Pasar al contenido principal

Ditame 37/25

Enviado el Vie, 16/01/2026 - 12:00
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025
  1. ANTECEDENTES

 

O día 3 de decembro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de Procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR341R e TR353D).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, a orde recolle cinco programas de axudas, baixo outros tantos procedementos, que se articulan nun capítulo común de disposicións xerais e cinco capítulos para cada un dos programas; Capítulo II: Programa de Promoción do emprego autónomo en Galicia (código de procedemento TR341D), Capítulo III: Programa do bono nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas (TR790A). Capítulo: IV Programa do bono autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341Q), Capítulo:  V Programa do bono remuda para o fomento da remuda xeracional (TR353D) e Capítulo VI: Programa de axudas a conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R).

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2025, publicada no DOG núm. 11, do 17 de xaneiro de 2025 e o ditame emitido polo Consello con data 29 de novembro de 2024 (ditame 29/2024), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas no antedito ditame polas organizacións sindicais e empresarial, ademais de que a Consellería non respondeu ao Comité.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da orde para o exercicio de 2024 (publicadas no DOG do día 17 de xaneiro de 2025) e o ditame emitido polo Consello sobre os respectivos proxectos (ditames 45/2023, 52/2023, 46/2023, 8/2024 e 50/2023) obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Ten como obxecto establecer as bases reguladoras e convocar os mesmos cinco programas de fomento do emprego autónomo, cofinanciados parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027.

Respecto ao orzamento asignado, no artigo 4 obsérvase unha minoración de 250.000€ no Programa V: Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R), destinado a apoiar e promover a conciliación das persoas traballadoras autónomas. O resto de programas manteñen a mesma contía no crédito asignado para o exercicio anterior.

 

Artigo 24: Tras a revisión do articulado, a diferenza de maior relevancia material e xurídica céntrase na modificación e ampliación das axudas na Liña 2 do Programa I (Promoción do emprego autónomo en Galicia - TR341D, destinado a apoiar as persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial como persoas traballadoras autónomas).

 

Na Orde anterior o Programa I consta de dúas liñas: a Liña 1 (Axuda para o inicio de actividades) e a Liña 2 (Axuda equivalente ao custo da cota reducida).

 

A Liña 2 consiste nunha axuda equivalente ao custo da cota reducida prevista no artigo 38 ter da Lei 20/2007 (Estatuto do traballo autónomo), aplicable durante os primeiros doce (12) meses naturais completos a todas as persoas que inicien a súa actividade por conta propia.

 

O proxecto de orde para 2026 mantén as dúas liñas, pero a Liña 2 é obxecto dunha subdivisión e ampliación:

 

  • Subliña 1 (Mantemento do anterior): Axuda equivalente ao custo da cota reducida correspondente á cotización á Seguridade Social para todos os novos autónomos en Galicia durante os 12 primeiros meses.

 

  • Subliña 2 (Novidade): Introdúcese unha nova axuda adicional equivalente ao custo da cota reducida correspondente á cotización á Seguridade Social por inicio de actividade por conta propia que corresponde a todo os novos autónomos en Galicia dos sectores agrícola, gandeiro e silvícola (forestal). Para estes sectores específicos, a axuda amplíase dos 12 meses iniciais a 24 meses totais (12 meses iniciais máis 12 adicionais).

 

Polo tanto, o proxecto para o ano 2026 crea unha Subliña 2 na Liña 2 de axudas á cota reducida, que amplía a duración do apoio económico (equivalente ao custo da cota) para os novos autónomos dos sectores agrícola, gandeiro e silvícola (forestal) de 12 meses a 24 meses, coa finalidade de incentivar o emprendemento en actividades estratéxicas para a prevención de incendios e o desenvolvemento rural.

 

As demais diferenzas detectadas responden á lóxica da adaptación temporal (anuación) da convocatoria.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de Procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR341R e TR353D)” consta de: sesenta e catro artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 19 de decembro de 2025 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén seis consideracións xerais e trece específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén así mesmo, como anexos as seguintes consideracións non unánimes: dúas xerais e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e 5 específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

DITAME 37/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de Procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR341R e TR353D), con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de decembro de 2025, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de decembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Aínda que este Comité é favorable á simplificación que pode conlevar manter a unificación de normas que regulan axudas nun mesmo eido como se fixo no 2025 e se mantén no proxecto do ano 2026, a regulación conxunta do que antes eran 5 programas en 5 ordes tradúcese nunha grande complexidade na súa tramitación que dificulta a xestión tendo en conta, ademais, o colectivo ao que se dirixen.

 

Segunda.

Obsérvase que, respecto dos programas II, IV e V, a orde non regula a distribución orzamentaria do importe correspondente ás axudas. Si o fai no que respecta aos programas I e III, pero prevendo para cada un diferentes porcentaxes de distribución entre as provincias.

 

Este Comité considera que se debería recoller esta previsión nunha disposición común aos cinco programas.

 

Ademais, este Comité solicita que se aclare por que no Programa V: Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R) se minora en 250.000 euros mentres que no Programa do bono remuda para o fomento da remuda xeracional (TR353D) non se aumenta o orzamento tendo en conta que está a punto de esgotarse.

 

Terceira.

O artigo 31 prevé, para o programa I, a procedencia de reintegro do 10% da axuda concedida no caso do incumprimento de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

Para o mesmo suposto, respecto do programa I, o artigo 31 prevé un reintegro do 5%.

 

Este Comité considera que procede harmonizar esta regulación para que sexa común aos 5 programas.

 

Cuarta. Artigo 13. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.

O artigo establece que non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea o día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

O mesmo se observa respecto dos artigos 25, 39, 48, 56 e 64 da orde.

 

Quinta.

Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia.

 

Sexta.

Obsérvase que nos artigos 8, 28, 30, 36, 38, 44, 45, 52, 53, 55, 61 e 63 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

Tamén procede corrixir o erro de numeración detectado no artigo 35, onde se se inclúe un apartado 1 que é único. Este erro xa foi advertido no ditame 29/2024 e segue aparecendo no novo proxecto de orde.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 17. Resolución e recursos.

Neste artigo faise referencia á persoa beneficiaria. A dita referencia debe facerse ás persoas e entidades beneficiarias, xa que algúns dos programas se dirixen a ambas.  

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                           

Segunda.- Artigo 17. Resolución e recursos.

O apartado 6 deste precepto fixa en tres meses o prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución dos programas regulados nesta orde.

 

Este Comité considera que este prazo é excesivo pola natureza destas axudas e ao tratarse, ademais, dun procedemento sen concorrencia competitiva, polo que propón que se reduza sensiblemente.

 

Terceira.- Artigo 21. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 2 deste artigo prevé a incompatibilidade destas axudas con outras que poidan outorgar as administracións públicas polos mesmos conceptos e gastos.

 

Este Comité propón que sexan compatibles ata o límite do 100% do gasto subvencionable.

 

Cuarta.- Artigo 26. Liñas de axuda e contía da subvención.

As contías recollidas neste precepto levan sen actualizarse nos últimos oito anos, polo que este Comité considera que procede levar a cabo unha actualización das mesmas.

 

A Consellería, respecto desta mesma consideración no ditame 45/23, respostou que as contías viñan fixadas no Real Decreto 818/2021, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema Nacional de Emprego.

 

Porén, a dita norma fixa a contía máxima da subvención en 7.500€, superior aos 7.000€ que fixa como contía máxima posible este artigo.

 

Quinta.- Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

O apartado 4 deste precepto recolle que procederá o reintegro parcial da axuda concedida para as persoas beneficiarias da liña 1 no suposto de non cumprir a obriga de mantemento da alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, durante un período de vinte e catro (24) meses pero se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos dezaoito (18) meses. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos vinte e catro (24) meses

 

Igualmente, procederá o reintegro parcial da axuda concedida para as persoas beneficiarias da liña 2   prevista no  artigo26 , no suposto de non cumprir a obriga de mantemento da alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade  durante un período de doce (12)  no caso subliña 2.1,  ou  durante un período de vinte e catro  (24) meses no caso da subliña 2.2, pero se aproxime de xeito significativo a eles, entendendo como tal a súa alta polo menos nove (9) meses ou dezaoito (18) meses respectivamente (subliña 2.1  e subliña 2.2 ).  A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos doce (12) ou dos vinte e catro (24) meses, segundo corresponda.

 

Este Comité propón engadir no antedito apartado 4 “salvo que existan causas alleas, imprevisibles e debidamente xustificadas aos beneficiarios”, tal e como prevé o artigo 38 respecto do programa II.

 

Sexta.- Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

O apartado 5 deste precepto sinala que procederá o reintegro total das axudas concedidas ao abeiro deste programa no suposto de non de manter durante o período de 12 meses a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións, así como o domicilio fiscal en Galicia polo mesmo tempo.

 

Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, e propón que este apartado se integre no apartado que regula os supostos de reintegro parcial.

 

Sétima.- Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

Segundo o apartado 9, “procederá ao reintegro do 5% da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles”.

 

Este Comité considera que esa sanción é desproporcionada, polo que propón que se rebaixe a porcentaxe de reintegro recollida.

 

Oitava.- Artigo 36. Comprobación de datos.

Entre os datos que este artigo sinala que se deben comprobar aos efectos de tramitar o procedemento, o apartado 1.b) inclúe o NIF da entidade solicitante e/ou o seu representante, de ser o caso, cando debería referirse ao NIF da persoa autónoma solicitante, destinatarias das axudas deste programa II segundo o artigo 32.

 

Novena.- Artigo 42. Persoas beneficiarias e requisitos.

O título deste artigo debería ser “persoas e entidades beneficiarias e requisitos” xa que, como indica o propio artigo, as axudas do programa III diríxense tanto a persoas autónomas como a sociedades.  O mesmo se observa respecto do título do artigo 47 (Obrigas das persoas beneficiarias).

 

Décima.- Artigo 42. Persoas beneficiarias e requisitos.

O apartado 1.a) deste artigo exixe ás persoas traballadoras autónomas unha serie de requisitos para poder ser beneficiarias das axudas desta orde, entre eles, o de ter unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos computados desde a data da solicitude, na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.

 

Este Comité segue a considerar que o dito prazo é excesivo, polo que propón que se reduza en atención á tipoloxía da axuda que se regula e ás persoas destinatarias dela, co obxecto de dotar de maior alcance esta medida e que con independencia de que, administrativamente, se adscriba á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade de Galicia.

 

Décima primeira. -  Artigo 43. Liñas de axuda e contía sa subvención.

Segundo este artigo, esta axuda permite subvencionar investimentos como a reforma do local do negocio.

 

Porén, no artigo 5.6 defínese esa reforma como obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións ou ornatos que non modifican a estrutura construtiva do local.

 

Este Comité considera que debería haber concordancia entre o título do concepto e  o contido da definición, xa que neste caso estase a falar de reformas de instalacións mentres que na definición se fai referencia a obras de escasa entidade ou á decoración, polo que se propón que a definición recolla a posibilidade expresa de obras de máis calado propias dunha reforma.

 

Décima segunda.- Artigo 50. Persoas beneficiarias e requisitos.

O título deste artigo debería ser “persoas e entidades beneficiarias e requisitos” xa que, como indica o propio artigo, as axudas do programa IV diríxense tanto a persoas autónomas como a sociedades.  O mesmo se observa respecto do título do artigo 55 (Obrigas das persoas beneficiarias).

 

Décima terceira.- Artigo 50. Persoas beneficiarias e requisitos.

O apartado 1.d) recolle o requisito de que a transmisión se materialice mediante contrato  de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública.

Para no que figure igualmente o prezo total e o obxecto da remuda do devandito acordo. O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso

Porén, nese mesmo parágrafo indícase que para os efectos da concesión de axudas abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas.

 

Á vista da resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais á consideración recollida no ditame 8/24, sobre este aspecto, este Comité considera que se debería corrixir o texto da orde para indicar que o acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas abondará aos efectos de solicitude das axudas.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:

 

Consideracións xerais.

 

Primeira.

Ao longo da orde obsérvase a obriga de manter a alta no RETA, ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, durante un tempo mínimo que varía o segundo o programa de que se trate.

Por exemplo, para o programa I esíxense 12 ou 24 meses segundo o caso.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que procede harmonizar esta obriga para os diferentes programas.

 

Segunda.

Ao longo do texto do proxecto normativo faise referencia á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería concretar en que consiste esa Rede que semella ser un instrumento laboral pero que non tivo un desenvolvemento normativo ou, de dispor del, a norma que o contén non foi obxecto de ditame por este Comité.

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo 55. Obrigas das persoas beneficiarias.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se deberían engadir a obriga de non simultanear a actividade a desenvolver con outra por conta allea no mesmo período.

 

Segunda.- Artigo 57. Finalidade do programa.

As organizacións sindicais que integran este Comité non comparten a inclusión do bono autónomo para o servizo de coidado de menores, maiores e persoas con discapacidade ou dependencia neste proxecto normativo, xa que o consideran un elemento discriminatorio ao concederse sen esixir máis requisito que o de ser unha persoa autónoma, cando xa existe un bono coidado de menores para o conxunto da poboación cuns criterios e requisitos que non se aplican neste caso. Proponse, polo tanto, que se suprima do texto da orde.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

 

Primeira.-Artigo 50. Persoas beneficiarias e requisitos.

O apartado 1.a) recolle o requisito de que o negocio obxecto de remuda debe ter un mínimo de antigüidade de 5 anos.

 

A CEG considera excesivo ese prazo e considera que debería rebaixarse a 3 anos.

 

Segunda.- Artigo 50. Persoas beneficiarias e requisitos.

Segundo o apartado 1.b) require, para que a remuda poida ser subvencionable, que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia do mesmo.

 

A CEG considera que debería subvencionarse tamén o traspaso da actividade (fondo de comercio e clientela) sen traspaso do local.

 

Terceira.-Artigo 52. Documentación complementaria para o programa IV.

O apartado 1.c) esixe presentar un Plan de negocio segundo o modelo do Anexo IV.4, acompañado dun informe de valoración emitido por de calquera das asociacións de persoas profesionais autónomas máis representativas en Galicia.

 

A CEG considera que, ademais, debería permitirse que efectúen ese informe as asociacións empresariais, xa que non se entende que non estean contempladas sendo o fomento da creación de empresas un dos seus fins para o cal contan con persoal especializado e experiencia, independentemente  da fórmula xurídica e do réxime de cotización da persoa beneficiaria.

 

Cuarta.-Artigo 55. Obrigas das persoas beneficiarias.

O apartado 1.b) deste artigo esixe manter a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade de Previsión social do colexio profesional que corresponda, ou no Rexistro Mercantil durante os trinta e seis (36) meses dende a data da escritura do contrato de remuda, prevendo o artigo 56.4.h) o reintegro da parte proporcional da axuda en caso de incumprimento desta obriga.

 

A CEG considera ese prazo de tres anos excesivo e propón que se reduza a un ano ou, subsidiaremente, se recupere o prazo de 2 anos que se recollía a convocatoria anterior para o ano 2020.

 

Quinta.-Artigo 63. Obrigas das persoas beneficiarias.

Este artigo recolle, no seu apartado a), a obriga para as persoas beneficiarias de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada indefinida por un período mínimo de 3 anos, excepto no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora, casos en que a persoa beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla.

 

A CEG considera, primeiramente, que se debería reducir o período fixado para a dita obriga a 2 anos, tal e como se observa noutras ordes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

 

En segundo lugar considera que deberían exceptuarse, ademais dos supostos recollidos, outros non imputables á entidade como poden ser os supostos de incapacidade permanente total ou absoluta, grande invalidez, os casos de  xubilación ou os despedimentos disciplinarios que non foran declarados improcedentes.

 

 

Número ditame
37