I. ANTECEDENTES
O día 21 de maio de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “O desemprego é un importante factor de vulnerabilidade das persoas, xa que un período continuado nesta situación pode dar lugar non só a exclusión do mercado laboral, senón que tamén pode supoñer un elevado risco de exclusión social das persoas pertencentes aos colectivos máis desfavorecidos.
Na actualidade resulta esencial a colaboración entre o Servizo Público de Emprego de Galicia, as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro, para mellorar a posta en marcha de accións e medidas de políticas activas de emprego para lograr unha maior empregabilidade das persoas en situación de desemprego.”
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2024 (publicado no DOG o día 11 de xuño de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 4 de abril de 2024 (ditame 5/202a), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.
Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
O artigo 1 engade unha nova obriga de comunicar o inicio das accións formativas cunha antelación de 7 ou de 10 días hábiles, segundo se o centro ou entidade impartidora estea ou non inscrito no Rexistro de Centros e Entidades de formación para o emprego no ámbito da comunidade autónoma de Galicia.
Outra novidade que establece este artigo é a obriga de que as persoas participantes nos programas integrados de emprego que reciban formación deben impartir un módulo sobre igualdade entre mulleres e homes, conciliación e corresponsabilidade familiar e doméstica, salvo que acrediten tela realizada previamente nos termos indicados nesta orde.
Aínda que o orzamento asignado a estas axudas no artigo 2 é o mesmo que na orde publicada para o exercicio 2024, hai que ter en conta a publicación no DOG do 29 de outubro de 2024 dunha ampliación do crédito orzamentario que ampliaba o importe total do crédito en 1.700.000€.
Dentro dos colectivos prioritarios que relaciona o artigo 3 no seu apartado 1.B), este proxecto normativo substitúe o das persoas maiores de 45 anos polo das persoas maiores de 52 anos.
Ademais, este artigo engade un terceiro tipo de programa: os programas integrados de emprego destinados exclusivamente a persoas desempregadas maiores de 52 anos inscritas no SEP de Galicia.
Outra novidade deste artigo é que no apartado 5 establece que non computarán como inserción laboral aquelas insercións que se produzan nos seguintes 30 días naturais á selección da persoa demandante, prazo que era de 15 días na anterior convocatoria.
En canto ás entidades beneficiarias das axudas, o artigo 4 engade dúas puntualizacións:
.As agrupacións de concellos non poderán superar os 10 membros.
.As entidades sen ánimo de lucro deben incluír nos seus estatutos como un dos seus fins ou obxecto social o acompañamento a persoas desempregadas ou a inserción no mercado laboral.
En canto aos criterios de valoración recollidos no artigo 12, os mesmos recóllense agora agrupados nas seguintes categorías: criterios xerais, criterios innovadores e criterios de adecuación do plan formativo ao mercado laboral.
Dentro dos criterios xerais, procede destacar as seguintes cuestións:
-Na clasificación dos colectivos a atender, elimínase do grupo A o das persoas menores de 30 anos con baixa cualificación.
-Elimínase como criterio de valoración os recursos humanos e materiais propios.
-A puntuación outorgada en base aos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral aumenta de 6 a 10 puntos. Ademais esta puntuación terá en conta, en todo caso, o cumprimento deste obxectivo en anteriores convocatorias, podendo dar lugar a unha puntuación negativa, cando na anterior convocatoria ese incumprimento tiña como consecuencia que este criterio non obtiña puntuación.
A escala de puntuación deste criterio tamén se modifica, reducindo a puntuación outorgada na orde anterior respecto das porcentaxes de compromiso de inserción que superan o 42%.
Finalmente, engádese a previsión de que no caso de cumprimento dos obxectivos de inserción nas últimas 5 convocatorias, opterase un punto por cada programa en que aqueles se cumprisen, especificando así mesmo como cuantificar a puntuación negativa, no seu caso.
-A puntuación máxima coa que se valora o esforzo investidor da entidade solicitante aumenta de 2 a 3 puntos.
-En canto ao seguimento e control, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia, a puntuación pasa de 5 puntos (se é positiva) e -5 puntos (se é negativa) a 3 e -3 puntos, respectivamente. Ademais especifica que se valorará en todos caso, a estes efectos, os resultados dos cuestionarios de avaliación das persoas demandantes.
-A realización de prácticas profesionais non laborais valórase con 0,5 puntos cando se realizan con máis de 20 persoas (antes outorgábase 1,5 puntos) e con 1 punto cando se realizan con máis de 30 (antes outorgábanse 3 puntos).
Dentro dos criterios de adecuación do plan formativo ao mercado laboral, introdúcense novos elementos a valorar, como o feito de que a formación estea relacionada cos sectores industriais declarados estratéxicos, obtendo ata 8 puntos segundo a porcentaxe de horas de formación relacionada con eses sectores. A formación en especialidades con nivel alto ou medio de inserción, valórase con ata 5 puntos.
En canto á contía da subvención, a orde anterior fixaba esa contía en 2.200€ por cada persoa desempregada participante. Este proxecto prevé, no artigo 14, unha contía de 220.000€ por programa.
Entre os gastos imputables do artigo 15, engádense os custos derivados do alugamento de plataformas de teleformación e os contidos relacionados coa formación impartida nesta modalidade estarán incluídos dentro deste tipo de gasto, excluíndo expresamente como subvencionable para este tipo de modalidade formativa o material físico.
En canto aos gastos de arrendamento de edificios, mobiliario, efectos e equipamentos, o novo proxecto engade un límite dos mesmos que fixa no 25% dos gastos xerais imputados, indicando ademais certas limitacións en canto á persoa ou entidade a quen se pode contratar ese arrendamento.
Polo que respecta ao pagamento da subvención, o artigo 16 prevé un único pagamento anticipado do 50% do importe total da subvención, que será aboado de oficio salvo declaración en contra da beneficiaria.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2025” consta de: exposición de motivos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 4 de xuño de 2025 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e vinte e unha consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma seguintes: dúas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia (anexo I), vinte e unha manifestadas pola CEG (Anexo II) e unha manifestada por UGT – Galicia (anexo III).
|
DITAME 11/2025
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2025”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de maio de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de xuño de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL
No artigo 1 obsérvase o emprego das barras (alumno/a) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios, polo que se propón a súa corrección.
As disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.
Ademais, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Tamén se observa que o longo do texto empréganse as letras j e k na clasificación nos artigos 3, 12, 15 e 19, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 2. Financiamento.
Obsérvase que o crédito asignado a estas axudas é o mesmo que o previsto inicialmente na orde anterior se ben, a través da Orde publicada no DOG nº 209, do 29 de outubro de 2024, a dita contía se incrementou en 1.700.000€.
Así, este Comité considera que se debería incrementar a dotación inicial prevista para o exercicio de 2025 permitindo deste xeito ampliar o número de proxectos a aprobar.
Segunda.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
Este Comité entende que non se debería impedir a participación simultánea noutras medidas activas de emprego, sempre que os horarios das mesmas sexan compatibles, xa que esta previsión limita as posibilidades de inserción das persoas participantes.
Terceira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
Respecto da posibilidade de que as entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro sexan beneficiarias destas axudas, este proxecto normativo engade o requisito de que inclúan nos seus estatutos como un dos seus fins ou obxecto social o acompañamento a persoas desempregadas ou a inserción no mercado laboral.
Este Comité considera que esta esixencia é moi restritiva e expulsa entidades que promoven a inserción de persoas desempregadas aínda que esa finalidade non figure expresamente non seus estatutos, polo que propón que se elimine.
Cuarta.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de que varias entidades sen ánimo de lucro poidan colaborar entre si e presentar un plan integrado conxuntamente, igual que fan os concellos coas súas agrupacións.
Quinta.- 12. Criterios de valoración dos programas.
En referencia ao apartado 1 do artigo 12, chama a atención o diferencial da puntuación entre colectivos, especialmente no grupo A con respecto ao B (3 puntos de diferencial).
Entendendo que todos os colectivos teñen dificultades de inserción laboral, propoñemos que se manteña o mesmo diferencial que en convocatorias anteriores en relación á puntuación, no suposto de que todas as persoas usuarias do programas pertenzan a colectivos salientados nun mesmo grupo.
Sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O comité considera que no punto 1. A. a, no apartado que se refire ao grupo A, debería introducirse as persoas maiores de 52 anos.
Sétima.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O comité considera que no compromiso de inserción incluído na letra d) deste artigo, debería incorporarse unha puntuación que valore a inserción de mulleres en profesións con infrarrepresentación feminina e outra que valore a inserción a través do emprendemento feminino.
Oitava.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
En relación cos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral, criterio de valoración especificado no apartado 1.c) deste artigo, obsérvase que se veu reducindo o peso deste criterio na puntuación total nas últimas convocatorias. Aínda que neste proxecto de orde se incrementa de 6 a 10 puntos, a dita subida non é suficiente para favorecer os obxectivos perseguidos con estas axudas.
Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.
Novena.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
Dada a natureza dos programas e respecto do apartado 1.d) deste artigo, este Comité considera que non se debería valorar o cofinanciamento que fan as entidades solicitantes, xa que o que están a facer é unha colaboración co servizo público.
Décima.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) establece que “A experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia: ata un máximo de 3 puntos se a valoración é positiva e ata -3 se é negativa.”.
Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “valoración negativa”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.f) deste artigo.
Décima primeira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
En canto á valoración da experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego, este Comité considera que se debería concretar o xeito en que se obtén a puntuación establecendo algún baremo ata o máximo dos 3 puntos posibles (tanto positivos como negativos), tal e como se fai respecto doutros criterios recollidos neste artigo 12.
Décima segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.h) valora con ata 2 puntos a utilización de tecnoloxías emerxentes no programa.
Este Comité considera que se debería concretar se o feito a valorar é o emprego desas tecnoloxías emerxentes na xestión do programa ou na propia formación a realizar polas persoas usuarias do programa debendo terse en conta, neste último caso, que determinados colectivos especialmente vulnerables dispoñen de un menor acceso e coñecemento previo das ditas tecnoloxías.
Décima terceira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.k) outorga ata 8 puntos por impartir formación relacionada cos seguintes sectores industriais declarados estratéxicos por acordo do Consello da Xunta do 29 de febreiro de 2024: a industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC e a loxística industrial.
Este Comité considera que se deberían incorporar outros sectores estratéxicos recollidos no acordo do Consello da Xunta do 17 de febreiro de 2025 do Consello da Xunta, como son sector alimentario, a industria da construción e o sector téxtil e da confección.
Décima cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.l) valora con ata 5 puntos a formación en especialidades con nivel alto ou medio de inserción, relacionando a continuación que especialidades terán tal consideración.
Este Comité considera que soamente se están a especificar especialidades formativas deixando de lado a formación deseñada ad hoc nos programas de formación.
Décima quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades.
Este comité delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciación do emprego do galego.
Décima sexta.- Artigo 14. Gastos imputables.
No apartado 1.a) limítase o número máximo de persoas (persoal propio da entidade e contratado especificamente para o programa) que se poderá imputar economicamente con carácter xeral a 5, e o número máximo de persoas contratadas por conta propia como formadoras que se poderán imputar economicamente a 10.
Este Comité considera que a contratación como persoal formador debería incluír tanto a modalidade de contratación por conta propia como contratación por conta allea. Isto evitaría ter que recorrer á subcontratación para a impartición da formación, xa que penaliza ás entidades que contan con recursos propios para a execución dos programas.
Así, proponse permitir imputar un total de 15 persoas, sen fixar un máximo por cada modalidade de contratación.
Décima sétima.- Artigo 14. Gastos imputables.
O artigo 14.1.a), parágrafo 2, establece que a contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, sen superar os 35.000 euros por persoa traballadora para unha dedicación laboral do 100% ao programa a xornada completa e correspondente a 14 pagas.
O comité considera insuficiente o importe da contía máxima subvencionable e solicita que sexa revisada adecuándose, como mínimo, ó IPC. De non ser o caso deberíase permitir que todo custo salarial recoñecido por convenio ou pacto por grupo profesional da entidade beneficiaria puidese formar parte do cofinanciamento esixido á entidade beneficiaria.
Décima oitava.- Artigo 14. Gastos imputables.
Dentro dos gastos xerais considéranse imputables os gastos de arrendamento, pero exclúese o leasing.
Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que se xustifique, xa que o leasing, como o seu propio nome indica, é un arrendamento e non unha adquisición que, ademais, permite a imputación do gasto efectivamente dedicado a cada acción.
Décima novena.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
O apartado 2 deste artigo prevé o aboamento de oficio, en concepto de anticipo, do 50% do importe total da subvención con cargo á segunda anualidade antes do 31 de maio de 2026.
Este Comité considera, primeiramente, que esa porcentaxe debería ser máis elevada, en liña co previsto noutras subvencións desta Consellería.
Por outra banda, non ten sentido falar de anticipo e ao mesmo tempo establecer como data límite para o pago de dito anticipo o 31 de maio de 2026, xa que as entidades estarían a financiar os programas de Emprego cos custes que isto conleva. Así, debería establecerse un anticipo con cargo ó orzamento do 2025 no momento en que se concede o programa e un segundo anticipo con cargo ó orzamento do 2026 no momento de iniciar o ano 2026.
Vixésima.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
A subvención está dividida en anualidades e o importe de cada anualidade debe xustificarse dentro dela.
Este Comité considera que os importes asignados a cada anualidade deben ser consistentes co tempo de execución de cada unha delas.
Á vista das últimas convocatorias, obsérvase que se conceden os proxectos no último trimestre do ano e asígnase unha cantidade de gasto moi superior ao gasto que as entidades poden facer.
Este Comité considera que eses importes deberían poder sumarse ao gasto do ano seguinte. Hai que ter en conta que os gastos en formación, por exemplo, nos tres primeiros meses de execución sempre serán menores, ao centrarse nese tempo na selección das persoas participantes e prospección.
Vixésima primeira.- Artigo 18. Seguimento das accións.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluírse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA e SN DE CCOO DE GALICIA.
Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.
Segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
En relación coa consideración específica unánime décima quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto.
Este artigo establece que o custo subvencionado por formación, naquelas especialidades ou actividades formativas que carezan de módulos económicos específicos, non poderá exceder do tope máximo de 8 euros/alumno por hora de formación presencial ou 5 euros/alumno por hora de formación a distancia ou teleformación.
A CEG considera estes importes insuficientes para atender na actualidade a prezo de mercado o custo de execución coa debida calidade as accións formativas obxecto dos programas, polo que se propón a súa actualización a prezos reais, que permitan o seu normal desenvolvemento cos estándares axeitados, que contribúan a acadar os obxectivos do Programa.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto.
O apartado 1.2.b).3 deste artigo establece que a modalidade teleformación poderá supoñer, como máximo, un 40% da formación total enmarcada no Catálogo de Especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal impartida no eido de cada programa.
A CEG considera que esta restrición non ten ningún sentido, pois vai en contra da dixitalización da sociedade, polo que non debería establecerse ningún límite baseándose nos seguintes motivos:
1. Diversificación real da oferta formativa
2. Adaptación ós intereses individuais do alumnado
3. Ampliación de oportunidades de recualificación
4. Eficiencia no uso de recursos
Terceira.- Artigo 1. Obxecto.
O apartado 2.b) deste artigo limita a posibilidade da subcontratación ao 30% do custo final da actividade subvencionada. Tendo en conta que as entidades beneficiarias son, entidades sen ánimo de lucro que necesitan subcontratar as actuacións formativas para poder levalas a cabo, a CEG propón aumentar a porcentaxe de subcontratación ao 50%, tal como se fixo nos últimos anos, coa excepción da convocatoria anterior na que xa se aplicou o límite do 30%. Este incremento é necesario debido a que a maioría das persoas destinatarias da actividade desexan recibir formación especializada, que as entidades na maioría dos casos non teñen certificada. É importante sinalar que a formación solicitada polos usuarios adoita ser altamente técnica e require instalacións e recursos que as entidades non posúen.
Cuarta.- Artigo 1. Obxecto.
A mellora da ocupabilidade e a inserción laboral é o fin último dos programas integrados, para o que a formación constitúe unha ferramenta obrigatoria e necesaria.
A CEG considera que a obriga de realizar prácticas non laborais para quince persoas implica unha dificultade engadida e xera inseguridade xurídica ás entidades e ás empresas, polo que debería eliminarse e preverse como unha opción.
Quinta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 1 deste artigo establécese que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35 por cento.
A CEG considera que debería flexibilizarse esa esixencia en función dos colectivos destinatarios e dos resultados de inserción acadados en convocatorias anteriores.
Sexta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
O apartado 1 establece o número de persoas a atender en 100.
A CEG considera que, atendendo á dispersión territorial de Galicia e á realidade do desemprego, procede acollerse á excepcionalidade previstas en normativas de anos anteriores e establecer un número de persoas a atender que sexa inferior a 100 e superior a 60.
Sétima.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
A CEG considera que se deberían engadir, no Grupo A, os colectivos das persoas menores de 30 anos e as persoas con discapacidade.
Oitava.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
En canto aos colectivos dos programas B, a CEG non considera oportuno o cambio do colectivo de maiores de 45 anos polo de maiores de 52 anos, xa que deixa fóra dos programas todos aqueles homes de entre 30 e 45 anos que non estean nos outros colectivos.
Novena.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
Con respecto á tipoloxía de programas e os seus criterios de valoración, inclúese unha nova modalidade de programa destinado exclusivamente a persoas desempregadas maiores de 52 anos, en xeral o colectivo de maiores de 52 anos enmárcase no grupo B, o que daría unha puntuación de 5 puntos. Con todo na tipoloxía de programa destinado exclusivamente a mulleres, engádese a puntualización de que a puntuación con respecto ao colectivo farase dependendo de onde se enmarquen as ditas mulleres (sen son mulleres con discapacidade, ou menores de 30, ou vítimas de violencia de xénero), xerando deste xeito unha puntuación segundo aos colectivos aos que pertence cada unha. Con todo, non se fai esta apreciación nos programas dirixidos exclusivamente a maiores de 52 anos, sendo igualmente posible enmarcarse dentro de diferentes colectivos (persoas con discapacidade, arraigamento por formación, RISGAS, ERE…), o que fai que a puntuación neste punto, deste programa non estea clara.
Décima.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
As sesións ás que se refire o apartado 3 deste artigo deberán realizarse, salvo xustificación de impedimento físico ou forza maior, de xeito presencial.
A CEG considera que existen outras circunstancias a ter en conta e que xustificarían que determinadas sesións se fixeran de forma telemática, por exemplo, para favorecer a conciliación e tamén para a intermediación laboral sexa máis efectiva.
Décima primeira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
O apartado 4 deste artigo establece que se entenderá por inserción laboral, aos efectos desta orde, o feito de que as persoas inicien durante un prazo dos 12 meses de execución do programa ou dentro dos tres meses seguintes unha actividade por conta propia ou formando parte dunha cooperativa ou sociedade laboral.
No caso da contratación por conta allea ese prazo limítase aos 12 meses de execución do programa, polo que este Comité propón que tamén se inclúan estes supostos cando acontezan nos tres meses inmediatamente posteriores, independentemente da natureza xurídica da actividade que vaian a realizar.
Décima segunda.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
A CEG non considera que sexa recomendable fixar en 10 días a situación de afiliación con respecto a convocatorias anteriores para contar como inserción laboral pois a verdadeira importancia radica en lograr a entrada dos usuarios no mercado laboral.
Décima terceira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
O apartado 5.b) establece que non computará como inserción laboral a contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.
Tendo en consideración os fins de inserción laboral perseguidos pola Orde, debería ser indiferente que a entidade contratante sexa unha distinta ou a mesma que teña levado a cabo o programa de emprego e que contrate laboralmente a unha das persoas atendidas.
Por este motivo, a CEG considera que debería eliminarse esta exclusión ou, subsidiariamente, establecer algún límite cuantitativo, ao ter en conta ademais que, de acordo co art. 4, as entidades beneficiarias deben reunir a condición de ser entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.
Décima cuarta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
O apartado 5.d) exclúe como inserción laboral os contratos de interese social subvencionados a través de programas de cooperación con entidades locais ou entidades sen ánimo de lucro nin os contratos para a formación en alternancia cando se subvencionen os custos laborais a través dun programa mixto de formación e emprego.
Esta exclusión impide recoñecer vías de inserción real e sostida, especialmente relevantes para colectivos vulnerables e para territorios rurais ou con escasa implantación empresarial, onde estas fórmulas son a principal porta de acceso ao emprego. Tamén penaliza a capacidade de inserción das propias entidades sociais.
Así, a CEG considera que se debe recoñecer a inserción en entidades sen ánimo de lucro ou administracións locais como válida cando non exista vinculación directa coa entidade beneficiaria da subvención.
Décima quinta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
Segundo o apartado 5.f) non computarán como inserción laboral as que se produzan nos seguintes 30 días naturais á selección da persoa demandante.
A CEG considera que se debe ter en conta que nese prazo poden levarse a cabo tanto accións individuais como colectivas, polo que propón recuperar o prazo que se establecía na anterior convocatoria desta orde, que o fixaba de 15 días naturais seguintes á selección.
Décima sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
Relacionado co artigo 1.e), a CEG estima que debe reducirse o peso das horas de catálogo, xa que se outorga unha puntuación de 4 puntos a aqueles proxectos que inclúan máis de 325 horas de catálogo, e iso redunda na maior valoración dunha formación pechada. Proponse reducir ese peso e incluír horas de formación aberta á carta, orientada ás necesidades do alumnado, unha vez iniciado o proxecto, xa que isto permitiría detectar as necesidades das persoas participantes e desenvolver unha formación adecuada ás devanditas necesidades.
Décima sétima.- Artigo 14. Gastos imputables.
Segundo o apartado 1.a) deste precepto: “no suposto de imputación de gastos correspondentes a presidentes, directores xerais, xerentes ou similares non se poderá superar o 30% dos seus gastos salariais e de seguridade social”.
A CEG considera que o dito límite debería eliminarse, excepto para presidentes, sempre que a persoa que se impute acredite fehacientemente o traballo realizado no marco de actuación destes proxectos, tanto máis se atendemos á realidade da gran maioría das entidades sen ánimo de lucro, con persoal altamente cualificado e persoal xerente que realiza labores de apoio e captación de empresas con interese en contratar.
Décima oitava.- Artigo 14. Gastos imputables.
O apartado c) deste artigo establece o dereito das persoas que participen no programa integrado de emprego a percibir unha bolsa de 10 euros por día de asistencia as accións do programa.
A CEG considera que dita obriga debería substituírse pola previsión de que o dito importe sexa abonado directamente pola Consellería ou, no seu defecto, sexa abonado integramente como anticipo ás entidades executoras para non agravar as súas finanzas.
Décima novena.- Artigo 14. Gastos imputables.
As axudas de 10 euros por día de asistencia previstas no apartado 1.c) deberían reservarse exclusivamente para actividades que requiran a presencia física da persoa usaria, en lugar de aplicarse a calquera actividade, incluso se é virtual ou online. Esta medida permitiría reducir os custos nas axudas de asistencia e reservar eses recursos a outros servicios que poidan ter máis impacto na empregabilidade das persoas usuarias.
Vixésima.- Artigo 14. Gastos imputables.
O apartado 1.d) regula os gastos de subcontratación e fixa un 30% do custo total como límite da actividade formativa que poder ser obxecto de subcontratación.
Este Comité considera que este apartado debería acollerse ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal: “O beneficiario poderá subcontratar ata unha porcentaxe que non sobrepase o 50% do importe da actividade subvencionada”, xa que a limitación da subcontratación non mellora a calidade do programa integrado de emprego.
Vixésima primeira.- Artigo 18. Seguimento das accións.
Segundo o apartado 2 deste precepto: “transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención esixíndose, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte”.
Esta obriga coloca á entidade executante do programa integrado de emprego nunha situación de total inseguridade ao non recoller ningún tipo de salvidade respecto a posibles terminacións da relación laboral por causas totalmente alleas á entidade, sobre todo cando a duración das insercións solicitadas se incrementan tanto como se pretende no artigo 3, mencionado xa na consideración específica primeira deste anexo.
Polo exposto, a CEG considera que se debería introducir algunha salvidade que recolla esa circunstancia. Así, debería preverse o suposto das persoas formadas e insertadas que causen baixa de xeito voluntario por motivos alleos e non imputables á entidade contratante, de xeito que non se teñan en conta para os efectos deste apartado.
ANEXO III
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT - GALICIA
Artigo 1. Obxecto.
UGT – Galicia considera que se deberían retomar, como obxecto das axudas previstas nesta orde, os certificados de profesionalidade.
Dado que o obxectivo do programa integrado de emprego é realizar itinerarios personalizados de inserción, a obtención dun certificado de profesionalidade facilitaría a consecución da finalidade dos itinerarios, tanto formación como emprego. Así mesmo, dado que un dos colectivos máis puntuados é a mocidade, as persoas menores de 30 anos, de baixa cualificación é imprescindible ofrecer cualificación dentro do programa, no só formación continuada.