Pasar al contenido principal

Ditame 35/20

Enviado el Mié, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19.

I. ANTECEDENTES

 

O día 18 de decembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “as axudas deste texto normativo teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas para o reequilibrio financeiro dos CEEIS e das EIL, co fin de garantir o emprego das persoas con discapacidade e / ou en risco de exclusión social”.

 

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destaca o seguinte:

 

En canto aos conceptos subvencionables, o artigo 3 establece que se subvencionará un máximo do 50% das perdas acreditadas no exercicio 2020 por cada entidade beneficiaria. A contía establécese en función das perdas acreditadas.

 

O orzamento destinado a estas axudas fíxase no artigo 4 en 1.000.000€.

 

As entidades beneficiarias son os CEEIS e as EILS que cumpran os requisitos relacionados no artigo 5.

 

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde (artigo 9) e o prazo para resolver e notificar será de 3 meses a contar desde o fin do prazo para a presentación de solicitudes (artigo 18).

 

O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, segundo o artigo 15 e para  concesión das axudas valoraranse os criterios que relaciona o artigo 17, entre outros, a porcentaxe de perdas da entidade, o número de persoas traballadoras coas que conta ou a estabilidade do cadro de persoal.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, tres disposicións adicionais e  dúas finais.

 

O día 21 de decembro de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, tres consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola  CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 35/2020

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de decembro de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de decembro de 2020, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.

Entendendo a premura na tramitación deste proxecto de orde e a importancia das axudas nela reguladas, este Comité considera se lle debe trasladar a versión definitiva da norma para non xerar confusión sobre o obxecto do ditame. Neste senso, obsérvanse tachaduras, resaltadas en diferentes cores e outros elementos no texto a ditaminar que fan pensar que se está a traballar sobre un texto susceptible de novas revisións.

 

Segunda.

No artigo 21 utilízase a letra j, impropia do alfabeto galego. A Consellería de Emprego e Igualdade xustifica o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

 

Considérase que se debe levar a cabo unha revisión profunda do texto xa que abundan as incorreccións ortográficas e lingüísticas.

 

Por outra banda, obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enuncialas. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

 

Finalmente no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.-Artigo 5. Entidades beneficiarias das subvencións.

O apartado 1.c) deste precepto obriga ás entidades a acreditar perdas no ano 2020 que poñan en grave perigo a súa subsistencia e, polo tanto, o mantemento dos postos de traballo, como consecuencia do impacto producido pola crise do COVID-19.

 

Este Comité considera que se debería especificar neste punto o xeito de acreditar esas perdas.

 

Segunda.-Artigo 18. Resolución e recursos.

Este artigo fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Este Comité considera que, atendendo á especial natureza das axudas e a situación das entidades ás que se dirixen , debería axilizarse ese prazo de resolución.

 

Terceira.-Artigo19. Pagamento da subvención.

Este Comité considera que se debería concretar un prazo para levar a cabo o pagamento das axudas concedidas e que fora o máis áxil posible para atender a situación de urxencia na que se atopan as entidades beneficiarias.

 

Cuarta.-Artigo21. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 1.d) deste artigo recolle, como unha das obrigas das entidades beneficiarias,  estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Quinta.-Artigo21. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 2.a) esixe ás entidades beneficiarias manter a actividade económica e o emprego durante 6 meses posteriores á concesión da axuda.

 

Tendo en conta que o proxecto normativo prevé un prazo de resolución de 3 meses, este Comité propón que os 6 meses anteditos se conten desde a presentación da solicitude, para non estender a obriga durante o período que poida tardar a Administración en resolver.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

 

Primeira.-Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Tendo en conta que as entidades ás que se dirixen estas axudas son entidades sen ánimo de lucro, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o apartado 2 deste artigo debería quedar redactado como segue: “Deste xeito, coa finalidade de consolidar os postos de traballo ocupados por persoas  con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, poderase conceder unha axuda de carácter excepcional e extraordinaria destinada a equilibrar e reestruturar financeiramente estas entidades para garantir a súa viabilidade e estabilidade”, eliminando polo tanto a referencia aos niveis de produtividade e rendibilidade.

 

Segunda.-Artigo 5. Entidades beneficiarias das subvencións.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería engadir un ítem no apartado 2 deste artigo, que impida obter a consideración de entidade beneficiaria a aquelas entidades que non cumpran o Convenio Colectivo que lles sexa de aplicación.

 

Terceira.-Artigo21. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 2.a) deste artigo establece que non se considerará incumprido o requisito de manter emprego durante 6 meses cando o contrato de traballo se extinga por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen que non se teñan en conta as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias das subvencións

Os apartados 1.d) e 2.a) establecen que non poderán obter a condición de beneficiario as empresas en causa de disolución ou en crise.

A CEG considera que tendo en conta o obxectivo da axuda e a viabilidade dalgunhas das empresas que pasan coxunturalmente por unha situación de crise, que sen axuda se convertería en irreversible, non deberían ser obxecto de exclusión. Por tal motivo considera que a consideración de empresa en situación de crise non debería dar en tódolos casos e por si soa na imposibilidade de ser beneficiaria de axuda, cando esta precisamente podería ser parte da solución, senón que se debería analizar en cada caso (requirindo á empresa xustificación suficiente) a situación da empresa para que cando sexa viable poida concorrer e ser beneficiaria da axuda.

 

Segunda.- Artigo 17. Criterios de valoración.

O apartado 1.a) valora con ata 30 puntos a porcentaxe de perdas da entidade respecto ao volume de actividade.

 

Este criterio beneficia a aquelas entidades que teñen menos perdas que son as que menos comprometen a súa viabilidade.

A CEG considera que debería ser obxecto de valoración a viabilidade real do negocio e non o volume de actividade mantida durante a crise derivada da pandemia.

 

Terceira.- Artigo 17. Criterios de valoración.

Segundo o apartado 1.b) outorgarase ata un máximo de 20 puntos polo número de persoas traballadoras da entidade en centros de traballo de Galicia, concedéndose 0,2 puntos por cada persoa traballadora.

 

A CEG considera que este criterio pode perxudicar á pequena empresa e propón que se poida aplicar un coeficiente corrector en beneficio das empresas que contan con menos de 10 persoas traballadoras ou engadir un novo indicador que teña en conta o tamaño da empresa.

 

Cuarta.- Artigo 17. Criterios de valoración.

O apartado 1.c) establece que se valorará con ata 20 puntos a estabilidade do cadro de persoal da entidade solicitante das axudas.

Porén, no ítem terceiro deste apartado,  outórganse 30 puntos se a taxa é igual ou superior ao 80% de persoal fixo ou indefinido.

 

A CEG considera que se debería corrixir esa incoherencia.

 

No senso exposto na consideración terceira deste Anexo, propón que se valore ás empresas que conten con menos de 10 persoas traballadoras, con independencia da tipoloxía de contrato, tendo en conta que os centros máis pequenos xeran en moitas ocasións oportunidades na contorna máis próxima (rural ou urbana) e a súa perda ou non continuidade xeraría importantes prexuízos a nivel local.

Número ditame
35