I. ANTECEDENTES
O día 13 de marzo de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2025-2026.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “o goberno galego quere asegurarse de que as persoas teñan as habilidades que necesitan para prosperar, por iso, seguindo as directrices europeas, está a despregar unha Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, co obxectivo de mellorar as capacidades das persoas, para fortalecer a competitividade das empresas, garantir a equidade social e desenvolver a nosa resiliencia”.
Así, elaborouse “o Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego (...) co obxectivo de elaborar unha proposta de cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro”.
Por outra banda, “leváronse a cabo mesas de traballo sectoriais a través dun proceso participativo orientado a capturar a información do tecido produtivo para detectar as necesidades de capacitación”.
Engade a Exposición de motivos que “co coñecemento adquirido xustifícase a pertinencia da presente convocatoria de axudas, co obxectivo de asegurar que as persoas teñan as capacidades adecuadas, mobilizando e incentivando ás empresas para adoptar accións para a mellora e a reciclaxe profesional das persoas en idade de traballar e dese modo resolver as necesidades de perfís capacitados por parte das empresas”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2024 (publicado no DOG o día 25 de xuño de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 18 de abril de 2024 (ditame 7/2024), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, a consideración formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.
A novidade máis salientable respecto da orde anterior recóllese no artigo 8 que engade, nesta convocatoria, as competencias nas tecnoloxías limpas e eficientes no uso dos recursos como ámbito de capacitación prioritario.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2025-2026” consta de: Exposición de motivos, trinta e cuatro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 31 de marzo de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais de carácter unánime e once consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia.
Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánimes seguintes: 1 xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais (ANEXO I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (ANEXO II).
|
DITAME 6/2025
|
En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2025-2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de marzo de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Este Comité considera que os requisitos formais e as obrigas de xestión que impón esta orde son excesivos, tendo en conta o tecido produtivo ao que se dirixen estas axudas e que inclúe microempresas e persoas traballadoras autónomas, cuxa capacidade de xestión se pode ver superada pola complexidade dos trámites esixidos, polo que non procede esixir os mesmos requerimentos a todas as posibles beneficiarias.
Por iso, debería preverse unha xestión máis sinxela e simplificada.
Segunda.
Este Comité unha revisión do texto sometido a ditame cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva, xa que se observa o emprego do masculino xenérico (por exemplo, “profesionais autónomos” no artigo 8. Así mesmo, deben revisarse os erros de numeración que se detectan nos artigos 8 e 9.
Ademais, obsérvase que neste proxecto normativo utilízanse as letras j e k no artigo 26, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Terceira.
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.
En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras polas solicitudes resoltas favorablemente.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 4. Réxime xurídico.
Este Comité propón que, no apartado f) deste artigo se recolla integramente o nome do Regulamento xeral de protección de datos (Regulamento (UE) 2016/679), tal e como se fai coas normas referenciadas nos apartados anteriores.
Segunda.-Artigo 5. Financiamento.
Segundo este artigo, as accións formativas subvencionables que se inicien e rematen entre o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria e ata o 31 de outubro de 2025 incluído, serán financiables con cargo ao orzamento da anualidade 2025.
Este Comité considera que se deberían evitar os períodos de lagoa entre a convocatoria anterior e a correspondente á primeira anualidade desta convocatoria. O mesmo se observa respecto do previsto no artigo 12.
Terceira.-Artigo 8. Actuacións subvencionables.
O apartado 5 deste artigo permite impartir as accións formativas mediante aula virtual. Ao respecto, este Comité considera que se deberían especificar no texto da orde as obrigas que a Lei Orgánica 3/2018 de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais impón ás entidades que desenvolven as accións.
Cuarta.-Artigo 8. Actuacións subvencionables.
O apartado 9 deste artigo prevé que as persoas participantes nas accións formativas terán, no seu caso, dereito a recibir unha acreditación indicando que, entre o seu contido, estará:
d) Volume de horas de traballo teórico asociadas á formación recibida.
e) Volume de horas de traballo práctico asociadas á formación recibida.
Este Comité considera que se deben aclarar os conceptos recollidos nas letras d) e e).
Quinta.- Artigo 9. Proxecto formativo.
Este Comité propón mellorar a redacción do apartado 1.f), xa que contén varias incorreccións gramaticais.
Sexta.- Artigo 14. Réxime de concesión.
O apartado 1 deste artigo establece que o procedemento de concesión de subvencións tramitarase e resolverase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Engade, a continuación, o teor literal do citado artigo “segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario”.
Este Comité considera que procede eliminar esta segunda parte, xa que pode xerar confusión e o procedemento polo que se tramitarán as axudas queda perfectamente claro na primeira parte do apartado.
Sétima.- Artigo 15. Presentación de solicitudes.
O apartado 5 relaciona as declaracións responsables que deben realizar as entidades beneficiarias.
Este Comité propón que se mellore a redacción dos ítems xiii, xix e xxi.
Así, por exemplo, no ítem xiii establece: “Non se atopa en ningunha situación que a configure como empresa en crise”, cando debería establecer: “Que non se atopa en ningunha situación que a configure como empresa en crise” ou “Non atoparse en ningunha situación que a configure como empresa en crise”.
Oitava.- Artigo 16. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de setembro de 2025.
Este Comité considera que se debería ampliar ese prazo, tendo en conta ademais que a orde subvenciona actuacións formativas que se realicen ata o 31 de outubro.
Novena.- Artigo 26. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 2.e) esixe ás entidades beneficiarias cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060.
Este Comité considera que se debería clarificar a súa non aplicación ás actuacións que se desenvolvan antes da resolución, polo que sería convinte recoller esta situación de xeito expreso na Orde, para maior seguridade xurídica.
Décima.- Artigo 27. Pago.
O apartado 1 deste artigo prevé un anticipo de ata o 50% da subvención concedida.
Este Comité considera que se debería incrementar a porcentaxe prevista, á vista doutas ordes desta Consellería.
Décima primeira.- Artigo 30. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas.
O apartado 3 recolle os supostos que dan lugar á perda total do dereito o pagamento da axuda concedida, entre eles, o recollido no ítem b): “Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención”.
Este Comité considera que se debe de tratar de requisitos e condicións esenciais da subvención, tal e como se prevé no apartado 4 deste mesmo artigo respecto do incuprimento parcial.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT – GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:
Consideración xeral
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran, como xa teñen manifestado noutras ordes reguladores de accións formativas, que as axudas que teñen por obxecto subvencionar actuacións formativas non deberían desagregarse en diferentes ordes.
Consideracións específicas
Primeira.- Artigo 8. Actuacións subvencionables.
Segundo o apartado 4 deste artigo, cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran escasa a duración mínima esixida, tendo en conta os ámbitos de formación que se sinalan como prioritarios, como as competencias dixitais, polo que debería aumentarse esa duración mínima.
Segunda.- Artigo11. Criterios para a determinación da contía da subvención.
O apartado 2 fixa a contía máxima da subvención por entidade solicitante en 25.000 euros engadindo que, en todo caso, a intensidade máxima da axuda solicitada está limitada ao 70%, 60% ou 50% do gasto subvencionable, en función do tipo de entidade beneficiaria (agás no suposto de empresas do sector do transporte marítimo, onde a porcentaxe é do 100%).
As organizacións sindicais consideran excesivo tanto o límite subvencionable como a contía máxima á que poden optar as beneficiarias, entendendo que a subvención regulada nesta orde se debería adecuar ao módulos económicos previstos para o financiamento doutras actuacións formativas desta Consellería.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 3. Definicións.
O apartado 3 define ás empresas en crise, excluídas da condición de beneficiarias destas axudas segundo o artigo 6.
A CEG entende que esta exclusión non debería afectar a aquelas empresas declaradas en concurso cando neste adquirira a eficacia un convenio, xa que o artigo 10.2 da Lei de Subvencións de Galicia permite a estas entidades ser beneficiarias de subvencións este extremo debería constar expresamente nesta orde.
Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
A CEG entende excesivo o requisito esixido no apartado 1 deste artigo de que as entidades deban contar cunha actividade ininterrompida, cando menos, de tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria. Considera que debería eliminarse ou, subsidiariamente, reducirse para dar cabida a un maior número de empresas. Coa redacción actual penalízase ás empresas de máis recente creación.