I. ANTECEDENTES.
O día 27 de novembro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “o cese na actividade da persoa autónoma non debe representar o final da súa vida emprendedora. Co programa Nova oportunidade búscase a segunda oportunidade das persoas emprendedoras que adquiriron experiencia e que por diversas causas tiveron que cesar na súa actividade, pero queren volvan a emprender un negocio e poñer en valor a experiencia adquirida”.
Así mesmo, na exposición de motivos tamén se indica que “este programa lévase a cabo apoiando as persoas traballadoras autónomas que cumpran o requisito de cesar nunha actividade como persoa traballadora autónoma e estean inscritas como demandantes de emprego previamente a nova alta como persoa traballadora autónoma”:
Vistos o borrador agora remitido, o texto da Orde do exercicio anterior, publicada no DOG o día 31 de maio de 2023 e o ditame emitido polo Consello con data 29 de marzo de 2023 (ditame 10/2023), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, a consideración formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.
O novo proxecto presenta a seguintes novidades respecto do anterior:
O artigo 4 engade novos requisitos que deben concorrer na persoa autónoma para poder ser beneficiaria:
-Ter a última alta no RETA (antes desta nova alta) dentro dos últimos 3 anos previos á data de publicación da orde.
-A nova alta no RETA debe manterse durante un período mínimo de 24 meses.
-Ter dado a baixa no IAE da actividade precedente.
Ademais, increméntase de 3 a 6 meses o período mínimo que debe ter transcorrido entre a anterior baixa e a nova alta.
A contía do bono minórase de 10.000 a 7.500€, excepto no caso en que a beneficiaria sexa unha muller, en cuxo caso a contía será de 8.000€, segundo prevé o artigo 5.
Engádese un novo artigo (artigo 11) sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.
En canto ás obrigas das persoas beneficiarias recollidas no artigo 19, increméntase o tempo mínimo en que a beneficiaria debe permanecer de alta no RETA de 12 a 24 meses, como xa se prevía no sinalado respecto do artigo 4. Ademais, especifícase máis polo miúdo os motivos alleos á vontade da beneficiaria que levan ao cesamento da dita alta.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 15 de decembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e tres específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
|
DITAME 52/2023
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024”, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de novembro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de decembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Ao longo do texto obsérvanse mencións ás “entidades beneficiarias”, cando as referencias deberían facerse en todo caso ás persoas traballadoras autónomas ás cales se dirixe esta orde, tal e como se desprende do establecido nos seus artigos 1, 4.2 ou 19.
Segunda.
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.
En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras autónomas afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
Terceira.
Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.
Cuarta.
Este Comité observa erros ortográficos ao longo do texto, polo que propón unha revisión do mesmo.
Ademais, o apartado 3 do artigo 1 debería ser obxecto dun artigo independente que recollera, especificamente, os principios de xestión.
Obsérvase, tamén, o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 15, impropias do alfabeto galego Por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tense feito referencia, ao respecto, ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
En canto ás catro disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 1 deste precepto establece que o prazo para presentar as solicitudes será ata o 31 de outubro de 2024.
Este Comité considera que o prazo debería permanecer aberto durante todo o ano e evitar, así, un posible período de lagoa.
Segunda.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.
Este precepto condiciona o pagamento da subvención á comprobación dos requisitos esixidos, en concreto, aos referidos ás débedas tributarias fronte á Seguridade Social ou a Administración pública estatal e da comunidade autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 19.e), 21.2 e 22.e).
Terceira.- Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo prevé a incompatibilidade destas axudas -con outras que poidan outorgar as administracións públicas polos mesmos conceptos e gastos.
Este Comité propón que sexan compatibles ata o límite do 100% do gasto subvencionable e, en coherencia, que se modifique o texto do artigo 20.