Pasar al contenido principal

Ditame 16/24

Enviado el Mié, 18/12/2024 - 13:09
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

I. ANTECEDENTES

 

O día 23 de agosto de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “na presente convocatoria recóllense de maneira única e exclusiva aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da subvención para a contratación ou prórroga da contratación de persoas axentes de emprego e unidades de apoio por parte das entidades sen ánimo de lucro de carácter social que, en execución das políticas activas de emprego, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos, para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, persoas con especiais dificultades de inserción socio-laboral, como un programa autonómico”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2023, publicada no DOG o día 28 de setembro de 2023 e o ditame emitido polo Consello con data 6 de xullo de 2023 (ditame 26/2023), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Respecto da orde para o exercicio anterior, cómpre sinalar unicamente o incremento do orzamento xeral asignado a estas axudas de 25.085,44€ (artigo 2).

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, 22 artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 6 de setembro de 2024 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións específicas non unánimes seguintes: dúas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e tres específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

 

DITAME 16/2024

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de setembro de 2024 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira

Este Comité considera que a xustificación que figura no parágrafo cuarto da exposición de motivos para exclusivizar a axuda deste programa ás entidades prestadoras de servizos sociais para a discapacidade e o risco de exclusión social (o marco de axuste económico) non garda relación cos obxectivos e finalidade da orde recollidos no artigo 1.

 

Entendemos que se debería recuperar o criterio de que poidan participar no programa todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, que se estableza un incremento na contía do orzamento para dar acollida a estas entidades, ao considerar que o incremento orzamentario segue a ser insuficiente.

 

Segunda

Este Comité observa que, no artigo 6, empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

En canto ás disposicións adicionais, obsérvase que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

Terceira

 

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

 

Isto obsérvase, entre outros, no proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira. – Artigo 5. Subvención: contía.

Este Comité considera necesario incrementar a subvención ata o 3,5% do IPREM para os axentes de emprego e ata o 3% do IPREM no caso das unidades de apoio.

 

En consecuencia, debe incrementarse así mesmo o importe global do orzamento previsto no artigo 2.

Segunda. – Artigo 5. Subvención: contía.

Segundo o apartado 6 deste artigo, non se considera custo salarial subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º.c) do Estatuto dos Traballadores.

 

Este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a devandita indemnización, tal e como recolle a Orde TES/106/2024 e o Regulamento (UE) 2021/1060.

 

Terceira. –  Artigo 7. Documentación complementaria.

Segundo o disposto no apartado 2.a) deste artigo, forma parte da solicitude a declaración responsable na que se debe facer constar que a entidade beneficiaria, está ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Cuarta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

Neste artigo recóllense os criterios a valorar outorgándose, segundo os casos, ata 5, ata 10 ou ata 15 puntos.

 

Este Comité considera que debería concretarse o sistema de atribución de puntos, distribuíndoos como se fai nas letras b) e c) do apartado 4, para unha maior obxectivación dos criterios.

 

Quinta.-  Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

Este Comité considera que debería recuperarse a posibilidade de sumar un punto adicional cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, ou ben actores sociais presentes no territorio, xa que implica a participación dos axentes que realmente coñecen a realidade dun territorio.

 

 

 

Sexta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

O apartado 4.f) establece que “valorarase (...) a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade”.

 

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total.

 

Por outra parte, deben facerse explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”, debendo clarificarse que situacións darían lugar a unha puntuación negativa.

 

Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir esa valoración negativa prevista no apartado 4.e) deste artigo.

 

Sétima. - Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Oitava.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.

 

Este Comité considera que se debería incluír a esixencia de que se cumpra a normativa laboral e o convenio colectivo aplicable.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT -GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

 

Primeira. Artigo 11.-Procedemento e criterios de valoración

En relación coa consideración específica unánime sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

 

Segunda. Artigo 11.-Procedemento e criterios de valoración

O apartado 4.b) outorga ata 10 puntos aos proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, prevendo que no caso de contratación temporal, a puntuación será de 5.

 

As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar a previsión que soamente avaliaba a contratación indefinida.

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

 

Primeira.- Artigo 5. Subvención: contía.

A CEG considera que se debería habilitar unha partida específica para financiar os gastos  de desprazamento dos e das axentes de emprego derivados do exercicio das funcións que lles asigna esta orde.

 

Segunda.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

No apartado 4.b) inclúese, como criterio de valoración, o nivel de inserción laboral mediante a contratación indefinida outorgando, a continuación, diferentes puntuacións segundo a contratación sexa indefinida ou temporal e dando, polo tanto, cabida a esta última. En consecuencia, a CEG considera que, en coherencia, debe adaptarse a redacción indicada facendo referencia, tamén, á contratación temporal na primeira oración deste apartado do artigo 11.

 

Por outra parte, considérase que podería establecer un criterio de desempate máis adecuado que o da entrada da solicitude na sede: Terán preferencia as solicitudes de entidades que integren a un maior número de contratacións e/ou prórrogas de profesionais. Outra pobilidade sería: O maior número de persoas con discapacidade e/ou en situación ou risco de exclusión social.

 

Terceira.- Artigo 15. Substitución de traballadores e traballadoras.

Proponse a substitución  da obriga de autorización previa nos casos de substitución por  baixas temporais por IT,  pola mera comunicación aos efectos de non retrasar a substitución e permitir que se inicie proceso de selección para cobertura de vacante.

 

Número ditame
16