxime de mínimis. Isto supón un hándicap importante, xa que as empresas que percibiran financiación durante os últimos tres exercicios, poden ver que non é posible solicitar estas axudas, que ao noso modo de ver  non distorsionan a competencia, senón simplemente pretenden contribuír á mitigación dos efectos da paralización de actividade de profesionais autónomos.

 

Por elo, a CEG considera que non deberían incorporarse a dito réxime de mínimis e buscar algunha outra fórmula que as faga compatibles con outras axudas si sometidas a mínimis que puideran terse recibido, por exemplo, optando polo réxime común de notificación de axudas.

 

 

 

 

 

Número ditame
21