I. ANTECEDENTES
O día 10 de febreiro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A exposición de motivos establece que “estes programas tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de, por unha banda servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e por outra de apoiar ás entidades locais na prevención dos incendios forestais así como na dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural que axuden á súa preservación”.
O obxectivo fundamental desta convocatoria, segundo a exposición de motivos, é “facilitar a mellora da empregabilidade da poboación desempregada a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas rurais e con menos oportunidades laborais que perden veciñanza ano tras ano. Por esa razón, e ao abeiro dos principios de cooperación e colaboración administrativa en prevención e defensa contra incendios, incentívase a contratación por parte dos concellos que contan con menos de 50.000 habitantes”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 24 de xaneiro de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 23 de novembro de 2023 (Ditame 47/2023), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, a consideración de carácter formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial, así como unha das consideracións sobre o fondo da norma.
Do novo proxecto normativo, pódense destacar os seguintes aspectos:
A primeira grande modificación respecto a convocatorias anteriores vén dada polo feito de que, para este exercicio, as axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva (artigo 1).
Outra novidade salientable, neste mesmo artigo, é a posibilidade de que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en coordinación coa consellería do Medio Rural, desenvolvan accións formativas para as persoas traballadoras contratadas, en colaboración coas entidades que resulten beneficiarias destas axudas, para tarefas de limpeza e mantemento de vías e parcelas, e/ou tarefas de prevención de incendios.
O financiamento previsto no artigo 2 experimenta un notable incremento, pasando de 7.000.000€ a 14.308.298.
En canto aos requisitos das obras ou servizos, recollidos no artigo 4, obsérvase que a duración mínima dos contratos redúcese de 9 meses a 8.
En canto á contía da subvención, que regula o artigo 5, increméntase o importe salarial máximo subvencionable de todos os grupos de cotización, pero elimínase o incremento do 15% que a convocatoria anterior prevía para as contratacións que se realizaran nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente.
No artigo 12 indícase o máximo de contratacións que serán subvencionables en cada suposto, observándose varias novidades no texto da orde:
Así, os concellos fusionados que se sumen á iniciativa galega dos concellos emprendedores poderán recibir subvención por ata 6 contratacións e os concellos fusionados poderán subvencionar ata 5 contratacións (en ambos casos, 2 máis que na convocatoria anterior).
Tamén se recollen supostos novos: os concellos que na convocatoria de 2024 obtiveran e formalizaran máis de 5 contratacións, poderán subvencionar neste exercicio ata 5 contratacións. Os concellos que posúan PPAI ou ZAR poderán recibir subvención por ata 3 contratacións.
O artigo 15 reitera o comentado respecto do artigo 4, isto é, a rebaixa na duración mínima dos contratos de 9 a 8 meses.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2025” consta de: Exposición de motivos, vinte e dous artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 19 de febreiro de 2025 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e dúas específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais.
|
DITAME 3/2025
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2025”, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de febreiro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de febreiro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.
Segunda.
Este Comité considera que se debería adecuar o título deste proxecto normativo ao seu obxecto, para que sexa facilmente indentificable.
Terceira.
Obsérvase o emprego da letra j na clasificación dos artigos 14, 19 e 21, que é impropia do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Este artigo establece, como novidade, que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en coordinación coa Consellería do Medio Rural, poderá desenvolver accións formativas para as persoas traballadoras contratadas, en colaboración coas entidades que resulten beneficiarias destas axudas.
Este Comité considera que non procede destinar fondos previstos para actuacións formativas de persoas desempregadas, á formación en materia de prevención de riscos laborais do posto de traballo que o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de PRL recolle como unha obriga da empresa.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Segundo este artigo, as persoas contratadas realizarán tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Este Comité considera que procede clarificar as implicacións do termo “maioritariamente”, concretando que outras tarefas poderían realizar.
Terceira.- Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos.
O apartado d) deste artigo esixe que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa igual o superior a 8 meses, o que rebaixa nun mes o requisito que se establecía na orde para o exercicio anterior.
Este Comité considera que se debe recuperar a previsión anterior fixando a duración mínima dos contratos en 9 meses.
Cuarta.- Artigo 5. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
Este comité considera que , dado que hai una parte do programa financiado con FSE, procedería incluír como subvencionable o importe da indemnización por finalización de servizo prestado segundo o artigo 40.1 c) do ET, sempre e cando o servizo estea vinculado ó dito programa segundo o criterio recollido na Orde TES/106/2024, de 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
O mesmo criterio aplicaríase nos casos de complementos de distancia e transporte.
Quinta.- Artigo 12. Procedemento de concesión.
Chama a atención deste Comité que o ítem g) sexa o único do apartado 4 que especifica as actividades a realizar polas persoas contratadas, polo que se propón aclarar este aspecto.
Sexta.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
O último parágrafo do apartado 5 deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.
Este Comité considera que se debería engadir unha definición de “menor nivel de protección social”, tal e como se fai coas responsabilidades familiares.
Sétima.- Artigo 15. Contratación das persoas traballadoras.
Segundo o apartado 6, as contratacións que incumpran os requisitos esixidos neste artigo non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, poderán dar lugar á perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Este Comité propón mellorar esa redacción no senso que se indica a continuación: “as contratacións que incumpran os requisitos esixidos neste artigo non se entenderán xustificadas, non poderán ser subvencionadas e poderán dar lugar á perda do dereito ao cobramento e, no seu caso, ao reintegro”.
Oitava.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto neste artigo, non podería realizarse o pagamento da subvención se a entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social, ten calquera débeda pendente coa administración ou se é debedora por resolución de procedencia de reintegro.
Novena.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.
Entre as obrigas que recolle este artigo, o apartado b) sinala a de asignar a unha ou varias persoas pertencentes á entidade local, a función de coordinación e/ou de titorización das persoas contratadas.
Este Comité considera que se debería aclarar se debe haber unha persoa para asumir a función de coordinación e outra para asumir a función de titorización ou, se pola contra, unha mesma persoa pode asumir ambas funcións.
Décima.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado j) deste artigo obriga ás entidades beneficiarias a realizar un informe global no que se describan tanto os puntos fortes como as carencias das persoas demandantes de emprego sen titulación que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas aquí regulados.
Este Comité considera que non debería esixirse o dito informe, xa que non é indicativo da situación global de mercado laboral e, ademais, o Servizo Público de Emprego de Galicia xa ten entre as súas funcións a de desenvolver medidas de mellora da empregabilidade das persoas demandantes de emprego.
Décima primeira.- Artigo 20. Seguimento.
No apartado 3.b) deste artigo establécese a obriga das entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”
Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.
Consideración xeral:
A exposición de motivos deste proxecto prima aos concellos adheridos ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia- Concellos emprendedores”.
As organizacións sindicais consideran este tratamento privilexiado fóra de lugar ao non gardar relación algunha coa finalidade deste proxecto de orde que, segundo o seu artigo 1, é a de financiar “accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral”.
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 5. Subvención: contía
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.
Segunda.- Artigo 12. Procedemento de concesión.
O apartado 4.f) recolle que poderán recibir subvención por ata tres contratacións os concellos que se sumen á iniciativa galega dos concellos emprendedores (anteriormente denominados concellos Doing Business Galicia-Concellos Emprendedores), cando na convocatoria para o exercicio anterior ese número limitábase a unha contratación.
En relación ao disposto na consideración xeral deste Anexo, as organizacións sindicais propoñen que se recupere o previsto na convocatoria para o 2024 e se limite novamente a unha as contratacións subvencionables nestes supostos.