Pasar al contenido principal

Ditame 6/24

Enviado el Mar, 23/04/2024 - 16:53
Ditame sobre o proxecto de resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a empresas privadas para fomentar a promoción profesional da muller en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024
  1. ANTECEDENTES

 

O día 26 de marzo de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a empresas privadas para fomentar a promoción profesional da muller en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “No título III da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia abórdase a temática da igualdade de mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais e, no seu artigo 118, establece que se convocarán axudas que teñan por obxecto converter en contratos de traballo a tempo completo os contratos a tempo parcial ou fixos descontinuos, e en contratos de duración indefinida os contratos de duración determinada. Igualmente se potenciará a formación das traballadoras para a promoción profesional dentro da empresa, en particular, a formación tecnolóxica.

 

Por outra banda, o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 recolle esta actuación de forma transversal no seu ámbito 1. Empregabilidade, emprendemento e eliminación da fenda salarial, establecendo entre as súas prioridades de actuación a de contribuír a que se garantan a igualdade de mulleres e homes nas condicións laborais.

 

Así, o obxectivo desta liña de subvencións consiste en diminuír a fenda salarial entre mulleres e homes e incrementar a renda das mulleres e a promoción profesional, que segundo os datos estatísticos oficiais seguen a diferenzas nos salarios, nos ingresos polo traballo e nas características dos contratos. Así mesmo, preténdese diminuír a segregación horizontal que persiste en determinadas profesións e sectores nos que hai unha menor proporción de traballadoras”.

 

 

 

É a primeira vez que este proxecto normativo se somete a ditame e do seu contido cómpre destacar os seguintes aspectos:

 

Segundo o artigo 1, o obxecto destas axudas é incentivar a promoción profesional das mulleres en Galicia en empresas privadas de menos de 250 persoas traballadoras (pequenas ou medianas empresas, PEMEs) que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

 

O procedemento de concesión será o de concorrencia non competitiva.

 

En canto ao financiamento, o artigo 2 establece un crédito total de 500.000€.

 

As beneficiarias serán as empresas privadas e persoas físicas empregadoras que desenvolvan a súa actividade empresarial en Galicia e que na súa totalidade teñan menos de 250 persoas traballadoras, sempre que cumpran os restantes requisitos sinalados no artigo 4.

 

O artigo 5, pola súa banda, establece que será subvencionable a novación de contratos de traballo que supoña un ascenso profesional de carácter indefinido para a traballadora. Especifica que, no suposto dos contratos temporais, deberá producirse a conversión do contrato temporal en indefinido. Relaciona, así mesmo, unha serie de requisitos que debe cumprir a actuación subvencionable entre os que destaca o feito de que debe supoñer un incremento salarial bruto igual ou superior a 1.400€, producido como consecuencia dun cambio de categoría ou grupo profesional.

 

O gasto subvencionable, segundo o artigo 6, é ese incremento salarial derivado da promoción profesional da muller traballadora en que consiste a acción subvencionable.

Este mesmo artigo regula a contía máxima da axuda, que será de 2.000€ por traballadora (ou 3.000, no caso de que a traballadora desenvolva a súa actividade nas profesións e ocupacións con menos índice de emprego feminino) e, en todo caso, a contía máxima da axuda por empresa fíxase en 20.000 euros.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2024 (artigo 7) e o prazo máximo para resolver será de 3 meses (artigo 14).

 

Entre as obrigas que para as entidades beneficiarias relaciona o artigo 18, cómpre destacar a de manter o contrato da traballadora cuxo ascenso profesional foi obxecto da subvención durante un período mínimo de 12 meses.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a empresas privadas para fomentar a promoción profesional da muller en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: exposición de motivos, vinte e catro artigos e dúas disposicións finais.

 

 

O día 4 de abril de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e doce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, así mesmo, as consideracións específicas non unánimes seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais (Anexo I) e dúas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

DITAME 6/2024

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a empresas privadas para fomentar a promoción profesional da muller en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de marzo de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de abril de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

Isto obsérvase, entre outros, no proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Segunda.

Obsérvase o emprego das barras (apoderado/a, traballadores/as, entre outros) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva tendo en conta, ademais, que estamos ante un proxecto normativo remitido pola Secretaría Xeral da Igualdade. As propias recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios, polo que se propón a súa corrección.

 

Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 18, impropia do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, as disposicións finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as dúas disposicións últimas deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “última” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

En xeral, procede levar a cabo unha revisión ortográfica e gramatical de texto. Así, no artigo 5.5 debe substituírse una por unha, e no artigo 13.1 debería corrixirse a referencia á Subdirección Xeral de Promoción é Igualdade por Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

 

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité considera que se debería engadir na exposición de motivos, como acontece con outras ordes da Consellería, indicación dos informes preceptivos que se solicitaron na tramitación deste proxecto normativo.

 

Segunda.- Artigo 4. Beneficiarias.

No punto 1 deste artigo, establécese que serán beneficiarias as empresas privadas e persoas físicas empregadoras. O Comité propón que se cambie a denominación do artigo neste senso.

Por outra banda, obsérvase que o apartado 2 deste mesmo artigo fai referencia á condición de persoa beneficiaria o cal non gardaría a debida concordancia co recollido no apartado 1.

 

Terceira.- Artigo 5. Actuacións subvencionables. Requisitos.

O apartado 3 deste artigo exclúe, do carácter subvencionable, os ascensos ou promocións profesionais no marco das relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2015.

 

Este Comité considera que debería motivarse esta exclusión, xa que dentro desas relacións de carácter especial inclúese o persoal de alta dirección de xeito que se estaría impedindo subvencionar o ascenso ou promoción a ese tipo de postos.

 

Cuarta.- Artigo 5. Actuacións subvencionables. Requisitos.

Este Comité considera que deberían recollerse, como supostos excluídos da posibilidade de ser obxecto de subvención, aqueles que sexan consecuencia de ascenso ou promoción determinado pola lexislación laboral ou por convenio colectivo.

 

Quinta.- Artigo 5. Actuacións subvencionables. Requisitos.

No apartado 4 faise referencia aos contratos en prácticas e para a formación e aprendizaxe, cando a referencia correcta é aos contratos de formación en alternancia e para a práctica profesional.

 

Sexta.- Artigo 5. Actuacións subvencionables. Requisitos.

Respecto da exclusión referida na consideración anterior, este Comité considera que se debe motivar a mesma, xa que se pode dar o caso de que se produza unha promoción ou ascenso ao remate das prácticas.

 

Oitava.- Artigo 6. Gasto subvencionable e contía da subvención.

No apartado 3 deste artigo fálase da contía máxima por empresa. Á vista do contido do artigo 4 e o recollido na consideración específica segunda deste ditame, este Comité considera que esa redacción é incorrecta xa que exclúe ás persoas físicas empregadoras, polo que se debería adaptar.

 

Novena.- Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo.

O apartado 1 deste artigo establece o fin do prazo para a presentación de solicitudes o 30 de setembro de 2024. Este Comité considera que se debería ampliar o prazo ata o 31 de outubro.

 

Décima.- Artigo 8. Documentación complementaria.

No apartado 1.h) faise referencia á necesidade de indicar as táboas salariais que sexan de aplicación na entidade solicitante. Este Comité considera que é máis axeitado solicitar que se indiquen os salarios que sexan de aplicación na entidade solicitante.

 

Décima primeira.- Artigo 16. Réxime de recursos.

Obsérvase que os apartados 1 e 2 deste artigo reiteran o mesmo contido no que respecta á interposición do recurso potestativo de reposición.

 

Décima segunda.- Artigo 19. Perda do dereito ao cobramento de axuda e reintegro.

O apartado 5 prevé o reintegro parcial da axuda percibida no caso de baixa voluntaria da traballadora dentro dos 12 meses seguintes ao ascenso.

 

Este Comité considera que deben terse en conta para o reintegro parcial (non total) tamén outros supostos como son a xubilación, falecemento, ou incapacidade permanente, absoluta ou gran invalidez da traballadora.

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA e SN DE CCOO DE GALICIA.

 

Artigo 18.- Obrigacións das beneficiarias.

O apartado 1.c) establece a obriga de manter o contrato da traballadora cuxo ascenso profesional foi obxecto da subvención durante un período mínimo de 12 meses a contar desde a data da promoción.

As organizacións sindicais consideran que se debería ampliar o período de mantemento do contrato da traballadora a 24 meses desde a data da promoción.

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas.

O primeiro parágrafo deste artigo establece a compatibilidade destas axudas con outras sempre que o seu importe non supere o custo da actuación subvencionada.

 

Pola súa banda, o parágrafo segundo fai referencia ao posible suposto de que o conxunto das axudas supere o custo dos gastos subvencionables.

 

Así, cada un dos parágrafos fai referencia a un concepto diferente, polo que a CEG considera que debería harmonizarse a redacción para maior seguridade xurídica.

 

Segunda.- Artigo 5. Actuacións subvencionables. Requisitos.

O apartado 6 soamente permite unha única solicitude a cada empresa, na que debe incluír a todas as traballadoras cuxa promoción se pretende sunbvencionar.

 

A CEG considera que deberían admitirse diferentes solicitudes (sempre que correspondan a distintas persoas traballadoras), dentro do prazo aberto ao efecto.

Número ditame
6