Pasar al contenido principal

Ditame 48/23

Enviado el Mar, 23/04/2024 - 16:35
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2024.

I. ANTECEDENTES

 

O día 17 de novembro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, recolle no título IV os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social.

 

Segundo a exposición de motivos: “a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para dar cumprimento a ese mandato legal, implementa para o ano 2024 un programa dirixido a fomentar a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, mediante a contratación subvencionada de persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral e/ou en risco de exclusión social, beneficiarias da renda de integración social de Galicia”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 1 de febreiro de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 28 de novembro de 2022 (Ditame 35/2022), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, a consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

Do novo proxecto cómpre destacar os seguintes aspectos:

 

Respecto á contía da subvención, que regula o artigo 4, recóllense neste novo proxecto os importes salariais máximos subvencionables, que se fixan para cada grupo de cotización.

 

Así mesmo, o apartado 3 deste artigo especifica que non se consideran custos subvencionables as situacións con dereito a retribución nas que non se presta servizo efectivo, como as ausencias ou as incapacidades temporais.

 

En canto á selección das persoas traballadoras, o artigo 13 esixe que, tanto na oferta como no proceso de selección se empregue unha linguaxe inclusiva e se poña especial atención dos estereotipos e posibles condutas discriminatorias por razón de xénero.

 

Finalmente, engádese un novo artigo (artigo 19) sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, 19 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 4 de decembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime: unha manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e unha manifestada polas organizacións sindicais de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo II)

 

 

 

 

 

 

DITAME 48/2023

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2024, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de novembro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de decembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.

O Comité entende que o obxecto e finalidade destes programas fan aconsellable que non se circunscriban exclusivamente ás entidades locais, xa que non son as únicas adecuadas para o desempeño do programa, e se permita a  participación neles das entidades sen ánimo de lucro, especialmente as que teñen, entre as súas finalidades, a persecución dun interese social.

 

Así, este Comité considera que se debería proceder a unha modificación do proxecto, tanto no seu título como no articulado, para dar cabida ás entidades sen ánimo de lucro como posibles beneficiarias das axudas aquí recollidas, coa fin de que poidan proporcionar a experiencia e práctica necesarias ás persoas desempregadas para facilitar a súa inserción laboral e non centrar o programa exclusivamente en entidades locais.

 

En consecuencia, deberían ampliarse as contías orzamentarias asignadas a estas subvencións.

 

Segunda.

Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira. Artigo 4. Contía da subvención.

No apartado 3 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

 

Este comité considera que, dado que hai una parte do programa financiado con FSE, procedería incluír como subvencionable o importe da indemnización por finalización de servizo prestado segundo o artigo 49.1 c) do ET, sempre e cando o servizo estea vinculado ao dito programa segundo o criterio recollido na Orde ESS/1924/2016, de 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

 

Neste proxecto de orde engádense novos supostos de situacións que non son subvencionables en base ao previsto, precisamente, na orde referenciada no parágrafo anterior, polo que chama a atención que non se inclúan como subvencionables cuestións que esa mesma orde si recolle como tales.

 

Este mesmo criterio aplicaríase nos casos de complementos de distancia e transporte.

 

Segunda. Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

Este artigo fai referencia ás persoas interesadas nos seus apartados 1 e 2, cando a referencia debería facerse ás entidades beneficiarias. Obsérvase o mesmo en diferentes puntos ao longo do texto, como no artigo 7 ou no 9, polo que se propón unha revisión do proxecto neste senso.

Terceira. Artigo 12. Resolución.

O número 2 deste artigo prevé un prazo de resolución de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude.

 

Este Comité entende que, dado que a finalidade desta convocatoria é atender a persoas en situación delicada e urxente, o dito prazo debería reducirse a un mes.

 

Cuarta. Artigo 13. Requisitos da contratación.

Na letra d) deste artigo disponse que terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral , as maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.

 

Este Comité entende que, de cara a non discriminar a outros colectivos beneficiarios, a redacción debería ser: “terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral”, polo que se propón a supresión do resto do parágrafo.

 

Quinta. Artigo 13. Requisitos da contratación.

No apartado e) deste precepto establécese o requisito  de solicitar as persoas demandantes non ocupadas mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiaras RISGA, nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, engadindo que, excepcionalmente, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal.

 

Este Comité considera que deberían constar expresamente na orde cales son as referidas situacións excepcionais.

 

Sexta. Artigo 13. Requisitos da contratación.

Este Comité propón que se engada un novo requisito neste artigo segundo o cal as contratacións que se realicen non poidan ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na RPT da entidade beneficiaria.

 

Sétima. Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado h) deste artigo obriga ás entidades beneficiarias a realizar un informe global no que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas aquí regulados.

 

Este Comité considera que non debería esixirse o dito informe, xa que non é indicativo da situación global de mercado laboral e, ademais, o Servizo Público de Emprego de Galicia xa ten entre as súas funcións a de desenvolver medidas de mellora da empregabilidade das persoas demandantes de emprego.

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS, CIG, S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA

 

Exposición de motivos.

 

No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.

 

 

 

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DA CIG E CCOO DE GALICIA.

 

Artigo 4. Contía da subvención.

O apartado 2 deste artigo permite que a xornada de traballo poida ser a tempo completo ou a tempo parcial.

 

As organizacións sindicais do SN de CCOO de Galicia e da CIG consideran que todas as contratacións que sexan subvencionadas por esta orde deberían ser a xornada completa ao ter en conta a, xa de por si, escasa duración do contrato subvencionado.

Número ditame
48