Pasar al contenido principal

Ditame 14/24

Enviado el Mié, 18/12/2024 - 12:45
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme á Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2024.

I. ANTECEDENTES

 

O día 17 de xullo de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme á Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

 

Con data do 25 de xullo de 2023, foi publicada no Boletín Oficial do Estado a Orde TES/864/2023, do 21 de xullo, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

 

Correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, establecer a súa normativa propia para a xestión e concesión das correspondentes subvencións, en función das súas especialidades derivadas da súa organización administrativa e a normativa de aplicación no seu ámbito de xestión. Os artigos considerados comúns pola Orde TES/864/2023 e que teñen carácter básico foron incorporados na presente convocatoria.

 

Segundo a exposición de motivos, “de acordo cos obxectivos da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, priorizaranse as actuacións recollidas dentro dos obxectivos estratéxicos da mesma, especialmente no eido das melloras na prevención de accidentes de traballo, da xestión da seguridade e saúde nas PEME´s e na mellor xestión dos cambios derivados das novas formas de organización do traballo, os cambios demográfico e climático dende a óptica preventiva”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da orde que regulaba estas axudas para o exercicio anterior (publicada no DOG o día 31 de outubro de 2024) e o ditame emitido  con data 25 de setembro de 2023 (Ditame 31/2023), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

Deste proxecto normativo cómpre destacar a diminución no importe máximo subvencionable. Así, o artigo 7 establece que ningunha entidade poderá percibir unha contía que supere os 68.408€ no caso da liña I nin os 5.000€ no caso da Liña II, cando na convocatoria para o ano 2023 ese límite era de 167.000 e 20.000€ respectivamente.

 

En canto aos prazos, o artigo 11 fixa o prazo máximo para presentar a documentación xustificativa no 15 de decembro de 2024 e, polo que respecta ao período de realización das accións, o artigo 24 indica que estas deben estar rematadas o 30 de novembro de 2024.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme á Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2024” consta de: Exposición de motivos, trinta e sete artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

 

 

O día 24 de xullo de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e 8 específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén, así mesmo, as consideracións específicas non unánimes seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais (ANEXO I) e unha manifestada pola CEG (ANEXO II).

 

 

 

 

 

DITAME 14/2024

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme á Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2024, da Consellería Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de xullo de 2024 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de xullo de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Este Comité quere chamar a atención sobre as dificultades de execución que conleva esta orde tendo en conta as datas nas que se está a tramitar a convocatoria, aínda cando serán subvencionables as actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 2024.

Considérase que unha posible solución pasaría por buscar unha fórmula que permitise unha convocatoria plurianual das axudas.

 

Segunda.

Este comité observa algúns erros na redacción:

No artigo 28, o parágrafo do apartado 2.a) está incompleto, polo que resultaría procedente completalo segundo o previsto na Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia.

 

No artigo 28.2.B).1 fálase de incluír “por un lado na exposición do método (...)” cando o correcto sería “por un lado a exposición do método (...)”.

 

Obsérvase, tamén, que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 2. Ámbito e obxecto das subvencións.

O apartado 2 establece que o período de execución das actividades abrangue desde 1 de xaneiro ao 30 de novembro de 2024.

 

Este Comité considera que ese período debería ampliarse debido á escasa marxe de tempo desde a resolución das solicitudes.

Debe terse en consideración que nos proxectos da Fundación Estatal para la Prevención de Riesgos Laborales admitíase o período de execución ata o 31 de decembro, coa posterior presentación da documentación xustificativa ata o 31 de xaneiro do ano seguinte.

Subsidiariamente, de non ser posible esta proposta, cabería ampliar o período de xustificación ata a semana do 9 de decembro, mantendo aínda así o prazo de xustificación ata o 15 de decembro.

De aceptarse esta proposta, conlevaría a modificación dos artigos da orde que se refiren ao período de execución ata o 30 de novembro do 2024.  

 

Segunda.- Artigo 11. Gastos subvencionables e período de imputación.

O apartado 3 establece que o cobro destas subvencións será compatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación, excluíndo desta compatibilidade as ordes de axudas cos códigos de procedemento TR852A e TR852B desta mesma anualidade.

 

Este Comité considera que se debería eliminar a exclusión recollida e recuperar a redacción contida na mesma orde publicada no exercicio anterior (Orde do 23 de outubro de 2023, DOG do día 31 de outubro de 2024).

 

Terceira.- Artigo 12. Subcontratación.

Segundo o apartado 5 deste artigo, non se poderán imputar gastos de persoal propio no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50%.

 

Este Comité considera oportuno incrementar esa porcentaxe, xa que con esta flexibilización permitiríase imputar máis gasto tendo en conta o reducido prazo de execución desde a data de resolución das solicitudes.

 

Cuarta.- Artigo 15. Documentación complementaria.

O apartado 1.d).2º relaciona que accións se poderán levar a cabo. Este Comité considera que se deberían incluír, expresamente, os estudos e traballos técnicos referenciados no Anexo VI da orde.

 

Quinta.- Artigo 20. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das Liñas 1 e 2.

O apartado 1.d) avalía a paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal da entidade solicitante, outorgando 0 puntos ata a porcentaxe de 54% - 60% (incluída).

Este Comité considera que a antedita porcentaxe debería considerarse equilibrada e ser puntuable segundo o previsto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, entre outras normas na materia.

 

Sexta.- Artigo 27. Xustificación das subvencións.

Este artigo fai unha referencia á “actividade formativa subvencionada”.

Este Comité entende que a referencia debería facerse á “actividade subvencionada”, xa que non estamos ante actuacións formativas.

 

Sétima.- Artigo 33. Gradación dos incumprimentos.

O apartado 1 establece os supostos nos que procederá non realizar o pagamento ou posterior reintegro da totalidade da axuda concedida engadindo, na letra a), o incumprimento das obrigas ou compromisos regulados por esta orde e os aceptados pola entidade beneficiaria.

 

Este Comité considera que se trata dunha previsión excesiva e demasiado xenérica polo que propón que se elimine, xa que a continuación se relacionan neste apartado os supostos concretos de incumprimentos que darían lugar a ese reintegro total.

 

Oitava.- Artigo 37. Indicadores.

Entre os indicadores de resultados recóllese o indicador de resultado ER10 que ten en conta o número de participantes que melloraron a súa situación persoal ou laboral a través de medidas de fomento de prevención de riscos laborais, tras a súa participación.

Este Comité non considera procedente valorar a situación persoal das persoas participantes, polo que propón que se teña en conta unicamente a mellora da situación laboral.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA

 

Artigo 20. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas I e II.

O apartado g) deste artigo outorga un punto polo emprego efectivo da lingua galega.

As organizacións sindicais consideran escasa esa puntuación e entenden que debe incrementarse.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

 

Artigo 4. Beneficiarias das subvencións, requisitos e obrigas.

Segundo este artigo, poderán ser beneficiarias das axudas recollidas na Liña II as organizacións sindicais tanto de carácter sectorial como intersectorial, mentres que no caso das asociacións empresariais unicamente se contemplan como beneficiarias aquelas de carácter sectorial.

 

A CEG novamente considera que deberían ter cabida igualmente as asociacións empresariais intersectoriais.

Número ditame
14