I. ANTECEDENTES
O día 15 de novembro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “o emprendemento é un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sostible e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia.
O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.
A opción de calquera persoa que desexe poñer en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración Pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 24 de xaneiro de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 1 de decembro de 2022 (Ditame 37/2022), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, a consideración formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:
En canto aos requisitos que deben concorrer nas persoas autónomas beneficiarias, obsérvanse algunhas modificacións no artigo 5. Así, esíxese un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados no IRPF referido ao 2022 inferior a 60.000€, cando a orde anterior requiría que foran inferiores a 30.000. Esta mesma modificación se observa respecto da base impoñible no imposto de sociedades, para o caso de que a beneficiaria sexa unha sociedade.
En canto ás exclusións, a anterior orde esixía que a beneficiaria non tivera recibido antes estas axudas, mentres que a nova orde limita o requisito soamente ás últimas cinco convocatorias.
Especifica tamén, a nova orde, os supostos en que se considera ás persoas autónomas administradoras como autónomas societarias, suposto no que poderán tamén ser beneficiarias das axudas.
En canto á contía da subvención, increméntase o límite máximo de 3.000 a 7.000€, se ben se limita a subvención ao 60% da actividade a subvencionar, cando a convocatoria anterior prevía un 80% (artigo 6).
Este mesmo artigo exclúe, como gastos subvencionables, os derivados da xestión de páxinas web, redes sociais e similares, por ter a consideración de gastos correntes.
O prazo de presentación das solicitudes comeza, segundo o artigo 8, aos 7 días naturais da publicación desta orde, mentres que a orde anterior fixaba o comezo do prazo no día 25 de xaneiro de 2023.
En canto á xustificación, o artigo 17 esixe que as facturas que se presenten sexan por un importe mínimo de 100€, cando a orde anterior fixaba ese importe mínimo en 30€.
En canto á obriga da persoa autónoma beneficiaria, de permanecer de alta no RETA ou mutualidade durante un mínimo de dous anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, obsérvase que o apartado a) do artigo 19 é máis específico ao recoller os supostos en que se considera que concorre a antedita excepción.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 23 de novembro de 2023 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
|
DITAME 46/2023 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2024”, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de novembro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de novembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité manifesta a necesidade de que se acheguen, xunto co borrador de orde, os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar determinados aspectos de interese.
En consecuencia, indica que deben acompañar ao proxecto de orde os seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras autónomas, desagregadas por sexos, afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras autónomas, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
Segunda.
Este Comité observa o emprego, no artigo 15, das letras j e k na clasificación.
Considérase que estas letras son impropias do alfabeto galego. Por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tense feito referencia, ao respecto, ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Tamén se observa que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira. – Artigo 5. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo exixe ás persoas traballadoras autónomas unha serie de requisitos para poder ser beneficiarias das axudas desta orde, entre eles, o de ter unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
Este Comité segue a considerar que o dito prazo é excesivo, polo que propón que se reduza en atención á tipoloxía da axuda que se regula e ás persoas destinatarias dela, co obxecto de dotar de maior alcance esta medida e que con independencia de que, administrativamente, se adscriba á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade de Galicia.
Segunda. – Artigo 5. Persoas beneficiarias.
Este Comité considera que o título deste artigo debería ser “Persoas e entidades beneficiarias”, para dar cabida tanto ás persoas traballadoras autónomas como ás sociedades que poden ser beneficiarias deste bono.
Terceira. – Artigo 6.Subvención do bono das persoas autónomas.
Segundo este artigo, esta axuda permite subvencionar investimentos como a reforma do local do negocio.
Porén, a continuación defínese esa reforma como obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións ou ornatos que non modifican a estrutura construtiva do local.
Este Comité considera que debería haber concordancia entre o título do concepto e o contido da definición, xa que neste caso estase a falar de reformas de instalacións mentres que na definición se fai referencia a obras de escasa entidade ou á decoración, polo que se propón que a definición recolla a posibilidade expresa de obras de máis calado propias dunha reforma.
Cuarta.- Artigo 16. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa en tres meses o prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución.
Este Comité considera que este prazo é excesivo pola natureza destas axudas e ao tratarse dun procedemento sen concorrencia competitiva, polo que propón que se reduza sensiblemente.
Quinta.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 9 deste precepto non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter algunha débeda pendente de pagamento, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
O mesmo se observa respecto do previsto nos artigos 19.e) e 21.2.