Pasar al contenido principal

Ditame 3/2026

Enviado el Jue, 12/03/2026 - 13:50
Ditame 3/2026 sobre o Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026 (Premios RSE Galicia 2026) (código de procedemento TR320A).

 

DITAME 3/2026

 

 

Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026 (Premios RSE Galicia 2026) (código de procedemento TR320A).

 

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 26 de febreiro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026 (Premios RSE Galicia 2026) (código de procedemento TR320A).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Estes Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia regúlanse mediante o Decreto 135/2018, do 4 de outubro.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022 (publicado no DOG núm. 190, do día 5 de outubro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 18 de xullo de 2022 (Ditame 18/2022), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes novidades xerais: adaptacións ás normas aplicables na actualidade, cambios de denominación e estrutura orgánica tras a reestruturación administrativa efectuada nestes anos. Actualízanse as normas orgánicas, mantendo o mesmo fundamento xurídico polo que esencialmente é unha norma continuista. Non obstante,  cómpre destacar os seguintes aspectos:

No artigo 2 relativo ás “Entidades candidatas”, esíxese como requisito adicional que a información deberá referirse ás actuación da sede ou centro en Galicia, co que se introduce unha limitación territorial material de forma que as empresas con implantación parcial deberán circunscribir a memoria á actividade desenvolta en Galicia, co evidente reforzo do principio de territorialidade, evitando valoracións sobre actividades extra galegas.

No artigo 3 referente á “Tipoloxía dos premios” incorpórase neste 2026 unha novidade esencial: “Exclúense as empresas con sancións firmes de carácter grave ou moi grave nos últimos tres anos no ámbito laboral, social ou ambiental”, convertíndose así nun requisito de elexibilidade e causa de exclusión, o que supón un endurecemento do acceso ao premio.

No artigo 4 relativo á “Valoración da empresa segundo a tipoloxía” é onde se produce a reforma máis profunda:

A) Ámbito laboral-económico
Principais novidades 2026:

  1. Esíxese que as actuacións destaquen no período 2023–2025.
    o 2022 non delimitaba período temporal concreto.
  2. Amplíase extraordinariamente o contido en materia de igualdade e diversidade con inclusión expresa de:
    § identidade sexual
    § expresión de xénero
    § características sexuais
    § estado serolóxico
    § predisposición xenética
    § lingua
    § situación socioeconómica
  1. Introdúcense:
    o Canles de diálogo estruturadas.
    o Informe ESG (ambiental, social e gobernanza).
    o Órganos específicos de RSE.
    o Medidas de apoio a vítimas de violencia de xénero internas e externas.
    o Creación de emprego en sectores infrarrepresentados.
    o Comunicación igualitaria documentada.

Polo tanto, as principais diferenzas estruturais descansan en que:
• 2022 tiña un enfoque máis sintético.
• 2026 desenvolve un modelo aliñado con ESG e ODS de forma sistemática.

B) Ámbito ambiental

Novidades 2026: Introdución expresa de:

  • economía circular (con esixencia avanzada para grandes empresas).
  • política de descarbonización.
  • avaliación ambiental de provedores.
  • protección da biodiversidade.
  • uso de indicadores propios ou externos.
  • formación ASG ao persoal.

En 2022:

• Existía referencia xenérica á sustentabilidade e GRI.

• Incluíase a inexistencia de sancións ambientais (agora desprazado a requisito excluínte do art. 3).

En 2026 profesionaliza e tecnifica o bloque ambiental.

 

C) Ámbito acción social

Diferenzas:

2026:

• Introduce esixencia de indicadores de idade.

• Detalla accións en diversidade cultural e discapacidade.

• Reforza políticas activas de inclusión sociolaboral.

 

2022:

• Redacción máis aberta e menos técnica.

 

D) Mención á conciliación

2026 introduce:

• Traballo a distancia por solicitude da persoa traballadora.

• Dereito á desconexión dixital máis alá da lei.

• Formación tras medidas de conciliación.

• Apoio financeiro explícito a servizos de coidado.

En 2022:

• Recollíanse medidas clásicas (teletraballo, xornadas intensivas, permisos).

• Maior énfase en permisos de paternidade e incentivos.

En 2026 despraza o enfoque cara á corresponsabilidade estrutural e sustentabilidade do talento.

 

No artigo 9 referente á “Documentación complementaria”, no apartado 1, d) o proxecto de 2026 introduce como novidade a “Memoria  “Mención á Conciliación”, no seu caso”, o que supón un cambio formal importante, tratándose dunha memoria independente para a mención da conciliación.

 

No artigo 11 relativo á “Composición e funcionamento do xurado” realízase un cambio derivado da reorganización administrativa, de forma que a Presidencia en 2022 era adxudica á Dirección Xeral de Relacións Laborais e no proxecto de 2026 á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

 

No artigo 12 relativo á “Criterios de valoración” existe unha transformación profunda.

Ano 2022:
• 5 criterios.
• Cada apartado máx. 10 puntos.
• Máximo por candidatura 50 puntos.
• Memoria máximo 20 folios.
• Valorábase o número de traballadores beneficiarios.

Ano 2026:
• Sistema:
o Memoria explicativa: ata 70 puntos.
o Arraigamento: ata 10 puntos.
o Memorias de sustentabilidade: ata 10 puntos.
o Certificacións: ata 10 puntos.
 Total posible: 100 puntos.
• Memoria ampliada a 40 páxinas.
• Desaparece o criterio específico sobre o número de persoas beneficiarias.

Diferenza xurídica substancial:
Ano 2022: Modelo cuantitativo equilibrado.
Ano 2026: Modelo cualitativo centrado na memoria técnica.
Refórzase o peso da análise cualitativa fronte a criterios obxectivos cuantificables.

 

En conclusión, o proxecto de orde de 2026 introduce:

  1. Endurecemento do acceso

• As sancións pasan de criterio valorativo a causa de exclusión.

 

  1. Maior tecnificación

• Incorporación expresa de ESG.

• Política de descarbonización.

• Avaliación ambiental de provedores.

• Gobernanza responsable formalizada.

 

  1. Reforzo en igualdade e diversidade

• Ampliación das causas protexidas.

• Linguaxe aliñada coa normativa antidiscriminatoria avanzada.

 

  1. Cambio no sistema de puntuación

• Multiplícase por dous a puntuación total.

• A memoria pasa a ser o elemento central.

 

  1. Maior carga documental

• Memoria ampliada.

• Memoria independente para a conciliación.

 

Polo tanto, o proxecto supón:

• Unha evolución normativa cara a estándares europeos ESG.

• Unha profesionalización do sistema de avaliación.

• Un reforzo do carácter reputacional do premio.

• Un endurecemento do filtro de elixibilidade.

 

Non é unha mera actualización formal, senón unha reforma estrutural do modelo de avaliación da RSE en Galicia.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026 (Premios RSE Galicia 2026) (código de procedemento TR320A)” consta de: catorce artigos e unha disposición derradeira única.

 

O día 6 de marzo de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais.

 

 

DITAME 3/2026

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre O “Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026 (Premios RSE Galicia 2026) (código de procedemento TR320A)” da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de febreiro de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de marzo de 2026, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAISQUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 3. Tipoloxía dos premios.

Este Comité considera que o segundo parágrafo deste artigo que dispón o seguinte: “Exclúense as empresas con sancións firmes de carácter grave ou moi grave nos últimos tres anos no ámbito laboral, social ou ambiental” debería ir recollido no artigo 2 referente ás “Entidades candidatas” por ter un mellor encaixe legal e lóxico en dito artigo 2.

 

Segunda.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.

No artigo 4.1, apartado 1.2 referente ao “No ámbito ambiental” este Comité considera que debería incluírse algún criterio de fomento da mobilidade sostible que repercuta no persoal traballador da empresa, agás de na sociedade en xeral, como por exemplo criterios sobre aparcadoiros para o persoal, custos de desprazamento e de mobilidade, etc.

 

Terceira.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo a tipoloxía.

Este Comité de Ditame propón engadir no artigo 4.1, apartado 1.3. “No ámbito de acción social” o seguinte punto, quizais dentro do sub-apartado a):

“A Responsabilidade Social Corporativa debe contemplar o respecto e a protección das linguas minorizadas como parte do seu compromiso coa diversidade e a inclusión. As principais guías de sustentabilidade salientan a importancia de promover a diversidade cultural e garantir a non discriminación nos ámbitos laborais, aspectos directamente vinculados ao dereito das persoas traballadoras a se expresaren na lingua propia do territorio sen penalización nin trabas. Incorporar esta perspectiva no plan de RSE non só responde aos estándares internacionais, senón que contribúe a consolidar un clima laboral máis inclusivo, respectuoso e coherente cos valores de igualdade.”

 

Cuarta.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.

No artigo 4.1, apartado apartado 1.3.c) “No ámbito de acción social”, este Comité estima que debe darse un maior peso á acción social.

Así, este Comité considera que debe darse maior relevancia á acción social desenvolvida pola empresa. E propón que se recollan tamén como aspectos a valorar os seguintes:

 Iniciativas de solidariedade e colaboración con entidades sociais.

  • Apoio ao deporte e á cultura no eido local.
  • Programas de apoio a colectivos vulnerables.
  • Accións de inserción sociolaboral.

 

 

Quinta.- Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía.

No artigo 4.1, apartado 1.3.d) referente a “Actividades de voluntariado desenvolvidas polo persoal da empresa, co apoio da empresa”, este Comité solicita que se redacte de forma máis completa dito apartado, de xeito que se aclare a que tipo de actividades de voluntariado estarían comprendidas, se as mesmas se realizarán dentro do horario laboral, exemplos de casos concretos, etc.

 

Sexta.- Artigo 6. Prazo de presentación de candidaturas.

O artigo 6.3 aparece repetido no artigo 9.3 substituíndo “candidaturas” por “solicitude”, polo que este Comité solicita que se corrixan ambos artigos para que haxa uniformidade e non repeticións innecesarias.

 

Sétima.- Artigo 12. Criterios de valoración.

No artigo 12.1 a) este Comité estima que debe reforzarse o criterio de arraigo.

O criterio actual de arraigo baséase unicamente nos anos de actividade en Galicia, outorgando a puntuación máxima (10 puntos) ás empresas con máis de 10 anos de presenza.

Este Comité considera que o arraigamento debería avaliarse de forma máis completa, diferenciando entre permanencia no tempo e compromiso real co territorio.

Por iso este Comité propón que, ademais da antigüidade, poidan valorarse aspectos como:

  • Que as decisións estratéxicas da empresa tómense desde Galicia.
  • O volume de emprego xerado na Comunidade.
  • A colaboración con provedores galegos.
  • A reinversión de beneficios no territorio.

Isto conlevaría a modificación do baremo de puntuación, incrementando a puntuación total do arraigo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT GALICIA E CC.OO. DE GALICIA:

 

Única.- Artigo 5. Categorías.

Este artigo recolle as tres categorías, en función do tipo de empresa que poden presentarse ao Premio de Responsabilidade Social Empresarial.

 

A parte social deste Comité de Ditame considera que deberían excluírse aquelas empresas que teñan menos de dez traballadores por varias razóns relacionadas coa representación laboral, o control e o alcance real das políticas sociais.

 

1. Falta de representación legal das persoas traballadoras: En España as empresas con menos de 10 traballadores normalmente non teñen representación legal das persoas traballadoras (delegados sindicais ou comités), polo que é difícil confirmar se as prácticas de RSE realmente se cumpren.

 

2. Menor obriga legal en materia laboral: As microempresas adoitan ter menos esixencias legais ou procedementos formais en aspectos como: negociación colectiva, plans de igualdade, protocolos internos, etc. Por iso comparalas con empresas maiores non é equivalente.

 

3. Impacto social máis limitado: Os premios de RSE adoitan buscar un impacto significativo no emprego, nas condicións laborais ou na sustentabilidade. Unha empresa con poucos traballadores ten un menor impacto estrutural no mercado laboral.

 

4. Dificultade para avaliar estándares comparables: Nunha microempresa moitas decisións dependen directamente do dono e non existen sistemas formalizados de xestión social, o que fai máis difícil aplicar criterios comparables de avaliación.

 

Os sindicatos sosteñen que os premios de RSE deberían centrarse en empresas con estruturas laborais formais e representación legal das persoas traballadoras, para garantir que as prácticas sociais sexan verificables, comparables e cun maior impacto.

 

 

Número ditame
3