Pasar al contenido principal

Ditame 7/24

Enviado el Mar, 23/04/2024 - 16:55
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2024-2025.

I. ANTECEDENTES

 

O día 8 de abril de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, da Consellería de Promoción do  Emprego e Igualdade que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “o goberno galego quere asegurarse de que as persoas teñan as habilidades que necesitan para prosperar, por iso, seguindo as directrices europeas, está a despregar unha Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, co obxectivo de mellorar as capacidades das persoas, para fortalecer a competitividade das empresas, garantir a equidade social e desenvolver a nosa resiliencia”.

 

Así, elaborouse “o Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego (...) co obxectivo de elaborar unha proposta de cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro”.

 

Por outra banda, “leváronse a cabo mesas de traballo sectoriais a través dun proceso participativo orientado a capturar a información do tecido produtivo para detectar as necesidades de capacitación”.

 

Engade a Exposición de motivos que “co coñecemento adquirido a través desas dúas iniciativas, xustifícase a pertinencia da presente convocatoria de axudas, co obxectivo de asegurar que as persoas teñan as capacidades adecuadas, mobilizando e incentivando ás empresas para adoptar accións para a mellora e a reciclaxe profesional das persoas en idade de traballar e dese modo resolver as necesidades de perfís capacitados por parte das empresas”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 20 de xullo de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 29 de maio de 2023 (ditame 19/2023), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.

 

Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Polo que respecta á entidades beneficiarias destas axudas obsérvase no artigo 6 que, para esta convocatoria, inclúense como posibles beneficiarias as medianas e grandes empresas, mentres que xa non figuran con esa condición as entidades do terceiro sector de acción social.

 

En canto á execución das accións formativas, o artigo 8 xa non permite esa execución mediante teleformación, senón unicamente en modalidade presencial.

 

O artigo 9 fixa a información que debe presentarse respecto de cada acción formativa e obsérvase que xa non se esixe informar sobre o custo económico da acción.

Pola súa banda, o prazo para cumprir a obriga de comunicar o lugar de impartición da formación, cando este sexa descoñecido no momento de presentar a solicitude, redúcese de 15 a 7 días de antelación ao comezo da impartición.

 

Como consecuencia da ampliación das entidades que poden ser beneficiarias das axudas, o artigo 11 establece a porcentaxe máxima dos custes subvencionables que se poden subvencionar para o caso de que as beneficiarias sexan medianas ou grandes empresas e que é do 60% e 50%, respectivamente.

Neste mesmo artigo obsérvase un leve incremento da contía fixada por hora de formación para determinar o gasto máximo subvencionable.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2024-2025” consta de: Exposición de motivos, trinta e cinco artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 18 de abril de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais de carácter unánime e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia.

 

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánimes seguintes: 1 xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais (ANEXO I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (ANEXO II).

 

 

 

 

 

DITAME 7/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2024-2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de abril de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este Comité considera que os requisitos formais e as obrigas de xestión que impón esta orde son excesivos, tendo en conta o tecido produtivo ao que se dirixen estas axudas, isto é, microempresas e persoas traballadoras autónomas, cuxa capacidade de xestión se pode ver superada pola complexidade dos trámites esixidos.

 

Por iso, debería preverse unha xestión máis sinxela e simplificada.

 

Segunda.

Este Comité considera que se debe ter en conta, no momento de remitir este proxecto para a súa publicación oficial, a necesidade de adaptar as referencias aos decretos de estrutura da Xunta de Galicia e da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración así como actualizar as mencións que se fan á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, recollendo no seu lugar a actual denominación da Consellería.

 

Proponse unha revisión do texto sometido a ditame cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva, xa que se observa o emprego do masculino xenérico (por exemplo, “profesionais autónomos” no artigo 8. Así mesmo, deben revisarse os erros de numeración que se detectan nos artigos 8 e 9.

 

Ademais, obsérvase que neste proxecto normativo utilízanse as letras j e k nos artigos 4, 18 e 27, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

As disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Terceira.

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

Este Comité considera que procede xustificar a eliminación, respecto da convocatoria destas axudas para o exercicio anterior, das entidades do terceiro sector de acción social como beneficiarias das anteditas axudas.

Segunda.-Artigo 8. Actuacións subvencionables.

O apartado 5 deste artigo permite impartir as accións formativas mediante aula virtual. Ao respecto, este Comité considera que se deberían especificar no texto da orde as obrigas que a Lei Orgánica 3/2018 de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais impón ás entidades que desenvolven as accións.

 

Terceira.- Artigo 14. Réxime de concesión.

O apartado 1 deste artigo establece que o procedemento de concesión de subvencións tramitarase e resolverase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

 

Engade, a continuación, o teor literal do citado artigo “segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario”.

 

Este Comité considera que procede eliminar esta segunda parte, xa que pode xerar confusión e o procedemento polo que se tramitarán as axudas queda perfectamente claro na primeira parte do apartado.

 

Cuarta.- Artigo 28. Xustificación final da subvención e liquidación.

O apartado 2 deste artigo fixa a finalización do prazo para presentar a xustificación das accións formativas rematadas na primeira anualidade das axudas o 30 de novembro mentres que, para as accións rematadas na segunda anualidade, o prazo remata o 15 de outubro.

 

Este Comité propón ampliar o prazo de xustificación desta segunda anualidade, á vista do fixado para a primeira anualidade.

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT – GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

 

Consideración xeral

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que esta orde, a pesar de ser técnica e formalmente correcta e aínda que a formación permanente en determinadas habilidades resultaría útil, ten unha difícil aplicabilidade real polo sector ao que se dirixe, xa que tanto as microempresas como as persoas traballadoras autónomas non dispoñen da capacidade de xestión axeitada para dar cumprimento aos requisitos formais que esta orde conleva, co cal se dificulta acadar o obxectivo pretendido.

 

Ademais, como xa teñen manifestado noutras ordes reguladores de accións formativas, as organizacións sindicais reiteran a súa proposta de que as axudas que teñen por obxecto subvencionar actuacións formativas non se vexan desagregadas en diferentes ordes.

 

Consideracións específicas

 

Primeira.- Artigo 8. Actuacións subvencionables.

Segundo o apartado 4 deste artigo, cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100.

 

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran escasa a duración mínima esixida, tendo en conta os ámbitos de formación que se sinalan como prioritarios, como as competencias dixitais, polo que debería aumentarse esa duración mínima.

 

Segunda.- Artigo11. Criterios para a determinación da contía da subvención.

O apartado 2 fixa a contía máxima da subvención por entidade solicitante en  25.000 euros engadindo que, en todo caso, a intensidade máxima da axuda solicitada está limitada ao 70%, 60% ou 50%, en función do tipo de entidade beneficiaria, do gasto subvencionable.

As organizacións sindicais consideran excesivo tanto o límite subvencionable como a contía máxima á que poden optar as beneficiarias, entendendo que a subvención regulada nesta orde se debería adecuar ao módulos económicos previstos para o financiamento doutras actuacións formativas desta Consellería.

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 3. Definicións.

O apartado 3 define ás empresas en crise, excluídas da condición de beneficiarias destas axudas segundo o artigo 6.

 

A CEG entende que esta exclusión non debería afectar a aquelas empresas declaradas en concurso cando neste adquirira a eficacia un convenio, xa que o artigo 10.2 da Lei de Subvencións de Galicia permite a estas entidades ser beneficiarias de subvencións este extremo debería constar expresamente nesta orde.

 

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

A CEG entende excesivo o requisito esixido no apartado 1 deste artigo de que as entidades deban contar cunha actividade ininterrompida, cando menos, de tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria.

 

Considera que debería eliminarse para dar cabida a un maior número de empresas.

 

 

 

Número ditame
7