Pasar al contenido principal

Ditame 28/20

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2021.

I. ANTECEDENTES

 

O día 27 de novembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “as empresas de economía social e singularmente as cooperativas, demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

 

As subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2020, publicada no DOG o día 10 de xaneiro de 2020, e o ditame emitido polo Consello con data 15 de novembro de 2019 (ditame 38/2019), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións sobre o fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Na orde anterior, o prazo para a xustificación era o sinalado na resolución de concesión. O artigo 15 do novo proxecto sinala que o prazo fixarase na convocatoria ou, de ser o caso, na resolución de concesión.

 

Segundo o artigo 22, poden acollerse aos incentivos previstos no Programa I as entidades que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido a persoas que, no momento da súa incorporación, sexan persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.

 

En canto ao financiamento, obsérvase que o orzamento previsto para o Programa I increméntase en 357.670€, mentres que o previsto para o Programa II diminúe en 107.670€ (artigo 37).

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas finais.

 

O día 11 de decembro de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas non unánimes: unha manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e dúas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 28/2020

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de decembro de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este Comité reitera a necesidade de que se acheguen os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

 

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2020 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

 

-           Número de solicitudes presentadas

-           Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas por esas        solicitudes.

-           Número de solicitudes resoltas favorablemente

-           Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Segunda.

Nos artigos 5, 24 e 25 emprégase na clasificación as letras j e k.

 

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Consellería, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

 

Por outra banda obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras (sic).

 

Ademais, no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.-  Artigo 15. Xustificación e pagamento.

O dito no apartado 4 deste artigo resulta incoherente en relación co disposto no seu apartado 9.

 

Por isto, este Comité propón que aclare en que momento e baixo que condicións se vai a efectuar o pagamento.

 

Segunda.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.

O apartado 8 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.

 

Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, especialmente neste caso, xa que se trata de fomentar o emprendemento en economía social, xa que a norma vai máis alá das dinámicas establecidas polas persoas que están en cada momento.

 

Terceira.- Artigo 17. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

No apartado c) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Cuarta.- Artigo 34.Prazo de presentación de solicitudes.

Respecto á previsión contida neste artigo para o caso de esgotamento do crédito, este Comité propón que as solicitudes presentadas en prazo sexan admitidas en todo caso e, para o suposto de esgotamento de crédito, se prevexa a posibilidade de incorporar remanente doutros programas ou novos fondos ao efecto.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

 

Artigo 26. Obrigas das beneficiarias.

 

Os apartados 1 e 3 deste artigo, así como o apartado 1 do artigo 32, obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de dous anos.

 

As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos, para ser coherente coas mesmas consideracións feitas a outras liñas de axuda da Consellería de Emprego e Igualdade.

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIMES MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.-Artigo 5. Definicións

Respecto ao concepto persoas desempregadas recollido neste precepto, a CEG considera que deberían incluírse aquelas persoas que figuran inscritas en mellora de emprego e que, polo tanto, necesitan mellorar as súas condicións de traballo accedendo a outras fórmulas de emprego, o que non desvirtúa a finalidade da axuda, xa que se está a promover igualmente a creación e emprego estable.

 

Pola mesma razón, a CEG propón que as devanditas persoas se inclúan entre os colectivos a subvencionar nos programas desta orde e que, en consecuencia, se modifiquen os demais artigos que correspondan para darlles cabida.

 

Segunda.- Disposición transitoria.

A CEG propón que as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, se consideren persoas con discapacidade aos efectos desta orde, para poder acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar unha amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.

 

En consecuencia, debería modificarse tanto este artigo 5 como os demais que correspondan.

 

Número ditame
28