Pasar al contenido principal

Ditame 32/20

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 2 de decembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación Laboral da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo: “as empresas de inserción constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social que teñen por finalidade a integración e formación socio-laboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario. En virtude do disposto na Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social, estas empresas teñen a consideración de entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 (publicada no DOG o día 24 de xaneiro de 2020) e o ditame emitido polo Consello con data 19 de novembro de 2019 (Ditame 45/2019), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:

 

Obsérvase un incremento nas contías xerais asignadas a estas axudas no artigo 61: así, o programa I ve incrementado o seu orzamento en 345.000 euros e o programa II en 55.000 euros.

 

Ademais, engádese un novo artigo (artigo 63) que recolle unhas medidas excepcionais para o caso de expedientes de regulación de emprego (ERTE) derivados da pandemia polo covid-19.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, sesenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 17 de decembro de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e oito consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén así mesmo, en anexos, unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha  consideración específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo II).

 

 

 

 

DITAME 32/2020

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de decembro de 20120, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de decembro de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS.

 

Primeira.

Nos artigos 12 e 18 empréganse as letras j e k na clasificación, que son impropias do alfabeto galego.

 

Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

 

Tamén hai varios exemplos do emprego das barras nos artigos 5 e 19 que non é a mellor solución para respectar a linguaxe igualitaria. No mesmo senso, este Comité entende que o correcto é facer referencia á Covid e non ao Covid (artigo 63).

 

Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

Segunda.

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar certos aspectos.

 

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2020 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

 

-           Número de solicitudes presentadas

-           Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas por esas        solicitudes.

-           Número de solicitudes resoltas favorablemente

-           Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira. – Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos.

Este Comité considera que se debería aclarar as referencias á excepcionalidade que se fan no parágrafo terceiro do apartado 1 e no parágrafo segundo do apartado segundo e evitar, así, que se poidan dar actuacións de tipo discrecional.

 

Segunda. – Artigo 13. Transparencia e bo goberno.

Este Comité considera que se debería recuperar o contido do apartado primeiro deste precepto da orde para exercicio anterior, xa que é máis completo ao relacionar as obrigas ás que se refire o mesmo apartado no novo proxecto.

 

Terceira.- Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado e) deste artigo recolle, como unha das obrigas das entidades beneficiarias,  estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Cuarta. – Artigo 37. Obxecto e condicións para a obtención da axuda.

O apartado 3 deste artigo non considera subvencionable o arrendamento financeiro.

 

Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que os contratos de  leasing sexan admitidos xa que permite a imputación dun gasto efectivamente dedicado a cada acción.

 

Quinta.- Artigo 40. Documentación xustificativa das axudas.

Este artigo establece a documentación  xustificativa específica que debe presentarse respecto da subvención para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción. No apartado c) esíxese ás empresas beneficiarias da axuda presentar un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no que acredite que o gasto a xustificar corresponde á adquisición de bens inmobles.

 

Este Comité considera que a incorporación neste artigo do texto do texto referenciado na resposta a esta consideración pola Secretaría Xeral de Emprego, non aclara que comprende esa certificación do taxador independente e a que fai referencia exactamente.

 

Sexta. – Artigo 47. Documentación complementaria específica.

Segundo o apartado b) deste artigo, debe achegarse o curriculum vitae do persoal técnico contratado ata a data de presentación da solicitude.

 

Este Comité pide que se aclare a necesidade de aportar o curriculum  únicamente do persoal contratado antes da presentación da solicitude e non en calquera momento.

 

Sétima. – Artigo 53. Obxecto e condicións para a obtención da axuda.

O apartado 3.a) deste artigo fixa un prazo dun mes entre a baixa dunha persoa na empresa de inserción laboral e a súa alta no mercado normalizado de traballo para que a dita incorporación resulte subvencionable.

 

Este Comité propón que se valore a posibilidade de flexibilizar e, no seu caso, ampliar este prazo.

 

Oitava. – Artigo 63. Medidas excepcionais no caso de expedientes de regulación de emprego (ERTE) derivadas da pandemia polo Covid-19.

Este Comité considera confusa a redacción dada ao apartado 1.b), polo que pide que se clarifique.

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

 

 

Consideración xeral:

As empresas de inserción laboral poden recibir, ao abeiro desta orde, axudas ao mantemento do custo salarial, axudas para a asistencia técnica ou para a posta en marcha de actividades e, entre outras, axudas para as labores de intermediación que xa supoñen funcións propias do persoal técnico.

 

As organizacións sindicais consideran que que hai un exceso de liñas de axuda nesta orde que acaban recaendo sobre os mesmos conceptos, tendo en conta que se dirixen a empresas de inserción laboral cunhas finalidades moi específicas e á vista, tamén, do baixo volume de beneficiarias, o que obriga a repensar o contido da norma.

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.-Artigo 42. Contía da axuda.

O apartado 1 deste artigo establece que a contía desta axuda equivale ao 50% dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.

 

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 46.

 

Segunda.-Artigo 50. Contía da axuda.

Este artigo fixa a contía máxima da axuda para formación das persoas en proceso de inserción en 3.000 euros por empresa beneficiaria.

 

As organizacións sindicais consideran excesiva a dita contía e propoñen minorala, tal e como acontece en ditames relativos a outras ordes.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:

 

Artigo 7. Persoas destinatarias finais.

O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.

 

Número ditame
32