I. ANTECEDENTES
O día 15 de abril de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que achega o proxecto de decreto polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia adica o seu Título III á igualdade de mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais. O capítulo II do citado título, relativo á sostibilidade social empresarial e benestar laboral, regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, que se configura como un distintivo outorgado pola Administración autonómica para recoñecer aquelas empresas ou entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade para a equiparación laboral entre mulleres e homes”.
Así, “este decreto ten por obxecto desenvolver a regulación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, así como crear e regular o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas co citado distintivo”.
No ano 2022 remitiuse para ditame un proxecto de decreto sobre este mesmo obxecto, sendo informado no ditame 21.2022.
O proxecto que agora se remite introduce modificacións para adecualo á nova Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
Ademais, no artigo 3 introduce a previsión de que se, durante a vixencia da Certificación, deixa de estar en vigor o Plan de Igualdade no que se baseou a súa concesión, a Certificación poderá manter a súa vixencia sempre que a empresa cumpra as seguintes condicións:
1.Acreditar o inicio da negociación do novo plan de igualdade
2.Demostrar ter executadas o 75% das medidas do plan que deixa de estar en vigor.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “decreto polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, tres disposicións adicionais, unha derrogatoria e dúas disposicións finais.
O día 7 de maio de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así memso, as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia SN de CCOO de Galicia (ANEXO I), unha xeral e tres específicas manifestadas pola CIG (Anexo II) unha específica manifestada polo SN de CCOO de Galicia (Anexo III) e cinco específicas manifestadas pola CIG e polo SN de CCOO de Galicia (Anexo IV)
|
DITAME 8/2025
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de abril de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de maio de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Este Comité propón revisar o texto para corrixir algúns erros gramaticais, como por exemplo “medidas programas” no artigo 4.1.c) en vez de “medidas programadas”.
Obsérvase que, nos artigos 5 e 7, empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde referenciado no parágrafo anterior.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT – GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA
Artigo 5. Condicións e criterios de valoración.
O apartado 3.d) deste precepto inclúe, como criterio ou parámetro de igualdade obxecto de valoración o ter contratada a unha persoa experta para desenvolver actuacións en materia de igualdade, que deberá contar cun mínimo de 150 horas de formación en igualdade e dous anos de experiencia.
As organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que a obtención dunha Certificación Galega de Excelencia en Igualdade debería esixir uns requisitos máis estritos aos mínimos esixidos pola lexislación aplicable. A formación mínima requirida a unha persoa experta en igualdade son 150 horas, polo que se entende que neste punto o decreto debería máis esixente e valorar unha formación superior.
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CIG
Consideración xeral
A CIG manifesta a súa oposición, como xa ten formulado respecto da Marca Galega de Excelencia en Igualdade, á creación dun distintintivo que, tal e como está formulado neste decreto, vén premiar ás empresas polo feito de cumprir os mandatos legais no eido da igualdade o que conlevaría un emprego demagóxico do cumprimento da igualdade entre sexos.
Ademais, esta organización entende que sería necesario contextualizar a fenda salarial existente en Galicia e, en todo caso, cuantificala en vez de referirse á fenda salarial media existente no estado español.
Consideracións específicas
Primeira.- Artigo 4. Suxeitos lexitimados e e requisitos para solicitar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
O apartado 1.c) deste precepto esixe contar cun plan de igualdade e ter implantadas, polo menos, o 25% das medidas previstas nel ou, no caso de supoñer unha porcentaxe superior, as que previron realizar no período comprendido entre a aprobación do plan e a presentación da solicitude do distintivo.
A CIG considera que esa esixencia é insuficiente e mesmo podería ser obxecto dunha sanción por incumprimento. Debe exisirse, en todo caso, o cumprimento do 100% das medidas programas no plan, segundo o calendario de aplicación, no momento da presentación da solicitude deste distintivo.
Segunda.- Artigo 7. Documentación complementaria.
O apartado 1.d) deste precepto obriga a presentar, xunto coa solicitude, un informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade. A CIG considera que debería preverse a obriga de que o devandito informe sexa elaborado, necesariamente, pola Comisión de Seguimento e Avaliación e recolla, como contido mínimo:
.Medidas programadas nese período
.Medidas cumpridas en prazo
.Medidas incumpridas
.Incidencias na implantación
Terceira.- Artigo Artigo 7. Documentación complementaria.
Respecto do previsto na consideración anterior, a CIG tamén considera necesario incluír o abriga de solicitar un informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social, así como un informe da representación legal das persoas traballadoras no que figure o seu parecer respecto do grao de cumprimento das medidas recollidas no plan de igualdade.
ANEXO III
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SN DE CCOO DE GALICIA
Artigo 4. Suxeitos lexitimados e e requisitos para solicitar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
O apartado 1.c) deste artigo esixe, para optar á Certificación, que a entidade teña implantadas, como mínimo, op 25% das medidas recollidas no plan de igualdade.
O SN de CCOO de Galicia considera que esa porcentaxe mínima debería incrementarse ao 30%.
ANEXO IV
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CIG E O SN DE CCOO DE GALICIA
Primeira.- Artigo 4. Suxeitos lexitimados e e requisitos para solicitar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
O apartado 1.c) deste artigo establece, tras fixar a porcentaxe mínima das medidas do plan de igualdade que deben estar implantadas para optar á Certificación, que cando supoñan unha porcentaxe superior, terán que ter implantadas a totalidade das medidas programas para o período comprendido entre a data de aprobación do plan de igualdade e a data da aprobación do informe de avaliación e seguimento pola correspondente comisión segundo o previsto na letra d).
As organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que se debe clarificar esta redacción, xa que pode resultar confusa.(CCOO + CIG)
Segunda.- Artigo 4. Suxeitos lexitimados e e requisitos para solicitar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
O apartado 1.i) esixe ter subscrito con anterioridade á solicitude do distintivo, un compromiso explicito en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condición de traballo, organización e funcionamento interno da entidade e responsabilidade social.
As organizacións sindicais consideran que se debería concretar que o antedito compromiso debe estar subscrito con, polo menos, un ano de anterioridade á solicitude do distintivo.
As organizacións sindicais consideran que se debe mellorar a redacción do apartado 2 deste artigo e propón o contido que se achega a seguir: “As empresas e entidades do terceiro sector que cumpran os requisitos establecidos no número 1 poderán solicitar a renovación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade. Nos casos de renovación, ademais do informe de seguimento e avaliación previsto na letra d) do número anterior, as empresas e entidades solicitantes haberán de presentar os informes de avaliación final dos plans de igualdade que se presentaron para a solicitude da Certificación e posterior renovación, nos que se recollan as medidas implantadas, a avaliación dos seus resultados e reflicten a situación de igualdade na empresa ou entidade do terceiro sector”.
Cuarta.- Artigo 5. Condicións e criterios de valoración.
O apartado 1 deste artigo esixe, para obter ou renovar o distintivo, cumprir a totalidade das condicións establecidas no seguinte apartado.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir cumprir coa totalidade das condicións e criterios establecidos nos apartados 2 e 3 deste artigo.
Quinta.- Artigo 5. Condicións e criterios de valoración.
Dentro dos criterios de igualdade a avaliar, o apartado 3 deste artigo sinala no ítem e) a disposición, debidamente acreditada, de certificacións RSE.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, a lo menos, dúas certificacións.