Pasar al contenido principal

Ditame 1/26

Enviado el Vie, 16/01/2026 - 13:48
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de Formación- Emprego Talento Mozo Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

I. ANTECEDENTES

 

O día 7 de xaneiro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de Formación- Emprego Talento Mozo Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento TR353B).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a Exposición de Motivos: “os Programas de formación-emprego para persoas mozas concíbense como programas integrais dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social así como a promover a inserción laboral das persoas participantes mediante a posibilidade de realizar unha futura convocatoria de concesión de incentivos de contratación de acordo coa programación do FSE+”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2023, publicada no DOG núm. 39, do 23 de febreiro de 2024 e o ditame emitido polo Consello con data 26 de decembro de 2023 (Ditame 54/2023), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial e que a Consellería non deu respostas ás alegacións do Comité de Ditames.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Artigo 1: O Proxecto introduce a marca "Programas de Formación-Emprego Talento Mozo". Mentres que a Orde de 2024 se centraba na "formación e aprendizaxe", o novo texto enfatiza a "especialización e transición ao emprego", denotando unha orientación máis finalista cara á inserción laboral inmediata.

 

No artigo 2 referente ás persoas beneficiarias participantes engádese expresamente como condición: “a) Figurar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego”.

 

No artigo 3 respecto ás “beneficiarias da subvención: entidades promotoras” o proxecto de 2026 esixe “unha media de paro rexistrado no ano 2024 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto”, salvo que se trate “dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles á data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2024 deberá ser superior a 100 persoas”.

 

En cambio, a Orde do DOG do 23.02.2024 esixía “unha media de paro rexistrado no ano 2023 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto”, salvo que se trate “dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles á data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2023 deberá ser superior a 200 persoas”.

 

O artigo 6 regula a “formación en alternancia nos proxectos” establecendo que “Preferentemente, a actividade laboral práctica deberá supor o 65% da xornada laboral” e esixe que “O plan formativo de cada proxecto debe conter como mínimo os contidos completos dun grao C”.

 

A Orde do 2024 non fixaba porcentaxe entre formación e traballo e para o contido mínimo remitíase aos decretos que regulaban os certificados profesionais das correspondentes ocupacións.

 

O artigo 8 referente á “orientación, inserción, información profesional, formación empresarial e asesoramento” esixe que “3. As entidades promotoras beneficiarias da subvención deberán conseguir a inserción durante un período mínimo de 3 meses a xornada completa dun número mínimo de participantes no programa de formación-emprego, téndose en conta a seguinte escala:

  • Entre 10 e 12 participantes: dous alumnos traballadores.
  • Entre 13 e 16 participantes: tres alumnos traballadores.

A falta de incumprimento desta obriga de inserción será obxecto de reintegro parcial, segundo o establecido no artigo 39.2.k desta orde”.

 

Na orde do DOG do 2024 só existía unha expectativa de inserción laboral que agora pasa, polo tanto, a unha obriga cuantificada de inserción laboral e cuxo incumprimento se vincula ao reintegro parcial.

 

O novo artigo 11 sobre “Procedemento de selección e contratación do alumnado-traballador”, unifica os antigos artigos 11 e 12.

 

E o novo artigo 12 unifica os antigos artigos 13, 14 e 15.

 

No artigo 37 respecto ás obrigas recóllese expresamente unha obriga nova:

“t) Inserir polo menos un número mínimo do alumnado traballador do programa de formación-emprego en función do número de participantes de cada proxecto, tendo en conta a escala que se indica no artigo 8.3 e cumprir cos compromisos de inserción laboral que se inclúan na solicitude de subvención (anexo I). A comprobación do cumprimento destes compromisos realizarase transcorridos 9 meses do prazo de execución do proxecto. Teranse en conta para o cumprimento deste apartado as insercións como traballador ou traballadora por conta allea, ou por calquera outro medio; ou ben mediante a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia”.

 

No artigo 39 referente ao “Incumprimento de obrigas. Reintegración da subvención” inclúese, entre outros, dous casos novos de reintegro:

 

“k) Incumprimento da obriga de inserir un número mínimo dos alumnos traballadores do programa de formación-emprego en función do número de participantes en cada proxecto, tendo en conta a escala que se indica no artigo 8.3: reintegro do 5% sobre o gasto subvencionado.

l) Incumprimento dos compromisos de inserción laboral incluídos na solicitude de subvención (anexo I): reintegro do 2% sobre o gasto subvencionado”

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO.

 

O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de Formación- Emprego Talento Mozo Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento TR353B)” consta de: Exposición de motivos, corenta e dous artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

 

O día 14 de xaneiro de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e quince torce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e unha xeral non unánime manifestada pola CEG (Anexo II).

 

 

DITAME 1/2026

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de Formación- Emprego Talento Mozo Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento TR353B), e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de xaneiro de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.-

No ámbito formal, este Comité observa algúns erros no uso da linguaxe en materia de xénero, polo que solicita que se realice unha revisión profunda de todo o texto do proxecto de orde para que se respecte a linguaxe non sexista e a neutralidade de xénero.

 

Obsérvase que nos artigos 21, 28, 37 e 39 utilízanse as letras j) e k), impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

En canto ás tres disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase o mesmo respecto das disposicións derradeiras.

 

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais,  para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Segunda.-

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

 

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

 

-              Número de solicitudes presentadas

-              Número de persoas mozas afectadas por esas solicitudes.

-              Número de solicitudes resoltas favorablemente

-              Número de persoas mozas afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira. Artigo 2.- Persoas beneficiarias participantes.

No apartado b) deste artigo esíxese que nada data de selección do alumnado traballador cumpra con “Ter cumpridos 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente no Sistema nacional de garantía xuvenil no momento da selección do alumnado”.

 

Este Comité propón que se modifique a redacción da frase anterior, de forma que quede redactada co seguinte texto: “Ter cumpridos 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente no Sistema nacional de garantía xuvenil no momento da selección do alumnado, que actualmente é de 29 anos por aplicación da normativa laboral”.

 

Segunda. Artigo 5.- Ámbito normativo.

Á vista da resposta remitida pola Consellería respecto das consideracións relativas aos custos subvencionables contidas no ditame emitido sobre esta mesma orde para o exercicio de 2023,  este Comité considera que se debería engadir neste artigo unha referencia ao Real Decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema Nacional de Emprego.

 

Terceira. Artigo 6.- Formación en alternancia nos proxectos.

No apartado 2 deste artigo establécese que: “A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados profesionais das correspondentes ocupacións”.

 

Este Comité insiste na súa proposta de que se substitúa o inciso “na medida do posible” por “cando non existan certificados de profesionalidade”, tendo en conta a resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración tanto no ditame da orde para o ano 2022 como para o ano 2023.

 

Cuarta. Artigo 12.- Procedemento de selección do persoal formador, directivo e de apoio.

Este Comité propón engadir, tal e como acontece en outros proxectos normativos desta Consellería, a previsión de que no proceso de selección se utilizará unha linguaxe inclusiva, e se porá especial atención á eliminación dos estereotipos e posibles condutas discriminatorias por razón de xénero.

 

Quinta. Artigo 15. Documentación complementaria.

O apartado 2.c) deste artigo dispón que as entidades promotoras dos proxectos deberán xuntar a seguinte documentación “Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito no apartado anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes do fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións, con carácter xeral, antes do inicio do obradoiro (...)”.

 

Este Comité propón que “obradoiro” sexa substituído por “programa de formación”, de forma que a redacción quede como segue: “Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito no apartado anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes do fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións, con carácter xeral, antes do inicio do programa de formación (...)”.

 

Sexta. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.

Este Comité entende que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración  o feito de que os concellos teñan a condición de concello emprendedor, tal como recolle o apartado 1.j) deste artigo, xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.

 

Sétima. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

 

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios. 

 

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto citado anteriormente, para cumprir coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Oitava. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.

Este Comité reitera a necesidade de recuperar como criterio de valoración a participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do proxecto, ante a ausencia de resposta a esta mesma consideración no ditame emitido sobre a orde para o ano 2023.

 

Novena. Artigo 23.- Resolución.

O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de catro meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.

 

Aínda que o que se fixa é un prazo máximo que non ten porque esgotarse, este Comité segue a  considerar que estamos ante un prazo excesivo, polo que propón que sexa como máximo de tres meses, o mesmo prazo que xa recollen outras ordes que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que resultan de tan complexa tramitación como esta.

 

Décima. Artigo 27.- Gastos a subvencionar.

Este Comité considera que o módulo de financiamento previsto neste artigo é insuficiente e que deberían cubrirse os custos salariais inherentes, tal e como se indica nas consideracións específicas décima primeira, décima segunda e décima terceira.

 

Décima primeira. Artigo 28.- Subvención para custos de funcionamento e xestión do programa de formación-emprego.

Segundo o apartado 2.a) deste precepto, en ningún caso poderán financiarse con cargo á subvención concedida as indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras.

 

Este Comité considera que deberías preverse, como concepto subvencionable, as pólizas de seguro que cubren as anteditas continxencias.

 

Décima segunda. Artigo 28.- Subvención para custos de funcionamento e xestión do programa de formación-emprego.

O apartado 2.a) exclúe expresamente, como gasto subvencionable, o importe da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non disfrutadas durante a duración do proxecto formativo.

 

Tamén neste caso o Comité considera que debería eliminarse esa exclusión, xa que ese pagamento forma parte da retribución do persoal docente, independentemente da natureza dos fondos.

 

Décima terceira. Artigo 30.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador.

Neste artigo establécese se subvenciona o 100% do SMI anualmente establecido, incluíndo incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

 

Este Comité considera que debería incrementarse a porcentaxe subvencionada dos custos salariais do alumnado-traballador, dado que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios en virtude, no seu caso, dos  convenios colectivos de aplicación.

 

Décima cuarta. Artigo 37.- Obrigas.

Este Comité propón que se modifique o título deste artigo de forma que sexa “Artigo 37.- Obrigas das entidades beneficiarias”.

 

 

Décima quinta. Artigo 37.- Obrigas.

Este Comité propón que se engada unha nova obriga co texto “O cumprimento da normativa laboral e dos convenios colectivos respectivos”.

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

 

Primeira. Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “diálogo social”. As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.

 

Segunda. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.

En relación coa consideración específica unánime sexta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia).

 

Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde  non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG:

 

A CEG considera que se debería proceder a unha modificación do proxecto, tanto no seu título como no articulado, para dar cabida ás entidades sen ánimo de lucro como posibles beneficiarias das axudas aquí recollidas, coa fin de que poidan proporcionar a experiencia e práctica necesarias ás persoas desempregadas para facilitar a súa inserción laboral e non centrar o programa exclusivamente en entidades locais.

 

 

Número ditame
1