Pasar al contenido principal

Ditame 11/24

Enviado el Mié, 18/12/2024 - 12:43
Ditame sobre o Proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2025.

I. ANTECEDENTES

 

O día 11 de xuño de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que achega o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto do decreto do exercicio anterior, publicado no DOG o día 17 de xullo de 2023 e o ditame emitido polo Consello con data 12 de xuño de 2023 (Ditame 21/2023), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

Segundo o informe que acompaña este proxecto de decreto “No ano 2025, dos 9 festivos de carácter obrigatorio, coincide en domingo o 12 de outubro, polo que pode pasarse ao luns inmediatamente seguinte ou a comunidade autónoma pode substituílo incorporando outro día que lle sexa propio como o Día das Letras Galegas (sábado), San Xosé (mércores) ou San Xoán (martes)”, propoñéndose finalmente optar polo Día das letras galegas.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2025” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e dúas disposicións finais.

 

O día 19 de xuño de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: dúas consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo II).

 

 

 

DITAME 11/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2025, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de xuño de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de xuño de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

 

Primeira.- Artigo 3. Cómputo de prazos.

Segundo este precepto, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

 

Este Comité considera que se debería completar o contido deste artigo 3 cunha referencia ás festividades locais do artigo 2 no senso de indicar que as ditas festividades terán, tamén, a consideración de días inhábiles cando a sede do órgano competente se sitúe na localidade correspondente.

 

Segunda.- Disposicións derradeiras [sic].

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Así mesmo, esas disposicións deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024.

 

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

 

 

Primeira.

En relación con certas festas laborais referenciadas ao santoral católico, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería procurarse o uso de denominacións de índole laica, non confesionais.

 

Segunda.

As organizacións sindicais CIG, S.N. de CC.OO. de Galicia E UGT- Galicia fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, co respecto, de ser o caso, dos compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

 

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.

 

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E S.N. DE CCOO DE GALICIA.

 

Primeira.

De acordo coa liña argumental de anos precedentes e xa que existe unha resolución do Parlamento Galego aprobada o día 9 de marzo de 2006, que establece “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

 

Segunda.

Proponse o cambio legal da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1 deste proxecto normativo como “Día Nacional de Galicia”, para que pase a designarse como “Día da Patria Galega”.

Número ditame
11