Pasar al contenido principal

Ditame 9/2026

Enviado el Lun, 25/05/2026 - 13:57
Ditame sobre o Proxecto de Orde do xxx de xxx de 2026 pola que se aproban as bases
reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021 - 2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR350E e TR349Z)

DITAME 9/2026

 

 

 

Ditame sobre o Proxecto de Orde do xxx de xxx de 2026 pola que se aproban as bases

reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021 - 2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR350E e TR349Z)

 

 

 

  1. ANTECEDENTES

 

O día 28 de abril de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o Proxecto de Orde do xxx de xxx de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021 - 2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR350E e TR349Z).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais. 

 

Segundo a exposición de motivos, “Esta convocatoria de subvencións pretende apoiar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no mercado laboral e a través dun Programa de colaboración con entidades locais e con organismos intermedios sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 160, do 22 de agosto de 2025) e o ditame emitido polo Consello Galego de Relacións Laborais con data 13 de xuño de 2025 (ditame 12/2025), obsérvase que a Consellería non deu resposta ás propostas do Comité de Ditames e non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial na Orde finalmente publicada no DOG.

 

Non estamos ante unha orde materialmente distinta, senón ante unha revisión continuísta con axustes técnicos, económicos e de xestión.

 

 

 

Como novidades do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

No artigo 4 que regula o orzamento aínda que o apartado 1 mantén o na cantidade de 6.500.00 €, pero aínda que o divide en dous apartados de 3.500.000 €, dálles a nova denominación de:

“a) Programa I: Un orzamento de 3.000.000,00 euros, destinado ás entidades locais de Galicia, a través do crédito consignado na aplicación 14.02.322C.460.01 (código de proxecto 2025 00118).

b) Programa II: Un orzamento de 3.500.000,00 euros, destinado aos organismos intermedios sen ánimo de lucro, a través do crédito consignado na aplicación 14.02.322C.481.7 (código de proxecto 2025 00118)”

ademais,  introdúcese como novidade ao final do apartado 3 o seguinte texto: “No caso de que existan remanentes nalgún dos programas logo de atender todas as solicitudes presentadas en cada un deles, poderán utilizarse os remanentes para atender as solicitudes do outro programa se fose necesario”, o que introduce unha clara flexibilidade orzamentaria entre os remanentes entre programas.

 

En canto á contía das axudas reguladas no artigo 7, o primeiro apartado fai referencia agora ademais de ao artigo 53.1.b) do Regulamento (UE) 2021/1060 ao artigo 53.3.a.i) e inclúe expresamente que “tomáronse como referencia as bases mínimas de cotización vixentes, segundo o grupo de cotización no que se atopen as persoas mozas traballadoras en cuestión, máis a cotización empresarial á Seguridade Social para os contratos de duración determinada”, de forma que se adaptan as bases de cotización actualizadas.

 

Ademais, modifícanse as contías dos grupos de cotización, elevándose os custos unitarios nas seguintes cantidade:

 

 

ANO 2026

ANO 2025

 

Grupos de cotización

Custo unitario

(9 meses)

Custo unitario

(9 meses)

1- Enxeñeiros e licenciados

23.606,03€

22.876,56 €

2-Enxeñeiros técnicos, peritos axudantes titulados

19.576,17€

18.970,11 €

3- Xefes administrativos e de taller

17.030,80€

16.504,56 €

4 a 10- Axudantes non titulados, oficiais administrativos, subalternos, auxiliares administrativos, oficiais e peóns

 

16.902,64€

16.380,09 €

 

O artigo 18 referente a obrigas das entidades beneficiarias incorpora no seu apartado 1.g) in fine como novidade a seguinte fórmula de cálculo: “Neste caso, o cálculo do importe a devolver realizarase do seguinte xeito:

Primeiro. Divídese a axuda polo número de días obrigatorios de mantemento de emprego (270 días).

Segundo. Calcúlanse os días desde que se produciu a baixa laboral ata a data en que se cumprirían 9 meses de contrato.

Terceiro. Multiplícase o resultado do apartado primeiro polo resultado do

apartado segundo”.

 

O artigo 20 que regula a perda do dereito ao cobramento e reintegro incorpora no apartado 2 como novidade o seguinte:

“h) Incumprimento das obrigas en materia de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 18.2.c): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado”

Cando na Orde de 2025 establecía: “h) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación establecidas no artigo 18.2.c): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado”.

 

O artigo 29 que regula os Requisitos e criterios para a selección das persoas mozas traballadoras introduce dúas importantes novidades:

  • Por unha banda, no apartado 3 in fine engade que: “Se se produciran cambios nalgún dos CNO solicitados inicialmente, a entidade debera achegar unha memoria xustificativa do dito cambio, asinada pola persoa representante legal, na que figuren as razóns que o motivan. En todo caso o CNO que se modifique deberá estar dentro do mesmo grupo de cotización ao inicialmente concedido. Se o grupo de cotización no que se encadra o novo CNO é inferior, procederase á minoración correspondente do importe concedido. Poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal sempre que se cumpran os requisitos fixados nesta Orde”.
  • E por outra banda, introduce un apartado totalmente novo que o oitavo cun impacto xurídico moi relevante co seguinte texto: “8. Non poderán ser contratadas, con cargo ás axudas previstas nesta orde, as persoas traballadoras que fosen contratadas en calquera entidade, por un período igual ou superior a cento oitenta (180) días, ao abeiro das axudas concedidas polas ordes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, que se relacionan a continuación: - ORDE do 4 de agosto de 2025 (DOG núm. 157, do 19 de agosto de 2025: código de procedemento TR352A 2025) e - ORDE do 13 de agosto de 2025 ( DOG núm. 160, do 22 de agosto de 2025: códigos de procedemento TR350E e TR349Z 2025)”.

 

O artigo 30 relativo á contratación das persoas mozas traballadoras engade un apartado 6 que difiere da Orde de 2025 no seguinte:

  • Orde de 2026: 30.6. Os contratos de traballo subscritos coas persoas mozas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse, necesariamente, a través da aplicación CONTRAT@, na modalidade de cláusulas específicas de contratos vinculados a programas de políticas activas de emprego, debidamente formalizados (código 405).
  • Orde de 2025: 30.6: “Os contratos de traballo subscritos coas persoas mozas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse, necesariamente, a través da aplicación Contrat@. Marcando a opción específica «interese social corporacións locais», que figura no punto «Datos específicos do contrato», e asignaráselle o código 406: contrato de duración determinada vinculado a programas financiados con fondos europeos”

 

No Proxecto de 2026 engádese un novo artigo que é o artigo 31 que regula a contratación anticipada do seguinte xeito:

“1. Unha vez presentada a correspondente solicitude, cada entidade local, para poder iniciar os proxectos de urxente posta en marcha, poderá contratar anticipadamente aquelas persoas traballadoras desempregadas que lle sexan autorizadas pola Secretaría xeral de Emprego e Relacións Laborais.

2. Para poder acollerse a esta modalidade de contratación anticipada, as entidades, logo de indicalo expresamente no expediente de solicitude, deberán esperar a recibir a autorización expresa para a contratación por parte da Secretaría xeral de Emprego e Relacións Laborais. As entidades locais, unha vez recibida a autorización, poderán facer uso ou non dela, así como contratar anticipadamente todas as persoas traballadoras que se lle autorizaron ou só parte delas.

3. O proceso de selección e contratación das persoas desempregadas baixo esta modalidade deberá respectar, en todo caso, o establecido nos artigos 29 e 30, e as oficinas de emprego deberán tramitar as correspondentes ofertas á vista da autorización sinalada no parágrafo anterior.

4. A xustificación das contratacións realizadas con anterioridade a que se diten as correspondentes resolucións, admitirase sempre e cando se cumpran as normas contidas neste artigo.

5. Nos casos en que se autorizase a contratación anticipada para as persoas polas que se solicita a subvención, e unha ou varias das ditas persoas non fosen contratadas antes de ditarse a resolución de concesión, o proceso de selección e contratación deberá realizarse segundo o establecido nos artigos 29 e 30 desta orde”.

 

No artigo 39 que regula a comprobación de datos para o Programa II engádense como novidade os seguintes apartados:

“i) Consulta de pertenza da entidade a un parque científico ou tecnolóxico, se é o caso,

j) Consulta de acreditación de que a entidade ten carácter sectorial, de ámbito autonómico ou superior.

k) Consulta de inscrición da entidade no rexistro de centros tecnolóxicos, se é o caso”.

 

No artigo 41 referente aos requisitos e criterios para a selección das persoas mozas traballadoras introdúcese como novidade no apartado 3 o seguinte:

“Se se produciran cambios nalgún dos CNO solicitados inicialmente, a entidade debera achegar unha memoria xustificativa do dito cambio, asinada pola persoa representante legal, na que figuren as razóns que o motivan. En todo caso o CNO que se modifique deberá estar dentro do mesmo grupo de cotización ao inicialmente concedido. Se o grupo de cotización no que se encadra o novo CNO é inferior, procederase á minoración correspondente do importe concedido”.

 

Ademais, tamén se introduce como novidade o apartado 6 do dito artigo 41:

“6. Non poderán ser contratadas, con cargo ás axudas previstas nesta orde, as persoas traballadoras que fosen contratadas en calquera entidade, por un período igual ou superior a cento oitenta (180) días, ao abeiro das axudas concedidas polas ordes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, que se relacionan a continuación:

- ORDE do 4 de agosto de 2025 (DOG núm. 157, do 19 de agosto de 2025: código de procedemento TR352A 2025)

- ORDE do 13 de agosto de 2025 ( DOG núm. 160, do 22 de agosto de 2025:

códigos de procedemento TR350E e TR349Z 2025)”-

 

O artigo 42 regula a contratación das persoas mozas traballadoras e nel o seu apartado 6 é diferente no 2025 e no 2026 coas seguintes redaccións:

  • Orde de 2026: 42.6. “Os contratos de traballo subscritos coas persoas mozas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse, necesariamente, a través da aplicación CONTRAT@, na modalidade de cláusulas específicas de contratos vinculados a programas de políticas activas de emprego, debidamente formalizados (código 405)”.
  • Orde de 2025: 30.6: “Os contratos de traballo subscritos coas persoas mozas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse, necesariamente, a través da aplicación Contrat@, marcando a opción específica «interese social», que figura no punto «Datos específicos do contrato», e asignaráselle o código 406: contrato de duración determinada vinculado a programas financiados con fondos europeos”.

 

Introdúcese como novidade o artigo 43 no que se dispón respecto da contratación anticipada o seguinte:

“1. Unha vez presentada a correspondente solicitude, cada organismo intermedio para poder iniciar aqueles proxectos de urxente posta en marcha, poderá contratar anticipadamente aquelas persoas traballadoras desempregadas que lle sexan autorizadas pola Secretaría xeral de Emprego e Relacións Laborais.

2. Para poder acollerse a esta modalidade de contratación anticipada, as entidades, logo de indicalo expresamente no expediente de solicitude, deberán esperar a recibir a autorización expresa para a contratación por parte da Secretaría xeral de Emprego e Relacións Laborais. Os organismo intermedios, unha vez recibida a autorización, poderán facer uso ou non dela, así como contratar anticipadamente todas as persoas traballadoras que se lle autorizaron ou só parte delas.

3. O proceso de selección e contratación das persoas desempregadas baixo esta modalidade deberá respectar, en todo caso, o establecido nos artigos 41 e 42.

4. A xustificación das contratacións realizadas con anterioridade a que se diten as correspondentes resolucións, admitirase sempre e cando se cumpran as normas contidas neste artigo.

5. Nos casos en que se autorizase a contratación anticipada para as persoas polas que se solicita a subvención, e unha ou varias das ditas persoas non fosen contratadas antes de ditarse a resolución de concesión, o proceso de selección e contratación deberá realizarse segundo o establecido nos artigos 41 e 42 desta orde”

 

Para rematar, o artigo 44 que regula a substitución das persoas mozas traballadoras introduce no apartado 3 un novo subapartado e) que non era esixido no artigo 31 da Orde de 2025:

“e) Informe ou declaración responsable sobre se a persoa substituta ten bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. En caso afirmativo deberán indicar cal é esa persoa traballadora, e achegar o documento que reflicta ditas bonificacións”.

 

Finalmente, o proxecto de 2026 recolle melloras de redacción, axustes terminolóxicos e actualizacións normativas anuais. A orde 2026 non altera o modelo, pero si introduce: maior rigor financeiro, mellor técnica normativa e control máis estrito de beneficiarios.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde do xxx de xxx de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración

con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021 - 2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR350E e TR349Z)” consta de: Exposición de motivos, corenta e cinco artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

 

O día 13 de maio de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén, ademais, dúas consideracións non unánimes específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I).

 

DITAME 9/2026

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o Proxecto de Orde do xxx de xxx de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021 - 2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR350E e TR349Z), e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de maio de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Segundo a exposición de motivos, o procedemento de concesión ten a consideración de concorrencia competitiva, polo que resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas tanto para as entidades locais como para os organismos intermedios sen ánimo de lucro, ata o esgotamento do crédito orzamentario, previa comprobación da concorrencia nas persoas solicitantes dos requisitos establecidos.

 

dado que a finalidade e o obxectivo último da Iniciativa de Emprego Xuvenil (IEX) e do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), é a mellora da empregabilidade e a inserción laboral da mocidade non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación, mediante a creación de postos de traballo, polo que resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.

 

Isto supuxo unha novidade na norma de 2025.

E a pesares de que este Comité de Ditames solicitou á Consellería que procedese a xustificar os motivos da modificación, a mesma nin sequera deu contestación, polo que se reitera dita petición de motivación.

 

Segunda.

Obsérvase o emprego das letras j) e k) na clasificación dos artigos 18, 20, 25, 27, 37 e 39, impropias do alfabeto galego. A Consellería vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, a disposición adicional debería figurar como única e non como primeira.

 

E as disposicións finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2024.

 

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.- Artigo 5. Definicións.

Este artigo inclúe aos clústers dentro dos organismos intermedios empresariais pero non recolle unha definición específica deste tipo de entidade, considerando este Comité que procede engadila.

 

Esta mesma consideración foi formulada no ditame anterior, sen que a Consellería dera resposta a este Comité e non recolléndose na orde finalmente publicada.

 

Segunda.- Artigo 36. Entidades beneficiarias e requisitos

Dentro dos organismos intermedios que poden ser beneficiarios das axudas, o ítem primeiro do apartado 1 inclúe ás asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, e de carácter tecnolóxico.

 

Este Comité entende que se debe mellorar a redacción no senso que se especifica a seguir: “asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, incluídas as de carácter tecnolóxico”.

 

Esta mesma consideración foi formulada no ditame anterior, sen que a Consellería dera resposta a este Comité e non recolléndose na orde finalmente publicada.

 

Terceira.- Artigo 7. Contía das axudas.

Á vista do réxime de incompatibilidades previsto neste orde así como noutras ordes de axudas á contratación, e das discrepancias que se aprecian entre elas, este Comité considera que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración debería definir o criterio que emprega para determinar a compatibilidade e incompatibilidade das diferentes axudas que outorga e que comparten unha mesma finalidade: incentivar a creación de emprego.

 

Cuarta.- Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado e) deste artigo esixe aos beneficiarios aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais, de ser o caso.

 

Este Comité considera que se debería especificar que se debe aboar os salarios segundo o convenio colectivo de aplicación.

 

Quinta.- Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.

Este Comité considera que se debería engadir, entre as obrigas das entidades beneficiarias, o cumprimento da normativa laboral e de seguridade social.

 

Sexta.- Artigo 26. Documentación complementaria para o Programa I.

Na declaración responsable que forma parte da solicitude farase constar que se está ao día  no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar esa débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Obsérvase o mesmo respecto do previsto nos artigos 18, 27, 37 e 39.

 

Sétima.- Artigo 29. Requisitos e criterios para a selección das persoas mozas traballadoras.

Segundo o último parágrafo do apartado 2 deste artigo, será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos, estea desempregada, inscrita como tal e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderá consultar na súa oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil.

 

Este Comité considera que non compete á entidade beneficiaria comprobar eses datos.

 

Formúlase o mesmo sobre o artigo 30, 41 e 42.

 

Oitava.- Artigo 28. Criterios de avaliación e puntuación e Artigo 40. Criterios de avaliación e puntuación.

O apartado B) dos artigos 28 e 41 establecen o número de contratacións para as que poderán recibir subvención os organismos intermedios segundo a puntuación acadada.

 

Este Comité considera que se debería especificar que se trata dun máximo de contratacións.

 

Novena.- Artigo 31. Contratación anticipada.

O apartado 1 establece que unha vez presentada a correspondente solicitude, cada entidade local, para poder iniciar os proxectos de urxente posta en marcha, poderá contratar anticipadamente aquelas persoas traballadoras desempregadas que lle sexan autorizadas pola Secretaría Xeral de Emprego e Relación Laborais.

 

Este Comité solicita que se aclare o procedemento de contratación, indicando ademais prazos específicos de antelación á contratación.

 

A mesma aclaración se solicita no artigo 43.1.

 

 

 

 

                ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA .

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Segundo o apartado 1 deste precepto, esta convocatoria ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro para a contratación durante nove meses de persoas mozas, inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (códigos de procedemento TR350E e TR349Z).

 

As organizacións sindicais consideran que a duración do contrato obxecto de subvención debería de ser de 12 meses.

 

Neste senso, procedería modificar así mesmo o previsto nos artigos que recollen este aspecto, como son o 17, 18, 22, 30, 31, 33, 41 e 42.

 

Segunda.- Artigo 7. Contía das axudas.

Respecto das contías previstas neste artigo, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.

 

 

Número ditame
9