Pasar al contenido principal

Ditame 4/25

Enviado el Mar, 06/05/2025 - 13:02
Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

I. ANTECEDENTES

 

O día 4 de marzo de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos “estas axudas están destinadas a reforzar a economía galega en termos de emprego e de actividade económica co obxecto de fomentar a economía social mediante fórmulas empresariais máis sustentables no tempo”.

 

Engade que “cómpre salientar que as empresas de economía social, polos principios e valores que as sustentan, poden constituír unha alternativa viable para aquelas empresas mercantís que non teñen remuda xeracional; para a unión de persoas autónomas que precisen dunha maior seguridade, fortaleza e solvencia que acadarán cunha destas fórmulas de economía social; así como para as persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade da empresa para a que traballan a través dunha cooperativa ou sociedade laboral”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2024 (publicado no DOG o día 10 de xuño de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 15 de marzo de 2024 (Ditame 2/2024), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Respecto da orde para o exercicio anterior, cómpre destacar os seguintes aspectos:

 

 O artigo 5 esixe, como novidade, que as entidades foran creadas nos 3 anos anteriores á data de presentación da solicitude, para poderen ser beneficiarias das axudas.

 

En canto aos conceptos subvencionables, o artigo 6 engade como tales o aluguer do local de centro de traballo e o seguro de responsabilidade civil e de responsabilidade civil de explotación do centro de traballo.

 

No que respecta ás contías da axuda, segundo o artigo 7 esta será equivalente ao 80% ou ao 60% do custo total dos gastos subvencionables segundo o suposto de constitución, cando na convocatoria anterior a porcentaxe era en todo caso do 80%.

Obsérvase unha redución do límite máximo das axudas, que pasa de 50.000 a 30.000€. O incremento previsto no segundo apartado deste artigo cando se cumpran determinadas condicións tamén se reduce de 3.000 a 2.000€.

Así, a axuda total para cada entidade beneficiaria non poderá superar un total de 46.000€, mentres que na convocatoria anterior ese límite fixábase en 74.000€.

 

Entre as obrigas das entidades beneficiarias está a de manter a forma xurídica, a actividade económica e o emprego xerado. Respecto da convocatoria anterior, obsérvase un incremento do período durante o cal deben manterse eses aspectos, que pasa de tres a cinco anos (artigo 23).

Tamén se engade o procedemento a través do cal proceder á substitución da persoa socia nos casos en que procede.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025” consta de: Exposición de motivos, trinta e dous artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

 

 

O día 19 de marzo de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada pola CEG.

 

 

 

 

DITAME 4/2025

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025, da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de marzo de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de marzo de 2025, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAISQUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

 

Segunda

Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 8 e 12, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.

Segundo o apartado 1.a) deste artigo, a constitución dunha sociedade laboral ou cooperativa por ausencia de remuda xeracional, requírese que a nova entidade estea integrada total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultaren extinguidos por causa de crise ou xubilación da súa persoa empregadora.

 

Este Comité considera que se debe engadir, como causa de extinción, a incapacidade das persoas promotoras, situación referenciada expresamente na definición que de “ausencia de remuda xeracional” recolle o artigo 8 desta orde, harmonizando así o contido de ambos preceptos.

 

Segunda.- Artigo 6. Conceptos subvencionables.

Este Comité considera que se deberían incluír, como gastos subvencionables, os derivados da elaboración de memorias de sostibilidade.

 

Terceira.- Artigo 6. Conceptos subvencionables.

O comité reitera a súa proposta de que se incorporen, como conceptos subvencionables, a adquisición de activos da empresa, a profesionalización e desenvolvemento estratéxico e a totalidade dos gastos correntes que non estean xa previstos. Respecto destes últimos, cómpre ademais ter en conta que na exposición de motivos deste proxecto normativo inclúense os gastos correntes como elemento financiable con estas axudas.

 

Cuarta.- Artigo 11. Documentación complementaria.

O apartado 1 deste artigo relaciona a documentación que deben achegar as persoas interesadas coa solicitude.

En liña coa resposta remitida pola Consellería, respecto da consideración xeral unánime primeira do ditame anterior, este Comité considera que a referencia neste punto debería facerse a persoas ou entidades interesadas.

 

Pola súa banda, a referencia á persoa solicitante que recolle o apartado 1.d) debería facerse á entidade solicitante, xa que unicamente as entidades poden ser solicitantes das axudas recollidas nesta orde.

 

Quinta.- Artigo 11. Documentación complementaria.

Segundo o último parágrafo do apartado 1.) deste artigo,  a entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas na que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade.

Este Comité considera que se debería concretar a definición de “empresa vinculada” aos efectos desta orde, para unha maior seguridade xurídica.

 

Sexta.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.

Segundo o apartado 12, en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

 

Sétima.- Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.

Entre as obrigas relacionadas neste artigo, o apartado f) engade a de que as sociedades laborais beneficiarias deben achegar as súas contas anuais durante os cinco anos seguintes ao ano en que se ditou a resolución de concesión da axuda.

 

Este Comité considera que, para maior clarificación e seguridade xurídica, se debería especificar en que momento se debe proceder a esa achega, indicando se hai un prazo específico tras a aprobación das contas anuais en cada exercicio.

 

Oitava.- Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes.

O apartado 1 deste artigo o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 2025, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

 

Tendo en conta a data na que este proxecto está a ser tramitado, así como a previsión da data de publicación no DOG, este Comité considera que estamos ante un prazo demasiado curto que debería ser ampliado.

 

En consecuencia, procedería tamén ampliar os prazos previstos nos artigos 29 e 30 relativos aos prazos de execución e de xustificación, respectivamente.

 

 

 

 

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

 

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado h) deste artigo esixe ás entidades beneficiarias das axudas manter, polo menos durante un período de cinco anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade económica e o emprego xerado.

 

A CEG considera que se trata dun período excesivo, propoñendo reducilo a tres anos, tal e como prevé o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, que tamén é obxecto de informe na xuntanza do Comité de ditames de hoxe.

Número ditame
4