Pasar al contenido principal

Ditame 30/20

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

I. ANTECEDENTES

 

O día 27 de novembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

A lei Orgánica 5/2002 do 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, ten como finalidade a creación dun Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Un dos fins deste Sistema Nacional é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional calquera que fose a forma da súa adquisición.

 

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais. En Galicia, asígnase a xestión do procedemento ao Instituto Galego das Cualificacións

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 publicada no DOG do día 27 de novembro de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 18 de outubro de 2019 (Ditame 29/2019), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Obsérvase unha diminución do número de prazas nalgunhas clasificacións profesionais, por exemplo en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que pasa de 250 prazas a 225 ou en socorrismo, tanto en espazos acuáticos naturais como en instalacións acuáticas, xa que en ambas clasificacións se baixa de 200 a 150 prazas. Pola contra, aumentan as prazas en atención sociosanitaria a persoas no domicilio (de 300 a 325).

Tamén se suprimen desta convocatoria cualificacións como docencia da formación para o emprego ou instrucción en ioga (artigo 1).

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, unha disposición adicional e tres finais.

 

O día 11 de novembro de 2020 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

DITAME 30/2020

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de novembro de 2020, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de novembro de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL

O proxecto normativo contén unha disposición adicional que debería figurar como disposición adicional única.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 6. Puntos de información.

Este Comité considera que se debería dar maior difusión a este procedemento de xeito que os servizos de información e orientación non se circunscriban aos puntos de información relacionados neste artigo, senón que se faga chegar a todas as entidades sen ánimo de lucro, organizacións colaboradoras e, en xeral, ás entidades interesadas.

 

Segunda.- Artigo 12. Prazo de inscrición no procedemento.

Este precepto fixa un prazo de inscrición de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

 

Este Comité considera que o devandito prazo debería aumentarse a 30 días hábiles, debido á complexidade do procedemento e co fin de darlle máis difusión e facelo accesible a todas as persoas interesadas.

 

 

Número ditame
30