Pasar al contenido principal

Ditame 27/25

Enviado el Vie, 16/01/2026 - 11:39
Ditame sobre o Proxecto de Orde Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para o ano 2026

I. ANTECEDENTES

 

O día 14 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para o ano 2026.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais. 

 

Segundo a exposición de motivos, esta orde “En cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais intersectoriais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a dita lei, en concreto a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, establécense axudas para o ano 2026 referentes á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial”.

 

Con respecto ao texto da orde anterior, non se detectan modificacións reseñables máis aló dos axustes de anualidades, os axustes técnicos de estilo e precisión normativa, sen impacto xurídico material.

 

O proxecto de orde para 2026 constitúe unha reedición sistemática e continuista da orde do 16 de decembro de 2024, mantendo o mesmo esquema normativo, ámbito material, financiamento e réxime procedemental.

 

As modificacións son máis formais que substanciais, limitándose á actualización temporal e mellora redaccional, sen introducir innovacións normativas de fondo.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 14 do 22 de xaneiro de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 6 de novembro de 2024 (Ditame 24/2024), obsérvase que se tivo en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de Orde Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para o ano 2026” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e tres derradeiras.

 

O día 5 de novembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexo unha consideración manifestada pola CIG.

 

 

 

DITAME 27/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de proxecto de Orde Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para o ano 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de novembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

 

Primeira.

Este Comité considera que se deberían incrementar as contías das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento do gabinetes técnicos, xa que as actuais levan conxeladas desde a súa creación e resultan insuficientes para o seu mantemento.

 

Segunda.

Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 2. Actividades subvencionables.

Este Comité considera que se deberían recuperar, como subvencionables, as actividades de formación, xa que resulta necesario desenvolvelas simultaneamente coas actividades de información e difusión.

 

Segunda.- Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral.

Este artigo recolle no seu último parágrafo que os gabinetes cuxa creación tivese lugar en convocatorias anteriores terán que manter a súa actividade durante todo o ano natural.

 

Este Comité considera que este parágrafo debería eliminarse xa que impón unha obriga retroactiva.

 

Subsidiariamente, proponse que sexa esixible unicamente a partir dun prazo desde a publicación da nova convocatoria no DOGA e que sexa flexible a súa interpretación.

 

Sen prexuízo do antes sinalado, tamén debería clarificarse que implica esta obriga nos supostos de baixas (voluntarias e outras situacións) das persoas contratadas.

 

Terceira.- Artigo 23. Xustificación da subvención.

O comité solicita que en vindeiras convocatorias da orde sexan incrementados os anticipos previstos neste artigo e se prevexa un anticipo do 100 % da subvención concedida, tal e como se fai noutros proxectos que se informaron por este Comité, como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2026 (códigos de procedemento TR852A e TR852B).

 

Cuarta.- Artigo 24. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.

No apartado 2, letra i), III, gastos de persoal, o comité solicita que se especifiquen de xeito diferenciado os documentos a presentar para os diferentes supostos: formación específica ou acreditación de experiencia.

 

Quinta.- Artigo 24. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.

Este artigo esixe presentar o contrato de traballo do persoal adscrito á actividade do Gabinete.

 

Este Comité considera que se debería especificar que esta obriga non procede no caso dos contratos obren xa en poder da Administración e propón que, cando se trate de persoas con contrato indefinido que xa viñeron prestando eses mesmos servizos, soamente se esixa indicar o expediente en que obra xa esa información.

 

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

 

 

Primeira.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.

O apartado 3.b) deste artigo permite imputar os gastos derivados da subcontratación.

 

A CIG considera que estes gastos deberían limitarse, unicamente, a actividades específicas e concretas dos gabinetes.

 

Número ditame
27