Pasar al contenido principal

Ditame 1/25

Enviado el Lun, 14/04/2025 - 12:58
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, non financiadas con fondos públicos.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de xaneiro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, non financiadas con fondos públicos. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, estableceu un novo marco normativo que ten por obxectivo a constitución e ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional.

A súa finalidade é regular un réxime de formación e acompañamento que sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, expectativas e aspiracións de cualificación profesional das persoas ao longo da súa vida e ás competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego.

 

Como consecuencia dos cambios introducidos na normativa estatal, esta orde adapta o contido do procedemento que regula.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da orde referenciada no parágrafo anterior (publicado no DOG o día 10 de febreiro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 31 de maio de 2021 (Ditame 21/2021), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto non presenta grandes modificacións respecto da orde publicada de referencia.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

 

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, non financiadas con fondos públicos” consta de: Exposición de motivos, vinte e dous artigos, tres disposicións adicionais, unha transitoria, unha derogatoria e unha final.

 

 

O día 30 de xaneiro de 2025 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

 

 

 

DITAME 1/2025

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, non financiadas con fondos públicos”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de xaneiro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de xaneiro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este Comité considera que procede engadir, neste proxecto, un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

 

Segunda.

Este Comité observa a utilización das barras (“alumno/a” ou titor/a no artigo 17, por exemplo), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

 

Ademais, no artigo 21 omítese a letra h na clasificación mentres que, no artigo 22, se emprega a letra j, impropia do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Exposición de Motivos.

Este Comité observa que non figura, ao final da exposición de motivos, unha referencia aos informes preceptivos solicitados na tramitación deste proxecto, entre eles, o solicitado a este Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segunda.- Artigo 2. Entidades solicitantes.

Este Comité considera que se debe clarificar as modalidades de impartición das accións delimitando a modalidade virtual, presencial e a aula virtual, posto que o  establecido neste artigo ao respecto, así como o disposto nos artigos 12.2 e 14.4, dá lugar a confusión.

 

Terceira.- Artigo 5. Documentación complementaria.

Entre a documentación complementaria que debe achegarse, o apartado 1.c) deste precepto esixe a acreditación do pagamento da taxa de solicitude de autorización  para impartir accións formativas.

 

Este Comité considera que, aínda que taxas esixidas non se incrementaron para o ano 2025 respecto das previstas para o 2024,  seguen a ser moi elevadas, sobre todo cando se trata de competencias clave, polo que consideran que as ditas taxas deberían eliminarse.

 

Subsidiariamente, proponse que as ditas taxas sexan obxecto dunha rebaixa substancial.

 

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 12.X.

 

Cuarta.- Artigo 11. Recursos.

Segundo este artigo, as resolucións ditadas ao abeiro desta orde non poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso de Alzada ante a persoa titular da consellería competente.

 

Este Comité considera que se debería completar a redacción deste artigo coa indicación de cando se pon fin á vía administrativa, deixando expedita a vía contenciosa.

 

Quinta.- Artigo 15. Modalidades de impartición.

O apartado 3 deste artigo, no seu último parágrafo, indica que para a autorización e criterios de uso da aula virtual serán de aplicación, no non disposto nesta

orde ou naquelas disposicións de aplicación supletoria, as instrucións publicadas pola Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, dispoñibles para a súa descarga ou consulta no sistema informático SIFO.

 

Este Comité propón incorporar a ligazón ás referidas instruccións no texto do proxecto normativo.

 

Sexta.- Artigo 19. Formación en empresa.

Este Comité considera que se debería recoller expresamente no texto da orde a obriga de indicar, no convenio coa empresa en que terá lugar o módulo de formación, que debe darse cumprimento aos dereitos de información e participación que se recoñezan, na normativa laboral, aos representantes legais das persoas traballadoras, tal e como establece o artigo 51.5.d) do Real Decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional.

 

Sétima.- Artigo 22. Revogación da autorización.

Segundo o apartado 1.b), procede a revogación da autorización concedida ao abeiro desta orde por incumprimento do calendario lectivo autorizado para a impartición da acción formativa.

 

Este Comité considera que procede aclarar os supostos en que se entende incumprido o dito calendario e procedería a revogación da autorización, así como se hai causas xustificadas que poidan operar como excepción.

Número ditame
1