Pasar al contenido principal

Ditame 31/24

Enviado el Lun, 14/04/2025 - 12:56
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025

I. ANTECEDENTES

O día 5 de decembro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos: “co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio”.

Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:

Obsérvase, no artigo 26, unha minoración nas contías dos incentivos tanto os destinados á contratación da primeira persoa traballadora indefinida (de 8.000 a 7.500€ no suposto xeral e de 10.000 a 9.000 cando a persoa contratada pertenza a determinados colectivos), como nos incentivos destinados á contratación dunha segunda e terceira persoa (de 10.000 a 9.000€ no suposto xeral e de 12.000 a 11.000 cando a persoa contratada pertenza a determinados colectivos).

Ademais, dentro dos colectivos que dan lugar a un incentivo maior, engádese agora o feito de que a persoa contratada sexa unha muller.

Pola súa banda, este artigo recolle unha serie de supostos nos que procede incrementar a contía do incentivo nun 15%, se ben na orde para o exercicio anterior ese incremento era do 25%.

Así, as contías máximas posibles serían de 14.400€ para a contratación da primeira persoa traballadora (8.100 menos que no exercicio anterior) e de 17.600€ para a segunda e terceira persoa traballadora (9.400 menos que no exercicio anterior).

O artigo 27 engade novas exclusións dos beneficios regulados nesta orde, non sendo subvencionable a contratación dunha persoa que, nos 24 meses anteriores, prestara servizos na mesma empresa ou que o fixera nos últimos 3 meses cun contrato temporal. Tampouco se subvenciona a contratación da persoa que, nos últimos 3 meses, rematara a súa relación laboral indefinida noutra empresa, salvo en determinados supostos que especifica este artigo. Finalmente, exclúese como subvencionable a contratación dunha persoa cando a persoa autónoma solicitante xa fora beneficiaria destas axudas por contratar a esa mesma persoa.

En canto ás obrigas das persoas beneficiarias, o prazo no que debe manterse á persoa contratada no cadro de persoal increméntase de 24 a 36 meses (artigo 28).

Dentro do Bono de incentivos á formación, o artigo 31 minora a contía da axuda prevista de 4.000 a 2.000€.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025” consta de: Exposición de motivos, trinta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 20 de decembro de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e catro específicas manifestadas por  CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO (Anexo I) e tres específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).

 

 

 

DITAME 31/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de decembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas beneficiarias ou interesadas ou de entidades beneficiarias cando a referencia debe facerse, en todo caso, as persoas autónomas beneficiarias ou interesadas.

 

Segunda.

Obsérvanse o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 9 e 10, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

Terceira.

Este Comité reitera a necesidade de que se acheguen, xunto co borrador de orde, os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

 

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2024 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

 

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas por esas        solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Cuarta.

Este Comité considera que se debe aclarar o motivo de que a convocatoria desta orde para o ano 2024 non fora debidamente remitida ao Consello Galego de Relacións Laborais para ser informada no seo do Comité delegado polo Pleno para a emisión de ditames.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 5. Definicións.

A pesar do título deste artigo, obsérvase que nel se entremezclan definicións con temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.

 

 

 

Segunda.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.

Tanto neste artigo como no artigo 20, faise referencia a que as persoas estean ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma tanto como obriga da persoa beneficiaria, como para obter a condición de persoa beneficiaria.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

Terceira.- Artigo 8. Solicitudes: Forma, lugar e prazo de presentación.

O apartado 4 deste artigo establece que o prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará aos oito días naturais contados dende o día da súa publicación.

Pola súa banda, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025, o prazo recollido comeza aos sete día naturais dende a publicación.

Este Comité considera que deberían harmonizarse os prazos das ordes tramitadas por esta Consellería para evitar confusións.

 

 

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E  SN DE CCOO DE GALICIA:

 

CONSIDERACIÓN XERAL

As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.

Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:

               1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

               2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

               3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

As organizacións sindicais cuestionan a utilización do bono de formación recollido no apartado 2.b) como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.

 

Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa no capítulo II.

 

Segunda.- Artigo 7. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 2 deste artigo dispón que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán,en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.

 

Terceira.- Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias.

O apartados 1 e 2 deste artigo obrigan á persoa beneficiaria a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de 36 meses.

 

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.

 

Cuarta.- Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias.

As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar a obriga de que, no suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, obrigaba a  manter o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal. En coherencia co sinalado na consideración inmediatamente anterior, proponse o prazo da devandita obriga sexa de 5 anos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

 

Primeira. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.

A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

 

Segunda.- Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias.

A CEG considera excesiva a obriga de manter no cadro de persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de trinta e seis meses, que recolle o apartado 3 deste artigo, e propón recuperar a previsión recollida na orde para o exercicio anterior que fixaba este período mínimo en 24 meses.

 

Terceira. – Artigo 29. Reintegros nos bonos de contratación.

No apartado 1.a) deste artigo estipula que cando as substitucións se realicen transcorrido o prazo establecido no artigo 29.1, entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía que se reintegrará será a correspondente aos meses nos que o posto estivese vacante.

 

A CEG propón que se modifique a redacción para que o sistema de cálculo prevexa a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante, de xeito que se faga referencia aos días nos que o posto estivo vacante e non aos meses.

 

 

 

Número ditame
31