Pasar al contenido principal

10/25

Enviado el Mié, 25/06/2025 - 11:46
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para o exercicio 2025
  1. ANTECEDENTES

 

O día 15 de maio de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para o exercicio 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre os citados proxectos normativos, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, estableceu un novo marco normativo que ten por obxectivo a constitución e ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional.

A súa finalidade é regular un réxime de formación e acompañamento que sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, expectativas e aspiracións de cualificación profesional das persoas ao longo da súa vida e ás competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2024 (publicado no DOG o día 9 de xuño de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 8 de maio de 2024 (Ditame 9/2024), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.

 

Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes novidades:

A primeira novidade é que o procedemento de concesión destas axudas pasa a ser de concorrencia non competitiva (artigo 3).

Por outra banda, elimínase a previsión de que a convocatoria das axudas especifique as especialidades formativas que terán a consideración de prioritarias non recolléndose este aspecto no correspondente anexo, tal e como si acontecía na orde anterior.

O artigo 16 fixa o prazo para resolver e notificar a resolución nun mes desde a data de presentación da solicitude, cando a convocatoria anterior o fixaba en 3 meses desde o remate do prazo para a presentación.

Este mesmo artigo, respecto das renuncias por parte da entidade beneficiaria, establece que soamente se considera causa xustificada a relativa a circunstancias de gravidade e excepcionalidade debidamente acreditadas, indicando expresamente que non se considera causa xustificada a imposibilidade de atopar alumnado suficiente ou de contratar persoal docente para a formación, causas ambas as dúas que si recollía como xustificadas a orde anterior.

O artigo 21 mantén a obriga da entidade beneficiaria de informar ás persoas participantes en situación de desemprego das axudas e bolsas que poden solicitar, así como a de colaborar na xestión das subvencións en concepto de tales bolsas e axudas, eliminado a previsión de que esta segunda obriga soamente procede en caso de ter a entidade asumido o dito compromiso de colaboración. Ademais, a orde relaciona agora os puntos nos que se concreta esta obriga.

En canto á execución dos programas, non está permitido realizar accións formativas no período de tempo comprendido entre as 21.00 e as 8.00 horas (artigo 23). A orde anterior fixaba este período entre as 21.00 e as 9.00 horas.

O procedemento de selección do alumnado regulado no artigo 27 é outra das novidades desta orde, que establece dúas fases para o mesmo:

    • Primeira fase (previa á de presentación da solicitude de subvención): obtención do número mínimo de persoas alumnas desempregadas requiridas na convocatoria. Nesta fase utilizarase o método de selección directa.

    • Segunda fase: unha vez presentada a solicitude de subvención as entidades poderán, de ser o caso, incrementar o número de participantes ata acadar o máximo de persoas subvencionables por acción formativa ou grupo. Nesta fase a entidade pode optar polo método de selección directa ou ben a selección a través da oficina de emprego.

Polo que respecta ao pagamento da subvención, o artigo 36 prevé a posibilidade dun único anticipo do 60% unha vez aceptada a subvención e acreditado o inicio da acción formativa.

A convocatoria anterior permitía solicitar un anticipo un primeiro anticipo do 25% unha vez notificada a resolución da solicitude e un segundo anticipo do 35% ao acreditar o inicio da acción.

O financiamento destas accións vese minorado ao prever o artigo 42 un orzamento total de 50.000.000€ para as dúas anualidades, cando a orde anterior prevía unha contía de 76.000.000€.

 

Finalmente, cómpre indicar que se elimina a regulación das reservas de crédito que prevía a convocatoria anterior no seu artigo 43.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para o exercicio 2025” consta de: Exposición de motivos, corenta e oito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 4 de xuño de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións xerais e catorce específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: 1 xeral e 2 específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I), 1 xeral e 3 específicas manifestadas pola CEG (Anexo II) e 3 específicas manifestadas pola CEG e a CIG (Anexo III).

 

DITAME 10/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para o exercicio 2025”, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de maio de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de xuño de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.

Os importantes cambios na norma proxectada con respecto a convocatorias anteriores (concorrencia non competitiva, varíase completamente o modelo anterior, no que a Xunta de Galicia tras unha análise das necesidades de Emprego dos distintos sectores priorizaba determinadas accións formativas frente a outras) producen unha maior incertidume ás entidades impartidoras para realizar unha correcta presentación de plans e execución das accións formativas.  

Sería máis aconsellable facer pequenos axustes de mellora en ámbitos detectados que o precisen en atención a unha previa identificación das causas da escasa demanda da formación ou déficit de execución, tras un proceso de previa participación e consulta cos axentes sociais.

Respecto disto, este Comité considera que o marco normativo actual da Formación Profesional para o emprego outorga un papel residual aos que, ata a data, foran os actores principais do sistema de formación, os axentes sociais, e limita a súa actuación a, entre outras cuestións, o deseño e planificación das accións formativas.

É por iso que este Comité quere poñer de manifesto que a intervención dos axentes sociais no deseño e elaboración das ordes non se debe limitar a unha mera consulta, senón que debe ser activa e aberta ao debate e intercambio de suxerencias nun diálogo aberto coa Administración.

Isto abarca a planificación e deseño das accións, os criterios de selección das accións e a priorización a aplicar, a distribución de porcentaxes de reservas recollidos nos distintos anexos e todo aquelo que, en definitiva, conforma a oferta de formación para persoas desempregadas, cuxo fin non é outro que formar para mellorar a súa empregabilidade.

Por outra banda, o novo modelo que recolle esta orde suporá para as entidades un esforzo superior, cunha maior incertidume e carga de responsabilidade, sen que se garanta unha utilización dos recursos de xeito racional ao longo do ano.

Ao abandonar a concorrencia competitiva este novo modelo prescinde das  garantías adecuadas para cubrir as necesidades do mercado, as necesidades territoriais e as dos propios demandantes de emprego para obter a formación recomendada no seu itinerario personalizado para a inserción laboral.

Ademais, e dado que as entidades que executan a formación ao abeiro destas bases son entidades colaboradoras, debería procurarse condicións de execución que garantan a viabilidade das mesmas

Neste senso, con este cambio non se garante que as persoas desempregadas teñan que realizar cursos de formación, porén ponse ás entidades impartidoras nunhas condicións de moi difícil cumprimento en canto ao abandono de alumnado preseleccionado e incumprimento de prazos de inicio con sanción de non poder presentar novas solicitudes en tres meses.

Finalmente, este Comité entende que todas as Xefaturas territoriais deben establecer os mesmos criterios de xestión e valoración, tanto no relativo á execución como no económico, considerando que as solicitudes deberían ir dirixidas á Dirección Xeral e non aos departamentos territoriais.

 

Segunda.

Obsérvase unha minoración do 34% no orzamento previsto para subvencionar estas axudas respecto da contía que se fixaba na orde anterior.

Á vista disto, o Comité considera que debe xustificarse esa redución, sobre todo tendo en conta que non foi remitida a folla cos datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior para a súa valoración por parte deste Comité.

Ao respecto, reitérase tamén a necesidade de acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas , desagregadas por sexos, afectadas por esas  solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Terceira.

Bótase en falta, acorde ao recollido na lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, un enfoque orientado aos itinerarios personalizados. Este Comité considera que a apertura á libre elección do catálogo de certificados non promove unha formación axustada nin ás carencias competenciais do perfil das persoas participantes nin á demanda dos sectores produtivos da zona.

 

Cuarta.

Respecto ao Anexo III, este Comité considera que a inclusión completa do catálogo dos certificados non implica a súa impartición, pois non todos os certificados contan con centros homologados para a súa impartición. Aínda que a flexibilidade e axilidade nos procesos de homologación facilitaría unha maior homologación, hai que ter en conta que os recursos para a mesma, especialmente nos vencellados a determinadas familias profesionais, implican unha inversión económica e uns custos elevados que os centros precisan canto menos amortizar, o que resulta inviable.

Así, este Comité propón estudiar e valorar fórmulas que promovan e faciliten estas novas homologacións para achegar novas formacións e xerar maior interese e inserción laboral.

 

Quinta.

Respecto da obriga que impón esta orde, para todas aquelas accións formativas que inclúan formación en empresa, da realización dun módulo formativo básico en materia de prevención de riscos laborais cun mínimo de 60 horas, este Comité propón que, para non alterar o funcionamento da acción formativa, se permita simultanear a impartición do módulo de PRL en modalidade virtual coa impartición doutros módulos formativos, sempre e cando isto sexa factible para o alumnado.

 

Sexta.

Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións ortográficas puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso das barras presente ao longo do texto do proxecto normativo (administrador/a ou titor/a no artigo 31 e alumnos/as no artigo 29), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

 

Tamén debe procederse a unha revisión xeral do texto xa que contén algúns erros gramaticais, por exemplo a forma verbal “houbese abandonado” no artigo 5 ou “haber adquirido” no artigo 32.

 

O artigo  19 emprega na súa numeración as letra j e k, impropias do alfabeto galego. A Consellería vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.- Artigo 5. Entidades solicitantes.

O apartado 7 establece a posibilidade de que a convocatoria fixe como requisito para ser beneficiaria da subvención que, con relación á ultima convocatoria regulada por estas bases para a que rematou o prazo de execución das accións formativas, non abandonase máis do 50% do alumnado con respecto ao total dos comunicados e iniciados do conxunto das accións formativas financiadas.

 

Este Comité considera que debería eliminarse esta previsión, xa que se fai responsable á entidade dun feito que non depende dela.

 

Segunda.- Artigo 14. Procedemento.

Segundo o apartado 5 deste artigo, o esgotamento do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

 

Este Comité propón que se publique así mesmo, nese momento, a relación de entidades admitidas e importes concedidos correspondentes, sempre que isto sexa posible.

 

Terceira.- Artigo 16. Resolución.

O apartado 5 establece que, no suposto de que as entidades beneficiarias decidan renunciar de xeito sobrevido con posterioridade á súa aceptación a través do aplicativo SIFO, só se considerará causa xustificada a relativa a circunstancias de gravidade e excepcionalidade debidamente acreditadas, especificando que non se considera causa xustificada a imposibilidade de atopar alumnado suficiente ou de contratar persoal docente para realizar a formación.

 

Hai que ter en conta que dende que se inicia o procedemento de captación de alumnado para os cursos ata a data de inicio de cada acción pode pasar como mínimo mes e medio. Neste tempo é probable que o alumnado conseguido no inicio,  nunha grande porcentaxe, non se manteña ata a data de inicio. É difícil entender que haxa outras causas xustificadas que non sexan a falta de alumnado e, por conseguinte, si debería considerarse como unha causa xustificada.

 

Cuarta.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.

Segundo o apartado 10.c), non se computarán como asistidas aquelas sesións das persoas alumnas que non teñan acesa durante todo o tempo de duración da sesión formativa a cámara web e/ou a persoa non sexa identificable.

 

Este Comité considera que esta previsión debería contemplar excepcións, non computando como asistidas as sesións en que a cámara non estea acesa por causas imputables ao centro de formación.

 

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 22.6.c) cando considera falta de asistencia non xustificada o incumprimento da obriga establecida no artigo 24.6 desta orde de ter acesa durante todo o tempo de duración da sesión formativa a cámara web e que a persoa sexa identificable.

 

Quinta.- Artigo 22. Dereitos e deberes do alumnado.

O apartado 4 deste artigo impide ao alumnado que resulte seleccionado para unha acción formativa regulada por esta orde que poida asistir simultaneamente a ningunha outra subvencionada con fondos públicos.

Este Comité propón eliminar esa restrición sempre que non haxa coincidencia nos horarios das accións formativas.

 

Sexta.- Artigo 23. Accións formativas.

O apartado 2 deste artigo prevé que o incumprimento do prazo establecido na convocatoria para iniciar a impartición das accións dará lugar á perda do dereito da entidade beneficiaria a obter, durante un período de 3 meses, unha subvención para o financiamento de accións formativas reguladas por este procedemento a impartir no censo respecto do que incumpriu.

 

Este Comité considera que se trata dunha penalización excesiva levando aos centros a unha situación de inacción durante un período longo de tempo, e entende que só debería aplicarse no suposto en que as causas dese incumprimento sexan imputables ao centro.

 

Sétima.- Artigo 27. Procedemento de selección do alumnado.

Respecto do procedemento de selección do alumnado en dúas fases que establece este novo proxecto de orde, o Comité considera que se deben concretar varios aspectos, como o prazo que se concede para a primeira fase de selección directa ou con que antelación á convocatoria se coñecerán os límites de accións formativas por especialiadade.

Tamén debe concretarse se, no caso de que non sexan validadas as persoas das actas de selección previas á solicitude, esas persoas poderían ser incluídas noutras accións formativas.

 

Oitava.- Artigo 38. Liquidación da subvención.

Segundo o apartado 10 deste artigo, no momento da liquidación garantirase, a solicitude da entidade, a percepción dun mínimo do 75% do importe inicialmente concedido por cada acción formativa impartida, se esta remata cun número de persoas alumnas equivalente, cando menos, ao 50% do alumnado subvencionado.

Este Comité considera que, no suposto de que a acción remate cun número de persoas alumnas inferior ao 50% do alumnado subvencionado, debe garantirse a liquidación dos gastos acometidos e xustificados.

 

Novena.- Artigo 43. Solicitudes e prazos de presentación da primeira convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes, segundo o apartado 2, estará aberto ata o día 30 de novembro de 2025 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.

Este Comité considera que se debería eliminar a data do 30 de novembro de 2025 e manter aberto o prazo de presentación das solicitudes ata o esgotamento do crédito.

 

Décima.- Artigo 44. Máximo e mínimo de participantes nas accións formativas.

O apartado 1 deste artigo fixa o número mínimo de persoas traballadoras desempregadas por acción formativa solicitada para as que as entidades deberán contar cun compromiso de participación previo á presentación da solicitude de subvención en 8.

Este Comité considera que se debe ter en conta que ese número pode incrementarse posteriormente, debendo permitirse adaptar a determinación da subvención ao alumnado real que finalmente realiza a acción formativa.

 

Décima primeira.- Artigo 44. Máximo e mínimo de participantes nas accións formativas.

O apartado 2 impide iniciar a acción formativa que non reúna o primeiro día do curso o número de persoas comprometidas a participar, das cales cando menos o 50% delas deberá corresponder co alumnado nominalmente comprometido.

 

Este Comité considera que non se debe establecer unha porcentaxe mínima, senón fixar un número determinado mínimo de persoas no inicio do curso, que entende podería ser de 3.

 

Ademais, deben descontaranse as persoas traballadoras comprometidas que accederan a un emprego, así como aquelas que causaran baixa por enfermidade ou accidente acreditado ou por estar seleccionadas noutra acción formativa.

 

Décima segunda.- Artigo 45. Límites e criterios de aplicación para a resolución da convocatoria.

O apartado 3 limita a 5 as accións formativas por censo polas que pode solicitar subvención unha entidade.

 

Este Comité considera que debe incrementarse esa cifra máxima, propoñendo un tope de 10 accións por censo e, en todo caso, un número par de xeito que por cada aula se poida solicitar unha acción en quenda de mañá e outra en quenda de tarde.

 

Décima terceira.- Artigo 46. Prazos de execución das accións formativas da primeira convocatoria.

Este Comité considera que debería ampliarse o prazo que fixa este artigo como límite para o remate das accións no 1 de xuño de 2026 e fixalo no 30 de agosto de 2026.

 

Décima cuarta.- Artigo 47. Prazos de execución das accións formativas da primeira convocatoria.

En relación coa consideración anterior formulada sobre o artigo 46, e en concordancia coa mesma, este Comité propón así mesmo ampliar o límite do prazo para a presentación da xustificación final que este artigo fixa o 15 de xuño de 2026.

 

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CIG, UGT-GALICIA E O SN DE CCOO DE GALICIA

 

Consideración xeral:

Este Comité entende que o proxecto sometido a ditame continúa o camiño de privatizar a formación para o emprego (que se nutre de fondos públicos) depositando nas entidades privadas todo o peso e responsabilidade de deseñar, captar e executar unha formación tan sensíbel como é a de persoas desempregadas. En paralelo, a administración desenténdese cada vez máis da mesma, renunciando ás súas obrigas.

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.-Artigo 23. Accións formativas.

Segundo o apartado 5, para os efectos de facilitar a conciliación persoal do alumnado e posibilitar un mellor aproveitamento da formación a recibir polas persoas participantes, non está permitida a realización das accións formativas no período de tempo comprendido entre as 21:00 e as 8:00 horas.

 

A orde anterior fixaba ese horario de exclusión entre as 21.00 e as 9.00, considerando as organizacións sindicais que integran este Comité que se debería recuperar esa previsión por entender que é máis axeitada á finalidade de facilitar a conciliación do alumnado.

 

Segunda.- Artigo 27. Procedemento de selección do alumnado.

Respecto do procedemento de selección de alumnado, as organizacións sindicais que integran este Comité considera que a selección do alumnado debe facerse, en todo caso, por medio da Oficina de Emprego e non empregar o método da selección directa.

 

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG

 

Consideración xeral.

A CEG considera que os períodos de prácticas en empresa son demasiado curtos para poder outorgar as mellores prestacións e conseguir a adaptación do alumnado. Para mellorar a experiencia do alumnado e a das empresas e optimizar o gasto total da subvención, propón que se regule a posibilidade de realizar formación en empresa adicional con cargo ao excedente da subvención concedida.

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo 27. Procedemento de selección do alumnado.

A CEG considera que a norma complica o procedemento de selección do alumnado ao establecer dúas fases, especialmente incorporando unha primeira fase na que ten que publicarse en DIPLOS a oferta de accións formativas e esperar que as persoas interesadas se inscriban nas accións que lles interesen. Así, a CEG entende que este procedemento debería simplificarse para non prexudicar aos centros de formación.

 

Na segunda fase do proceso de selección pódese empregar, segundo este artigo, o método de selección directa ou método de selección a través de oficina de emprego, indicando este artigo que ambos métodos se deberán aplicar de xeito sucesivo pero non simultáneo, agás no suposto de que a simultaneidade do uso de ambos métodos de selección se autorice expresamente na correspondente convocatoria. Ao respecto, a CEG considera que, sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, na segunda fase do proceso de selección poderíase empregar o método de selección directa e o de selección a través da oficina de emprego de xeito simultáneo e non debería aplicarse de xeito sucesivo.

 

Segunda.- Artigo 27. Procedemento de selección do alumnado.

O apartado 7 deste artigo regula o procedemento a seguir na solicitude de realización dunha sondaxe polas oficinas de emprego establecendo, no ítem a), que con 15 días naturais de antelación á realización da proba de selección, as entidades beneficiarias solicitaranlle directamente á oficina de emprego que corresponda e mediante o impreso normalizado establecido para o efecto unha listaxe de persoas que, cumprindo o disposto nesta orde para ser destinatarias da formación, se adecúen ao perfil requirido para a realización de cada acción formativa.

A CEG considera excesivo ese prazo de 15 días, propoñendo que se reduza ben a 10 días naturais ou ben a 5 días hábiles, de xeito que os prazos para poñer en marcha as accións se prolonguen o menos posible.

 

Terceira.- Artigo 46. Prazos de execución das accións formativas da primeira convocatoria.

Este artigo establece que as accións formativas deben comezar no prazo máximo 2 meses a contar dende a data de notificación da resolución de concesión.

 

A CEG considera que sería máis convinte fixar unha data de inicio concreta a partires da cal podería dar comezo a impartición da acción formativa. Así mesmo, considera que a comunicación de inicio debería ser para o programa formativo. Así mesmo, considera que debería bastar coa comunicación de inicio do programa formativo e non de todas as accións deste.

 

ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG E POLA CIG

 

Primeira.- Artigo 10. Prazo de presentación de soliciudes.

Aos efectos do previsto neste artigo, a CEG e a CIG consideran que sería convinte que, na aplicación SIFO, se indicara en todo momento o orzamento que queda pendente. Deste xeito as entidades e centros de formación poderían decidir o número de acción a programar en base a ese orzamento disponible.

 

Segunda.- Artigo 27. Procedemento de selección do alumnado.

Neste artigo establécense dúas fases para o procedemento de selección do alumnado. Na primeira fase requírese ter un mínimo de persoas comprometidas, de acordo co que estableza cada convocatoria, e un 50% desas persoas deberán iniciar a formación.

 

A CEG considera que se debe ter en conta que, desde que se inician os procesos de programación da acción formativa e a captación do alumnado ata a data real de inicio, pode pasar arredor dun mes e medio, sendo moi probable que causen baixa algunas das persoas comprometidas antes da solicitude da subvención por causas tales como traballo, enfermidade, coidado de menores e/ou maiores, interese por outro curso ou,en definitiva, motivos alleos ás entidades e/ou centros de formación.

 

Por conseguinte, non debería existir unha porcentaxe para o inicio do curso sobre as persoas comprometidas inicialmente, sendo suficiente con ter validada a acta de selección pola Oficina de Emprego.

 

Teceira.- Artigo 45. Límites e criterios de aplicación para a resolución da convocatoria.

Segundo o apartado 3 deste artigo, a persoa beneficiaria poderá presentar unha nova solicitude de subvención para un censo unha vez iniciadas o 60% das accións formativas concedidas a ese censo.

 

A CEG e a CIG proponen reducir esa porcenxe ao 40% limitando, así, as trabas para a posta en marcha do máximo número de acción formativas.

 

Número ditame
10