- ANTECEDENTES
O día 31 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR342C).
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “As circunstancias excepcionais de crise económica resultantes da pandemia provocada polo coronavirus COVID-19 agraváronse polos importantes efectos económicos derivados da invasión de Ucraína por parte de Rusia, que está ocasionando graves consecuencias dende o punto de vista económico a nivel europeo, producíndose un gran incremento dos custos enerxéticos, xunto co encarecemento das materias primas agrícolas e minerais, o que leva a necesidade de adoptar medidas que contribuían a paliar os efectos desta crise tamén sobre o mercado do traballo na nosa Comunidade Autónoma. Neste senso a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración segue apostando polo mantemento do emprego e da actividade económica das empresas, impulsando a contratación indefinida dos colectivos máis vulnerables”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 16, do 24 de xaneiro de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 5 de decembro de 2024 (Ditame 30/2024), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas no antedito ditame polas organizacións sindicais e empresarial, ademais de que a Consellería non contestou ao Comité.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 1 inclúese unha nova modalidade de axuda no apartado “e) Transformación en indefinidos dos contratos formativos subvencionados con cargo ao programa de primeira experiencia profesional (TR353C)”.
No artigo 4 auméntanse os colectivos aos que se dirixe a axuda en “B. Mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou vítimas de trata de seres humanos, e mulleres con fillos e fillas menores de 3 anos, desempregadas de longa duración ou inactivas nos últimos 3 anos” e “H. Persoas desempregadas que nos últimos 2 anos remataran accións de AFD, Obradoiros de emprego, ou Programas Integrados de emprego”. Consecuentemente, o artigo 24 referente á contía dos incentivos tamén se ve afectado nese sentido.
No artigo 26.3 nos supostos de extinción da relación laboral engade que sexa por baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despido por non superar o período de proba, despido disciplinario procedente, xubilación ou falecemento dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR342C)” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, catro disposicións adicionais e dúas finais.
O día 13 de novembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, ademais, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e nove específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e nove específicas manifestadas pola CEG.
|
DITAME 33/2025 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR342C), con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de outubro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de novembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Este Comité solicita que se remitan as follas de resultados das subvencións, ao igual que están a facerse con outros proxectos de orde, como o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2026.
Segunda.
Este Comité propón que se recollan de xeito explícito axudas específicas para subvencionar os custos totais das persoas intérpretes da linguaxe de signos.
Terceira.
Tanto na exposición de motivos como no artigo 1, establécese como unha das finalidades desta orde seguir paliando os prexuízos derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 sobre o mercado de traballo, que se viron agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.
Este Comité considera que se debería actualizar o contexto socio-económico que xustifica a necesidade destas axudas.
Cuarta.
Obsérvanse o emprego das letras j) e k) na clasificación dos artigos 9 e 10, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Debe revisarse a concordancia dos números e as letras porque o segundo parágrafo fai referencia a catro modalidades de axudas pero cando se enumeran ten cinco apartados do a) ao e).
Segunda.- Artigo 4. Orzamentos.
No apartado 1 do artigo 4 recóllense os colectivos aos que se dirixe a axuda incluíndo entre eles “Mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou vítimas de trata de seres humanos, e mulleres con fillos e fillas menores de 3 anos, desempregadas de longa duración ou inactivas nos últimos 3 anos”.
Tamén aparece este apartado recollido así no artigo 24 referente á contía dos incentidos.
Este Comité solicita que se aclare nos dous artigos a forma de acreditar que a persoa estivo inactiva.
Terceira. Persoas e entidades beneficiarias.
O apartado 3.e) deste precepto establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.
O mesmo obsérvase respecto do previsto no artigo 26.1.a).
Cuarta.- Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.
Ao longo do texto fálase indistintamente de “persoas interesadas”, “persoas beneficiarias”, “persoas ou entidades interesadas” ou “entidades beneficiarias”.
Este Comité propón que se homoxeneice a redacción e se empregue “persoas e entidades beneficiarias” como se fai no título do artigo 6.
Quinta.- Artigo 15. Resolución e recursos
Este artigo fixa o prazo para resolver e notificar en 3 meses.
Este Comité considera excesivo ese prazo e propón que se reduza.
Sexta.- Artigo 25. Exclusións.
O apartado b) exclúe dos beneficios regulados neste proxecto aos contratos realizados con algúns familiares.
Este Comité considera que se debería revisar este apartado en relación ao previsto na Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.
Sétima.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
Este Comité propón que se engada, entre as obrigas recollidas neste artigo, a de que dispoñer de plan de igualdade nos supostos nos que a lei o esixe.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA
CONSIDERACIÓN XERAL:
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.
Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
- “As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
- Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
- Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas”.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Dentro da liña de incentivos á contratación, o apartado 1.c) deste artigo prevé os incentivos ao incremento de duración actual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.
As organizacións sindicais consideran que debería ser obxecto de axuda o incremento da duración deses contratos ata os 9 meses, posto que unha vez acaden unha duración de 11 meses estaríase ante outra modalidade contractual.
En coherencia, formúlase a mesma consideración respecto do desenvolvemento que deste incentivo fai a orde nos artigo 23.2c) e 24.1.c).
Segunda.- Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais consideran que debería esixirse ás entidades solicitantes das axudas contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras na data da presentación da solicitude, así como presentar unha taxa mínima de estabilidade do 75% e que este requisito se esixa respecto dos seis meses anteriores ao da solicitude.
Terceira.- Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.
O apartado 3 prevé os supostos que impiden a unha entidade ser beneficiaria das axudas aquí recollidas.
As organizacións sindicais consideran que, igualmente, debería preverse que non obterán a condición de beneficiaria as entidades que teñan sido sancionadas por falta grave ou moi grave ao amparo da Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social así como aquelas que teñan sido condenadas mediante sentenza firme por vulnerar dereitos fundamentais, especialmente o dereito de igualdade e non discriminación.
Cuarta.- Artigo 7. Incompatibilidades e concorrencia.
Segundo o apartado 2.c), os beneficios establecidos á contratación non poderán, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona, no caso das contratacións indefinidas.
As organizacións sindicais consideran que a dita porcentaxe debería limitarse ao 60%.
Quinta.- Artigo 24. Contía dos incentivos.
Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral deste Anexo I, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada, para que a contratación non resulte de balde para as empresas.
Sexta.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais propoñen que se engada, entre as obrigas a cumprir polas entidades beneficiarias, que a contratación indefinida inicial que leven a cabo supoña un incremento neto do cadro do persoal.
Sétima .- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
O apartado 1.d) deste precepto obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período mínimo de 36 meses.
As organizacións sindicais consideran que a dita obriga debería fixarse nun mínimo de cinco anos para evitar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras.
Oitava.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
O segundo parágrafo do apartado 3 establece que “no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación”.
As organizacións sindicais consideran que esta posibilidade soamente debería proceder no suposto de que a extinción da relación laboral se produza por causa non imputable á entidade beneficiaria.
Novena .- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar a obriga das entidades beneficiarias de manter, en cómputo anual, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, durante polo menos 2 anos, que se contarán desde a data de realización das novas contratacións.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Consideracións específicas:
Primeira.- Preámbulo.
Consideramos necesario mellorar o texto facendo referencia expresa ao impulso da garantía da non discriminación e a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade no eido do emprego, garantindo os axustes razoables.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
A CEG considera que se debera permitir que as subvencións para contratación indefinida de persoas con discapacidade se poidan aplicar non só a persoas desempregadas sen actividade laboral, senón tamén a persoas con discapacidade traballadoras que teñan vixente unha xornada igual ou inferior a un terzo da xornada completa noutra empresa.
Terceira.- Artigo 23. Accións subvencionables.
Este artigo esixe que a contratación se faga a tempo completo para poder ser subvencionada, excepto no caso de contratar a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
A CEG considera que tamén deberían ser obxecto de subvención os contratos celebrados a tempo parcial, sempre que sexa igual ou se supere o 50% da xornada, agás nos supostos de contratar a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, neste caso cabería subvencionar a contratación por xornada inferior ao 50%.
Ademais, considérase preciso engadir no art. 23.d):
d) Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais á persoa traballadora con discapacidade contratada, ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade cuxo contrato se subvenciona ao abeiro desta orde. Nesta modalidade de axuda entenderase incluída a adopción de medidas dirixidas á garantir os axustes razoables que precise a persoa con discapacidade. A necesidade da adaptación , da garantía dos axustes razoables ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar cunha memoria da empresa na que se acredite a necesidade da adaptación ou dotación de equipamentos antes citada, así como os gastos realizados, conforme ao modelo que consta na Sede Electrónica da Xunta.
Cuarta.- Artigo 24. Contía dos incentivos.
A CEG considera que as contías das axudas deberían modularse en atención do custo salarial que ten para a empresa a contratación da persoa traballadora.
Quinta.- Artigo 24. Contía dos incentivos
Este artigo recolle unha serie de contías que prevé incrementar, con distintas contías base cando a persoa contratada pertenza a determinados colectivos.
A CEG propón engadir, ademais, aos seguintes colectivos con especiais dificultades de inserción:
- Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade maior do 45%
- Persoas que teñan acreditada mobilidade reducida
- Persoas que teñan acreditada a necesidade de axuda de terceira persoa
- Persoas que se atopen en situación de cronicidade (con patoloxías crónicas)
Por outra parte considérase preciso modificar o Artigo 24.d): Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal: axuda de 1.000 € como importe básico, sendo posible segundo as necesidades individuais da persoa. Deste modo, de resultar un custe superior adaptación ou axuste razoable,permitirase a súa cobertura ata o 75%, sempre que se xustifique na solicitude, que a adopción do axuste razoaable constitúe para a persoa con discapacidade que se contrata, unha medida contra a discriminación de emprego e por tanto, se teñen en conta os criterios establecidos no art. 66 do Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro en relación á consideración de determinar se é un axuste razoable de acordo co establecido no art. 2. da Lei, e o que se debe ter en conta.
E engadir un punto 2º no art. 24.2:
2. No caso das modalidades de incentivos que beneficien ás persoas con discapacidade, aquelas contratacións, axudas por incremento de xornada ou de duración do contrato etc, que ademáis presenten a colaboración dunha entidade social de discapacidade, recibirán un incremento adicional de 1.000 euros, sempre que a empresa aporte convenio de colaboracióin con entidade social que xustifique a aplicación da exclusión de parentesco prevista, xa que coa contratación da persoa ou modalidade recibida, está a impulsarse e incrementarse os efectos de inclusión e os proxectos de vida independente das persoas con discapacidade.
A estes efectos é necesario aportar se procede:
- Convenio de colaboración da empresa beneficiaria do incentivo e a entidade social colaboradora.
- Declaración responsable da persoa con discapacidade que permita acreditar a veracidade da colaboración.
Sexta.- Artigo 25. Exclusións.
A CEG propón a revisión das exclusións contempladas neste artigo, para que no caso de persoas con discapacidade non sexan aplicables as ditas exclusións tales como as dos apartados 2 e 3.
Sétima.- Artigo 25. Exclusións.
O apartado 2 deste artigo exceptúa das exclusións destas axudas o suposto de que a persoa contratada sexa un fillo ou filla menor de 30 anos da persoa traballadora autónoma.
A CEG considera que se debería subvencionar tamén a contratación no caso de que o fillo ou filla sexa maior de 30 anos, teña especiais dificultades de inserción laboral e pertenza a algún dos seguintes colectivos:
-Persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento.
-Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento e inferior ao 65 por cento, sempre que causen alta por primeira vez no sistema da Seguridade social.
-Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 por cento.
Oitava.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 1, no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa que cumpra os requisitos.
A CEG considera que a cobertura desa vacante debería ser algo potestativo para a empresa e non unha obriga, de xeito que poida optar por devolver a parte proporcional da axuda que corresponda se decide non proceder coa substitución.
Novena.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
A CEG considera excesiva a obriga de manter no cadro de persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de 36 meses, que recolle o apartado 3 deste artigo, e propón recuperar a previsión recollida na orde para o exercicio de 2023 que fixaba este período mínimo en 24 meses.