Pasar al contenido principal

Ditame 20/25

Enviado el Vie, 16/01/2026 - 11:15
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2026-2029 e se concede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para os anos 2026-2027

I. ANTECEDENTES

 

O día 7 de setembro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2026-2029 e se concede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para os anos 2026-2027 (código de procedemento TR301P).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “a presente orde ten por obxecto concretar os criterios que rexerán a concesión de axudas para impartir accións formativas de formación no traballo que impliquen compromiso de contratación para as empresas e entidades beneficiarias das mesmas”; “A finalidade destes programas formativos consiste en financiar ás empresas para a impartición de accións formativas dirixidas a formar persoas traballadoras desempregadas naquelas competencias, habilidades e perfís laborais específicos demandados polo sistema produtivo para a cobertura dun posto de traballo”;  “Estas bases pretender facilitar todas as distintas tipoloxías de accións formativas para incrementar a empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas e a captación de talento por parte do tecido produtivo de Galicia” e “o obxectivo desta orde consiste en axilizar o proceso de concesión de subvencións e axustar ao máximo posible o momento no que xorden as necesidades de contratación ás que vai dirixida a formación, facilitando así a creación de emprego de xeito inmediato mediante a contratación directa dunha porcentaxe das persoas desempregadas formadas e permitindo crear postos de traballo especializados e sustentables”, engadindo que “a presente norma vencella de xeito directo formación e emprego, asociando a necesidade da empresa de contar con persoas traballadoras cualificadas e adaptadas ás súas formas de produción, coa procura activa de emprego por parte das persoas traballadoras desempregadas”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2023, publicada no DOG núm. 113 do 15 de xuño de 2023, e o ditame emitido polo Consello Galego de Relacións Laborais con data 24 de maio de 2023 (ditame 17/2023), obsérvase que NON se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas. Ao respecto, tese en conta que a Consellería non enviou a súa contestación ao informe do Consello.

 

Do novo proxecto destácanse os seguintes aspectos, respecto da orde para o ano 2023:

Ambos regulan o mesmo procedemento administrativo (TR301P) relativo ás subvencións para accións formativas con compromiso de contratación, pero presentan diferenzas xurídicas e estruturais importantes.

 

Corenta e nove artigos fronte aos corenta e oito da norma do 2023, con cinco Disposicións Adicionais igual que na norma do 2023 e mantén o número de disposición derradeiras denominándoas “finais”.

 

O artigo 1 ten Idéntico obxecto pero con vixencia 2026–2029, primeira convocatoria 2026–2027. Mantén a definición de “unidade formativa” e engade referencia expresa aos artigos seguintes sobre colectivos. Mantense o núcleo pero amplíase o horizonte temporal e consolídase a planificación plurianual. Pequenas melloras de redacción técnica.

 

No artigo 2 refórzase a fundamentación xurídica, mantén o réxime de concorrencia non competiitiva mantense, pero a orde incorpora maior seguridade normativa mediante remisións expresas.

 

No artigo 4 recóllese un cambio substancial: a integración plena co novo Sistema de Formación Profesional (Lei orgánica 3/2022 e RD 659/2023). Introduce itinerarios e recoñece certificación oficial.

 

No artigo 6 amplía notablemente: permite clústers, asociacións empresariais e grupos empresariais. Regula a figura do centro asociado beneficiario e a súa incompatibilidade con outras axudas. Permite acordos empresa–entidade de formación.

 

O artigo 9 ten idéntico esquema, pero engade referencias á proposta de alta de novas especialidades formativas e á documentación do compromiso de contratación, detallando menor documentación técnica.

 

No artigo 10 introduce a posibilidade de control delegado e revisión técnica estatística.

 

No artigo 11 mantén a esencia pero avanza cara á tramitación electrónica integral e interoperabilidade entre administracións ao introducir a posibilidade de comprobación automatizada mediante bases de datos interadministrativas.

                        

No artigo 13 pasa dunha notificación exclusivamente electrónica vía Notifica.gal e publicación no DOG, agora engade obrigatoriamente a publicación en transparencia.xunta.gal e no portal de formación.

 

No artigo 15 engádese o réxime de execución mixta (medios propios e alleos) con referencia á nova Lei de contratos do sector público.

 

No artigo 17 engade un suposto adicional de reintegro por falseamento en declaracións responsables, vinculado ao control estatístico.

 

No artigo 20 adáptase o control horario á normativa de protección de datos.

 

Nos artigos 25 a 30 actualízase o desenvolvemento da acción formativa adaptándoo ao Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C con posibilidade de recoñecemento de microcredenciais.

 

Nos artigos 31 a 33 engade a posibilidade de adiantamento parcial ata o 60%.

 

Nos artigos 39 e 40 engade que as infraccións moi graves poderán implicar a exclusión de convocatorias futuras durante 2 anos, endurecendo, polo tanto, o réxime sancionador.

O borrador 2025 non é unha simple actualización temporal: supón unha modernización normativa adaptada ao novo marco estatal de formación profesional (LO 3/2022, Lei 3/2023, RD 659/2023). 

O procedemento TR301P pasa de ser unha liña clásica de subvención laboral a integrarse nun sistema máis amplo de formación profesional integrada, con maior seguridade, control e flexibilidade.

  • Natureza xurídica constante: ambas ordes manteñen o réxime de concorrencia non competitiva e concesión directa (Lei 9/2007, art. 26).
  • Modernización do marco legal: a orde 2025 adapta todo o procedemento ao novo Sistema de Formación Profesional Integrada, a Lei 3/2023 de Emprego e o RD 659/2023.
  • Incorporación de certificacións e itinerarios formativos oficiais.
  • Nova base orzamentaria (TES/866/2025) e actualización de control e verificación.
  • Reforzo do carácter plurianual e planificación 2026–2029.
  • Maior control e transparencia: introdúcese a posibilidade de control delegado, seguimento automatizado e verificación estatística.
  • Ampliación do ámbito subxectivo: incorporación de clústers, asociacións e centros asociados beneficiarios.
  • Simplificación administrativa: redución de trámites presenciais, interoperabilidade e rexistro electrónico único.
  • Enfoque plurianual e estratéxico: horizonte 2026–2029, con planificación de convocatorias sucesivas.
  • Réxime sancionador máis rigoroso e proporcionado.

En resumo, a orde 2025 representa unha refundición e actualización xurídica completa da de 2023, mantendo o mesmo obxecto pero adaptando o procedemento TR301P ás novas políticas públicas de emprego e formación de Galicia e do Estado.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2026-2029 e se concede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para os anos 2026-2027 (código de procedemento TR301P)”consta de: Exposición de motivos, corenta e nove artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 22 de outubro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén así mesmo, como Anexos, tres consideracións xerais e dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e oito consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 20/2025

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2026-2029 e se concede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para os anos 2026-2027 (código de procedemento TR301P)”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de outubro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de outubro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este comité reitera a necesidade de que se lle envíe, xunto co proxecto normativo e restante documentación, a folla estatística da execución da anterior orde.

 

Segunda.

As bases reguladoras contidas nesta orde son aplicables para o período 2026-2027.

 

O comité de ditames entende que as bases reguladoras deben de ter vocación de continuidade no tempo e que debería evitarse a publicación de novas bases reguladoras por cada período temporal das novas convocatorias, polo tanto deberían ter vocación de permanencia non vinculada a cada convocatoria para facilitar a aplicación das bases sen cambios e abarcar un espectro temporal maior.

 

Terceira.

O capítulo VII da presente orde titúlase “Primeira convocatoria”.

 

O comité de ditames considera que debería titularse “Primeira convocatoria para o exercicio 2026”, para que quede especificado o período que comprende.

 

Cuarta.

Este Comité observa que neste proxecto normativo utilízase a letra j) no artigo 9, que é impropia do alfabeto galego.

 

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Desde a Consellería de promoción do Emprego e Igualdade tense xustificado o emprego da dita letras facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non necesariamente sexan coincidentes en galego e castelán.

 

Obsérvase tamén que, a diferenza doutros proxectos normativos, as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

O artigo 6.6 establece que non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, de 28 de marzo”.

 

O artigo 10.1, nos apartados d), e) e f) establece que non poderán obter a condición de beneficiario  as entidades que non estean ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social o ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos que regulamentariamente se determinen.

 

Este comité propón que se recolla a posibilidade de subsanar a débeda no caso de que a entidade beneficiaria non sexa coñecedora da súa existencia.

 

Segunda.-Artigo 20. Medios de execución das accións formativas.

O apartado 8 do artigo 20 establece que “As empresas beneficiarias non poderán exceder os límites na imputación de custos relativos á subcontratación da docencia a través dun servizo externo. A estes efectos será de aplicación o disposto na normativa vixente en materia de contratación pública, no senso de fixar como límites máximos as porcentaxes recollidas no artigo 131.1, letras a) e b), gastos xerais de estrutura, do Real Decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas”.

 

O comité suxire que se expliciten os límites máximos aos que se refire o parágrafo anterior na propia orde.

 

Terceira.-Artigo 44. Financiamento.

Este Comité considera que se debería motivar a diminución  de 10.851.666€ experimentada no orzamento total asignado a estas axudas pasando agora a 8.500.00 euros.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

 

Consideracións xerais

 

Primeira.

As organizacións sindicais consideran que é necesario avaliar as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, para coñecer o seu impacto na mellora das oportunidades de emprego das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido insuficientes resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.

Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:

1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

 

Segunda.

Entendemos que o obxectivo último e real deste proxecto normativo é a transferencia de recursos económicos do Erario a determinadas empresas, simplemente porque estas cumpran coa súa obriga legal de formar ao  persoal no desempeño laboral que elas precisen, polo que se deturpa claramente a función legal de adicar os recursos públicos e as cotizacións para Formación Profesional das persoas traballadoras e do conxunto das empresas, ás súas finalidades naturais.

Débese ter presente que as empresas privadas xa teñen acceso á formación para o emprego nas súas diferentes convocatorias e ao traveso da formación bonificada para persoas ocupadas.

 

Por outro lado, resulta sorprendente a alta flexibilización dos criterios e requisitos de impartición, execución e xustificación para esta e outras liñas subvencionais dirixidas en exclusiva á empresa privada, con respecto a rixidez que se manifesta nas normas que regulan as convocatorias de accións formativas de alcance máis xeral. 

 

Finalmente, consideramos que a regulación do “novo modelo de formación” que prevé legalmente a participación determinante dos interlocutores sociais máis representativos no deseño e a planificación da formación, non se está a  respectar na tramitación deste proxecto normativo.

 

Terceira.

As organizacións sindicais que integran o Consello lembra que o criterio unánime deste comité de ditames manifestado en diversos ditames anteriores é que "non atopa moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da orde xeral de Accións Formativas para persoas traballadoras desempregadas, como vía de programación específica".

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

Na redacción deste artigo non se recolle o requisito, que aparecía en ordes anteriores, de que as empresas empreguen a cincuenta ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia para poder ser beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.

 

Así mesmo, tampouco se recolle, como se facía en ordes anteriores, a previsión de que “non poderán ser beneficiarias as empresas ou agrupacións que reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da subvención”, salvo nunha serie de casos exceptuados.

 

As organizacións sindicais propoñen que se recuperen ambas previsións.

 

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

O artigo 6.5, no seu parágrafo dous, establece que tampouco poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde de bases as empresas e entidades que, nos 6 meses anteriores á solicitude, reduciran o seu cadro de persoal nunha porcentaxe igual ou superior ao 15%. Para estes efectos só se terán en conta as persoas con contrato indefinido, non sendo computables as extincións de contrato por causas obxectivas ou despidos disciplinarios declarados ou recoñecidos como procedentes, nin as baixas producidas por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez.

 

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

 

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Consideracións xerais

 

Primeira.- Reserva de crédito.

O proxecto establece a posibilidade de establecer reservas de crédito dirixidas a desenvolver aquelas liñas formativas que, en función da caracterización dos contidos da acción formativa ou do perfil do alumnado, requiran de especial apoio.

Sen prexuízo do sinalado na norma, tendo en conta a importancia de sectores estratéxicos con implantación territorial, impacto no emprego e relevancia exportadora, podería valorarse destinar unha reserva de crédito para proxectos vinculados a sectores estratéxicos. O obxectivo é apoiar a cualificación profesional, a transformación dixital, a trazabilidade e a sustentabilidade ambiental deste sectores, garantindo así a súa competitividade e capacidade de xeración de emprego de calidade no territorio galego.

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo 5. Compromiso de contratación.

O artigo 5 impón requisitos temporais (contrato en prazo máximo de 2 meses e prazo máximo admisible de 6 meses), o que pode resultar excesivamente ríxido para determinados sectores por estacionalidade de produción.

 

A CEG propón que se modifique o apartado 3 do artigo 5 quedando redactado da seguinte forma:

“A contratación deberá efectuarse no prazo máximo de 2 meses desde o remate da acción formativa. Con todo, nos sectores que acrediten estacionalidade produtiva , e sempre que conste na memoria diagnóstica e na documentación acreditativa do compromiso empresarial, o prazo poderá ampliarse ata 3 meses sen aplicarse a minoración prevista. Admitiranse como válidas, a efectos do cumprimento do compromiso, as modalidades contractuais habituais no sector (contrato indefinido, contrato fixo-descontinuo, contratos temporais vinculados a picos produtivos), sempre que a duración garantida sexa, como mínimo, equivalente a 6 meses a xornada completa ou o seu equivalente en xornada parcial”.

 

Segunda.- Artigo 5. Compromiso de contratación.

O texto contempla a compatibilidade con incentivos no artigo 5.5 pero a CEG considera que convén aclarar os límites e as regras de acumulación conforme á normativa que regula as axudas.

 

Así mesmo, propón engadir un texto ao artigo 5.5 que sería:

 

“A percepción de subvencións previstas será compatible con outros incentivos á contratación sempre que se respecte a normativa comunitaria e estatal sobre acumulación de axudas (axudas mínimis ou outros réximes), debendo a beneficiaria declarar as axudas acumuladas e xustificar a ausencia de duplicidade de financiamento para os mesmos custos”.

 

Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

O artigo 6.3 establece que poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións ás que se refiran estas bases as empresas que sexan titulares de entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia (...).

 

A Confederación de empresarios de Galicia considere convinte aclarar a posibilidade de que as asociacións sectoriais actúen como entidades de coordenación, agregación de pemes y responsables de unidades formativas. Isto é clave nun tecido empresarial fundamentalmente constituído por pemes e micropemes.

 

Para iso propón engadir ao artigo 6.1 ou 6.3 o seguinte texto:

“Poderán ser beneficiarias, ademais das empresas individualmente consideradas, as asociacións empresariais que actúen como entidades de formación ou promotoras de proxectos conxuntos, sempre que acrediten capacidade técnica e recursos e os seus proxectos recollan a distribución de compromisos de contratación entre as empresas integradas”.

 

Cuarta.- Artigo 9 Documentación complementaria.

Co gallo de facilitar a participación de empresas, especialmente pemes, micropemes e persoas autónoma,  mediante redución de cargas documentais e a posibilidade de agrupación sectorial, a CEG propón engadir no artigo 9.2 ou na disposición adicional o seguinte texto:

“Co obxecto de facilitar o acceso de empresas, as agrupacións de empresas poderán presentar unha única memoria sectorial e un convenio interno que distribúa responsabilidades”.

 

Quinta.- Artigo 9 (Documentación complementaria) e artigo 15 (procedemento).

Respecto do diagnóstico sectorial e maior valoración, a CEG formula proposta de incluír o seguinte texto nos artigos 9 e 15:

“Cando a acción formativa preséntese no marco de núcleos produtivos sectoriais ou se solicite axuste de prazos/contratación por estacionalidade, a memoria técnica deberá acompañarse dun diagnóstico sectorial (mapa de empresas locais, previsións de contratación, descrición de perfís e tecnoloxías). Devandito diagnóstico considerarase tamén como criterio de valoración ”

Por outra parte debería valorarse tamén a incorporación de módulos referentes a economía circular, tratamentos sostibles, trazabilidade e dixitalización de procesos produtivos, cando proceda por contido e nivel da especialidade”.

 

Sexta.- Artigo 15. Procedemento.

O artigo 15 regula a tramitación e prelación sendo admisible criterios que favorezan proxectos con maior impacto real de contratación.

 

Para iso, a CEG propón engadir como criterio no artigo 15 ou no Anexo de valoración o seguinte:

“Outorgarase puntuación adicional ás solicitudes que: (i) incorporen convenios formais con empresas do sector téxtil que garantan prácticas e contratación (ata 3 puntos); (ii) acrediten compromisos de contratación superiores ao mínimo esixido (ata 2 puntos); (iii) presenten plan de formación en sustentabilidade e dixitalización aplicado ao posto (1 punto).”

 

Sétima.- Artigo 16. Determinación da subvención.

Co gallo de incluír incentivos adicionais por contratación estable e por incorporación de mulleres, a CEG propón engadir no artigo 16 ou no Anexo de módulos económicos o seguinte texto:

“Poderase incrementar a contía dos incentivos por contratación ata un 15% adicional para contratos indefinidos ou contratos fixos-descontinuos con previsión de estabilidade, e ata un 10% adicional cando a persoa contratada sexa muller e a contratación contribúa á redución de brechas de xénero no posto”.

 

Oitava.-Artigo 20. Medios de execución das accións formativas.

A CEG propón engadir ao artigo 20 o seguinte texto:

As accións formativas poderán organizarse en bloques intensivos, horarios por quendas ou modalidades mixtas, sempre que se cumpran os contidos e horas previstas. Os módulos transversais poderán impartirse mediante teleformación acreditada, sempre que se garanta a avaliación presencial de competencias prácticas.”

Número ditame
20