I. ANTECEDENTES
O día 24 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do
programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) e se procede á súa convocatoria para o ano 2026.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, mediante este proxecto búscase “A Xunta de Galicia conta coa Estratexia Galega de RSE 2023-2025 na que impulsa 25 accións para unha Galicia Sustentable e Competitiva. Entre estas accións figuran o apoio directo para a obtención de certificados en RSE e, en particular, contribuir á transformación das empresas galegas cara a unha economía descarbonizada e alcanzar os obxectivos asumidos no marco do Acordo de París; facilitar a integración laboral en igualdade de condicións co obxectivo de crear unha sociedade diversa e cohesionada onde existan oportunidades laborais en igualdade de condicións para todos e todas; dotar de ferramentas para a conciliación, o teletraballo e a desconexión dixital para, de esta maneira, crear unha contorna de traballo de calidade que atenda ás necesidades de conciliación das persoas profesionais de Galicia”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 21, do 31 de xaneiro de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 6 de novembro de 2024 (Ditame 25/2024), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
As diferenzas entre a Orde publicada en xaneiro de 2025 e o Proxecto de Orde de Axudas para 2026 son mínimas e de natureza eminentemente temporal e orzamentaria.
O réxime xurídico substantivo (entidades beneficiarias, réxime de compatibilidade, tipos de axuda, actuacións subvencionables, procedemento de concesión, requisitos e importes máximos das liñas I, II e III) permanece inalterado no Proxecto 2026.
As únicas modificacións identificadas refírense de forma exclusiva:
- Ao ano da convocatoria (de 2025 a 2026).
- Ao prazo de presentación de solicitudes (adaptando a data límite ao 30 de xuño de 2026).
- Ao período subvencionable (axustando o exercicio aos gastos realizados en 2026).
- Ao crédito orzamentario e aplicacións orzamentarias (adaptadas á Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para 2026).
En rigor técnico, o Proxecto 2026 constitúe unha reprodución das bases reguladoras de 2025 coa única actualización dos parámetros temporais e orzamentarios que fan posible a apertura dunha nova convocatoria anual, sen que exista novidade xurídica nas condicións de acceso ou no contido material das axudas.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
O orzamento total para estas axudas mantense, nesta convocatoria, en 1.400.000€, así como todos os importes asignados ás distintas Liñas e subliñas das axudas (artigo 4).
No artigo 5 (Requisitos das empresas solicitantes): Engádense dúas precisións relevantes:
- No apartado 1 incorpórase unha definición expresa de peme conforme ao Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014
- No apartado 5introdúcese a posibilidade de que as entidades beneficiarias da Liña I poidan volver solicitar axuda se non a recibiron nas catro últimas convocatorias. Ademais, engádese un inciso permitindo ás beneficiarias da Liña III solicitar axuda por unha certificación distinta á xa subvencionada en anos anteriores.
Estas modificacións amplían o acceso e flexibilizan a aplicación temporal das restricións.
No artigo 9 de Requisitos específicos das empresas beneficiarias elimínase a exclusión expresa das empresas TIC nas subliñas 1 e 3, o que supón unha apertura a sectores que antes non podían optar ás axudas. Esta é unha modificación substancial, ampliando o ámbito subxectivo das subvencións.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) e se procede á súa convocatoria para o ano 2026” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 6 de novembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia , SN de CCOO, e pola CEG.
Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: dúas consideracións xerais e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO (Anexo I) e tres consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 29/2025
|
En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) e se procede á súa convocatoria para o ano 2026, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de outubro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
As organizacións sindicais e empresarial consideran que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.
Aínda que existen outros programas da Consellería neste senso, considérase que esta orde debe subvencionar outras medidas máis aló da obtención de certificacións.
Segunda.
Obsérvanse o emprego das letras j) e k) na clasificación do artigo 41, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Pola súa banda, figura unha disposición adicional que debería denominarse “disposición adicional única”. Ademais, chama a atención que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
O parágrafo cuarto do apartado 1 di que as empresas deberán contar como mínimo con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49.
Este Comité considera que non debería de haber un número mínimo de persoas traballadoras para poder facer a solicitude. No Real Decreto 901/2020 de 13 de outubro polo que se regulan os planes de igualdade e o seu rexistro, non se establece un mínimo de persoas traballadoras.
Segunda.- Artigo 7. Contía das axudas.
O apartado d) asigna a contía de 12.000€ pola contratación, como mínimo dun ano, dunha persoa experta en igualdade.
Para este Comité esta contía é claramente insuficiente para levar a cabo a contratación dunha persoa técnica por o período pretendido, polo que se considera necesario incrementar a contía fixada.
Terceira.- Artigo 9. Requisitos específicos das empresas beneficiarias.
Tendo en conta o novo marco regulador, este Comité non comparte o requisito de que o acordo de teletraballo deba formalizarse por un período mínimo de dous anos, por entender que se trata dun requisito excesivo e limitativo.
Proponse que se reduza esa esixencia para adaptarse ás necesidades das medidas de conciliación.
Cuarta.- Artigo 29. Avaliación das solicitudes.
No apartado 2 do artigo 29, na última frase se di que “No caso das axudas das liñas I e II, poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa experta da Unidade Administrativa de Igualdade da Secretaría xeral de Emprego e Relacións Laborais...”
Este Comité propón que se substitúan as palabras “poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa...” por “deberá participar unha persoa...”.
Quinta.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
O apartado 4 do artigo 36 dispón que “Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención en canto a empresa beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigacións tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma”.
Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.
Sexta.- Artigo 44. Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra e), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra f), as axudas condicionadas á utilización de produtos e servizos nacionais fronte aos produtos e servizos importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, como se ten recollido noutras ordes da Consellería.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN. DE CC.OO. E UGT-GALICIA DE GALICIA:
Consideracións xerais:
Primeira.
Dada a importancia da consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o feito de incluír as medidas orientadas á dita consecución nunha orde de RSE, non as sitúa no lugar que lles corresponde e quedan diluídas nunha orde de RSE. Polo tanto, deberían ser obxecto dunha orde propia xa que todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.
Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité queren resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto.
Segundo o artigo 1, forma parte do obxecto desta orde adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran necesario distinguir entre os conceptos de corresponsabilidade e conciliación e, en consecuencia, establecer unha liña de axuda específica para incentivar a corresponsabilidade.
Así mesmo propoñen incluír no título da orde non so a conciliación senón tamén a corresponsabilidade.
Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
O parágrafo oitavo do apartado 1 esixe ás entidades solicitantes unha taxa de estabilidade de, cando menos, do 50%.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que a dita porcentaxe debería incrementarse ata o 70%, en concordancia co solicitado en ditames relativos a outras liñas de axuda.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 3. Liñas de axudas.
A CEG suxire incluír como subvencionable unha subliña II.4, incentivos para a implantación de Plans de Retribución Flexible que inclúan medidas encamiñadas a facilitar a conciliación e que recollan como actividades subvencionables os seguintes conceptos:
1. Os custos da elaboración dunha diagnose da empresa e dos servicios que se poidan incluír no Plan de retribución flexible.
2. Os custos derivados da elaboración, comunicación e implementación do Plan de retribución flexible.
Segunda.- Artigo 3. Liñas de axudas.
A CEG considera necesario incluír dentro de la subliña III, subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo, a adquisición de mobiliario ergonómico para a adecuación do posto de traballo na casa, tales como mesa, cadeira ou iluminación.
Terceira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
A CEG propón modificar o apartado 6 de forma que si poidan ser beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro.