Pasar al contenido principal

13/25

Enviado el Mié, 25/06/2025 - 11:53
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se actualiza o modelo normalizado de papeleta de conciliación a presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xuño de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, remitindo proxecto de orde pola que se actualiza o modelo normalizado de papeleta de conciliación a presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

 

Como normativa estatal básica, o Real decreto 2756/1979, do 23 de novembro, polo que o Instituto de Mediación, Arbitraxe e Conciliación asume parte das funcións que ten encomendadas, establecía na súa sección IV, o procedemento para levar a cabo a conciliación obrigatoria en caso de conflito individual, previo para a tramitación de calquera procedemento laboral.

 

No artigo sexto do referido Real decreto 2756/1979, establecíase, así mesmo, que a referida conciliación se promovería mediante papeleta, fixando o contido mínimo desta.

 

Na Comunidade Autónoma de Galicia, dita conciliación é desenvolvida a través das seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) dos servizos de traballo e economía social, dos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

 

Este modelo de papeleta actualízase en base á disposición adicional sexta da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da orde pola que se daba publicidade ao modelo normalizado de papeleta de conciliación (publicado no DOG o día 29 de outubro de 2013) e o ditame emitido polo Consello con data 29 de xullo de 2013 (ditame 37/2013), obsérvase que se tivo en conta a da consideración unánime manifestada polas organizacións sindicais e empresarial, que afectaba ao carácter formal da norma.

 

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se actualiza o modelo normalizado de papeleta de conciliación a presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, seis artigos, unha disposición adicional e unha disposición derradeira.

 

O día 13 de xuño de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma de carácter unánime, manifestada polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén, como anexo, dúas consideracións xerais e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CC.OO de Galicia.

 

 

DITAME 12/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se actualiza o modelo normalizado de papeleta de conciliación a presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xuño de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xuño de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

A disposición adicional debería denominarse “disposición adicional única”, tal e como se denomina neste mesmo proxecto normativa á disposición final.

 

Ademais, a disposición derradeira única debería denominarse disposición final única para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

ANEXOS

Respecto ao formulario recollido nos anexos ao proxecto de orde, este Comité considera que no que atinxe á casilla para indicar o sexo da persoa demandante, debería respectarse ás previsións contidas na Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

 

                                                                       ANEXO

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA e SN DE CC.OO. DE GALICIA:

 

Consideracións xerais

Primeira

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais comparten a necesidade de desenvolver a Administración electrónica e facilitar a presentación de documentos por medios telemáticos. Porén, entenden que nesta materia concreta non é acaída nin oportuna a imposición ás persoas administradas dun modelo normalizado que presenta excesiva rixidez e pouca adaptación á súa finalidade.

 

Neste sentido, non parece que se tiveran en conta, para a elaboración de tal modelo normalizado, as diferentes modalidades procesuais que regula o Libro Segundo da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social (LXS) ou os requisitos mínimos que debe conter unha demanda. Antes ao contrario, inclúense campos («cantidades pendentes de cobro» ou «no caso do despedimento, data») que revelan unha visión excesivamente simplista da variedade e complexidade que poden presentar as reclamacións xudiciais en vía social. Tampouco os «motivos» (sic) do modelo de papeleta (despedimentos, sancións, reclamacións de cantidade e causas varias) presentan correlación aparente coa LXS.

 

Téñase en conta que, consonte ao artigo 63 LXS, a conciliación previa é un requisito previo ao proceso e, polo tanto, ten unha incidencia directa no dereito fundamental á tutela xudicial efectiva (art. 24 CE), na medida en que a variación substancial (nos feitos, na súplica ou na causa de pedir) entre a papeleta e a demanda pode determinar a inadmisión desta última.

 

Esta desconexión entre o modelo normalizado e os requisitos procesuais da LXS poden dar lugar a denegacións de tutela xudicial que, na medida en que están provocadas por unha imposición previa da Xunta de Galicia, dean lugar á responsabilidade patrimonial da Administración.

              

En consecuencia, as organizacións sindicais solicitan a modificación do proxecto de Orde baixo as seguintes premisas:

  1. A presentación telemática de papeletas de conciliación non terá ningún tipo de preferencia sobre os outros medios de presentación admisibles en dereito.
  2. O modelo normalizado limitarase a unha folla de presentación na cal se identifique a identidade de demandante(s) e demandado(s), a modalidade procesual que se exercita e a data de presentación. A esa folla unirase a papeleta de conciliación, elaborada baixo o criterio técnico-xurídico da persoa administrada ou da sua asesoría legal.
  3. Non serán requiridos á persoa administrada datos que xa obren en poder da Administración ou cuxa esixencia non teña unha habilitación legal específica.

 

Segunda

As organizacións sindicais que integran este Comité recordan que, segundo o artigo 9 do Anexo ao Regulamento interno de organización e funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais, o prazo para a emisión de ditames será de 30 días hábiles cando se trate de borradores de anteproxectos de lei e decretos e de 15 días hábiles cando se trate de normas de rango inferior.

 

Ademais, debe respectarse a orde de entrada de solicitude de informe á hora de ditaminar os proxectos normativos remitidos ao efecto.

 

No proxecto de orde que nos ocupa foi solicitado a este Comité acelerar o prazo da emisión do ditame así que como dar preferencia ao dito proxecto por diante doutros que tiveron entrada no rexistro con carácter previo.

 

Os prazos fixados responden á necesidade de analizar as normas remitidas para informe por parte dos membros do Comité,  así como de organizar as diferentes xuntanzas do mesmo. Así, as organizacións sindicais que o integran queren trasladar o seu malestar respecto ao indicado no parágrafo anterior.

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo 2. Presentación de solicitudes.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais entenden que carece de habilitación legal a previsión de que a papeleta se presente «preferiblemente» por vía electrónica, toda vez que esa “preferencia” non ten base legal algunha e a presentación telemática é só unha das posibles modalidades contempladas na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

 

Segunda.- Anexos

O modelo normalizado traslada ás persoas administradas a carga de averiguar datos que non están ao seu dispor (número de traballadores da empresa, CNAE-2009) e que non veñen esixidos na lexislación administrativa ou procesual e que, polo contrario, son de fácil acceso para a propia Administración. Esta esixencia parece contraria ao disposto no artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

 

Terceira.- Anexos

Como se indicou na consideración xeral, os campos e datos que se incorporan ao modelo normalizado de papeleta non se axustan aos requisitos procesuais da LXS.

 

Cuarta.- Disposición final única.

A disposición final establece a entrada en vigor da norma ao día seguinte da súa publicación no DOG. Entendemos que se debería habilitar un prazo razoable, que permita o coñecemento e adaptacións necesarias por parte das persoas afectadas, aos cambios metodolóxicos que a Orde establece, polo que a entrada en vigor non debería ser inmediata.

Número ditame
13