I. ANTECEDENTES
O día 16 de outubro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2025 e 2026. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, “as axudas recollidas nesta orde pretenden incentivar a realización de actividades de promoción e formación, por parte de entidades que se incorporaron á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio 2024 (publicado no DOG o día 24 de xaneiro de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 10 de novembro de 2023 (Ditame 41/2023), obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
O novo proxecto normativo non contén modificacións salientables respecto do previsto na orde anterior.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2025 e 2026” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.
O día 23 de outubro de 2024 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia, S.N. de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG.
|
DITAME 20/2024
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2025 e 2026, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de outubro de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de outubro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Nos artigos 19, 25 e 28 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 8. Gastos subvencionables.
Este Comité considera que o custo das persoas profesionais que puidesen ser necesarias para atender a persoas con determinadas discapacidades (por exemplo, unha persoa intérprete da linguaxe de signos) sexa subvencionable como custo directo.
Segunda.- Artigo 19. Criterios obxectivos de concesión.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades.
Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Terceira.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o disposto no apartado 1.d) deste artigo, a entidade beneficiaria debe estar ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.
Cuarta.- Artigo 27. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 11 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias sexan debedoras en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.
Este Comité considera que a dita resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.
Quinta.- Artigo 29. Pagamento anticipado.
Este artigo prevé o pagamento anticipado de ata o 80 % do importe da subvención concedida para a anualidade.
Porén, nos proxectos normativos obxecto dos ditames 19/2024 e 21/2024, a porcentaxe é do 90%. Entende este Comité que esa porcentaxe do 90% debería ser unha regulación común a todas as persoas e entidades beneficiarias das ordes de axudas que tramita a Consellería e que polo tanto debería modificarse a porcentaxe de anticipo substituíndoa pola porcentaxe do 90% .
Sexta.- Artigo 36. Xustificación das accións subvencionadas.
O apartado 2 deste precepto establece que o prazo límite para xustificar as accións realizadas será o 31 de outubro de 2025 ou 2026.
Este Comité considera que se debería ampliar o prazo de xustificación ata o 15 de novembro, tendo en conta o prazo fixado para a finalización da execución.
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA
Artigo 19. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
En relación coa consideración específica unánime segunda, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA COFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA
Artigo 10. Incentivo adicional.
O apartado 2 fixa un incentivo máximo de 1.000 euros por cada entidade de economía social constituída, cun máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria.
A CEG entende que ese límite debería eliminarse tendo en consideración que, de non haber crédito dispoñible, a contía do incentivo adicional reduciríase proporcionalmente.