I. ANTECEDENTES
O día 23 de novembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Orientación Laboral da Consellería de Emprego e Igualade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “estes obradoiros duais de emprego concíbense como programas mixtos de formación e emprego que, promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2020, publicada no DOG o día 22 de xaneiro de 2020 e o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2019 (ditame 51/2019), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións de carácter formal das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
O novo proxecto non presenta modificacións relevantes respecto da orde para o ano 2020.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, corenta e dous artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 4 de decembro de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideración xeral e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións xerais e tres específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).
|
DITAME 26/2020
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de novembro de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de decembro de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Este Comité considera que se debería proceder a unha modificación do proxecto, tanto no seu título como no articulado, para dar cabida ás entidades sen ánimo de lucro que non pertenzan ao sector forestal, constituídas ou rexistradas como asociacións, como posibles beneficiarias das axudas aquí recollidas, coa fin de que poidan proporcionar a experiencia e práctica necesarias ás persoas desempregadas para facilitar a súa inserción laboral e non centrar o programa exclusivamente en entidades locais.
Segunda.
O artigo 24 emprega, na súa numeración, á letra j.
O mesmo se observa nos artigos 31 e 40 onde, ademais, se emprega tamén a letra k. Ambas son impropias do alfabeto galego.
Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Tamén se observa que, a diferenza doutros proxectos normativos, as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
Finalmente, obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega e como se observa, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira. Artigo 4.- Duración.
Segundo o apartado 3 deste precepto, a data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral o 1 de xullo de 2021.
Pola súa banda, o apartado 4 fixa a data límite para o inicio das contratacións temporais no 15 de abril de 2022.
Este Comité considera que en lugar dunha data fixa, o apartado 3 debería establecer un período dun mes desde a finalización da formación e prácticas profesionais para o inicio da contratación.
En consecuencia, debería modificarse tamén o apartado 3 do artigo 15, que fixa nos 15 días seguintes á finalización do obradoiro dual de emprego o prazo no que deberá comezar a contratación temporal.
Segunda. Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
Este Comité entende que habería que regular a posibilidade de que a entidade beneficiaria poda substituír ao alumnado seleccionado que cause baixa antes do inicio do proxecto.
Terceira. Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
No apartado 2 deste artigo establécese que terán preferencia para participar nestes proxectos o colectivo de persoas con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e relaciónanse a continuación unha serie de exemplos.
Este Comité considera que esa clasificación e gradación debería figurar tamén no artigo 2.
Cuarta. Artigo 12.- Procedemento de selección do persoal directivo, docente e administrativo de apoio.
As organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que se utilice o sistema de oferta e non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, faríase a convocatoria pública”.
Quinta. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto de 2013 para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Sexta. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.
O artigo 24.1 recolle os criterios de valoración dos proxectos, entre os que se atopa a calidade do proxecto (apartado c).
Este Comité considera que deberían establecerse parámetros indicativos para determinar a calidade do proxecto, xa que se trata dun concepto indeterminado que pode provocar inseguridade xurídica, ao quedar a súa apreciación baixo o criterio discrecional da Comisión de valoración.
Sétima.- Artigo 26.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.
Aínda que o que se fixa é un prazo máximo que non ten porque esgotarse, este Comité segue a considerar que estamos ante un prazo excesivo, polo que propón que sexa como máximo de tres meses.
Oitava. Artigo 33.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador (sic).
A contía a subvencionar nos contratos para a formación e aprendizaxe fíxase no 100% do SMI.
Este Comité considera que debería incrementarse a porcentaxe subvencionada dos custos salariais do alumnado-traballador, dado que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios en virtude, no seu caso, dos convenios colectivos de aplicación.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
XERAIS:
Primeira.
As organizacións sindicais entenden que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración a “adhesión ao convenio Doing Business”, tal como recolle o apartado 1.h) do artigo 24, xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.
Segunda.
Segundo o artigo 35, a nova axuda para incentivos á contratación subvencionará un importe fixo de 1.500 euros por cada persoa traballadora, correspondente ao contrato mínimo de tres meses a xornada completa.
As organizacións sindicais consideran que ese contrato debería ter unha duración mínima de nove meses, de maneira que as persoas traballadoras acumulen suficiente cotización co fin de ter dereito a percibir a prestación contributiva por desemprego.
Así mesmo, proponse que o incentivo de 1.500 euros teña como tope unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.
Específicas:
Primeira. Exposición de motivos.
No parágrafo primeiro da exposición de motivos vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”. As organización sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esa referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.
Segunda. Artigo 13.- Contratación.
Segundo este artigo, as persoas seleccionadas como alumno-traballador serán contratadas a través da modalidade de contrato de traballo para a formación e aprendizaxe.
Ante a situación de desprotección na que, en xeral, se atopan as persoas desempregadas, as organización sindicais que integran o Consello propoñen que a Xunta de Galicia inste do Ministerio de Emprego e Seguridade Social que se modifique a normativa do contrato para a formación e aprendizaxe, de xeito que se inclúa a continxencia de desemprego.
Terceira. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.
En relación coa consideración específica unánime quinta, relativa a este mesmo artigo 24, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
A CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de que as organizacións empresariais concorresen a esta Orde, xa sexa como promotoras dunha actuación conxunta coas entidades locais ou de forma individual.
Isto xustificaríase en atención á natureza e obxectivos da citada orde, que busca a promoción do autoemprego, a formación empresarial e o incentivo da contratación no territorio local e contribuiría á finalidade da orde de mellorar a ocupabilidade das persoas obxecto do programa.