I. ANTECEDENTES
O día 27 de noviembre de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, “establécese, esta orde, un programa de axudas á conciliación para as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento dun fillo ou filla, contraten a unha persoa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para apoialos na súa actividade empresarial e permitirlles conciliar a vida persoal e laboral, e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial, sendo tamén posible a a contratación de persoas traballadoras destinadas especificamente ao coidado de menores e/ou maiores e dependentes no propio domicilio, contribuíndo tamén así á xerar emprego”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio 2023, publicado no DOG o día 2 de febreiro de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 22 de maio de 2023 (Ditame 12/2023), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, a consideracións de carácter formal así como unha consideración sobre o fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
En canto ao Bono Autónomo Concilia I, a orde anterior subvencionaba a contratación durante un ano como máximo, unha vez rematado o período de descando por maternidade, paternidade, adopción ou acollemento da persoa autónoma. O novo proxecto, tal e como se observa no artigo 4.1, subvenciona contratacións feitas durante ese período de descanso e pola duración do mesmo, subvencionándose o contrato de sustitución ata dous meses antes do inicio do dito período. Unha vez rematado o período de descanso, tamén será subvencionable a contratación indefinida realizada coa mesma persoa.
Ademais, permite tamén subvencionar a contratación feita en caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactancia (pola duración da dita baixa).
En canto á contía da axuda, increméntase de 500 a 1.100€ mensuais, fixándose un máximo de 8 mensualidades no caso de risco durante o embarazo. No suposto de transformación do contrato de sustitución en contrato indefinido, a contía da axuda será de 7.500€, que se incrementará a 9.000 cando a persoa contratada pertenza a algúns dos colectivos relacionados na orde (mulleres, maiores de 55 anos, perosas con discapacidade, entre outros).
Polo que respecta ao Bono Autónomo Concilia II, o actual artigo 4.2 esixe que a contratación para o coidado de menores, maiores, persoas con discapacidade ou dependentes sexa indefinida, para poder ser subvencionable, cando a orde anterior subvencionaba as contratacións por un mínimo de 6 meses e un máximo de 12. O importe da axuda fíxase, con caráxter xeral, en 7.500€ prevendo o seu incremento a 9.000€ cando a persoa contratada pertenza aos colectivos relacionados neste apartado (mulleres, maiores de 55 anos, perosas con discapacidade, entre outros). A orde anterior fixaba unha contía de 500€ por mes ata un importe máximo de 6.000€.
Finalmente, en canto ao Bono Autónomo Concilia III, o artigo 4.3 engade o requisito de que os centros e servizos cuxo custo se subvenciona, estean ubicados na Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, engade expresamente que, no caso de menores, serán subvencionables servizos de coidado que xurdan en períodos de vacacións escolares cando os centros educativos estean pechados.
Por outra banda, dentro das exclusións que recolle o artigo 7, obsérvase a inclusión de dous novos supostos que se exclúen expresamente dos beneficios recollidos na orde:
-Os contratos realizados cunha persoa traballadora que teña prestado servizos nos últimos tres anos para a persoa empregadora, salvo nos casos de contratos indefinidos realizados coa persoa substituta nas baixas de maternidade ou paternidade.
-As persoas ou entidades que obtiveran con anterioridade axudas dos programas de conciliación) para a mesma persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia.
Engádese unha nova obriga no artigo 21 para as persoas beneficiarias, a de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada indefinida por un período mínimo de 3 anos, excepto no caso de baixa voluntaria ou falecemento, casos en que a beneficiaria pode optar por realizar unha sustitución. En caso de incumprir esta obriga, o artigo 23 prevé a devolución da axuda, agás no caso de falecemento, onde permite unha devolución proporcional.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 4 de decembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral manifestada polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CCOO de Galicia e UGT- Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 50/2023
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024”, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de novembro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de decembro de 2023 , acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira
Este Comité propón que se revise nos apartados 3 e 4 do artigo 7 a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención, xa que se fala de persoas ou entidades beneficiarias cando a referencia debe facerse, como no resto to texto, ás persoas beneficiarias, tendo en conta ademais que tanto na exposición de motivos como no artigo 5 se especifica claramente que as axudas van destinadas a persoas a título individual.
Segunda
Este Comité observa varios erros ao longo do texto, como os que se relacionan a continuación, polo que propón unha revisión:
-No artigo 5.5 faise referencia ao artigo 4.a) do RD Lei 1/2023, cando a referencia debería facerse ao artigo 4.1.a).
-Proponse a corrección do emprego do masculino xenérico no artigo 6.1.d) (“os autónomos administradores”), de cara a unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.
-No artigo 23.2 fálase do suposto en que “a contratación indefinida teña unha inferior a 3 anos”, debendo engadirse o termo “duración” antes de “inferior a 3 anos”.
Por outra banda, obsérvase o emprego das letras j e k na numeración do artigo 16, que son impropias do alfabeto galego.
Por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tense feito referencia, ao respecto, ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Ademais, obsérvase que as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 17. Resolución e recursos.
O apartado 2 fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité considera que, dado que o procedemento de tramitación das axudas é relativamente simple, o dito prazo é excesivo polo que debería reducirse.
Segunda.- Artigo 19. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no apartado 4 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA
As organizacións sindicais que integran este Comité non comparten a inclusión do bono autónomo para o servizo de coidado de menores, maiores e persoas con discapacidade ou dependencia neste proxecto normativo, xa que o consideran un elemento discriminatorio ao concederse sen esixir máis requisito que o de ser unha persoa autónoma, cando xa existe un bono coidado de menores para o conxunto da poboación cuns criterios e requisitos que non se aplican neste caso. Proponse, polo tanto, que se suprima do texto da orde.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG
Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este artigo engade unha nova obriga no seu apartado a) para as persoas beneficiarias, a de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada indefinida por un período mínimo de 3 anos, excepto no caso de baixa voluntaria ou falecemento, casos en que a beneficiaria pode optar por realizar unha sustitución.
A CEG considera, primeiramente, que se debería reducir o período fixado para a dita obriga a 2 anos, tal e como se observa noutras ordes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
En segundo lugar considera que deberían exceptuarse, ademais dos supostos recollidos, outros non imputables á entidade como poden ser os supostos de incapacidade permanente total ou absoluta, grande invalidez, os casos de xubilación ou os despedimentos disciplinarios que non foran declarados improcedentes.