Pasar al contenido principal

Ditame 12/24

Enviado el Mié, 18/12/2024 - 12:44
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2024.

I. ANTECEDENTES

 

O día 17 de xuño de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2024.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo se establece na exposición de motivos, “é necesaria a colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuir ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que se favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

 

Con esta finalidade continúase coa implementación deste programa, como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, que canalizaría a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 10 de agosto de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 26 de xuño de 2023 (Ditame 22/2023), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións sobre o fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial así como, parcialmente, unha consideración formal.

 

 

O novo proxecto normativo presenta algunhas modificacións co respecto da orde correspondente ao exercicio anterior.

 

 

O orzamento global para o financiamento destas axudas increméntase, segundo o artigo 2, en 618.464,85€.

 

Como novidade, o artigo 4 establece que o contratos subvencionados non poderán realizarse baixo a modalidade de teletraballo ou traballo a distancia.

 

Os importes que prevé o artigo 6 increméntanse para todos os grupos de cotización, agás para o grupo 2.

 

En canto aos límites á contratación, este artigo 6 recolle os mesmos que na orde para o exercicio anterior, se ben elimina, respecto ás entidades con proxectos singulares e ás entidades de ámbito autonómico con 3 ou máis centros de traballo localizados en 2 ou máis provincias, a posibilidade de ampliar o máximo de contratos previstos que en determinados supostos si permitía a orde anterior.

 

Polo que respecta aos requisitos para a selección de persoas traballadoras, o artigo 16 recolle expresamente a posibilidade de contratar a persoas con contrato por tempo indefinido fixo – descontinuo cando a dita contratación cumpra determinadas condicións. Neste mesmo artigo obsérvase a seguinte modificación: a orde anterior impedía contratar a persoas que tivesen traballado para a beneficiaria durante máis de tres meses dentro dos últimos 12 meses anteriores á contratación ou que traballasen para a beneficiaria durante os dous meses anteriores a esa contratación. O novo proxecto unicamente exclúe a contratación daquelas persoas que traballaran para a beneficiaria durante os tres meses anteriores á publicación da orde.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, vinte e catro artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 1 de xullo de 2024 reúnese este comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

DITAME 12/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2024”, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de xuño de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de xullo de 2024, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.

Obsérvase que no proxecto normativo se mantén a restricción ao acceso á condición de entidade beneficiaria ao esixir, no artigo 3, que as entidades solicitantes estean debidamente inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais nas actividades concretas que relaciona o dito artigo 3.

 

Este comité propón que se elimine ese requisito e se permita o acceso a todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, se incrementen as contías asignadas a estas subvencións para dar acollida a todas as entidades, dado que o obxectivo da norma é a contratación de persoas desempregadas para levar a cabo actividades de interese xeral e social, algo ao que tamén se adican entidades non inscritas no RUEPSS.

 

Segunda.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

Isto obsérvase, entre outros, no proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Terceira.

Este comité observa que no artigo 8 e no artigo 24 empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Así mesmo, obsérvase a ausencia na numeración da letra ñ, que si é propia do alfabeto galego.

 

Este proxecto inclúe tres disposicións adicionais que deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos que se vaian a prestar.

Respecto do apartado 2.c), este Comité propón que se mellore a redacción para clarificar o seu contido.

 

Segunda.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos que se vaian a prestar.

O apartado 1.d) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

 

Este comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial. 

 

Terceira.- Artigo 5. Contratos subvencionables.

En relación co establecido no apartado 2.a) deste artigo, este comité reitera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario e que, ademais, noutros programas si ten o carácter de custo subvencionable, segundo o recollido na Orde ESS/1924/2016.

 

Á vista da resposta remitida a esta mesma consideración do ditame anterior, semella que a Consellería está a confundir o carácter non subvencionable da indemnización  co recollido no RD 818/2021, pois o artigo 35.1 (onde se recollen estas cuestións) refírese ao persoal formador, directivo e de apoio mentres que o obxecto deste ditame é unha norma de contratación de persoas traballadoras desempregadas.

 

 

Cuarta.- Artigo 6. Subvención: contía.

Segundo o apartado 4 deste precepto, a subvención para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica será de 180 euros mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratadas que reúnan os requisitos para percibilo.

 

Este comité considera que se debería actualizar esa contía, xa que, como recoñece a propia Consellería en anteriores respostas esta mesma consideración, non se actualiza dende o ano 2006.

 

Quinta.- Artigo 6. Subvención: contía.

O apartado 5 deste artigo recolle os límites á contratación de persoas traballadoras en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, “agás no caso de entidades con proxectos singulares” para a continuación, na letra a), incluír unha limitación específica para as entidades con proxectos singulares, polo que este Comité considera que se debe corrixir esa discrepancia.

 

Sexta.- Artigo 6. Subvención: contía.

O apartado 5 deste artigo establece uns límites á contratación en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, límites que non resultan de aplicación ás entidades con proxectos singulares.

 

Este comité considera que se debería recuperar a previsión da orde para os exercicios anteriores,  e ter en conta os datos do RUEPSS e os declarados no Anexo I (recuperando o apartado 15 do dito anexo), posto que a normativa vixente aplicable a certas entidades non prevé a necesidade de autorizar a súa prestación de servizos como centros no RUEPSS.

 

Sétima.- Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento. O apartado 1.b) esixe achegar, xunto coa solicitude, un certificado de xestión da calidade vixente na data de publicación da convocatoria, avalado por un organismo de acreditación recoñecido a nivel nacional.

 

Este comité propón que se substitúa a dita redacción pola que segue: “un certificado de xestión da calidade vixente na data de publicación da convocatoria, avalado por un organismo acreditado”.

 

En coherencia con isto, formúlase a mesma consideración respecto do artigo 14.1.d)1º.

 

Oitava.- Artigo 14. Criterios de valoración.

Este comité delegado entende que debería preverse como criterio avaliable o emprego da lingua galega para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”, así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia a potenciación do emprego do galego.

 

Igualmente, manifestan que o criterio que se está a seguir por parte da Consellería non é consoante coa función normalizadora que ten por obxectivo a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

 

Novena.- Artigo 16. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.

No apartado 3 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a 180 días con cargo ás axudas concedidas nos exercicios pasados, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

 

Este comité considera que ese período debería ser superior a nove meses nos últimos tres anos para imposibilitar a contratación ao abeiro desta orde e facilitar a incorporación de máis persoas desempregadas.

 

Décima.- Artigo 16. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras

Segundo o apartado 5 deste artigo, será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que, no momento da selección e da contratación, concorren os requisitos esixidos nos tres apartados anteriores, entre eles, o de que as persoas contratadas sexan persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego.

 

Este comité considera que non debería ser a entidade beneficiaria quen leve a cabo esa comprobación, senón o órgano xestor no momento da selección e da contratación, sen prexuízo dos controis que poidan efectuarse a posteriori na xestión da axuda.

 

Décima primeira.- Artigo 20. Pagamento.

O apartado 3 deste precepto sinala que non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a entidade sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, polo que se considera que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto e prohibir expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.

Consideración específica:

 

Artigo 13.-Procedemento.

En relación coa consideración específica oitava, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

 

 

 

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 5. Contratos subvencionables.

O apartado 3.a) deste precepto prevé: “No caso de substitución da persoa traballadora titular, só serán subvencionables os custos que ocasiona a persoa traballadora substituta. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo”.

 

A CEG considera que se debería aclarar a orde neste punto, considerando como gastos subvencionables os custos derivados da situación de baixa por incapacidade temporal. Tendo en conta que se trata dunha situación involuntaria e impredecible, tanto para a entidade como para a persoa contratada, a subvención debería cubrir os devanditos custos, tendo en conta que non en poucos convenios se establece o complemento da prestación ata o cento por cento do salario.

 

Esta tipoloxía de gastos veñen dados pola propia normativa laboral, e en especial os convenios colectivos aplicables ás relacións laborais en relación ás incapacidades temporais.

 

Así, moitos convenios obrigan ás empresas a asumir determinados complementos económicos en caso de IT, que poden chegar a consistir en asumir a diferencia entre a prestación económica da Seguridade Social e o 100% do salario da persoa traballadora.

 

Así, tendo en conta que actualmente, as porcentaxes da base reguladora que se aboan nos casos de IT oscilan entre un mínimo do 60% e un máximo do 75%, as cantidades a asumir polas Entidades en caso de baixa, poden ser elevadas sobre todo cando a baixa é prolongada.

 

Tendo en conta a carencia de ánimo de lucro das entidades do Terceiro Sector, a súa dependencia esencial de financiación externa , e a limitación dos seus fondos propios, cubrir estes gastos pode resultar verdadeiramente gravoso e prexudicial para a súa marcha.

 

A posibilidade de que este tipo de gastos sexan subvencionables non constitúe ningunha novidade a nivel normativo, e así por exemplo a “Orden TES/106/2024, de 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante el período de programación 2021-2027” do Ministerio de Trabajo y Economía Social, publicada o 13 de febreiro deste ano contempla este tipo de gastos como subvencionables no seu art. 5.1.c) onde se dispón o seguinte:

“c) Para calcular el coste de personal, se considerará como gasto subvencionable el gasto pagado por el empleador derivado de las obligaciones laborales adquiridas para la ejecución de la operación.

Los costes de personal serán subvencionables en la medida en que el empleador haya incurrido en ellos efectivamente y se justifiquen mediante los correspondientes medios autorizados acreditativos del gasto y del pago.

En virtud de lo anterior, podrá considerarse subvencionable el gasto correspondiente a los días de ausencias que no dan lugar a situación de Incapacidad Temporal, tales como las ausencias derivadas de indisposición pasajera o asistencia a consulta médica, entre otras, al igual que los días de permiso que se establecen en el artículo 37.3 del texto refundido de la Ley del Estatuto de los Trabajadores siempre que correspondan a personal que preste efectivamente servicios para la operación seleccionada.

Asimismo, podrán ser subvencionables los costes de los días de Incapacidad Temporal siempre que estén pagados por el empleador conforme a lo dispuesto en la normativa laboral y administrativa aplicable.

En el caso de los costes de personal calculados mediante una tarifa horaria, será subvencionable el número de horas efectivamente trabajadas y acreditadas.”

 

Deste xeito esta orde incorpora a previsión ao respecto desta casuística, que permite que os custos derivados das previsións normativas ou de negociación colectiva no caso de incapacidade temporal poidan ser subvencionados.

 

Por outra banda, a CEG considera que en consonancia co anterior, é necesario que se modifique a Orde eliminando do seu articulado a letra e) do art. 5.2, e modificando o apartado 3, no seguinte sentido:

Artigo 5. Contratos subvencionables

(...)

2. En ningún caso serán cubertos polos contratos subvencionables os seguintes conceptos:

(...)

e) Custos salariais en caso de baixas temporais.

3. No suposto de baixas temporais:

a) No caso de substitución da persoa traballadora titular serán subvencionables os contratos que recollan os custos que ocasiona a persoa traballadora substituta así como os sobrecustos que estas substitucións leven consigo se estes veñen impostas pola normativa laboral ou os convenios colectivos aplicables.

b) No caso de que non se substitúa a persoa traballadora titular, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes ao período de baixa a excepción de aqueles que as entidades deban asumir como consecuencia das obrigas impostas pola normativa laboral ou os convenios colectivos aplicables

 

Segunda.- Artigo 6. Subvención: contía.

A CEG propón que o incentivo por mobilidade establecido neste artigo se faga extensible ademais de ás mulleres vítimas de violencia ás persoas con discapacidade como forma de promocionar a súa mobilidade xeográfica debido ás súas dificultades para ocupar postos de traballo lonxe do seu entorno habitual e como forma de integración e participación social.

 

Terceira.- Artigo 14. Criterios de valoración.

O apartado 1.b) outorga ata 30 puntos polo nivel de inserción laboral entendendo como tal aquela que supoña a contratación por conta allea, pola entidade solicitante da subvención, das persoas que participaron en proxectos aprobados nas tres últimas convocatorias.

 

A CEG considera que se debería entender como inserción, así mesmo, a contratación por conta propia.

 

Tamén propón que se entenda como inserción a contratación non só por parte da entidade solicitante da subvención, senón tamén por outras entidades con ou sen ánimo de lucro, co obxecto de contabilizar todas estas insercións que están relacionadas co traballo de orientación previa realizado pola entidade, especialmente cos colectivos que contempla esta orde.

 

Cuarta.- Artigo 19. Substitución de persoas traballadoras.

En coherencia co cambio proposto no art. 5, a CEG entende precisa a modificación do art. 19, que se refire á substitución dos traballadores, tanto para o caso de extinción da relación laboral, de redución da xornada ou de Incapacidade temporal.

 

Máis en concreto entendemos que debería modificarse o seu apartado 5.

 

Ao facer subvencionables os gastos salariais derivados das Incapacidades Temporais, procedería en consecuencia prever a imputación do sobrecustos derivados da substitución impostos pola lei ou polos convenios colectivos ao remanente correspondente ao tempo efectivamente traballado e o período tomado como referencia para o cálculo da subvención.

 

Deste xeito, proponse a seguinte redacción do apartado 5 do art.19 do proxecto de Orde:

 

Artigo 19. Substitución de persoas traballadoras

(...)

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo sexa inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á devolución do remanente da subvención polo importe correspondente.

 

En caso de que a entidade tivera que asumir custos derivados da substitución como consecuencia das obrigas impostas pola normativa laboral ou os convenios colectivos aplicables, poderá aplicar o seu importe ao remanente da subvención concedida, procedendo á devolución do restante se fora o caso.

 

Número ditame
12