Pasar al contenido principal

Ditame 35/25

Enviado el Vie, 16/01/2026 - 11:55
Ditame proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2026

I. ANTECEDENTES

 

O día 13 de novembro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación,  e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2026 (código do procedemento TR349V).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, o proxecto ten como finalidade a contratación de persoas mozas maiores de 16 e menores de 30 anos, investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i en empresas que invistan en investigación e innovación e centros privados e I+D+i, sen ánimo de lucro e con persoalidade xurídica propia, que teñan definida, nos seus estatutos ou no seu obxecto social ou normativa que os regule, a I+D+i como actividade principal. As actividades obxecto das axudas enmarcadas nesta orde desenvolveranas as persoas mozas sinaladas, entre outras, en iniciativas relacionadas coa sanidade, a transición ecolóxica e a economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e residuos e industria agroalimentaria), a dixitalización de servizos e enxeñaría de datos ou science data, así como proxectos de investigación destinados ás áreas sociais, culturais, artísticas ou calquera outro ámbito de estudo. Con este programa revértese na sociedade a alta formación de tecnólogos e tecnólogas.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2025, publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2025 e o ditame emitido polo Consello con data 5 de decembro de 2024 (ditame 32/2024), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas no antedito ditame polas organizacións sindicais e empresarial, ademais de que a Consellería non respondeu ao Comité.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

No artigo 1 referente ao obxecto e ámbito de aplicación a orde anterior sinalaba que “ O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades beneficiarias deberán ter o seu domicilio social e/o centro de traballo en Galicia” mentres que no proxecto de orde dispón de forma substancialmente diferente que “O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades beneficiarias deberán ter o seu domicilio social en España e centro de traballo en Galicia”.

 

O artigo 2 regula agora actividades e ocupacións engadindo “de cobertura preferente”.

 

O financiamento recollido no artigo 3 mantense inalterable respecto da orde convocada para 2025: 4.817.400 €.

 

No artigo 4 no que se regulan as entidades beneficiarias da subvención e requisitos, no apartado 2.a) como novidade se lista “Ter o seu domicilio social en España e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia” mentres que na orde anterior se requiría “Ter o seu domicilio social e/o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia”.

 

O artigo 5 sofre importantes modificacións.

 

O artigo 6 é novo no proxecto de orde e antes aparecía integrado de forma fragmentada noutros artigos.

 

No artigo 12 referente á comprobación de datos inclúense dous apartados novos:

“ñ) Consulta de títulos oficiais universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada.

g) Consulta de títulos oficiais non universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada”.

 

No artigo 14 que regula a resolución establécese no apartado 2 que “O prazo de resolución e notificación será, como máximo, de dous meses, contados a partir da data de presentación da solicitude”, mentres que na orde do 2025 dito prazo se computaba desde a finalización do prazo de presentación da solicitude.

 

No artigo 17, apartado 2.b) referente aos requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras inclúese como novidade que “sempre que os ditos estudos estean homologados polo Ministerio competente en materia de educación ou polo Ministerio competente en materia de universidades”.

 

No artigo 19 de xustificación de pagamento, apartado 4, dentro da documentación que deberá presentara a entidade beneficiaria inclúese como novidade ”c) Folla de cálculo denominada Anexo A. Datos ao inicio das contratacións dispoñible na sede Electrónica da Xunta”.

 

No artigo 21 referente ás obrigas das entidades beneficiarias, no apartado a) inclúese como novidade que a extinción da relación laboral, aparte de por baixa voluntaria ou falecemento dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, poida ser por recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despido por non superar o período de proba ou despido disciplinario procedente.

Así mesmo, no apartado “j) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, dando publicidade á axuda concedida na páxina de inicio da web da empresa ou noutro sitio visible accesible desde a páxina de inicio, no caso de dispoñer dela, e colocar e manter durante un mínimo de 36 meses, un cartel, en cor e formato A3, nun lugar visible do lugar do traballo segundo o modelo que consta na Sede electrónica da Xunta de Galicia” o prazo pasa dun mínimo de 12 meses a un mínimo de 36 meses.

 

No artigo 22 no que se regula a perda do dereito ao cobramento, reintegros, réxime sancionador e devolución voluntaria da subvención, apartados c), d) e e) inclúese como novidade “perda do dereito ao cobramento”.

 

No apartado g) nas excepcións, aparte da baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora, inclúense “os supostos de recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despido por non superar o período de proba, despido disciplinario procedente ou xubilación”

 

Inclúese un artigo 24 referente á publicidade que é novo.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación,  e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2026 (código do procedemento TR349V)” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.      

 

O día 26 de novembro de 2025 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Así mesmo, como anexo, contén unha consideración específica de carácter non unánime sobre manifestada pola CEG.

 

 

DITAME 35/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación,  e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2026 (código do procedemento TR349V), con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de novembro de 2025, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de novembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
 

Primeira.

Este Comité considera que, naquelas cuestións en que a CCAA de Galicia non estea habilitada  para ditar criterios propios respecto destas axudas, se estea ao recollido na Orde TES/ 1267/2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do "Programa investigo", de contratación de persoas novas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

 

Segunda.

Este Comité considera que cómpre aclarar por que se elimina ao ámbito do sector público destas axudas nesta convocatoria, cando a Orde TES/ 1267/2021 referenciada na consideración anterior si recolle a esas entidades como posibles beneficiarias.

 

 

Terceira.

Obsérvanse o emprego das letras j) e k) na clasificación dos artigos 12 e 21, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Cuarta.

Este Comité reitera a necesidade de que se acheguen, xunto co borrador de orde, os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

 

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2024 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

 

  • Número de solicitudes presentadas
  • Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas por esas        solicitudes.
  • Número de solicitudes resoltas favorablemente
  • Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Quinta.

Este Comité considera que se debe aclarar o motivo de que a convocatoria desta orde para o ano 2024 non fora debidamente remitida ao Consello Galego de Relacións Laborais para ser informada no seo do Comité delegado polo Pleno para a emisión de ditames.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

 

Primeira.- Índice.

No proxecto de orde remitido para ditame este Comité observa que hai 26 artigos pero que no índice só aparecen 24, motivo polo que solicita que se subsane.

 

IMPORTANTE NO COINCIDE EL ÍNDICE (24 ARTIGOS) COS 26 ARTIGOS FINAIS.

*PROPOSTA PARA ENGADIR POLO CGRL.

 

Segunda. –Artigo 2. Actividades e ocupacións de cobertura preferente.

Este Comité considera que debería recollerse a posibilidade de contratar, como persoal de apoio, ata un 10% do total de postos de traballo ofertados, tal e como prevé o artigo 2 da Orde TES/ 1267/2021.

 

Terceira. – Artigo 4. Entidades beneficiarias da subvención e requisitos.

Segundo o apartado 2.h) non poderán obter a condición de entidades beneficiarias destas axudas, as entidades consideradas empresa en crise.

 

Este Comité entende que esta exclusión non debería afectar a aquelas empresas declaradas en concurso cando neste adquirira a eficacia un convenio, xa que o artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia permite a estas entidades ser beneficiarias de subvencións e este extremo debería constar expresamente nesta orde.

 

Cuarta. – Artigo 5. Gastos subvencionables.

Este Comité considera que se deberían incluír axudas ao desprazamento cando a persoa contratada teña a súa residencia nunha provincia diferente de onde vai desempeñar o seu posto de traballo, tal e como fai a Orde TES/ 1267/2021, que prevé un importe de 1.000 euros por ano.

 

Quinta. – Artigo 5. Gastos subvencionables.

Segundo o apartado 4 deste artigo, as subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entidade, pública ou privada.

 

Esta previsión resulta incoherente co artigo 22.2.d), que establece o reintegro do 10% da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

 

Pola súa banda, a Orde TES/ 1267/2021 prevé a compatibilidade das axudas nela reguladas con outras para a mesma finalidade.

 

Así, este Comité considera que se debería regular no mesmo senso nesta orde.

 

Sexta. – Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes.

Este artigo fixa o prazo para presentar as solicitudes nun mes que comezará ás 09:00 horas do quinto día hábil posterior ao dia seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará ás 20:00 horas do último día. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

 

Este Comité considera que sería máis axeitado ampliar o dito prazo a 30 días hábiles.

 

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG:

 

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.

A CEG considera excesiva a obriga de manter no cadro de persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de trinta e seis meses, que recolle o apartado a), terceiro parágrafo, deste artigo, e propón rebaixar este período mínimo a 24 meses.

 

 

Número ditame
35