- ANTECEDENTES
O día 30 de abril de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras
desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2024-2026, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2024-2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre os citados proxectos normativos, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, estableceu un novo marco normativo que ten por obxectivo a constitución e ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional.
A súa finalidade é regular un réxime de formación e acompañamento que sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, expectativas e aspiracións de cualificación profesional das persoas ao longo da súa vida e ás competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da última orde que regulaba bases e a convocatoria para, publicada no DOG o día 22 de maio de 2023 e o ditame emitido con data 29 de marzo de 2023 (Ditame 11/2023), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes novidades:
Obsérvanse varias modificacións respecto dos criterios de avaliación técnica recollidos no artigo 14 do proxecto normativo.
Así, increméntase de 25 a 28 puntos a valoración prevista pola adecuación da acción formativa ás familias profesionais ou especialidades formativas consideradas prioritarias, ben para todo o territorio da Comunidade Autónoma, ben para o territorio da provincia ou comarca na que se impartan.
Diminúe, en todos os tramos, a puntuación outorgada pola porcentaxe de persoas formadas ou aprobadas en relación co número de alumnado subvencionado, excepto no suposto de que esa porcentaxe sexa igual ou superior ao 90%, en cuxo caso se mantén a puntuación máxima de 10 puntos. Ademais, xa non se valora a porcentaxe inferior ao 60%, mentres que na orde anterior concedíanse 2 puntos por superar o 50%.
Tamén se modifica a puntuación outorgada pola porcentaxe de abandonos non xustificados, destacando o feito de que, para obter a máxima puntuación (5 puntos), esa porcentaxe debe ser inferior ao 10%, cando na orde anterior abondaba con ser inferior ao 30%.
Por outra banda, xa non é avaliable o compromiso de inserción senón a inserción efectiva, realizándose o cálculo sobre a totalidade da accións formativas executadas con relación a convocatoria anterior á última publicada e executada. Elimínase, ademais, o requisito de que a inserción deba realizarse nunha ocupación relacionada coa familia profesional da especialidade formativa impartida.
Increméntase, de 5 a 6 puntos, a valoración máxima polo compromiso de participación de colectivos prioritarios na acción formativa. Tamén se incrementan os colectivos que terán esa consideración, engadindo as persoas en risco de exclusión social, as titulares da autorización de residencia por arraigo para a formación, as persoas con baixa cualificación e aquelas que se atopen en situación de suspensión de contrato ou de redución de xornada como consecuencia dun ERTE. Tamén respecto deste criterio se observa modificación na puntuación outorgada segundo a porcentaxe do compromiso de participación respecto ao total de persoas participantes certificadas; destaca o feito de que o novo proxecto puntúa o compromiso de participación a partir do 20%, cando a orde anterior requiría un mínimo do 50%. A puntuación máxima segue prevéndose a partir do 80%, pero increméntanse de 5 a 6 puntos.
Redúcese de 8 a 6 a puntuación prevista para o caso de que a entidade se comprometa a que o 100% da persoas participantes sexan persoas cunha discapacidade física, psíquica ou sensorial.
Tamén se reduce, de 4 a 3 puntos, a valoración prevista polo compromiso de colaborar na xestión das bolsas e axudas ao alumnado.
O feito de dispor dun plan de igualdade valórase con 4 puntos, un máis que na anterior convocatoria.
Respecto da información que o artigo 19 esixe incorporar ao sistema informático SIFO, o prazo para isto redúcese dos 5 aos 3 días anteriores ao inicio de cada acción formativa.
O artigo 30 permite á entidades solicitar a impartición dun módulo de formación complementaria de entre os que o propio artigo indica, observándose a supresión dos módulos de alfabetización informática e habilidades comunicativas en galego para o mundo laboral, respecto do previsto na orde anterior.
En canto ao financiamento destas axudas, increméntase o orzamento total en case 6.000.000€, segundo o artigo 42.
Recóllese, como novidade, unha contía máxima de 500€ por persoa alumna para sufragar gastos destinados a promover e adecuar as condicións físicas e tecnolóxicas así como a dotar de recursos materiais e medios didácticos ás persoas con discapacidade.
O artigo 46 prevía, na anterior convocatoria, que un censo de formación non pode obter unha subvención que supere o 3,5% do crédito orzamentario global. O novo proxecto mantén ese límite na provincias de Lugo e Ourense, pero redúceo ao 2,5% para A Coruña e Pontevedra.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2024-2026, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2024-2025” consta de: Exposición de motivos, corenta e nove artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 8 de maio de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén oito consideracións xerais e trinta e cinco específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, cinco consideracións específicas non unánimes seguintes: 3 manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I), 1 manifestada polas organizacións sindicais CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo II), 1 manifestada pola CIG, UGT-Galicia e a CEG (Anexo III), 2 manifestadas pola CIG (Anexo IV) e 27 manifestadas pola CEG (Anexo V).
|
DITAME 9/2024
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2024-2026, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2024-2025”, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de abril de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de maio de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que publicar unhas bases reguladoras bianuais destas axudas non é a mellor solución técnica.
Segunda.
Para evitar os problemas de financiamento e atenuar o impacto dos retrasos nos pagamentos (dos anticipos, das liquidacións das subvencións, etc), este Comité propón que se estableza algún instrumento financeiro que posibilite a execución das accións formativas, como, por exemplo, un aval do IGAPE que implique que as entidades solicitantes poidan acceder a créditos con condicións financeiras especialmente favorables que cubran o 100% da cantidade subvencionada.
Terceira.
Este Comité reitera a necesidade de que se acheguen os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos relevantes da orde.
En consecuencia, deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas , desagregadas por sexos, afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
Ademais, dada a transcendencia outorgada ás renuncias nesta convocatoria, este Comité considera que se debería engadir o dato do número de renuncias á folla estatística xunto ao número de accións para coñecer a efectividade real da execución desta orde.
Cuarta.
Aínda que se observa unha revisión dos módulos, este Comité considera que existe un desfase entre os módulos económicos e os custos reais polo que é conveniente, con carácter xeral, unha nova revisión dos importes dos módulos establecidos no anexo correspondente segundo a tipoloxía da acción formativa xa que, nalgúns casos, a dotación é escasa o que pon en risco tanto a calidade como o alcance das actuacións.
Quinta.
Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.
Isto obsérvase, entre outros, no proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Sexta.
O marco normativo actual da Formación Profesional para o emprego outorga un papel residual aos que, ata a data, foran os actores principais do sistema de formación, os axentes sociais, e limita a súa actuación a, entre outras cuestións,o deseño e planificación das accións formativas.
É por iso que este Comité quere poñer de manifesto que a intervención dos axentes sociais no deseño e elaboración das ordes non se debe limitar a unha mera consulta, senón que debe ser activa e aberta ao debate e intercambio de suxerencias nun diálogo aberto coa Administración.
Isto abarca a planificación e deseño das accións, os criterios de selección das accións e a priorización a aplicar, a distribución de porcentaxes de reservas recollidos nos distintos anexos e todo aquelo que, en definitiva, conforma a oferta de formación para persoas desempregadas, cuxo fin non é outro que formar para mellorar a súa empregabilidade.
Sétima.
A formación financiada a través da utilización dos fondos públicos esixe a máxima transparencia e rigor, ao que hai que engadir os principios de obxectividade e concorrencia que deben rexer a convocatoria de subvencións a través da cal se articula a formación de persoas desempregadas.
Dito isto, as entidades concorrentes e executoras das accións son un colaborador necesario para a boa fin da formación.
Por iso, este Comité considera que as condicións de execución deben ser as axeitadas para garantir a súa boa fin sen ir en detrimento da viabilidade dos centros.
En consecuencia, as continuas dificultades que se poñen de manifesto a través das alegacións que se fan a este borrador teñen dúas finalidades: por unha banda, proporcionar unha formación de calidade, inclusiva e que redunde na mellora da empregabilidade das persoas destinatarias e, por outra, non incorrer en déficit para logralo.
Oitava.
Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións ortográficas puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso das barras presente ao longo do texto do proxecto normativo (administrador/a ou titor/a no artigo 26 e alumnos/as no artigo 29), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.
Tamén debe procederse a unha revisión xeral do texto xa que contén algúns erros gramaticais, por exemplo as formas verbais “haxa comunicado” ou “houbese abandonado” no artigo 5 ou “haber adquirido” no artigo 32.
Os artigos 14 e 39 empregan na súa numeración as letra j e k, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Pola súa banda, as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.
O esquema de xestión diseminado por provincias vén ocasionando erros e problemas nos trámites que teñen que facer tanto a Administración como as entidades de formación de ámbito supraprovincial.
Este Comité considera ademais que, para garantir adecuadamente a concorrencia competitiva, a xestión, execución e resolución de todas as solicitudes desta convocatoria deberían corresponder a un só órgano: a Dirección Xeral de Formación e Colocación.
En calquera caso, solicítase que os criterios de aplicación de toda a norma sexan únicos para toda Galicia.
Segunda.- Artigo 5. Entidades solicitantes.
Este Comité propón que se engada un novo requisito ás entidades solicitantes: unha solvencia económica mínima para garantir que a entidade executante ten a capacidade para executar as accións que solicita.
Terceira.- Artigo 5. Entidades solicitantes.
O apartado 7 deste artigo introduce novos requisitos que, no seu caso, a convocatoria poderá esixir ás entidades beneficiarias, como o feito de que non abandonara máis do 50% do alumnado con respecto ao total dos comunicados e iniciados do conxunto das accións formativas financiadas.
Este Comité considera que se debe especificar que tampouco se terán en conta as renuncias aceptadas.
Cuarta.- Artigo 5. Entidades solicitantes.
Entre os requisitos que a convocatoria pode esixir ás beneficiarias, segundo o apartado 7 deste artigo, o ítem 3 recolle o de que a entidade comunicara e iniciara máis do 60% das prazas financiadas con respecto ao total das accións formativas financiadas indicando que, a efectos do cálculo do tanto por cento, non serán computables as renuncias xustificadas ás que se refire o artigo 16.4 desta orde.
Este Comité considera que a referencia feita ao artigo 16.4 debe facerse ao artigo 16.3, xa que é este o que recolle realmente a casuística aludida.
Quinta.- Artigo 7. Declaración responsable que forma parte da solicitude.
O apartado 1 deste precepto establece que forma parte da solicitude a declaración responsable que fará constar, segundo a letra f), que a entidade conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, para asumir na súa totalidade a execución completa dos cursos que solicita.
Este Comité considera que se trata dunha obriga ampla que podería ser discrecional, polo que se solicita que se concrete o seu contido.
Sexta.- Artigo 13. Procedemento.
Para a elaboración dos anexos referidos neste artigo, este Comité considera que se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír nos citados anexos.
Por outro lado, este Comité considera que deberían manterse incluídas nos referidos anexos, cando menos durante un período de tempo axustado ao período de amortización do esforzo inversor, aquelas especialidades formativas que supoñan un elevado investimento para as entidades beneficiarias, para os efectos de permitir a súa programación e rendibilización en termos económicos e sociais.
Sétima.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
O apartado 1.g) puntúa o compromiso de participación na acción formativa dos colectivos prioritarios que relaciona este apartado.
O comité considera que se deberían incluír tamén como prioritarios os seguintes colectivos:
.Persoas emigrantes retornadas
.Persoas maiores de 45 anos
.Persoas con discapacidade
Oitava.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
A puntuación que o apartado 1.h) outorga polo compromiso adquirido de que o 100% das persoas participantes na acción formativa sexan persoas cunha discapacidade física, psíquica ou sensorial redúcese de 8 a 6 puntos.
Este Comité considera que se debería recuperar esa previsión de 8 puntos contida na convocatoria anterior.
Novena.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
Este Comité entende que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración o feito de que os concellos teñan a condición de concello emprendedor-concello Doing Business, tal como recolle o apartado 1.l) deste artigo, xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.
Décima.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
Este Comité solicita que se recupere como criterio de valoración a experiencia na impartición da formación profesional para o emprego.
Décima primeira.- Artigo 16. Resolución.
Respecto do apartado 3 deste artigo, este Comité considera que é preciso poñer orde, aclarar e simplificar as circunstancias que afectan á renuncia, xa que neste precepto se mesturan os motivos de rexeitamento (sobrevidos e non sobrevidos) coa tipoloxía de rexeitamento que pode ser expreso ou tácito.
Así mesmo, introdúcese certa inseguridade xurídica ao establecer que a renuncia sobrevida debe motivarse adecuadamente, con independencia do seu motivo.
En todo caso, considérase que non debería penalizarse a renuncia salvo que sexa sobrevida e por motivos non xustificados, xa que as entidades non coñecen as accións que van a executar hasta que son coñecedoras da resolución e non deberían ser penalizadas se renuncian en tempo e forma ou se unha circunstancia allea e motivada lles impide a execución.
Así, si o motivo é por non atopar alumnado ou falta de docentes, non se debería ter en conta para unha minoración da puntuación, porque as entidades que devolven un curso por este motivo xa sufriron castigo económico suficiente ao non poder imputar custos no proxecto (como son de captación de alumnado, docentes, xestión administrativa), como para verse máis afectada en futuras convocatorias.
Cómpre neste punto aclarar, que en moitas ocasións esta situación agrávase ao non enviar o Servizo Público de Emprego alumnado suficiente.
Décima segunda.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias
Este Comité considera que, con respecto ao establecido no apartado 5 deste artigo e para conseguir unha maior axilidade, sería aconsellable que o propio Servizo Público de Emprego detallara na súa carta ás persoas candidatas os requisitos que estas deben cumprir para acceder á especialidade correspondente.
Décima terceira.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 19, para o caso do persoal interno vencellado á impartición da docencia, a entidade deberá crear, documentar e custodiar un sistema con valor probatorio suficiente, para acreditar as horas diarias dedicadas por cada persoa a estes labores de preparación e titoría, e as tarefas realizadas con indicación do seu custo.
Este Comité considera que se debería simplificar a esixencia que conleva esta obriga.
Décima cuarta.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 22 establece a obriga de realizar cando menos unha sesión de orientación profesional para favorecer a xeración de itinerarios formativos e profesionais dos destinatarios da formación.
Este Comité considera que se debería clarificar esta obriga, respecto a que persoal técnico debe levala a cabo, en que horario, etc.
Décima quinta.- Artigo 22.Dereitos e deberes do alumnado.
Respecto do recollido no apartado 6.c) , este Comité considera que o control das faltas de asistencia, sexan ou non xustificadas, así como as faltas de puntualidade, supón unha carga de traballo e unha responsabilidade para as entidades, que debería minimizarse.
En primeiro lugar, porque estas deben validar os xustificantes das faltas, ademais de subilos á aplicación, e en segundo lugar, porque o alumnado perde o control das horas que leva faltado e traslada a consulta, co risco de equivocarse no cómputo.
Polo tanto, proponse que se habilite un botón no SIFO ou no COBIPE, de maneira que se obtivera o número de horas asistidas e/ou número de horas que faltou cada alumno/a.
Así mesmo, débese facilitar o acceso a cada alumno/a de maneira que sexan eles os que poidan levar un control das súas faltas de asistencia.
Décima sexta.- Artigo 26. Persoas destinatarias da formación e definición de persoa alumna.
O apartado 6 relaciona os colectivos de persoas desempregadas que terán preferencia para a participación nos cursos e inclúe, no ítem B, ás persoas que teñen superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade.
Este Comité propón que, no caso de programar un certificado completo, se permita a posibilidade de superar o número máximo de alumnado previsto de 15 persoas, para que esa persoa que xa superou un ou varios módulos poida incorporarse no momento en que se vaia desenvolver o módulo que ten pendente. Esta incorporación iría asociada a un incremento económico no módulo ou módulos.
Décima sétima.- Artigo 26. Persoas destinatarias da formación e definición de persoa alumna.
Este Comité considera que se debería reflectir na redacción do apartado 6 que o Servizo Público de Emprego de Galicia debe proporcionar, no listado de persoas candidatas a seleccionar, os datos necesarios para priorizar esa selección, xa que hai criterios que a entidade impartidora descoñece (IPI ou o feito de ter seleccionado ese curso desa entidade, entre outros).
Décima oitava.- Artigo 27.Selección do alumnado.
No apartado 2.b) deste artigo regúlase o xeito de realizar a preselección do alumnado pola oficina de emprego correspondente.
Este Comité considera que co obxecto de axeitar a sondaxe entre as persoas demandantes de emprego, sería aconsellable que se convocaran as persoas de acordo co perfil establecido no programa do curso e ter en conta o interese do alumnado.
Décima novena.- Artigo 28.Capacidade, incorporación e suspensións.
O apartado 6 prevé que, nas accións formativas en que, malia o intento de completarse o número de persoas alumnas, diminúa o número de participantes ata un número inferior ao 50 % do número programado, exceptuadas as baixas que se produzan por colocación das persoas alumnas, poderán ser canceladas polo órgano competente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Respecto da cancelación por parte da Administración dos cursos en que o alumnado diminúa a unha cantidade inferior ao 50% do número programado que prevé o apartado , este Comité considera que debería concretarse en que se supostos procede e que debería estipularse o criterio para o cálculo da indemnización dado que atende ao principio de proporcionalidade.
Este Comité considera que en todo caso se debería compensar ás entidades polo custo que xa tiveran realizado si son obrigadas á finalización da acción formativa.
Vixésima.- Artigo 30. Módulos formativos transversais.
Este Comité propón recuperar os módulos de alfabetización informática e habilidades comunicativas en galego para o mundo laboral que o novo proxecto elimina dentro da relación de módulos de formación complementaria que as entidades poden solicitar, no seu caso.
Vixésima primeira.- Artigo 32. Formación en empresas.
En relación ás prácticas incluídas no programa formativo do curso, sería desexable establecer unhas instrucións para o correcto desenvolvemento das prácticas e atender aspectos como o calendario de execución, lugar (mesmo concello ou outro), circunstancias para a renuncia e, en xeral, todos aqueles aspectos derivados da posible casuística.
Vixésima segunda.-Artigo 36. Pagamento da subvención.
O apartado 1 deste artigo establece que o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan, non poderá ser superior ao 60% do importe da subvención concedido.
Sen embargo esa previsión é irreal xa que, na práctica, a falta de capacidade de xestión da Administración e do propio programa SIFO III inviabiliza chegar a esa porcentaxe do 60% e fai casi imposible realizar xustificacións parciais.
Polo tanto, este Comité propón que a Administración realice as melloras administrativas e informáticas precisas para que se poidan realizar efectivamente xustificacións parciais e para que, en consecuencia, se poida acceder realmente a eses pagamentos parciais previstos no texto do proxecto.
Vixésima terceira.-Artigo 36. Pagamento da subvención.
E necesario solicitar a maior axilidade posible nos pagos, xa que se vén apreciando que os pagos de anticipos, especialmente os da segunda anualidade, atrásanse en exceso.
Vixésima cuarta.- Artigo 36. Pagamento da subvención.
Non parece razoable establecer un prazo de 6 meses para levar a cabo o pago da liquidación dunha acción formativa, máxime cando todo o trámite burocrático para a acreditación da realización da acción cae sobre o beneficiario.
Vixésima quinta.- Artigo 37 Xustificación da subvención.
Este Comité considera que este artigo contradice o sistema de concesión e coste das accións subvencionadas ó exixir unha memoria xustificativa que serve de base para despois liquidar a subvención concedida.
A liquidación debe coincidir co coste da acción formativa, que é o calculado pola propia administración a precio de mercado, seguindo o sistema de módulos establecido. Non procede combinar o sistema de liquidación do gasto por módulos co sistema de liquidación do gasto por xustificación mediante facturas ou gasto real da entidade, polo que é preciso un cambio substancial na redacción deste artigo, que harmonice o seu teor literal co argumento anterior.
Vixésima sexta - Artigo 37 Xustificación da subvención.
No apartado 3 deste artigo establécese como obriga das beneficiarias certificar que están ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda e está ao día no pagamento de obrigas por reintegro.
Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.
Vixésima sétima.- Artigo 38. Liquidación da subvención.
No apartado 1 estipúlase que o custo subvencionable calcularase en atención ao número de horas de alumnado computable durante o desenvolvemento da acción formativa. Esta fórmula de cálculo presenta serias dificultades e penaliza gravemente ás entidades.
Por un lado xera incertidumbre na contía subvencionada xa que ata a finalización da acción formativa os centros non saben a contía a percibir.
Por outra banda, supón unha perda de financiamento xa que o alumnado non finalizado supón un custo real para a entidade (material, docencia, equipamento) que non é financiable por causas non imputables ao centro ou entidade. O mesmo acontece no caso do alumnado dos módulos transversais ou daquelas persoas alumnas que cursan soamente un ou varios módulos: o centro incorre en custos que non son escalables nin eludibles e que se manteñen independentemente de que a persoa alumna continúe ou non.
Vixésima oitava.- Artigo 38. Liquidación da subvención
Segundo o apartado 11 deste artigo: “no momento da liquidación garantirase a percepción dun mínimo do 75% do importe inicialmente concedido por cada acción formativa executada, se esta remata cun número de persoas alumnas equivalente, cando menos, ao 50% do número de prazas inicialmente programadas ”.
Este Comité considera que se debería eliminar o texto en cursiva.
Vixésima novena.- Artigo 38. Liquidación da subvención
Sen prexuízo da consideración anterior, subsidiariamente proponse modificar a redacción do apartado 11 deste artigo no seguinte senso:
Sen prexuízo do disposto no artigo 39 desta orde, sobre incumprimento de obrigas e reintegro, no momento da liquidación garantirase a percepción dun mínimo do 75% do importe inicialmente concedido por cada acción formativa impartida, se esta remata cun número de persoas alumnas equivalente, cando menos, ao 50% do número de prazas programadas.
Para os efectos de aplicar este criterio, en concordancia có establecido no art. 38.2 terán a consideración de alumnos finalizados as persoas que abandonaron a acción formativa durante a súa impartición por acceder a un emprego
Trixésima.- Artigo 42 . Financiamento.
Este Comité propón eliminar a asignación da contía prevista para entidades locais na partida orzamentaria 11.50.323A.460.1 e distribuír a dita contía a partes iguais entre entidades empresariais e entidades sen ánimo de lucro.
Trixésima primeira.- Artigo 46. Límites e criterios de aplicación para a resolución da convocatoria.
Respecto dos apartados 2 e 3 deste artigo, este Comité considera que se debería xustificar cal é a motivación que leva a establecer eses criterios de asignación de límites ao número de edicións das accións formativas en función dos anexos.
Trixésima segunda.- Artigo 46. Límites e criterios de aplicación para a resolución da convocatoria.
Segundo o apartado 2 deste artigo, nas provincias da Coruña e Pontevedra, un censo de formación non poderá ser beneficiario dunha subvención que supere o 2,5% do crédito orzamentario global dispoñible para a provincia na que imparta a formación. Nas provincias de Lugo e Ourense dita porcentaxe incrementarase ata o 3,5%.
Este Comité propón recuperar a previsión da convocatoria anterior, que prevía a porcentaxe máxima do 3,5% do crédito orzamentario global dispoñible para a provincia na que imparta a formación para todas as provincias.
Trixésima terceira.- Artigo 49. Anexos.
Este Comité considera que a elaboración dos anexos referidos neste artigo debería ser consensuada cos axentes sociais e polo tanto mais acaídos á realidade do mercado laboral galego e da súa situación actual.
Trixésima cuarta.- ANEXOS
Igualmente, este Comité propón que as accións formativas dirixidas a persoas con discapacidade teñan consideración de prioritarias.
Polo tanto, as priorizacións realizadas nos Anexos da orde terán que contemplar previsións especificas para persoas con discapacidade.
Trixésima quinta.- ANEXO IV
Proponse modificar o Anexo no seguinte sentido:
• ELEE0109 Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión (Nivel 2), Incluir a Comarca de Vigo como priorizadas
Segundo datos do SEPE do ano 2023, a ocupación de “Electricista da construción e afíns” é unha das máis contratadas en Galicia. A formación conducente para o desenvolvemento da ocupación debería estar priorizada, cando menos nas principais Comarcas de Galicia.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
A inserción laboral debería ser máis flexible no referido aos prazos, xa que, dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada e, polo tanto, deberían considerarse como inserción as baixas producidas ao longo do curso por colocación e eliminarse o requisito de que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida. Neste sentido, as organizacións piden recuperar o prazo dun ano previsto en anteriores convocatorias.
Segunda.- Artigo 27. Selección do alumnado.
Este proxecto recolle, en primeiro lugar, a opción da entidade beneficiaria de solicitar autorización para unha selección directa para desenvolver, a continuación, o procedemento a seguir soamente no caso de que a entidade solicitante non se acolla ao seu dereito á dita selección directa do alumnado.
As organizacións sindicais consideran que debería preverse esa opción a continuación do procedemento ordinario.
Terceira.- Artigo 46. Límites e criterios de aplicación para a resolución da convocatoria.
O apartado 4 deste artigo establece que: “as especialidades dunha mesma familia profesional non poderán superar, no seu conxunto, o 20% do importe global que se subvenciona en cada provincia.
As organizacións sindicais consideran que debería eliminarse este parágrafo, xa que pode darse a situación de que nunha comarca do interior se execute soamente unha acción formativa o que daría imposible cumprir co enunciado anteriormente. Ademais, as familias profesionais dependerán das accións priorizadas nos anexos da convocatoria das axudas. Finalmente, cando se fai referencia ao importe global que se subvenciona en cada provincia, deberían vincularse en todo caso ás partidas orzamentarias.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS CENTRAIS SINDICAIS CIG E SINDICATO NACIONAL DE CC.OO DE GALICIA.
Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
O apartado 1.e deste artigo avalía con até 5 puntos o grado de ruralidade das zonas onde se sitúe o centro no que se impartirá a acción formativa.
Os sindicatos da CIG e CC.OO consideran que ese criterio debería ser eliminado , xa que non trata por igual a todas as entidades e non se considera a mellor vía para incentivar a formación no rural, xa que non resulta rendíbel contar con un centro nesas localidades para impartir soamente unha acción, mentres que os concellos ou algunha empresa radicada en polígonos industriais si contarán con aulas para a impartición da formación.
ANEXO III
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS CENTRAIS SINDICAIS CIG E UGT- GALICIA E A CEG.
Artigo 14.- Criterios de avaliación técnica
Diminúe, en todos os tramos, a puntuación outorgada pola porcentaxe de persoas formadas ou aprobadas en relación co número de alumnado subvencionado, excepto no suposto de que esa porcentaxe sexa igual ou superior ao 90%, en cuxo caso se mantén a puntuación máxima de 10 puntos. Ademais, xa non se valora a porcentaxe inferior ao 60%, mentres que na orde anterior concedíanse 2 puntos por superar o 50%.
Tamén se modifica a puntuación outorgada pola porcentaxe de abandonos non xustificados, destacando o feito de que, para obter a máxima puntuación (5 puntos), esa porcentaxe debe ser inferior ao 10%, cando na orde anterior abondaba con ser inferior ao 30%.
Ao respecto, solicítase recuperar a previsión contida na convocatoria anterior, xa que as porcentaxes esixidas son moi esixentes e ocasionan problemas nos centros de formación.
ANEXO IV
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG.
Primeira.- Artigo 30. Módulos formativos transversais.
En relación coa formación en materia de Prevención de Riscos Laborais, a CIG considera que a Consellería de Emprego, Comercio e emigración da Xunta de Galicia debería impulsar a elaboración de Catálogos Formativos nesa materia, para os sectores da Construción e do Metal, dado que as limitacións impostas nos procesos vencellados á obtención das denominadas “Tarxetas Profesionais”, especialmente no primeiro sector mencionado, imposibilitan na práctica a homologación para poder impartir con medios propios estes concretos módulos transversais.
Segunda.- Anexos
A Confederación Intersindical Galega, como complemento ao que se recolle na Consideración Xeral Unánime deste ditame, manifesta expresamente o seu desacordo co contido do anexo IV do proxecto de Orde, posto que para a súa elaboración non foron consultados os interlocutores sociais e, ademais, non se especifican as fontes utilizadas para determinar as especialidades sinaladas e non outras.
ANEXO V
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA
Primeira.- Artigo 5. Entidades solicitantes.
Segundo dispón o apartado 1 deste artigo, as entidades solicitantes deberán estar acreditadas ou inscritas para impartir as ofertas de formación profesional dos graos B e C ou as especialidades formativas de competencias clave, que serían as especialidades formativas que se poden impartir ao abeiro desta orde segundo o artigo 2 da mesma.
A CEG considera que se debería dar autorización a centros para poder realizar probas de competencias clave para acceso a Certificados de Profesionalidade de nivel 2 e 3.
Segunda.- Artigo 5. Entidades solicitantes.
O apartado 3 deste artigo prevé que as entidades que soliciten impartir a formación na modalidade virtual deban contar con autorización previa para a impartición das mesmas ofertas na modalidade presencial e estar desenvolvendo dita impartición.
A CEG considera que é preciso clarificar que significa estar desenvolvendo a impartición aos efectos deste artigo.
Terceira.- Artigo 5. Entidades solicitantes.
O apartado 7 deste artigo introduce novos requisitos que, no seu caso, a convocatoria poderá esixir ás entidades beneficiarias, como o feito de que non abandonara máis do 50% do alumnado con respecto ao total dos comunicados e iniciados do conxunto das accións formativas financiadas engadindo que, para o cómputo deste apartado, non se entenderán como abandonos os considerados xustificados de acordo co disposto no artigo 38.2 desta orde.
O citado artigo 38.2 prevé, para as accións impartidas en modalidade presencial ou virtual, que se considerará que remataron a acción formativa as persoas traballadoras que tivesen que abandonala por acceder a un emprego así como aquelas persoas participantes que causaran baixa por enfermidade ou accidente acreditado, e sempre que para calquera dos supostos citados tivesen realizado, de acordo cos criterios establecidos neste apartado para cada modalidade, un mínimo do 10% da acción formativa.
A CEG considera que se debe recoller a mesma previsión para aquelas accións impartidas en modalidade de teleformación.
Cuarta.- Artigo 5. Entidades solicitantes.
Segundo o apartado 8 deste artigo as solicitudes a presentar polas entidades deberán aliñar a oferta formativa que soliciten e prevén impartir, coa demanda de formación do mercado laboral e co perfil do potencial alumnado ao que van dirixidas. Os compromisos asumidos deberán responder a unha previsión real e posible que permita o cumprimento dos mesmos.
A CEG considera que esta cuestión resulta contraditoria co establecemento dunha priorización por comarca que outorga puntuación, pois impide a libre determinación das accións a solicitar, de xeito que sería conveniente clarificar o criterio seguido para determinar a priorización. Sería importante coñecer o grado de execución por comarca e especialidade en convocatorias anteriores.
Quinta.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
No apartado 1.c) deste artigo valórase, con ata 15 puntos, o grao de execución das accións formativas concedidas en convocatorias anteriores e establécese que se calculará en base á porcentaxe do número total de persoas alumnas formadas ou aprobadas en relación co número total de alumnado subvencionado na resolución de concesión.
Obsérvase, con respecto ás bases anteriores, que este ítem é mais exixente, e por conseguinte non adaptado á realidade, posto que cada vez é máis complicado conseguir alumnado, sexa cos medios propios das entidades ou sexa a través das oficinas de emprego, que cada vez envían menos persoas ós procesos de selección
Detállase que a puntuación realizarase sobre o alumnado formado ou aprobado en relación co número total de alumnado subvencionado na resolución de concesión, consideramos que tería que ser sobre o alumnado iniciado do curso e ademáis non se debería ter en conta o alumnado concedido daqueles cursos aos que se renunciase ( por falta de alumnado e falta de docentes).
Sería razonable tamén engadir ó alumnado formado ou aprobado o 20% de abandonos que se permiten por convocatoria, para obter a ratio a comparar co alumnado concedido (aínda que o recomendable é que sexa polo alumnado iniciado).
Ademais, non se debería ter en conta o alumnado concedido naqueles cursos aos que as entidades renunciaron por causas xustificadas tal e como o permitía a orde (falta de alumnado e falta de docentes).
Neste senso, a Orde que regula a execución dos cursos nos anos 2021-22 e 2022-23 establece que poderán ser obxecto de penalización en convocatorias futuras aquelas renuncias a accións formativas por causas non xustificadas.
A Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, establece como criterios para o outorgamento de subvencións a valoración positiva das accións formativas executadas nos dous anos anteriores, atendendo á porcentaxe de abandono non superior ao 50%.
Establecer unha puntuación positiva para quen non renunciase causaría exactamente o mesmo efecto que establecer unha puntuación negativa para quen si o fixo.
Non deberían computar os abandonos do alumnado que dependen exclusivamente dunha decisión propia e allea ó centro, máxime cando ese abandono ten causa na inserción laboral.
Admitindo este criterio, estaríamos priorizando as accións formativas de curta duración fronte ás de maior duración, onde o risco de abandono é moito maior.
Proponse que, para a determinación da puntuación calcularase para cada entidade, sobre o total das accións formativas iniciadas na correspondente provincia para a que presenta a solicitude e con respecto ás dúas últimas convocatorias do procedemento TR301K para as que estivese finalizado ou prazo de execución dás accións formativas, a porcentaxe do número total de persoas alumnas formadas en relación có número total de alumnado iniciado.
A estes efectos, a consideración de alumnado formado será a definida non artigo 37.2 desta orde.
Finalmente, tampouco debería aplicarse a penalización sobre a totalidade do programa senón limitala á mesma acción formativa onde se produciu a minoración do alumnado en convocatoria anterior, recibindo unha puntuación máis individualizada.
Por outro lado, cómpre aclarar que puntos se lle darán ás entidades que non executaron nesas dúas convocatorias, propoñendo que se aplique o que se realiza en outras comunidades, que é a puntuación máis baixa que se obtén por ese ítem, a fin de non penalizar ás entidades que executan nese tipo de proxectos.
Sexta.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
Respecto da valoración da inserción laboral regulada no apartado 1.d, a CEG considera que se deberían considerar como insercións a estes efectos as producidas durante a execución da formación.
Sétima.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
O apartado 1.f) valora a capacidade acreditada do centro de formación para impartir as accións.
En concreto, increméntase a puntuación máxima outorgada no ítem II pola implantación no centro de formación dalgunha das certificacións establecidas na Orde, vixentes e certificadas por entidades certificadoras acreditadas. A CEG solicita que se recupere o máximo de 2 puntos previstos na orde anterior en lugar dos 3 que se outorgan neste borrador, de modo que o máximo se alcance pola implantación de dúas das certificacións ao considerar suficiente ese máximo tendo en conta que o ítem I xa valora a certificación da calidade na xestión.
Oitava.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
O apartado 1.g) outorga ata 6 puntos polo compromiso de participación, na acción formativa, de colectivos considerados prioritarios relacionando, a continuación, cales son estes colectivos e a distribución da puntuación en función da porcentaxe de participación dos mesmos á que se compromete a entidade.
A CEG considera que se trata dun compromiso de difícil cumprimento nun momento en que non é doado conseguir alumnado, polo que sería positivo flexibilizar este criterio. Este criterio conlevaría ter que rexeitar alumnos para cumprir o dito compromiso ou incumprilo e formar a alumnos que non entran dentro deste apartado, o que supoñería unha perda económica para a entidade segundo o establecido no artigo 38, por incumprir a obriga de formar alumnos dos colectivos prioritarios.
Polo tanto, proponse a súa eliminación ou, subsidiariamente, a redución da porcentaxe máxima (ao 50%).
Novena.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
Respecto da avaliación como criterio do emprego do galego na impartición da acción formativa, a CEG considera que é máis adecuado manter a redacción da orde anterior.
Especialmente con respecto ao punto segundo é moi difícil considerar este ítem, dado que non é fácil atopar no mercado provedores de contidos en galego, e a inversión para facer manuais (incluídos os de oficios) a medida que respondan ó que exixe é moi custoso.
Décima.- Artigo 14. Criterios de avaliación técnica.
Segundo o apartado 4 deste artigo, as sucesivas convocatorias publicadas ao abeiro do disposto nesta orde de bases reguladoras poderán incluír valoración baseadas en medias ponderadas de satisfacción do alumnos en relación cos resultados de convocatorias anteriores.
Se se vai a considerar este apartado como un criterio de valoración nas solicitudes, debería garantirse que as entidades teñan coñecemento dos resultados das valoracións ás que se refire a disposición.
Décima primeira.- Artigo 15. Determinación da subvención
A CEG propón que a Contía económica por hora/alumno de teleformación debe equipararse á prevista para a modalidade presencial.
Décima segunda.- Artigo 19. Información e documentación requirida ás entidades para a xestión da execución das accións formativas.
No punto 2, establécese que como mínimo 3 días hábiles antes do inicio de cada acción formativa deberá incorporarse ao sistema informático de Sifo, as datas de inicio e remate da acción formativa.
A CEG considera que sería interesante e necesario que os centros poidan modificar as datas de inicio e fin sen ter que pasar polo técnico de seguimento. O proceso volveríase moito máis áxil para os centros. Os únicos casos nos que debería ser necesario acudir ao técnico de seguimento sería cando se solicite ampliación de horario.
Décima terceira.- Artigo 19. Información e documentación requirida ás entidades para a xestión da execución das accións formativas.
No punto 2, establécese que como mínimo 3 días hábiles antes do inicio de cada acción formativa deberá incorporarse ao sistema informático de Sifo, a relación nominal do alumnado seleccionado.
A CEG considera que se debería eliminar ese prazo e pemitir incorporar esa relación ata o mesmo día de comezo da acción formativa.
Décima cuarta .- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.
Dentro das numerosas obrigas que establece o borrador para as entidades beneficiarias, no apartado 22, se recolle a realización cando menos dunha sesión de orientación profesional para favorecer a xeración de itinerarios formativos e profesionais dos destinatarios da formación.
Sinalar que xa existe un programa de propia Xunta de Galicia, con código de procedemento TR331A, para persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral; o propio Servizo Público de Emprego ten persoal técnico de orientación laboral; non queda claro neste apartado quen sería a persoa ou persoas que realizarían estas tarefas; en qué horario se desenvolverían estas accións (dentro do horario do curso ou fora deste), por outra banda falar de xeración de itinerarios formativos e profesionais é falar do traballo do persoal técnico de orientación de varias sesións individuais.
Por todo isto, non parece que esta obriga sexa de fácil cumprimento ao non ter persoal especializado para abordar a mesma, polo que procedería a súa eliminación
Décima quinta.- Artigo 22. Dereitos e deberes do alumnado.
Segundo o apartad 4 deste artigo, o alumnado que resulte seleccionado para unha acción formativa regulada por esta orde non poderá asistir simultaneamente a ningunha outra subvencionada con fondos públicos.
A CEG propón cambiar o criterio e poder realizar varias accións formativas á vez, aínda sendo subvencionadas con fondos públicos.
Décima sexta.- Artigo 22. Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 6.c) establécese, como incumprimento de asistencia na modalidade presencial, incorrer en máis de 3 faltas de asistencia non xustificadas ao mes relacionando as causas que dan lugar a que unha falta de asistencia se considere xustificada. Disopón tamén este apartado que o prazo do que disporá o alumnado para xustificar as súas faltas é de 3 días lectivos.
En primeiro lugar, a CEG considera que se debe aumentar o número de faltas permitidas a 5 ao mes.
Así mesmo, o prazo para xustifcar as faltas tamén debe incremetarse a 5 días lectivos.
Ademais, as faltas por falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao deben considerarse xustificadas durante os mesmos días que a lexislación laboral actual condede nos respectivos permisos ás persoas traballadoras.
Décima sétima.- Artigo 23. Accións formativas.
O apartado 6 prohibe a realización das accións formativas no período de tempo comprendido entre as 21:00 e as 9:00 horas.
A CEG considera que se debe recuperar a previsión da convocatoria anterior, na que o horario no cal non se permitía a realización de accións formativas era entre as 22.00 e as 6.00h.
Décima oitava.- Artigo 24. Modalidades de impartición.
O apartado 6 prevé que non se poderá impartir mediante aula virtual un número de horas superior ás correspondentes ao 30% da duración da formación correspondente a oferta formativa do grao B ou C que estea previsto impartir na acción formativa.
A CEG considera que se debería eliminar ou, subsidiariamente, incrementar substancialmente esa porcentaxe, deixando en todo caso aos certificados de nivel 3 exentos dese límite. A aula virtual permite a presencialidade e a sincronizidade sen necesidade de desprazamentos e facilita a conciliación das persoas, tanto formadoras como alumnas.
Décima novena.- Artigo 24. Modalidades de impartición.
Respecto da impartición da formación mediante aula virtual, o apartado 6 deste artigo esixe ao persoal docente estar presente na aula física homologada do centro de formación para impartir a especialidade formativa durante a totalidade do horario de impartición de cada sesión, indicando que a ausencia do persoal formador dará lugar á consideración da sesión como non realizada.
A CEG considera que se debe eliminar este requisito, porque impide unha correcta optimización das aulas e medios formativos.
Vixésima.- Artigo 27. Selección do alumnado.
Segundo o apartado 1, as entidades beneficiarias poderán empregar para a selección das persoas traballadoras desempregadas o método de selección directa ou o método de selección a través de oficina de emprego, pero impide que se apliquen ambos métodos de xeito simultáneo.
A CEG propón que, para axilizar os procesos de selección, que cada vez son mais tediosos, e valore a posibilidade de simultanear o proceso de selección directa e o proceso de selección a través da oficina de emprego, xa que non hai impedimento para simultanear ambos procesos, a non ser que sexan técnicos ou informáticos.
Tamén sería interesante que, cando se vaia iniciar un módulo formativo se poida solicitar á correspondente oficina de emprego listado de posibles candidatos/as que cumpran cos requisitos para acceder a un certificado de profesionalidade xa iniciado.
Igualmente, os prazos que se manexan coas actas de selección son demasiado longos. Sería conveniente tentar acurtalos un pouco (agora mesmo tramitar unha acta de selección con oficinas SPEG, cumprindo prazos, é 1 mes)
Finalmente, a CEG propón se poida solicitar á oficina de emprego a posibilidade de selección de alumnos no caso dos 5 primeiros días de cada un dos módulos para incorporar alumnos con módulos exentos sendo importante, ao respecto, que a oficina de emprego dispoña de base de datos con alumnos desas características.
Vixésima primeira.- Artigo 27. Selección do alumnado.
Segundo o apartado 3, se as entidades beneficiarias non elixen o procedemento de selección directa do alumnado ou ben, escolléndoo, non acadasen o número mínimo de participantes, deberán solicitar directamente á oficina de emprego que corresponda unha listaxe de persoas que, cumprindo o disposto nesta orde para ser destinatarias da formación, se adecúen ao perfil requirido para a realización de cada acción formativa, con 15 días hábiles de antelación á realización da proba de selección.
A CEG considera que se trata dun prazo excesivo, polo que debería reducirse.
Vixésima segunda.- Artigo 27. Selección do alumnado.
A CEG considera que as oficinas de emprego deben axudar a conservar alumnado e que as causas de exclusión non sexan tan flexibles
Vixésima terceira.- Artigo 32. Formación en empresa.
O apartado 10 deste artigo esixe que as persoas que inicien a súa formación en empresa deberán ter adquirido as competencias relativas aos riscos específicos e as medidas de prevención de riscos laborais nas actividades profesionais correspondentes ao perfil profesional, segundo se requira na normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.
Esta previsión establece a obriga de que os alumnos, previo ao período de formación na empresa, teñan as competencias que se obteñen ao realizar a formación en prevención de riscos do oficio a desempeñar. Debería establecerse o módulo económico asociado á mesma.
Vixésima cuarta.- Artigo 37. Xustificación da subvención
A CEG propón a posibilidade de dispoñer de plantillas elaboradas pola administración xa que, dependendo da Delegación Territorial, existen criterios diferentes.
Vixésima quinta.- Artigo 38. Liquidación da subvención.
Segundo o apartado 10 deste artigo, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.
A CEG considera que se debe aclarar esta previsión, posto que si estamos nun sistema de módulos que o que persigue é que se cumplan os fitos, este parágrafo fala de ter xustificación polo 100% dos custos, polo que sería convinte matizalo para que se falase de fitos reflexado no importe xenerado por alumnos*módulo*horas formativas e non de custos.
Vixésima sexta.- Artigo 39. Incumprimento de obrigas e reintegro.
Neste artigo, establécese no apartado II.d) que o incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a subvención ou da obriga de xustificación desta dará lugar ao reintegro parcial da subvención concedida.
Cando a execución do indicador mencionado no apartado 2.I.e) deste artigo estea comprendida entre o 25 % e o 100 %, a subvención concedida minorarase na porcentaxe que se deixase de cumprir, sempre que os gastos fosen debidamente xustificados.
O indicador ao que fai referencia o apartado 2.I.e) é:
“indicador do número de horas de formación multiplicado polo número de alumnas e alumnos finalizados”.
Á vista do exposto e da redacción, debería clarificarse se isto significa que unha vez acabado o curso compáranse as asistencias dos “alumnos finais x horas da acción formativa” fronte a “alumnos finais x horas de asistencia destes”.
Asemade, dado que neste artigo se incorpora unha minoración gradual en función do incumprimento de obrigas sería convinte que se puidera ir coñecendo o grao de execución e cumprimento de obrigas a través do aplicativo.
Vixésima sétima.- ANEXO IV
Proponse incluír no Anexo:
• EOCB0209 Operacións auxiliares de acabamentos ríxidos e urbanización (Nivel 1). Incluir as Comarcas de Ourense, Coruña, Lugo e Santiago.
• EOCJ0311 Operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción (Nivel 1). Incluir as Comarcas de Vigo, Santiago e Ourense.
• EOCJ0110 Instalación de placa de xeso laminado e falsos teitos (Nivel 2). Incluir as Comarcas de Lugo e Ourense.
• ELEE0109 Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión (Nivel 2), Incluir as Comarcas de Lugo e Vigo como priorizadas.
• FMEC0119 Soldadura por arco baixo gas protector con electrodo non consumible, soldeo MIG/MAG (Nivel 2). Incluir como priorizada en Galicia ou en todo caso nas Comarcas de Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Ourense
• FMEC0219 Soldadura por arco baixo gas protector con electrodo non consumible, soldeo TIG (Nivel 2). Incluir como priorizada en Galicia ou en todo caso nas Comarcas de Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Ourense.
• FMEC0319 Soldadura por arco con electrodo revestido (Nivel 2). Incluir como priorizada en Galicia ou en todo caso nas Comarcas de Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Ourense.
Segundo datos do Informe de “Tendencias del Mercado de Trabajo en España 2024” publicado polo SEPE no pasado mes de marzo, hai un amplo número de ocupacións con postos vacantes ou con dificultades de cobertura, fundamentalmente pola falta de candidatos.
Amósase que as ocupacións de “Albañiles”, “Soldadores y Oxicortadores” e “Electricistas de la construcción y afines” figuran entre as ocupacións demandadas cun desaxuste por falta de candidatos.
Asemade, cabe mencionar que no caso das especialidades de soldadura FMEC0119, FMEC0219 e FMEC0319, as mesmas son de recente creación e veñen a substituír ás que estaban vixentes no pasado ano 2023 e que estaban priorizadas para toda Galicia, polo que se entende necesaria a súa inclusión como priorizadas.