Pasar al contenido principal

Ditame 23/25

Enviado el Vie, 16/01/2026 - 11:31
Ditame sobre o proxecto de orde do xx de xxx de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2026

I. ANTECEDENTES

 

O día 14 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde do xx de xxx de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2026 (códigos de procedemento TR852A e TR852B).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais. 

 

Segundo a exposición de motivos “correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia executar a Axenda 20 para o Emprego, que ten entre os seus fins a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega, así como cumprir cos obxectivos da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027.

 

De acordo cos obxectivos da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 (ESSTG27), priorizáranse as actuacións recollidas dentro dos obxectivos estratéxicos da mesma, especialmente no eido dos riscos laborais derivados dos novos escenarios no traballo e da nova realidade laboral, da promoción da saúde no traballo e a consecución do benestar laboral e do coñecemento especializado no ámbito da prevención de riscos laborais a través da sensibilización, asesoramento técnico e formación”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 17, do 27 de xaneiro de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 6 de novembro de outubro de 2024 (Ditame 23/2024), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas no antedito ditame.

 

Do texto sometido a ditame cómpre destacar os seguintes aspectos:

 

O borrador 2026 mellora a previsibilidade das condicións de acceso, evita duplicidades e reforza os mecanismos de control do gasto, conforme aos principios da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

 

O Borrador de Orde 2026 supón unha mellora técnica, lingüística e normativa respecto da Orde DOG 27.01.2025.

 

A orde de 2026 reforza a seguridade xurídica, moderniza o enfoque preventivo e integra mellor os principios constitucionais de igualdade, eficiencia e boa administración, sendo plenamente conforme coa xurisprudencia do Tribunal Constitucional (SSTC 31/2010 e 61/1997) e coa doutrina do Tribunal Supremo en materia de subvencións públicas e prevención laboral.

 

As axudas articúlanse en torno a dúas liñas, segundo o artigo 2:

 

1.Accións de formación e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais tanto de carácter intersectorial (subliña I.1) como sectorial (subliña I.2)

 

2.Realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais de carácter intersectorial (subliña II.1) ou sectorial (subliña II.2).

 

As actividades subvencionables recollidas no artigo 2 correspóndense coas recollidas nas dúas ordes de referencia, non detectando modificacións relevantes ao respecto.

 

Tampouco se observan modificacións respecto das entidades que poden ser beneficiarias das axudas, segundo o regulado no artigo 3.

 

Este artigo tamén recolle o crédito asignado a cada una liña de axuda que, á vista do financiamento previsto para as dúas ordes de referencia, non presenta tampouco cambios significativos, recollendo no seu conxunto unha contía e distribución nas diferentes subliñas bastante similar á da anterior convocatoria tendo en conta, que no caso da orde das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, estabamos ante unha convocatoria plurianual.

 

A contía global dos créditos asignados a estas axudas sería a seguinte: a liña I financiarase cun crédito de 1.655.103€ mentres que a liña II farao cun crédito de 634.716€.

 

As contías máximas que poden recibir as entidades beneficiarias de cada subliña fíxanse como se indica a seguir:

 

Para a Liña I (artigo 7) o importe máximo por entidade establécese en 460.000€ (subliña I.1) e en 30.000€ (subliña I.2). Pola súa banda, mantense o límite de 160€ polo número de horas impartidas para fixar o importe máximo de cada curso, contía que excepcionalmente se pode incrementar ata os 200€/hora nos mesmos supostos que prevía a Orde das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais.

 

En canto a Liña II (artigo 14), o importe máximo por entidade establécese en 175.000€ (subliña II.1) e en 21.000€ (subliña II.2). Pola súa banda, mantéñense os límites de 1.500€ por cada xornada de sensibilización e de 10.000 por cada estudo, así como o límite de un estudo subvencionable por entidade. Inclúese como novidade no apartado a) que “por cada foro, congreso, seminario ou evento similar será de 1.500 euros”.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde do xx de xxx de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2026 (códigos de procedemento TR852A e TR852B)consta de: Exposición de motivos, corenta e dous artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións derradeiras.

 

O día 5 de novembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e quince específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén, así mesmo, as consideracións específicas non unánimes seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT – Galicia e SN de CCOO de Galicia (ANEXO I), tres manifestadas pola CEG (Anexo II) e outra manifestada por CIG (ANEXO III).

 

DITAME 23/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde do xx de xxx de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2026 (códigos de procedemento TR852A e TR852B),  con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de outubro de 2025 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de novembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Exposición de motivos.

Na Exposición de motivos se indica que “Son destinatarias finais das accións da liña I (TR852A) as persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego”.

 

Este Comité solicita que se mellore a redacción do proxecto de orde no sentido de que as persoas activas poden estar ocupadas ou en situación de desemprego.

 

Segunda.- Disposicións adicionais e derradeiras.

Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira. Artigo 3. Entidades beneficiarias e o seu financiamento.

Este Comité propón que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Tamén se propón que se substitúa a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.

 

Finalmente, debería substituírse a referencia ás asociacións empresariais galegas pola de asociacións máis representativas.

 

Segunda.-  Artigo 7. Importe máximo subvencionable.

Este Comité considera insuficiente o crédito asignado e solicita que se incrementen os recursos á orde para que poidan ser subvencionables máis actividades.

 

Terceira. Artigo 7. Importe máximo subvencionable.

O apartado 1.b) fixa o importe máximo por solicitude, na subliña I.2, en 30.000€. Este Comité considera que, tras varios exercicios mantendo a mesma contía máxima, procede a súa actualización e propón que se incremente a 40.000€.

**Alegación CCOO: Mantener las consideraciones tercera y cuarta del dictamen del año pasado a las que se añadirá esta nueva

 

Cuarta. Artigo 7. Importe máximo subvencionable.

O apartado 2 fixa a contía por actividade en 160 euros por cada hora impartida ou, excepcionalmente, en 200 euros por hora.

 

Este Comité propón que se revisen as ditas contías á alza, en función dos prezos de mercado e da especificidade dos cursos que se realicen.

 

Quinta. Artigo 10. Requisitos de asistencia aos cursos.

Segundo o apartado 2 deste artigo: “En casos excepcionais, debidamente motivados poderá autorizarse pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais a realizacións de estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito.

 

Este Comité entende que en vez de unha autorización debería ser suficiente unha comunicación trasladada á Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais pola entidade beneficiaria, tendo en conta que en moitas ocasións non se pode achegar con carácter previo ao inicio do curso a comunicación requirida porque só ao inicio do curso compróbase que non se conta con alumnado suficiente.

 

Tamén entende que o apartado 3 do artigo 10, debería ser eliminado.

Sexta. Artigo 11. Gastos subvencionables e período de imputación.

En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

 

Sétima.- Artigo 13. Documentación complementaria.

O artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia establece que cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación.

 

Esta Comité solicita que a Consellería aclare por que nesta orde non se fai.

 

Oitava. Artigo 13. Documentación complementaria.

Establece o apartado 1.c) 3º deste artigo, referido á teleformación e formación a través de aula virtual, que previamente á realización da actividade formativa, o alumnado achegará declaración sobre que dispón de medios técnicos suficientes para a súa realización, propios ou facilitados pola entidade, para participar adecuadamente na acción formativa.

 

Este requisito non ten moito sentido para as actividades virtuais, xa que o propio rexistro na plataforma que se empregue dá conta de que a persoa que se conecta conta cos medios técnicos necesarios. Proponse, por tanto, a supresión deste requisito.

 

Novena.- Artigo 14. Importe máximo subvencionable.

Mantéñense os límites de 1.500€ por cada xornada de sensibilización pero Inclúese como novidade no apartado a) que “por cada xornada de sensibilización, foro, congreso, seminario ou evento similar será de 1.500 euros”

 

Este Comité propón que se manteña a redacción da orde anterior no artigo 14 de forma que no apartado a) se indique “por cada xornada de sensibilización será de 1.500 euros”.

 

Este Comité considera insuficiente o importe de 1.500 euros asignado para zornadas de sensibilización e solicita que se incremente.

 

Décima. Artigo 14.- Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.b) deste precepto fixa o importe máximo subvencionable por estudo en 10.000.

Este Comité que se trata dunha contía escasa para desenvolver un estudo con todos os requisitos necesarios, polo que se propón que se incremente esa contía ata os 15.000€.

 

Décimo primeira.- Artigo 15.- Accións non subvencionables.

No apartado 1 disponse que “As xornadas, foros, congresos, seminarios ou evento similar que conten cun número de participantes menor a 15”.

 

Este Comité propón que se harmonice esta redacción co artigo 8.1, referente tamén a accións non subvencionables, no que se indica que “Os cursos que conten cun número de participantes menor a 8”, e co artigo 10.2 (requisitos de asistencia).

 

Décimo segunda. Artigo 18. Subcontratación.

Segundo o apartado 5 deste artigo, non se poderán imputar gastos de persoal propio no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50%.

 

Este Comité considera oportuno incrementar esa porcentaxe, xa que con esta flexibilización permitiríase imputar máis gasto especialmente na convocatoria para o exercicio de 2024 onde, como xa se indicou na consideración xeral segunda, a execución das axudas semella máis complicada para as posibles beneficiarias.

 

Décimo terceira. Artigo 26. Criterios de valoración.

Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

 

Ademais, neste proxecto obsérvase un incremento da puntuación outorgada a este criterio respecto da orde que regulaba esta axudas no exercicio anterior.

 

Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado g) deste artigo.

 

Décima cuarta. Artigo 26. Resolución e recursos.

No seu apartado 4, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.

Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería fixarse nun máximo de 3 meses.

 

Décima quinta. Artigo 30. Prazo de finalización e de xustificación das accións.

Este artigo fixa o prazo de xustificación ata o 11 de novembro. Porén, este Comité considera que ese prazo é insuficiente e considera que debe estenderse o prazo de xustificación, polo menos, ata o 15 novembro.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

 

Artigo 7.- Importe máximo subvencionable.

Respecto do apartado 1.b), as organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que, nas solicitudes realizadas á bolsa sindical, as entidades sindicais intersectoriais con representación sectorial mais representativas de Galicia, poderán realizar ata un máximo de tres solicitudes de planes sectoriais por unha contía máxima de 30.000 euros por cada plan.

 

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 3. Entidades beneficiarias e o seu financiamento. Subliñas I.2 e II.2

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que nestes artigos debería terse en conta ás organizacións empresariais galegas intersectoriais.

 

Segunda. – Artigo 14. Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.b) establece que se subvencionará un único estudo por entidade.

A CEG propón eliminar a limitación do número de estudos por entidade.

 

Terceira. – Artigo 26. Criterios de avaliación.

O apartado 1.c) deste precepto establece a prioridade de determinadas materias nos cursos, xornadas ou estudos, ás que se lles outorgará unha maior puntuación.

A CEG considera que se recollen unha serie de temáticas preferentes que, limitan en exceso e contradín, no caso dos estudos, a mención que se recolle no artigo 16 apartado d) respecto ao contido innovador. Sería necesario introducir unha mención a outras temáticas innovadoras con afectación en PRL,  con 2 puntos, para incentivar a innovación neste ámbito.

Con este motivo propoñemos dar coherencia ao baremo aplicando criterios homoxéneos nos incrementos das porcentaxes de execución.

 

 

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR CIG

 

Tramitación da orde.

A CIG manifesta o seu malestar porque se tramitase esta orde solicitando ditame ao Consello Galego de Relacións Laborais sen terse solicitado informe con carácter previo ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

Número ditame
23