Pasar al contenido principal

Ditame 45/23

Enviado el Jue, 28/12/2023 - 12:59
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE +Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 15 de novembro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE +Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

Segundo a exposición de motivos: “hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar a persoa emprendedora como axente dinamizador da economía na comunidade autónoma”.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 24 de xaneiro de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 1 de decembro de 2022 (Ditame 38/2022), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma así como, parcialmente, a consideración formal.

 

Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:

 

O artigo 1 engade unha nova liña de axudas destinada a sufragar os gastos de mantemento da actividade  por conta propia, equivalente a 12 meses da contía da cota reducida prevista na Lei 20/2007 do Estatuto do Traballo Autónomo.

 

Isto conleva un incremento no orzamento asignado a esta Orde, que pasa de 12.000.000 a 28.956.500€, segundo o artigo 4.

En concreto, a liña I ve incrementando o seu orzamento en 7.365.500€, mentres que a nova Liña II recibe un orzamento de 9.600.000€.

 

En canto aos requisitos das persoas autónomas beneficiarias, o artigo 5 engade, para a liña I,  de non ter ningunha alta anterior como persoa traballadora autónoma nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria. Tamén se observa a supresión  dos seguintes requisitos esixidos na orde anterior:

-Non ter recibido subvencións ao abeiro de programas de emprego autónomo nos 3 anos anteriores.

- Non ter desenvolvido, como persoa traballadora autónoma, a mesma ou similar actividade nos 6 meses inmediatamente anteriores ao inicio da nova actividade.

 

Este mesmo artigo recolle os requisitos aplicables ás persoas autónomas beneficiarias da liña II.

 

En canto á presentación das solicitudes, o prazo xa non comeza ao día seguinte da publicación desta orde, senón que o artigo 9 fixa o comezo do prazo no día 12 de xaneiro de 2024.

 

As contías da axuda do artigo 12 mantéñense para esta convocatoria, pero o incremento do 25% que se prevía para determinados colectivos, redúcese a 15%, o que fai que a contía máxima se reduza de 10.000 a 7.000€. Obsérvase tamén, entre os colectivos que optan a unha axuda de 4.000€ están as persoas maiores de 52 anos, e non de 55, como se prevía na orde anterior.

 

En canto á contía das axudas da Liña II, este artigo sinala que será a equivalente á contía da cota reducida regulado no artigo 38 ter, apartado 1, da Lei 20/2007 do Estatuto do Traballo Autónomo multiplicado por 12, sempre que se acollan á citada redución.

 

En canto á obriga da persoa autónoma beneficiaria, de manter a alta no RETA ou mutualidade durante un mínimo de 24 meses, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, obsérvase que o apartado e) do artigo 22 é máis específico ao recoller os supostos en que se considera que concorre a antedita excepción.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE +Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 23 de novembro de 2023 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

 

 

 

DITAME 45/2023

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE +Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de novembro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de novembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Este Comité manifesta a necesidade de que se acheguen, xunto co borrador de orde, os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar determinados aspectos de interese.

En consecuencia, indica que deben acompañar ao proxecto de orde os seguintes datos:

 

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras autónomas, desagregadas por sexos, afectadas por esas  solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras autónomas, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Segunda.

Obsérvase que nos artigos 14 e 22 emprégase a letra j na clasificación.

 

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tense feito referencia, ao respecto, ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos.

Segundo o apartado 1 deste artigo, serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, entre o 30 de setembro de 2023 e o 30 de setembro de 2024.

 

Este Comité considera que, para vindeiras convocatorias, se debería prever sempre o mesmo período, fixando que terían cabida as altas comprendidas entre o 1 de outubro e o 30 de setembro do ano seguinte.

 

Segunda.- Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos.

Segundo o apartado 6 deste artigo, a xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, a excepción do recollido no punto 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 14.1.

 

Este Comité considera que se debe precisar, nese último inciso, que o recollido no punto 4.e), se xustificará de conformidade co disposto nos ítems f, g e h do artigo 14.1.

 

Terceira.- Artigo 12. Contía da subvención.

As contías recollidas neste precepto levan sen actualizarse nos últimos seis anos, polo que este Comité considera que procede levar a cabo unha actualización das mesmas.

 

Cuarta.- Artigo 15. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.

No apartado 1 deste artigo disponse que  “Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de reintegro”.

 

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; propón, así mesmo, que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Quinta.- Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

O apartado 3 deste precepto recolle que procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 5 da orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 21.e) de mantemento de alta no RETA ou mutualidade durante un período de vinte e catro meses.

 

Este Comité propón engadir ao apartado 3 do citado artigo “salvo que existan causas alleas, imprevisibles e debidamente xustificadas aos beneficiarios”.

 

Sexta.- Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

O apartado 4 deste precepto recolle os supostos no que procede o reintegro total da axuda polo incumprimento das obrigas recollidas na aliña f) do artigo 21.

 

Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, e propón que este apartado se integre no apartado que regula os supostos de reintegro parcial.

 

Sétima.- Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

Segundo o apartado 8, “procederá ao reintegro do 5% da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles”.

 

Este Comité considera que esa sanción é desproporcionada, polo que propón que se rebaixe a porcentaxe de reintegro recollida.

Número ditame
45