Pasar al contenido principal

Ditame 53/23

Enviado el Mar, 23/04/2024 - 16:45
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024, tramitada como anticipado de gasto.

I. ANTECEDENTES

 

O día 1 de decembro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024, tramitada como anticipado de gasto. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a Exposición de Motivos “apoiar as iniciativas de emprendemento de autónomos e pequenas e medianas empresas continúa a ser necesario, nun contexto caracterizado pola permanencia de incertezas económicas, como a alza inflacionistas nos prezos, a crise enerxética, e mesm as perturbacións derivadas dun conflito bélico no continente europeo, ás que non resulta allea a economía galega, motivo polo que cómpre fortalecer a actividade económica, mediante axudas que, por unha banda, tratan de pór remedio a esas ameazas para o crecemento da nosa economía e, por outra, fomentar o seu desenvolvemento sostido, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2023, publicada no DOG o día 5 de xullo de 2023 e o ditame emitido polo Consello con data 16 de marzo de 2023 (ditame 6/2023), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, tanto de carácter formal como de fondo.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Minórase o orzamento previsto para estas axudas, que pasa de 8.550.557 a 6.500.000€ (artigo 4), tras o incremento de crédito publicado no DOG en data 27.11.2023.

 

O artigo 6 engade, como conceptos subvencionables, os gastos notariais e/ou rexistrais e os gastos de aluguer de inmobles para a realización da actividade.

 

Como especifica o artigo 8, os gastos notariais e rexistrais deben ser indispensables para a axeitada execución da actividade subvencionada e, respecto aos gastos de aluguer, deben corresponder co local ou centro de traballo no que se realice a actividade. Ademais, este mesmo artigo fixa un límite dos gastos notariais/rexistrais de 300€ por beneficiaria e, para os gastos de aluguer, de 600€.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024, tramitada como anticipado de gasto” consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

 

 

O día 15 de decembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e tres específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración manifestada pola CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia.

 

 

 

DITAME 53/2023

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024, tramitada como anticipado de gasto, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de decembro de 2023 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de decembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame e que prevén, como persoas beneficiarias das axudas neles reguladas, a persoas traballadoras autónomas, este Comité considera que procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

Isto obsérvase, por exemplo, no proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Segunda.

Obsérvase que no artigo 14 utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

En canto ás dúas disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais,  para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

 

Primeira.- Artigo 8. Definicións.

O apartado f) define a reforma e habilitación das instalacións do local do negocio obras que consisten

normalmente en reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local.

 

Este Comité considera que debería haber concordancia entre o título do concepto e o contido da definición, xa que neste caso estase a falar de reformas e habilitación de instalacións mentres que na definición se fai referencia a obras de escasa entidade ou á decoración, polo que se propón que a definición recolla a posibilidade expresa de obras de máis calado propias dunha reforma.

 

Segunda.- Artigo 27. Forma de pagamento e xustificación.

Segundo o apartado 10, en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Terceira.- Artigo 30. Presentación de solicitudes.

Este artigo establece o remate do prazo para presentar as solicitudes o 28 de xuño de 2024.

 

Este Comité considera que sería procedente ampliar o dito prazo ata o 31 de outubro de 2023, como se observa no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024

 

 

 

ANEXO

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.

 

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado h) deste precepto establece a obriga da persoa ou entidade beneficiaria de manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.

 

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, consideran que se debería esixir, durante o mesmo período, o mantemento do emprego existente na data de presentación da solicitude para dar así cumprimento ao obxectivo recollido tanto na exposición de motivos da orde como no seu artigo 1, que alude directamente á finalidade de manter empregos de calidade.

 

Número ditame
53