I. ANTECEDENTES
O día 14 de maio de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre os citados proxectos normativos, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “o artigo 117 da Lei de Igualdade de Galicia sobre Fomento da contratación de mulleres en sectores con infrarrepresentación feminina, establece que a Consellaría competente en materia de emprego e de relacións laborais promoverá a contratación de mulleres en ámbitos laborais tradicionalmente ocupados por homes, co fin de eliminar neles a infrarrepresentación laboral feminina. Entre esas medidas incluiranse axudas económicas dirixidas a fomentar a contratación por conta allea de mulleres”.
É a primeira vez que este proxecto se somete a ditame e do seu contido poden destacarse os seguintes aspectos:
Segundo o artigo 1, a finalidade da orde é favorecer a contratación de mulleres desempregadas na empresa ordinaria en ocupacións masculinizadas, coa finalidade de contribuír a incrementar as baixas taxas de ocupación feminina nas ditas ocupacións mediante dúas liñas de axudas:
1. Liña de incentivos á contratación.
2. Liña de axudas para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa para eliminar barreiras e/ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres en ocupacións masculinizadas.
En canto ao crédito asignado a estas axudas, o artigo 4 fixa a contía total en 1.655.255€.
Poderán ser beneficiarias dos incentivos as persoas empregadoras e as empresas que contraten mulleres en ocupacións masculinizadas para prestar servizos en centros de traballo en Galicia (artigo 6) e que cumpran os restantes requisitos que esixe esta orde. Pola súa banda, o artigo 7 prevé que poidan ser persoas destinatarias das axudas as mulleres contratadas nesas ocupacións masculinizadas que estean desempregadas e, con carácter xeral, inscritas como demandantes de emprego.
Hai dous gastos subvencionables ao abeiro desta orde, segundo o artigo 8:
-As contratacións que cumpran os requisitos esixidos
-Os gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou postos de traballo na empresa, para eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres na empresa.
En canto ás contratacións, debe tratarse de contratos de duración indefinida, incluído o de prestación de servizos fixos descontinuos, subvencionándose un máximo de 7 contratos.
Tanto os contratos como as obras deben producirse entre o 1 de xaneiro e 20 de outubro de 2024 para poderen ser subvencionados.
O artigo 9 recolle as contías dos incentivos. Respecto da liña I de axudas prevé unha contía de 15.000€ para contratacións a tempo completo e unha de 7.500€ para contratacións a tempo parcial e fixas descontinuas.
Esas contías base poden incrementarse nun 15% cando a muller pertence a algún dos colectivos sinalados neste artigo fixando, en todo caso, a contía máxima a subvencionar por cada persoa contratada en 26.250€.
En canto á liña II de axudas, o importe máximo da axuda será de 10.000€.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2024, segundo prevé o artigo 11 e o prazo de resolución fíxase, no artigo 17, en 2 meses desde o remate do antedito prazo.
Polo que respecta á selección de persoas candidatas, o artigo 22 establece que se pode realizar directamente pola beneficiaria ou a través da presentación de oferta na oficina de emprego.
En calquera caso, os contratos subvencionados comezarán no prazo máximo de 20 días hábiles dende o día seguinte á recepción da notificación da resolución de concesión e en todo caso, como máximo, o 30 de outubro de 2024 (artigo 23).
Entre as obrigas que o artigo 26 impón ás beneficiarias, destaca a de manter no seu cadro de persoal a muller contratada durante un período de 36 meses. Permite a súa substitución nos casos de baixa voluntaria ou falecemento, no prazo máximo de 15 días e polo tempo que reste para dar cumprimento á antedita obriga. Regula tamén este artigo o suposto de suspensión de contrato de traballo ata 6 meses, suspendendo o cómputo do período de mantemento do emprego.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, vinte e nove artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 24 de maio de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Así mesmo, contén como anexos, dúas consideracións xerais e tres específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I), e tres específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 10/2024
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de maio de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de maio de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Ao longo do texto fanse referencias aos Anexos I, II e III, pero non foron achegados xunto co texto do proxecto normativo.
Este Comité recorda que os anexos deben remitirse para o seu ditame xunto co proxecto.
Segunda.
Obsérvanse no texto do proxecto normativo erros de carácter ortográfico, como por exemplo “infrareprsentación” no lugar de infrarrepresentación, en varios artigos, que procede corrixir, así como un erro de numeración no artigo 28, que pasa do apartado 2 ao apartado 4.
Tamén se observan incorreccións en materia de xénero, como o emprego do masculino xenérico no artigo 10.b) (os ascendentes, os descendentes) así como na denominación das ocupacións que figuran relacionadas ao final do texto da orde, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva tendo en conta, ademais, o obxecto específico desta orde.
Nos artigos 13 e 26 empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Pola súa banda, as disposicións finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Exposición de motivos.
No terceiro parágrafo da exposición de motivos exponse a necesidade de “articular medidas específicas que melloren o acceso (das mulleres) ao mercado”.
Este Comité propón mellorar esa redacción facendo referencia ao acceso ao mercado de traballo.
Segunda.- Artigo 5. Definicións.
O apartado 3 deste artigo fai referencia aos criterios tidos en conta para determinar os grupos ocupacionais que se entenden, aos efectos desta orde, como ocupacións masculinizadas ou con infrarrepresentación feminina. Así mesmo, no segundo parágrafo do artigo 8.1., indícase que o dito listado está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia para a súa consulta.
Este Comité entende que o devandito listado debería recollerse como Anexo a esta orde, indicando no texto da mesma que se pode consultar a continuación do articulado.
Terceira.- Artigo 6. Persoas empregadoras e entidades beneficiarias.
No apartado 1, este artigo establece que as empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade ou as medidas excepcionais establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.
Este Comité considera que se debería esixir, igualmente, o cumprimento das obrigas respecto da elaboración dun plan de igualdade.
Cuarta.- Artigo 8. Gastos subvencionables.
Obsérvanse discrepancias en canto aos prazos nos que se teñen que producir os contratos entre o disposto no apartado 1.2 deste artigo e o artigo 23.3., polo que se propón que se aclare este extremo e se proceda a unha revisión xeral dos prazos fixados no articulado para entrar en contradicións.
Ademais, o período no que se teñen que producir as obras de adaptación dos espazos ou postos de traballo para seren subvencionables, recollido no apartado 2.1 deste artigo 8, é moi escaso tendo en conta as datas nas que se está a tramitar este proxecto normativo.
Quinta.- Artigo 8. Gastos subvencionables.
O apartado 1.3 fai referencia ao suposto de que se leven a cabo novas contratacións. Tendo en conta que o artigo 7 establece o requisito de que se contraten mulleres desempregadas, este Comité entende que todas as contratacións serían novas, polo que procede polo que procede clarificar esa mención.
Obsérvase o mesmo no artigo 24.5.a), que exime de presentar determinada documentación no caso de que o obxecto da subvención sexan contratos preexistentes.
Sexta.- Artigo 9. Contía das axudas.
O artigo 9.1.b) fixa a contía base no caso das “contratacións indefinidas fixas-descontinuas (mínimo 6)”. Este Comité considera que o contido entre paréntese debería figurar do seguinte xeito: (mínimo 6 meses).
Sétima.- Artigo 11. Presentación de solicitudes e prazos.
O apartado 2.h) deste artigo establece que coa presentación da solicitude acéptase a subvención.
Isto é contrario ás previsións recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que se propón fixar, tal e como se fai noutras ordes, un prazo transcorrido o cal se entende aceptada a subvención de forma tácita.
Oitava.- Artigo 26. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias.
No apartado a) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda e está ao día no pagamento de obrigas por reintegro.
Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.
Novena.- Artigo 26. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias.
O apartado e) deste artigo esixe aboar ás mulleres contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.
Este Comité considera que debería engadirse a obriga de cumprir a normativa laboral.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.
Consideracións Xerais:
Primeira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestan a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.
Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
As organizacións sindicais consideran que o Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria é o marco xeral a través do cal a Xunta de Galicia articula o fomento da contratación e que é presentado como un instrumento de planificación global.
Á vista diso, non se entende que os fondos destinados a incentivar a contratación se desagreguen en diferentes ordes para atender finalidades que deberían ter cabida dentro do Plan Galicia Emprega.
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 8. Gastos subvencionables.
O apartado 1.1. deste artigo considera subvencionables os contratos indefinidos tanto a xornada completa como a tempo parcial.
As organizacións sindicais, tendo en conta que esta orde ten por finalidade favorecer a incorporación da muller ao mercado de traballo e eliminar a infrarrepresentación feminina en ocupacións masculinizadas, consideran que soamente deberían ser obxecto de subvención as contratacións indefinidas a xornada completa.
Segunda. – Artigo 9. Contía das axudas.
A organizacións que integran este Comité consideran que debe constar que o conxunto dos incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.
Terceira. - Artigo 22. Selección de persoas candidatas.
Este artigo establece que a selección das persoas candidatas se pode realizar directamente pola beneficiaria ou a través da presentación de oferta na oficina de emprego.
A organizacións sindicais consideran que a selección debería facerse unicamente a través do Servizo Público de Emprego.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. -Artigo 10. Exclusións.
Este artigo relaciona as contratacións que estarían excluídas do ámbito deste orde e non poderían, polo tanto, ser subvencionadas.
A CEG propón que se valore a posibilidade de outorgar a consideración de subvencionable á contratación dunha muller en postos de alta dirección, nos que tamén se observa unha importante infrarrepresentación feminina.
Segunda. - Artigo 23. Contratación das persoas traballadoras.
Segundo o apartado 9 deste artigo procede o reintegro total da axuda no caso de extinción do contrato antes de que finalice o período de 36 meses de mantemento do emprego, agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora contratada.
A CEG considera que deben terse en conta, ademais, determinados supostos como o de despedimento disciplinario procedente, xubilación ou incapacidade permanente, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora.
Terceira. - Artigo 28. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O apartado 2.h) establece o criterio para determinar o reintegro parcial da subvención que procede no caso de que se realizase a substitución da persoa traballadora nun prazo superior ao establecido na letra g) do artigo 26. Aos efectos de calcular o reintegro, o ítem ii deste apartado recolle que o mes en que se leve a cabo a substitución considérase como mes de incumprimento.
A CEG considera que non se debería considerar todo o mes como período de incumprimento senón unicamente o período durante o cal non se procedeu a realizar a substitución.