Pasar al contenido principal

Ditame 28/24

Enviado el Mié, 18/12/2024 - 13:22
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2025

I. ANTECEDENTES

 

O día 20 de novembro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Traballo Autónomo Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “as empresas de economía social e singularmente as cooperativas, demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

 

As subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Emprego e Igualdade pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo”.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2024, publicada no DOG o día 1 de febreiro de 2024, e o ditame emitido polo Consello con data 20 de novembro de 2023 (ditame 44/2023), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo cómpre destaca o seguinte:

 

En canto ao programa I (Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais), o artigo 24 exclúe, como beneficiarias, tanto ás cooperativas e as sociedades laborais que teñan o mesmo domicilio social ou fiscal que outras cooperativas e sociedades laborais que xa estivesen inscritas no Rexistro de cooperativas de Galicia ou no Rexistro de sociedades laborais de Galicia, como a aquelas creadas no período de execución desta orde cuxos socios coincidan, na súa maior parte, cos socios doutra cooperativa ou sociedade laboral preexistente.

 

Respecto ás obrigas das beneficiarias das axudas do Programa I, o artigo 28 eleva de 2 a 3 anos o período en que se debe manter unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial. O meso incremento se observa no período no que se debe manter o incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo indefinidas.

 

Ademais, como novidade, este artigo recolle a posibilidade de substituír á persoa en determinados casos, dentro do prazo de 6 meses.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, corenta artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

 

 

O día 29 de novembro de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I), unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG e UGT-Galicia e a CEG (Anexo II) e unha consideración específica manifestada pola CEG (Anexo III).

 

 

 

DITAME 28/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2025, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de novembro de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de novembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

 

Segunda.

Este Comité reitera a necesidade de que se acheguen, xunto co borrador de orde, os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

 

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2024 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

 

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas por esas        solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Terceira.

Obsérvase que nos artigos 5, 11, 26 e 27 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.-  Artigo 5. Definicións.

Nas letras k) e l) recóllense aspectos procedimentais que non encaixan neste artigo, onde unicamente se deberían recoller definicións, o cal debería ter sido modificado nesta convocatoria, tal e como se prevía na resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración no ditame 44/22, emitido sobre esta orde para o exercicio de 2023.

 

Segunda.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.

O apartado 8 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.

 

Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos, igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, xa que se trata de fomentar o emprendemento en economía social, xa que a norma vai máis alá das dinámicas establecidas polas persoas que están en cada momento.

 

Terceira.- Artigo 19. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

No apartado c) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

Cuarta.- Artigo 20. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención.

Este Comité propón levar a cabo unha revisión deste artigo  xa que a numeración e estrutura empregados no mesmo pode resultar confuso.

 

 

Quinta.- Artigo 24. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.

Segundo o apartado 3 deste artigo admitirase, aos efectos de acollerse ás axudas desta orde, a incorporación en condición de persoa fixa descontinua, sempre que a ocupación acade como mínimo o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas.

 

Este Comité considera que debe aclararse o criterio empregado para fixar o mínimo necesario de horas anuais, a falta de convenio colectivo aplicable, en 868.

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

 

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.

 

Os apartados 1 e 3 deste artigo, así como o apartado 1 do artigo 34, obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de tres ou dous anos, segundo o caso.

 

As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos, para ser coherente coas mesmas consideracións feitas a outras liñas de axuda da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

 

 

 

 

 

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E UGT-GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Artigo 25. Contía dos incentivos.

 

Este artigo prevé un incremento do 25% na contía da subvención en determinados supostos, entre eles, no caso de que a persoa incorporada teña a condición de trans.

 

A CIG , UGT-Galicia e a CEG consideran que debería ampliarse este suposto de xeito que opere ese incremento cando a persoa incorporada pertenza ao colectivo LGTBI+.

 

 

ANEXO III

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Artigo 28. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

 

Este artigo recolle no seu apartado 1 a obriga de manter o incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballaoras ou de traballo indefinidas polo menos durante un período de tres anos. A CEG considera que se debería reducir a devandita obriga a 2 anos.

Número ditame
28