Pasar al contenido principal

Ditame 4/2026

Enviado el Jue, 12/03/2026 - 13:51
Ditame 4/2026 sobre o Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802R)

 

DITAME 4/2026

 

 

Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802R)

 

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 26 de febreiro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802R).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos “estas axudas están destinadas a reforzar a economía galega en termos de emprego e de actividade económica co obxecto de fomentar a economía social mediante fórmulas empresariais máis sustentables no tempo”.

 

Engade que “cómpre salientar que as empresas de economía social, polos principios e valores que as sustentan, poden constituír unha alternativa viable para aquelas empresas mercantís que non teñen remuda xeracional; para a unión de persoas autónomas que precisen dunha maior seguridade, fortaleza e solvencia, que acadarán, cunha destas fórmulas de economía social; así como para as persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade da empresa para a que traballan a través dunha cooperativa ou sociedade laboral”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 109, do día 10 de xuño de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 19 de marzo de 2025 (Ditame 4/2025), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Respecto da orde para o exercicio anterior, actualízanse as normas orgánicas, mantendo o mesmo fundamento xurídico polo que esencialmente é unha norma continuista, con actualización institucional anual. Non obstante,  cómpre destacar os seguintes aspectos:

 

 

 O artigo 5 relativo a “Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo” introduce como novidade no apartado 2.3) que ademais da presentación de documentos e a inscrición de acordos sociais, como no precedente ano 2025, agora se estea ao día no cumprimento das obrigas legis referente á presentación das contas anuais.

Co que se introduce unha nova obriga adicional: estar ao día no depósito de contas anuais, reforzando o control de legalidade mercantil(cooperativa, excluíndo ás entidades incumpridoras do deber contable e alineando a axuda con principios de transparencia financeira. Trátase dunha modificación material e restritiva de acceso á subvención.

 

En canto aos conceptos subvencionables regulados no artigo 6 introdúcense dúas novidades importantes:

  • PRIMEIRA.- “Todas as inversións deberán estar destinadas aos centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia”.
  • A primeira novidade supón limitar a subvención a inversións en Galicia, evitando a des-localización do gasto subvencionado e reforzando o principio de territorialidades das axudas autonómicas.
  • SEGUNDA.- “Non serán subvencionables as facturas inferiores a 100 euros, sen IVE, por non ser contías  relevantes que para a consolidación destas entidades”.
  • A segunda novidade introduce un umbral mínimo de gasto subvencionable, reducindo os microgastos administrativos e simplificando a xestión e o control.

 

No que respecta ás contías da axuda, o artigo 7 mantense redactado nos mesmos termos que en 2025.

 

O proxecto de 2026 é unha norma continuista con axustes de control, eficiencia e territorialidade, sen modificación do deseño esencial do programa. Así, non introduce cambios nos aspectos máis esenciais como son a intensidade da axuda, os beneficiarios principais, a tipoloxía de gastos e os obxectivos do programa, pero si endurece as condicións de acceso e xustificación.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802R)” consta de: Exposición de motivos, trinta e dous artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 6 de marzo de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada pola CEG.

 

 

 

 

 

 

 

DITAME 4/2026

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802R), da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de febreiro de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de marzo de 2026, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAISQUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira. Exposición de motivos.

Na páxina 3 da Exposición de Motivos no parágrafo que sinala:

É importante impulsar estes proxectos de transformación a través dunha cooperativa ou sociedade laboral para acadar un modelo económico inclusivo que contribúa a manter un emprego estable e unha actividade económica que teña un impacto social positivo. Deste xeito, apoiase o mantemento da actividade económica nun contexto de crise, alta inflación, tipos de xuros elevados e dificultade no acceso ao financiamento (...)”.

 

Este Comité considera que debería actualizarse a situación de crise á situación actual neste momento, no que estamos ante unha crise xeopolítica, polo que sería bo adaptar dita redacción.

 

Segunda.

Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 8 e 12, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.

Segundo o apartado 1.a) deste artigo, a constitución dunha sociedade laboral ou cooperativa por ausencia de remuda xeracional, requírese que a nova entidade estea integrada total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultaren extinguidos extinguidos por causa de crise, xubilación ou incapacidade permanente da súa persoa empregadora (entendéndose como tal as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estiveran desenvolvendo unha actividade económica).

 

Este Comité considera que se debe engadir, como causa de extinción, o falecemento das persoas promotoras, harmonizando este contido co sinalado no artigo 8.

 

Segunda.- Artigo 6. Conceptos subvencionables.

Este Comité considera que se deberían incluír, como gastos subvencionables, os derivados da elaboración de memorias de sostibilidade.

 

Terceira.- Artigo 7. Contía das axudas.

Tendo en conta que en todos os anos se esgota o crédito destinado a estas axudas, este Comité estima que debería incrementarse a contía das axudas e o crédito orzamentaria total destinada a este Orde.

 

Cuarta.- Artigo 11. Documentación complementaria.

O apartado 1 deste artigo relaciona a documentación que deben achegar as persoas interesadas coa solicitude.

En liña coa resposta remitida pola Consellería, respecto da consideración xeral unánime primeira do ditame anterior, este Comité considera que a referencia neste punto debería facerse a persoas ou entidades interesadas.

Pola súa banda, a referencia á persoa solicitante que recolle o apartado 1.d) debería facerse á entidade solicitante, xa que unicamente as entidades poden ser solicitantes das axudas recollidas nesta orde.

 

Quinta.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.

Segundo o apartado 12, en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

 

Sexta.- Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes.

O apartado 1 deste artigo o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 2026 ás 20.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

 

Tendo en conta a data na que este proxecto está a ser tramitado, así como a previsión da data de publicación no DOG, este Comité considera que estamos ante un prazo demasiado curto que debería ser ampliado.

 

En consecuencia, procedería tamén ampliar os prazos previstos nos artigos 29 e 30 relativos aos prazos de execución e de xustificación, respectivamente.

 

Sétima.- Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes.

O apartado 1 deste artigo dispón que “O prazo de presentación de solicitudes comezará o quinto día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ás 9:00 horas e finalizará o 15 de setembro de 2026 ás 20:00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito”.

 

Este Comité non considera xustificado a forma aleatoria de fixar as horas de comezo (9:00 horas) e de finalización (20:00) do prazo de presentación de solicitudes, polo que estima que deberían corrixirse estas franxas horarias de forma que:

  • O prazo comezo ás 00:00 horas do quinto día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia
  • E finalice ás 23:59 horas do 15 de setembro de 2026.

 

 

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

 

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado h) deste artigo esixe ás entidades beneficiarias das axudas manter, polo menos durante un período de cinco anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade económica e o emprego xerado.

 

A CEG considera que se trata dun período excesivo, propoñendo reducilo a tres anos, tal e como prevé o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025.

 

 

Número ditame
4