Pasar al contenido principal

Ditame 17/24

Enviado el Mié, 18/12/2024 - 13:11
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2024 e 2025

I. ANTECEDENTES

 

O día 12 de setembro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2024 e 2025.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

A exposición de motivos recorda que “a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema”.

 

Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal, financiadas pola dita consellería, coa excepción da formación incluída en programas integrados de emprego, obradoiros de emprego e accións formativas financiadas con fondos procedentes do mecanismo de recuperación e resiliencia.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 27 de outubro de 2023 e o ditame emitido polo Consello con data 13 de setembro de 2023 (Ditame 30/2023), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

O novo proxecto normativo presenta as seguintes modificacións respecto da orde anterior:

 

Obsérvase un incremento de 700.000€ no crédito total destinado a estas axudas, segundo prevé o artigo 2.

 

O artigo 3 esixe ás persoas beneficiarias das bolsas e axudas estar inscritas como desempregadas no Servizo Público de Emprego de Galicia na data de validación da acta de selección do alumnado polas oficinas de emprego. Na orde anterior, ese requisito debía cumprirse na data de inicio da acción formativa ou na da incorporación da persoa á dita acción.

 

Pola súa banda, o artigo 4 recolle unha serie de colectivos que se poderían beneficiar dunha bolsa de asistencia específica eliminándose esta opción, respecto da orde anterior, para as persoas que participen nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego.

 

No artigo 26, relativo á transparencia e bo goberno, engádese un parágrafo que fai referencia á canle de denuncias a través da cal poñer en coñecemento da Xunta de Galicia feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2024 e 2025”  consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria e dúas finais.

 

 

 

 

 

O día 23 de setembro de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

 

DITAME 17/2024

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2024 e 2025, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de setembro de 2024 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de setembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Tendo en conta a natureza das axudas e a situación das persoas beneficiarias, este Comité considera que o momento de percepción das axudas é fundamental para atender ao seu obxectivo, que entendemos que é posibilitar a participación das persoas desempregadas nas accións de formación e polo tanto mellorar a súa empregabilidade. En consecuencia, este Comité considera que a resolución e pago das axudas ás persoas beneficiarias debe facerse coa máxima celeridade.

 

Segunda.

No texto do proxecto de orde sometido a ditame figura no artigo 14 o establecemento dunha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.

 

Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 14 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e compensada e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3, tal e como establece o artigo 23.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, onde se establece que “as entidades beneficiarias colaborarán na xestión destas bolsas e axudas nos termos que establezan as convocatorias”.

 

Terceira.

Este Comité insiste en que debe facilite a folla de datos estatísticos da execución provisional correspondente ao exercicio anterior, que debe acompañar ao proxecto de orde e non achegarse ao informe que se remite posteriormente en resposta ao ditame emitido, na que deben recollerse os seguintes datos:

 

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente

 

Cuarta.

En canto ás disposicións adicionais, obsérvase que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

 

Primeira.- Exposición de motivos.

Segundo a exposición de motivos, “o obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia no relativo á concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen tanto en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, como no resto da oferta formativa de carácter formal incluída no Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal”. Isto non se corresponde coa previsión do artigo 1 do proxecto normativo, segundo o cal a presente orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen nas ditas accións formativas.

 

Así, este Comité considera que se debería adaptar ese parágrafo da exposición de motivos ao contido do artigo 1.

 

Segunda.- Artigo 7. Axudas de transporte.

Os apartados a) e b) do apartado 1 deste artigo fixan en 1,5€ a axuda de transporte público tanto urbano como interurbano.

 

Este Comité, tendo en conta o sistema de transporte público galego e a dispersión poboacional no territorio, considera necesario que a contía destinada a sufragar o transporte interurbano sexa superior á prevista para o transporte urbano.

 

Terceira.- Artigo 7. Axudas de transporte.

Este Comité considera que debe actualizarse a contía da axuda ao transporte en vehículo propio recollida no apartado 2 e, en consecuencia, procedería incrementar tamén a contía máxima diaria fixada neste apartado.

 

Cuarta.- Artigo 10. Cálculo das rendas.

No último parágrafo do apartado 2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

 

Este Comité considera que se debería articular un mecanismo, que inclúa unha reserva de crédito, para dar así cobertura a situacións de emerxencia social sobrevidas que poidan xurdir.

 

Quinta.- Artigo 14. Obriga de colaboración.

Este Comité propón que, de acordo coa consideración xeral segunda, se suprima o apartado 3 da redacción desta orde.

 

Sexta.- Artigo 16. Declaración responsable que forma parte da solicitude.

Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 1.f) deste proxecto normativo, tal e como establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 10.2, obriga a cumprir os requisitos establecidos “salvo que, pola propia natureza da subvención, se exceptúe pola súa normativa reguladora”.

 

Sétima.- Artigo 19. Prazo de presentación das solicitudes.

Este precepto fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes, prevendo que a presentación fóra de prazo conleve a súa inadmisión.

 

Este Comité considera que debería ampliarse o prazo establecido.

 

Oitava.- Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.

No apartado 3 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses.

 

Este Comité considera excesivo fixar un prazo de seis meses, xa que non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.

 

Novena.- Artigo 25. Pagamento das bolsas e axudas.

Este Comité considera que o primeiro pagamento debería ter lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión, en atención á especial natureza destas axudas.

 

Número ditame
17